Mostrando postagens com marcador Euskadi. Mostrar todas as postagens
Mostrando postagens com marcador Euskadi. Mostrar todas as postagens

2 de mar. de 2009

Unha segunda rápida avaliación

A próxima segunda feira virá o reconto do voto emigrante, a respecto do cal publiquei o meu artigo desta semana que, como indico nos primeiros parágrafos e ben se nota, escribín antes da xornada electoral. Non se prevé que modifique a asignación de escanos.

Antes de sumar o voto CERA, a confrontación de resultados amosa un PP que practicamente o que fixo foi resistir, xa que apenas ascendeu en número de sufraxios absolutos (756.000 en 2005, 759.000 en 2009), mais que se beneficiou da significativa caída en apoio do PSOE (de 555 a 482 mil) e do BNG (de 311 a 267 mil) que, até onde vexo, se produciu especialmente nas cidades e nas dúas provincias máis poboadas. Dado que a participación aumentou, é de supor que por aí se poidan contabilizar sobre todo os votos para forzas antes inexistentes como UPyD (o seu fortísimo apoio mediático permítelle colleitar 23.000, aínda que menos do 1,5% da torta electoral, a metade da miúda porcentaxe coa que conseguiu deputado en Araba), TEGA (18.000) ou Os Verdes (5.000). Dentro da cola da táboa, nin a FPG nin NÓS-UP recollen voto descontento, xa que tamén reducen un pouco o seu número de apoios; EU si avanza uns 3.000, chegando case aos 16.000, mais sitúase como a sexta forza política de Galiza.

Para o PSOE galego e, de forma máis especial para o BNG, comeza unha travesía do deserto. O meu desexo é que se faga construtivamente, pois non é momento para cainismos nin xogos do todo ou nada. Cómpre, como dicía Marx nunha das súas célebres citas, que non tiremos o neno xunto coa auga suxa da bañeira.

Hai resortes institucionais (Deputacións da Coruña e Lugo, gobernos das cidades e principais vilas; se nos apuramos, goberno en minoría do PSOE no Estado) e tamén estruturas populares para continuar a resistir e que non lles sexa tan fácil o laminamento das conquistas que xa prometeron que levarán a cabo. Tamén se poden conseguir adiantos, claro que si, mais para iso cómpre que saibamos asumir a derrota, corrixir os erros e, a partir de aí, sumar máis pobo. Sen desfalecer, sen darllo feito. Este é un paso atrás importante, mais debe selo para tomarmos impulso, como di o acertado tópico.

Non podo esquecer agora tampouco os resultados en Euskadi, co seu sabor agridoce, pois a pesar do avance en escanos do nacionalismo, hai a posibilidade de que se produza un goberno que homoxeneice máis o panorama estatal como bipartito PSOE/PP.