13 de abr. de 2014

Producimos a esgalla e somos pobres. Non ten xeito!

Grandiosa Isabel Risco na recepción do premio Mestre Mateo 2014 á mellor interpretación feminina de reparto:


(Actualización do 15 de abril: Mudei o vídeo, pois o anterior parábase cara á metade e só permitía seguir o audio completo. Neste vai todo.)

12 de abr. de 2014

Punto e seguido

Como xa dixen no Facebook, non teño xeito de responder a todo o afecto que me está a chegar desde o momento en que anunciei que non me presentaría á reelección como presidente da Mesa. Obrigadísimo por tantas palabras e emocións!

Iso si, como non parei de advertir, este "punto final" como presidente da Mesa é só un "punto e seguido" no activismo dentro desta asociación. Así que espero que nos vexamos todas e todos de novo en mil combates, dándolle forza a este enérxico escudo cidadán en defensa do galego.

Penduro aquí a escolla de catro ligazóns dos varios ecos que tivo a nova en diferentes medios de comunicación:
Continuamos, abofé que continuamos!

9 de abr. de 2014

Carta de despedida da presidencia (e de continuidade do activismo!)



Compañeiras e compañeiros
da Mesa pola Normalización Lingüística:

Persoas que amades o idioma de Galiza
mais que (aínda) non facedes parte da Mesa:

A Mesa pola Normalización Lingüística, a maior asociación cultural de Galiza, vai realizar asemblea nacional o vindeiro 26 de abril pola mañá no Centro Sociocultural Ágora da Coruña. Entre os puntos incluídos na convocatoria figura o da elección dunha nova Comisión Permanente. Após un longo período de reflexión, decidín que non vou encabezar ningunha candidatura, de forma que poño punto final ao período en que tiven a responsabilidade e a honra de presidir esta entidade.

Hai dúas razóns para isto. A primeira, porque entendo que hai que promover as renovacións para mellor sempre que se puider. Cómpre animar a que asuman responsabilidades en primeiro plano persoas que non só saberán profundar máis nos acertos, senón que poderán tamén corrixir erros e superar algunhas limitacións. Nese senso, estou moi satisfeito por saber que axiña se presentará ao público unha candidatura continuadora, con membros da actual dirección da asociación e coa incorporación de novas mans. Para elas e eles toda a forza e todo o apoio!

O outro motivo é que, persoalmente, preciso tamén iso que se di de “asumir novos retos”. Afilieime a esta entidade, a esta necesarísima e utilísima entidade, cando tiña 16 anos. Coa única excepción do período que vai do final da carreira ao comezo do doutoramento, fago parte da súa Comisión Permanente desde os 17; ademais, desde os 23 até os 35 que teño hoxe asumín o mellor que souben a presidencia. Agora o meu desexo é regresar a tempo completo á miña vocación docente, desenvolver varios proxectos que encetei e, así mesmo, continuar co activismo lingüístico e o apoio a esta ferramenta colectiva que é A Mesa, porén xa desde outros lugares.

Que ninguén o dubide nin por un nanosegundo: fun, son e serei sempre un sachador das mil primaveras máis e estarei coa Mesa sempre que fixer falta, co seu compromiso inquebrantábel e insubornábel en defensa da lingua que nos une.

Coas responsabilidades que tiven na Mesa puiden constatar algo que moitas veces me escoitastes dicir en alto: Todos os adiantos para a nosa lingua se produciron como resultado da presión social. Todos. É certo que en moitas, moitísimas ocasións nos vimos como Sísifo percorrendo unha e outra vez camiños que non se daban deixado atrás (a propósito, como Sísifo e non como Penélope, pois non éramos nós quen desteciamos!). Mais como estariamos hoxe se non houbese 4.000 galegas e galegos constituíndo este escudo cidadán para o noso idioma? Se A Mesa non existise, teriamos que inventala!

A listaxe de agradecementos que tería de facer sería moi longa. Non collería en ningunha carta. Quen estiveron aí, tanto no ámbito persoal como no organizativo, sábeno, e o meu corazón tamén. Para min foi moi gratificante ver como a entidade creceu, igual que foi moi reconfortante a confianza e o apoio por parte das socias e dos socios ás sucesivas direccións de que fixen parte.

Deixádeme no entanto que explicite a miña gratitude en particular cara a catro persoas. Unha que me asesorou de forma construtiva sempre que fixo falta. Outra que me deu paus verbais para que fose dereitiño e non caese nas trampas. Outra que fixo posíbel que A Mesa non desaparecese na máis forte etapa de ataques que recibiu até o momento, na ferocidade de 2008 a 2010. Outra que soubo ser militante exemplar. Estas catro persoas chámanse Iria Taibo Corsanego. O seu nome nos fastos da historia con diamantes gravado será.

Despídome dándovos unha aperta das enormes e animándonos, a todas e todos, a que continuemos e mesmo revitalicemos o noso activismo diario, como formiguiñas, en defensa da lingua e da cultura desta vella nación que non se resigna a desaparecer. Tiña razón Manuel María ao advertir de que se perdemos a lingua non seremos ninguén. Queremos ser! Sexamos!

