8 de ago. de 2010

A hipnótica atracción de Carmiña Vacaloura

Talvez o título desta entrada sexa un pouco pedante, mais é a sensación que sempre me deu a canción "Carmiña Vacaloura", de estraña atracción, ambivalente, case hipnótica. O tema escoitabámosllo ao madrileño Maestro Reverendo nos distantes anos dourados do Xabarín Club.

7 de ago. de 2010

Kylie Minogue, castellera

Ou iso foi o o que pensou o Paulo (tan catalanizadiño!) cando viu o último vídeo da australiana, pertencente ao seu tema "All the lovers":


Kylie Minogue - All The Lovers (2010)
Carregado por ghettorecords. -

6 de ago. de 2010

A carta do Silvio á Violeta Parra

Unha das miñas cancións preferidas do último disco do Silvio Rodríguez, Segunda cita, é a "Carta a Violeta Parra". Por se non a coñecedes, aquí vola deixo:



E nestoutra ligazón tedes a letra.

5 de ago. de 2010

Xosé Chao Rego: Renacer galego

A Asociación Cultural O Galo promoveu a realización dun simposio de homenaxe a Xosé Chao Rego, un dos nosos grandes ensaístas. As actas dese encontro acaban de saír do prelo grazas ao apoio da Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas. Se tiverdes interese no seu contido, podedes consultalo aquí en pdf.

E se sodes xente nova que ledes este blog e aínda non coñecedes a obra do Pepe Chao, convídovos a que este verán lle botedes un ollo a obras como Prisciliano, profeta contra o poder ou A condición homosexual. Xa agradeceredes o convite!

4 de ago. de 2010

Estarán vivos?

¿Estarán vivos? ¿Serán de pedra
aqués sembrantes tan verdadeiros,
aquelas túnicas marabillosas,
aqueles ollos de vida cheos?

É moi coñecido o poema que Rosalía de Castro lle dedica á visión maxestuosa do Pórtico da Gloria, "o máis acabado monumento da escultura medieval", segundo Kingsley Porter.

Nesta segunda feira inaugurouse un programa de visitas virtual que permite coñecer as vivísimas cores orixinais do Pórtico. Agardo ilo ver axiña; se vós xa estivestes, non deixedes de comentar a vosa opinión.


¡Védeos!, parece
que os labios moven, que falan quedo
os uns cos outros, e aló na altura
do ceu a música vai dar comenzo
pois os gloriosos concertadores
tempran risoños os instrumentos.

2 de ago. de 2010

Para mellorar a corrección e fluidez en galego

Velaquí o artigo desta semana en Galicia Hoxe:

Para sandar as feridas
Propostas para mellorar a corrección e a fluidez en galego


O idioma da Galiza leva séculos padecendo un proceso de substitución e exclusión do seu territorio natural. Unha das secuelas visíbeis (e audíbeis) desta inxustiza é a progresiva deformación da lingua, que en moitos trazos, mesmo estruturais, vai hibridándose co español.

O idioma galego espontáneo transmítese ferido e furado polo castelán. Son moitas as palabras, expresións, pronuncias etc, que a sociedade foi abandonando no transcurso do tempo para substituílas por outras proporcionadas polo único referente de corrección e prestixio: o español.

Estamos nun momento histórico no que é fundamental que sexamos falantes conscientes e leais do galego. Xogámonos aquí e agora que o galego sexa un idioma vivo de verdade, con aspiracións lexítimas á normalidade, ou só unha curiosidade marxinal e residual.Nesta batalla cívica, hai tres verbos fundamentais a conxugarmos: falar, escoller e solicitar.

Comecemos polo final. Se na verdade pensamos que somos cidadáns con iguais dereitos e deberes, solicitemos que a documentación da nosa vida sexa en galego (seguro do coche, hipoteca, contrato de aluguer, consentimento informado, etc.). O “non” xa o temos, mais o “si” aínda podemos conquistalo. Pidamos o galego alí onde non nolo ofrezan. Procuremos a empatía da persoa que nos atende, claro, mais non deixemos pasar calquera xestión da nosa vida sen o dicirmos: “Por favor, podería ser en galego?”

