2 de mar. de 2008

Inquéritos e profecías

Os inquéritos eleitorais son unha ferramenta para o propio xogo de campaña. Penso que é difícil agardar deles que acerten un resultado final, porque é máis do que se lle pode pedir. Eses resultados que extrapolan eu tendo a lelos como un divertimento, igual que algúns días lle boto un ollo ao que di o meu horóscopo para me rir un pouco. Agora ben, hai datos que mostran tendencias e aos que cómpre atender.

Lendo os inquéritos publicados estes días eu saco, en trazos xerais, as seguintes conclusións. Perdoade se algunhas son moi evidentes.

1) Salvo algún imprevisíbel acontecemento de emerxencia, o PSOE vai gañar as eleicións. Se atendermos ao voto declarado e non ao que despois se cociña para o resultado das sondaxes, mesmo non sería estraño que puidese rozar a maioría absoluta ou chegar a ela. A táctica do PSOE e de todas as súas plataformas mediáticas é dicer machaconamente que se está empatado co PP para así poder mobilizar o eleitorado de esquerdas que, de ver a batalla gañada, podería ficar na casa ou decantarse por outras opcións.

2) En Galiza, o PSOE e o BNG aumentarán en votos, algo especialmente importante para o PSOE, que parte dunha situación cómoda, pois nas anteriores Xerais colleitara un resultado histórico. O BNG superará unha proba na cal non ten para nada o vento a favor, consolidando un espazo no Congreso gañado hai 12 anos. O PP manterá a súa tendencia á baixa no país, aínda que con especial capacidade de mobilización do eleitorado na provincia de Ourense.

3) O bipartidismo continúa a gañarlle a batalla á pluralidade política e partidaria, apoiado por eses bochornosos debates a dúas bandas multiofertados polos canais de televisión. La Voz de Galicia daba onte un dato sobre o que reflectir: "A enquisa de Sondaxe non detecta votos ao BNG entre as persoas que exercerán por primeira vez o seu dereito ao sufraxio."

4) Hai algo que alguén me debe explicar, porque eu non acabo de entendelo. Hoxe publicaron inquéritos La Voz de Galicia, Galicia Hoxe (e El Correo Gallego) e Faro de Vigo / La Opinión de A Coruña . Todos vemos lóxico que haxa diferenzas importantes nos seus prognósticos para estas eleicións; de acordo, mais como é posíbel que dean resultados diferentes das eleicións de 2004?!

Perplexo ao facer a comparación, naveguei até a páxina oficial cos resultados de hai catro anos, que é esta.

Por exemplo, segundo a páxina oficial, nas eleicións de 2004 o BNG tivo na provincia da Coruña o 12,07% dos votos; o PSOE, o 39,07 %, e o PP o 44,11%. Segundo Sondaxe (La Voz de Galicia), en 2004 os resultados foron 44,5% para o PP, 38,9% para o PSOE e 11,7% para o BNG. Décima arriba ou abaixo, o mesmo di Ipsos (La Opinión de A Coruña e Faro de Vigo). Para Anova (Galicia Hoxe e El Correo Gallego), no 2004 o PP tivo na Coruña o 31,7%, o PSOE o 27,6% e o BNG o 8,3%.

Ou existe algún erro ou existe algunha diferenciación metodolóxica que se me escapa e que, sinceramente, gostaría de que alguén explicase, porque o aquí mostrado para A Coruña acontece coas outras tres circunscricións provinciais.

5) No referido ás tendencias, os diferentes inquéritos dan resultados contrarios, aínda que coincidan na parte máis vistosa: a proxección dos escanos. Así, segundo Sondaxe, o BNG subirá 7 pontos na Coruña, o cal Ipsos reduce a 4 pontos, mentres que anova lle resta 0,3... En Ourense, Ipsos anuncia unha baixada de 14 pontos para o PP, o cal Sondaxe reduce a 6

ERRO: A PÁXINA OFICIAL NON TEN OS RESULTADOS FINAIS, SENÓN OS DE ÚLTIMA HORA DO PROPIO DÍA

Nenhum comentário:

Postar um comentário