19 de jun de 2014

Contra a monarquía española, pola República da Galiza


O novo rei de España, Filipe VI, citou no seu discurso a Castelao como escritor e finalizou tamén con dúas palabras en catalán, en euskara e en galego ("Moitas grazas"). Esta diminutísima e insuficientísima chiscadela, que ten moito de cínica, é por algo: Hai territorios onde a desafección non só ten un compoñente republicano, senón tamén de rebeldía pola negación da súa historia colectiva e a subordinación da súa cultura; territorios aos que non lles chega cunha III República española, senón que reclaman que desta podremia carpetovetónica naza unha pluralidade de repúblicas, fraternas porén soberanas.

Mais se o novo Xefe do Estado por dereitos de consanguinidade e restauración franquista quere facer unha chiscadela á diversidade idiomática e nacional dos dominios en que ten a súa anacrónica coroa sería bo que o demostrase con verdadeiros actos. Como primeiro xesto, estaría ben que lle dese verdadeiro peso institucional a galego, catalán e vasco, que non son rexistros do español para fórmulas de despedida riquiñas, senón verdadeiras linguas (por exemplo, no web da Casa Real estes idiomas están nunha posición secundarizada a respecto do... inglés). Xa sei que é pedirlle pan ao vento, mais póñoo de manifesto porque non podemos deixar pasar que nin estes mínimos se cumpren. Non hai pluralidade: hai xerarquía e uniformización.

Necesitamos un poder institucional propio, que conte connosco, que goberne pensando nas nosas necesidades, que asuma como punto de partida que somos unha nación digna e con dereitos. Saiamos por iso á rúa contra a monarquía española, pola soberanía de Galiza, pola república galega!

Nenhum comentário:

Postar um comentário