Sexamos tamén parte dinamizadora da comunidade lingüística escollendo o galego alí onde xa existe opción. Fóra esa preguiza tan pouco saudábel de se deixar levar! Decidámonos polo galego nas redes sociais, nos teléfonos móbiles que o ofrecen, nos caixeiros automáticos... Apoiemos tamén as nosas empresas culturais optando por música, libros, espectáculos, audiovisuais, e tantas outras manifestacións de todo tipo que se realizan no noso idioma. Gocemos da nosa cultura!

Mais, sobre todas as cousas, non deixemos de falar. Falar galego en Galiza é o máis revolucionario que podemos facer en defensa da nosa cultura, do noso país e da diversidade de culturas e sociedades que existen no planeta.

Para termos unha lingua verdadeiramente viva temos que tentar tamén falala con maior corrección e fluidez. Para este obxectivo, achego a continuación, a xeito dun (incompleto e algo retranqueiro) decálogo, unhas poucas propostas:

1) Lembrarás que ninguén pasou de usar mal unha lingua a usala ben sen antes pasar por un período en que a usa regular. Cantas veces non escoitaremos iso de “yo no hablo gallego porque no lo hablo bien”? Imaxinemos que ese mesmo razoamento se aplicase a calquera outro idioma do mundo. Só falaremos inglés cando o saibamos falar ben? Entón, como vai ser posíbel aprendelo?

2) Terás sempre presente que ninguén naceu aprendido e que para solventar as dúbidas están os manuais e os dicionarios. Hai quen, tras botarlle un ollo a un libro escrito en galego, considera: “Non hai quen o entenda. Eu nunca escoitei esas palabras. Isto é un idioma inventado”. No fondo, o que se expresa é un prexuízo aprendido, que poderiamos traducir deste xeito, mesmo que a persoa que o diga non sexa consciente diso: “O galego é un idioma que non vale para estas cousas, pois só serve para comunicarse na casa ou entre amigos”. Poñámoslle, como contraste, a esa mesma persoa, o coñecidísimo comezo do Quixote: “En un lugar de La Mancha, de cuyo nombre no quiero acordarme, no ha mucho tiempo que vivía un hidalgo de los de lanza en astillero, adarga antigua, rocín flaco y galgo corredor. Una olla de algo más vaca que carnero, salpicón las más noches, duelos y quebrantos los sábados, lantejas los viernes (...)” Podería explicarnos o que aí pon sen acudir a un dicionario ou a unha edición anotada da obra de Cervantes? Para todos os idiomas, os dicionarios son boas compañías. Para o galego, tamén.

3) Acordaraste de que aprender e coñecer unha lingua é tarefa de toda unha vida. Os manuais de “Aprenda inglés / xaponés/ alemán /... en 30 días” non funcionan nunca alén de como primeiro contacto cun idioma. Ninguén pode agardar “saber toda unha lingua”. Mesmo os grandes especialistas están sempre a aprender. Co galego, tamén acontece o mesmiño.

4) Practicarás e aprenderás coa suor da túa fronte. Vivimos nunha sociedade que reduce a importancia do sacrificio e do esforzo, mais estes seguen a ser necesarios para a adquisición de habilidades ou coñecementos de calquera tipo, tamén dos lingüísticos. Por exemplo, non hai fórmulas máxicas para aprender a usar o infinitivo persoal ou a colocación do pronome átono en cinco minutos. Hai que estudar e practicar, co galego igual que co resto dos idiomas coñecidos.

5) Soltaraste a falar en galego e tentarás facelo con corrección cando menos nalgúns ámbitos ou espazos do teu día a día. Perdoade que a advertencia poida resultar estúpida por ser tan evidente, mais é que se non se practica o galego, non se pode aprender. Do mesmo xeito, hai persoas que coñecen cales son as formas correctas en galego (por exemplo, para designar os días da semana, os meses do ano, os nomes das froitas...) e que non as utilizan porque se senten “estrañas”, polo que usan un galego cheo de incorreccións, barbarismos e deturpacións. Aquí o problema non é de aprendizaxe, senón de saltar a barreira psicolóxica que fai sentir incomodidade por falar un galego máis coidado. Saltémola!

