2 de fev de 2015

Un poema de Luís Amado Carballo para a Candeloria

 

Feliz día do amor para todas e todos!

A Candeloria

Na catedral do abrente
hoxe cásanse os paxaros,
con nubens de neve e ouro
está o ceo galanado.

Ficou o día ancorado
na ría donda do ceo.
Os roibéns soben no lonxe
como rosarios de encenso.

O xantar do casamento,
roibo, na palma da man
das eiras madrugadoras
xa está arranxado no val.

Vai tocando polo campo
a sua zanfona o rego
e canta o vento nas farpas
sonorosas dos piñeiros.

O campo as montanas ruzas
envolve en capa pluvial
co hisopo do sol mollado
dálles a beizón nupcial.

Do casebre nugallán
soben os vivas dos galos
e na festa desta noite
estrena un luar o campo.

(Luís Amado Carballo, Proel, 1927)

Nenhum comentário:

Postar um comentário