2 de jan. de 2015

Atravesar o fantasma, entre os libros máis vendidos en decembro

Tras a festexada reedición de Unicornio de cenorias que cabalgas os sábados, do colectivo Ronseltz, e a forza d'Os inocentes de María do Cebreiro, Atravesar o fantasma faise un oquiño entre os libros de poesía en galego máis vendidos no mes pasado. Os datos son os que achega puntualmente Ramón Nicolás co reconto dun bo feixe de librarías que distribúen novidades no noso idioma.

Grazas tamén a todas as persoas que estades a agasallar nestes días con este poemario sobre a procura das determinacións da vida. Xustamente a fotografía de arriba, tirada do Facebook, é dun exemplar que lle deixou o Apalpador a unha gran lectora de poesía :)

Tamén teño que agradecer a todas e todos os que fan que Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez continúe a se divulgar por máis fogares, cos seus consellos para mellorarmos a calidade da nosa lingua, para lle darmos nova vida.

Este libro comezou o ano coa alegría de se colocar como a obra máis vendida en galego a través de Amazon. Iso si, que o Apalpador e os Reis Magos non esquezan que tamén se pode comprar nas librarías de sempre, esas que fan que a seiva impresa da nosa lingua se continúe a espallar polo país.

Nenhum comentário:

Postar um comentário