Sempre voso,

Carlos Callón


P. S.: No caso de estares a ler esta carta e aínda non faceres parte da Mesa, fai o favor de cubrires a fichiña! Se te asociares, A Mesa poderá facer máis e mellor! ;)


Santiago de Compostela, 9 de abril de 2014

8 de abr. de 2014

De Iruñea a Vilalba


O pasado 28 de marzo pasei un serán inesquecíbel falando cun grupo de galegas e galegos que viven en Iruñea. Conversamos do libro que nos congregaba no Lar Galego, Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, mais tamén en xeral sobre a situación pasada e presente de Galiza, sobre as nosas vidas, sobre gastronomía... Con xente tan marabillosa, retranqueira e afectuosísima dá gusto encontrarse! Un bicazo desde aquí!

Axiña pendurarei neste blogue información de novos actos de presentación do libriño. De momento, podo ir confirmando unha data: o 13 de xuño falaremos sobre o idioma, por volta desta obra, en Vilalba. Non digades que non aviso con tempo!

Continuamos!

7 de abr. de 2014

O mundo debe saber o que está a acontecer co noso idioma

Mentres o Estado español presume cinicamente de que aquí non hai ningún problema coa diversidade lingüística, o certo é que o idioma de Galiza está a esmorecer como nunca antes na súa milenaria historia.

A Mesa pola Normalización Lingüística está a preparar por iso unha denuncia perante a Unesco, que rememore e actualice a que se realizou hai 60 anos tamén pola vulneración dos nosos dereitos lingüísticos. Quere ser un documento que se presente conxuntamente co tecido asociativo e cultural de todo o país, para facermos ouvir con forza a nosa exclamación de vida.

Podedes coñecer un pouco máis sobre a cuestión nesta nova publicada en Radiofusión, ao final da cal está pendurada unha entrevista que me fixeron ao día seguinte de anunciarmos desde A Mesa esta iniciativa.

Continuamos!

3 de abr. de 2014

Tres días na Coruña

Hoxe, mañá e pasado estarei boa parte dos días na Coruña. Tampouco é que sexa tanta nova, xa o sei, pois é unha cidade á que durante case todo o ano vou cando menos nunha ocasión á semana. O caso é que desta vez irei por cousas diferentes.

Para comezar, esta tarde impartirei un pequeno seminario para o alumnado dun mestrado de Filoloxía. Parte dos estudantes estarán en liña, polo que será a miña estrea en facer algo así. Espero que saia todo ben e que a conexión virtual non dificulte o feed-back (supoño que me tiña que saír un anglicismo porque estou no campo das novas tecnoloxías, non sei...).

Ademais, na sexta e no sábado andarei por estas interesantísimas xornadas do Instituto do Campo Freudiano na Coruña, nas cales aínda estades a tempo de vos anotardes. As dúas ideas-forza do meu pequeno relatorio serán: "A superación das escollas forzadas" e "Por que os zombis non poden ir ao psicanalista". Tamén será unha estrea para min falar destas cousas nun acto así.

Anímovos a que lle botedes un ollo ao programa, pois alí participarán persoas das que se pode aprender moito moito.

Continuamos!

2 de abr. de 2014

Xornadas A Psicanálise Hoxe: A crise do discurso actual


Esta sexta feira e sábado participarei nas xornadas anuais que organiza o Instituto do Campo Freudiano da Coruña, no salón de actos da Fundación Paideia Galiza (praza de María Pita, 16-1º esquerda). Se quixerdes matricularvos podedes facelo na seguinte ligazón.

O programa é:

Sexta feira 4 de abril

17 h - Abertura e presentación - Carmen Garrido.

17.30 h - Flashes sobre a mudanza de discurso:

- "Adolescentes e machismo na rede? Ou miramos polo retrovisor?", Alicia Arce.
- "A posibilidade de dicir(mos) algo", Carlos Callón.
- "Os herbívoros e a psicanálise", Francisco Conde.
- "A crise do discurso educativo", Dolores García de la Torre.
- "O límite do discurso social actual", Begoña Yáñez.
 Presenta: Carmen Garrido.

19 h - Descanso.

19.30 h - Mesa I
- "Falar e dicir", Eugenia Insua.
- "A crise do discurso científico", Javier Peteiro.
- "O discurso médico", Liana Velado.
Presenta: Carmen Pérez.

Sábado 5 de abril

10 h - Conferencia: "O tempo hiperactivo e o tempo de comprender", José Ramón Ubieto.
Presenta: Liana Velado.

11 h - Conversa: "A crise... do discurso actual", Manuel Fernández Blanco e Lourenzo Fernández Prieto.

12.30 h - Debate.
Coordina: José Gómez.

1 de abr. de 2014

Onde non debemos ir

Hoxe é unha das nosas xornadas tradicionais no calendario para facermos brincadeiras, xunto coas fedelladas que se poden cometer no Entroido ou na noite de San Xoán. Iso do 28 de decembro parece que en Galiza é moi recente e impelido sobre todo polo proceso xeral de desgaleguización.

Lembrade pois que neste día si temos licenza para trasnadas pequenas ou medianas: "O un de abril van os burros onde non deben ir".

O problema é que hai quen pensa que o un de abril é todo o ano.