21 de fev de 2008

Polaroid

Lin estes días na imprensa que a mítica cámara polaroid vai deixar totalmente de fabricarse, para mágoa de moitos nostálxicos, algúns artistas e un arqueólogo.

Polaroid está para min vinculado a algúns bos momentos do edén da miña vida. Xa se sabe: todos os paraísos son paraísos perdidos.

A foto que puxen aquí correspóndese ao aniversario de meu irmán Xoán Xosé e de miña irmá María do Mar en xaneiro do ano 1985. Eu, con seis aniños nese momento, son o melenudo cabezón que está á direita, cunha señora que pousa fachendosa, que non é outra que miña avoíña. Á esquerda están meu irmán Quico e meu pai, que non sei por que, nunca sorría nas fotos, aínda que o lembro risoño e bromista. No centro, están miña curmá Josefa e miña nai. Detrás da cámara, a miña tía Pepita.

Pensei en pór outra foto desa pequena festa de aniversario, unha na cal eu aparezo tocando o pastor alemán da miña infancia, Ulises. Máis que nada, para que Gonzalo vise que eu sempre fun un valente á hora de lle botar a man aos animais.

Porén, escollín estoutra foto tirada cunha cámara polaroid porque así poño varias nunha. Se reparades, á esquerda de meu pai había, xustamente, outra foto secándose.

Adeus, polaroid, adeus...

Um comentário:

  1. Boah o ano 85! Lembro-o como se fosse onte... terremoto em México, Gorvachov na URSS, ains! Nós também tinhamos uma Polaroid :)

    ResponderExcluir