6) Igual que na vida, aprenderás dos teus erros. Aínda que, igual que na vida, teñas que cometer eses erros varias veces para corrixilos. As equivocacións, as “patadas” á lingua, non deben servir nunca como escusa para deixar atrás todo o aprendido. Ben ao contrario, teñen que servir como aliciente no proceso de aprendizaxe.

7) Desterrarás os castelanismo innecesarios, porque o galego ten os seus propios recursos. Sabemos que é vasoira e non *escoba, que é lixo e non *basura, que é almorzar e non *desayunar, así que non temos escusa para deixar de usar as nosas formas propias. Polo contrario, mantendo estes españolismos contribuímos á perda destas palabras e a que o galego se converta de xeito progresivo nunha forma dialectalizada do español, perdendo a súa personalidade.

8) Nunca comezarás unha oración cun pronome átono. Como se comentaba nun dos mandamentos anteriores, é necesario estudar e practicar, pois non hai ningunha pedra filosofal para aprender, por exemplo, a colocación dos pronomes átonos. Mais é tal a epidemia que existe en moita xente de dicir cousas do estilo *O fixen onte, *Volo dixen antes... que fai necesario gravar esta idea como unha norma fundamental.

9) Para aprenderes a usar o infinitivo persoal, nada mellor que lle dares uso. (E para aprender eu ou ela, aprendermos nós, aprenderdes vós e aprenderen eles, que falta fai!) O infinitivo persoal ou infinitivo conxugado é un dos trazos definitorios do noso sistema lingüístico. Está vivo na inmensa maioría dos falantes espontáneos, aínda que, por mímese coas estruturas do español, tende a eliminarse nos rexistros máis formais. Sexamos conscientes e avivémolo!

10) Cando a normativa do galego ofreza dúas solucións, usa para o estándar aquela que se aproxime máis ao sistema lingüístico ao que pertence: o galego-portugués ( posíbel, Galiza, até...). A existencia do portugués como idioma normalizado foi e é un fecundo recurso para que o galego non perda a súa personalidade pola influencia omnímoda do español. Que a lusofobia tan presente no noso país (e que non deixa de ser outra cara da galegofobia) non nos confunda: o portugués é unha fonte limpa da que bebermos.

1 de ago. de 2010

Contra a criminalización dos nosos símbolos

Déixovos aquí este artigo que publiquei estes días no periódico dixital Terra e Tempo. Sobre o mesmo tema, poño a continuación un atinado artigo de Quim Monzó en La Vanguardia.

Contra a criminalización dos nosos símbolos

Esta fin de semana en Compostela houbo varias actuacións graves e abusivas por parte dalgúns axentes da policía nacional. A diferenza doutras ocasións nas que o Ministerio do Interior simplemente negou o acontecido, desta vez teno máis difícil. Algúns destes comportamentos improcedentes e (digámolo claro) antidemocráticos padecéronos profesionais da información que estaban a pasear pola cidade.

Primeiro, sóubose dunha xornalista andaluza que foi reprendida e ameazada por preguntar polo nome dun lugar como ese lugar se chama de forma xenuína e oficial: en galego. Trascendeu tamén despois o que lle aconteceu a outra xornalista, que aínda que está a ser menos coñecido non é menos grave en absoluto:

Non foi o único caso de ameazas que saíron de boca dun axente da Policía Nacional. O sábado pola tarde, mentres camiñaban pola praza de Cervantes, un grupo de cinco mozas -galegas desta volta e unha delas tamén xornalista- convertéronse no obxectivo dos improperios dun antidisturbios. Dous furgóns policiais pretendían aparcar no lugar, e varios axentes impedían o tránsito aos viandantes. As rapazas pararon tamén.

