11 de jan. de 2014

Resistiremos, contestaremos, continuaremos


Esta quinta feira pasada entregamos na Subdelegación do Goberno español na Coruña novas alegacións contra a inxusta multa que se quere impor á plataforma Queremos Galego (impulsada e coordinada pola Mesa) pola manifestación do Día das Letras (quen me ía dicir a min que ía ter que escribir unha frase coma esta no ano 2014...).

Recordemos que a acusación é que desde a plataforma se realizaron pintadas no transcurso da mobilización, disque en estabelecementos comerciais, aínda que ningún destes supostos estabelecementos afectados presentou ningunha denuncia.

Como desde Queremos Galego xa se presentaran alegacións argumentando que non nos constaba que tal cousa acontecera, que había testemuñas que podían dar fe do que nós sostemos, que as pintadas de que nos acusan non teñen a ver coa actividade da plataforma (por exemplo, sobre o turismo...), que ningún medio de comunicación viu tal cousa, que se tal acontera nós seriamos os primeiros en rexeitalo, etc., desde o Goberno español pasaron a dar novos argumentos para manteren a sanción, algo que é procedementalmente bastante perralleiro e que crea indefensión.

Neste novo escrito preguntámoslle ao Goberno español como é que, se é verdade que houbo policías que viron como se facían esas hipotéticas pintadas, non fixeron nada para as impedir e non identificaron as persoas que tiñan a pintura na man.

É evidente a resposta: o que pretende o Goberno de Rajoy é intimidar e criminalizar os movementos sociais discrepantes. Por iso están a recibir sancións semellantes outros movementos que lexitimamente cuestionan as políticas do PP, os que para eles non son máis que sospeitos habituais.

Así e todo, que non o dubide ninguén: resistiremos, contestaremos, continuaremos.

Adiante todas e todos! Pola nosa lingua! Pola liberdade de expresión!

Nenhum comentário:

Postar um comentário