31 de mar. de 2016

Poesía sobre lingua (1): "Lingua que rexeitaron os meus pais", Antón Tovar

Desde hoxe, ás quintas feiras neste blogue subirei un poema sobre lingua, unha das vetas polas que é máis popular o grande escritor que homenaxeamos este ano coas Letras, Manuel María. Comezamos coa profundidade existencial de Antón Tovar:
"Lingua que rexeitaron os meus pais"

Borraran os letreiros dos camiños
cos ben amados nomes das antergas vilas,
dos silabarios das escolas algareiras
borraran o cantar humilde e puro
da língua popular.

Soio no escuro das lareiras
no apartado silencio dos labregos labios,
esquecida das espadas poderosas,
borboriñaba a nosa lingua triste.

Aferrollada fora coma unha delincuente.
As maos sen calos do traballo,
requintadas e doces, relixiosas,
enfeitadas co ouro dos aneis
roubados ó suor dos pobres
empurraran a lingua nobre e pura
a un cadafalso de vergoñas.
Meus pais, tamén, amados ignorantes,
obedecerán as ordes que o espadón
deborcara na poza de Galicia.

E, agora, veleiquí a xenreira xusta
dos mozos nobres e libertadores
tirando do pescozo da aforcada
o barazo inxusto, o odio do canalla.

Inda folguexas noiva bela,
inda tes verbas na túa gorxa magoada,
foguetes de carraxe pra cuspirlles
ós donos madrileños do billete,
da espada e maila cruz.

Inda tes folgos lingua enxebre
nos teus labios de moza asoballada,
lingua dos meus limiaos, dos meus antergos,
inda tes folgo pra bica-los meus ensoños.

Estás agora viva nos meus beizos fondos,
estás agora viva nos meus dedos de home
e acariñando vou teu corpo rebrincante
que ten ás de bolboreta nas palabras.

(Antón Tovar, Calados esconxuros)

Nenhum comentário:

Postar um comentário