Acto seguido, un policía que, segundo el mesmo informou ás mozas en ton ameazante, pesaba "más de cien kilos", preguntoulles se tiñan algún problema con que el non falase galego -lingua que estaban a utilizar para comunicarse entre elas-. A continuación espetoulles que "yo corro más rápido que vosotras, seguro", e dirixíndose a unha das mozas, a que tiña máis cerca, díxolle: "Tú, con lo gorda que estás, debes de andar cerca de los noventa kilos", mentres ría en complicidade con outro dos axentes alí presentes.

Mentres unha das mozas advertía á súa amiga de que se non se apartaba poderían pisala, o antidisturbios virouse de novo: "Si te piso, ¡te jodes!". E ao permitir de novo a circulación aos peóns, a modo de despedida, berroulles: "A ver si camináis tan lento cuando vaya detrás de vosotras". Todo iso ante a mirada atónita do resto de viandantes, turistas na súa maioría, que se atopaban na praza compostelá no momento dos feitos.
Ademais, a varias mulleres e homes que portaban unha bandeira de Galiza esta fin de semana prohibiúselles o paso a determinadas prazas da capital. Por exemplo, así lle aconteceu a quen chegou tarde ao acto que o BNG organiza na Praza da Quintana. Tentaron acceder a través da praza de Pratarías, mais non se lles permitiu o paso por levaren unha bandeira cunha estrela... (Se levasen unha bandeira española con aguilucho, que acontecería, por certo?)

Iso foi así e pódeno constatar todas as persoas que padeceron esta situación tan grave. E iso foi así por moito que faga chanza impropia co tema o delegado do Goberno, Antón Louro (cito: "sobre o impedimento de acceso de bandeiras nacionalistas nos actos do domingo, Louro atribuíuno a unha 'información equivocada' e indicou que durante a súa presenza nos mesmos viu 'bandeiras con todas as cores, galegas e de todo tipo', sinalou").

Dicir que el viu bandeiras galegas por Santiago para negar a denuncia das persoas que padeceron esta situación é unha frivolidade pola que debería pedir desculpas. Non pode ser que haxa tantas denuncias de criminalización da lingua galega e dos símbolos do país e que o Delegado do Goberno, un dos responsábeis últimos desta situación, lance balóns fóra, afirme que non pasa nada, que non ten constancia de nada e faga brincadeiras.

Que acontecería se un policía demandase a identificación dunha persoa por falar en castelán? E se a ameazase con pegarlle por utilizar un nome de lugar en castelán? E se lle prohibise o paso a unha rúa por levar unha bandeira española? Pois nós, igual. Non queremos ser inmunda escoria. Queremos un tratamento igualitario. Con todos os deberes e con todos os dereitos. Queremos, en fin, poder falar o noso idioma e poder exhibir os nosos símbolos nacionais sen que nolo dificulten os poderes públicos. Non debería ser tanto pedir!




"En Santiago na noite escura", por Quim Monzó

En el titular de El País se lee "Un policía amenaza a una andaluza por usar el gallego". De lo que podría deducirse que la andaluza se puso a hablar gallego o ya lo iba hablando –sea con el policía o con otra persona– y entonces el policía se mosqueó y la amenazó. Pero es que no fue eso (y aunque lo hubiese sido). Resulta que la andaluza estaba en Santiago de Compostela, en el parque de la Alameda, y, como quería ir a la plaza Pescadería Vella, preguntó a una señora el mejor camino para llegar. Hizo la pregunta en español pero se le ocurrió decir el nombre original y oficial de la plaza y no su traducción a la lengua de David Bisbal. Ahí surgió el problema.

Resulta también que la andaluza en cuestión es periodista y trabaja en El País, de modo que el diario ha podido ofrecer información de primera mano. En relación a lo de preguntar el camino para ir a la plaza Pescadería Vella detalla: "Lo hizo al lado de un grupo de independentistas que se concentraban pacíficamente, rodeados por decenas de agentes de la Policía Nacional. Un antidisturbios la agarró del brazo: "Aquí no hay nada que se llame Pescadería Vella, se llama Pescadería Vieja. Tú, que eres de fuera, deberías saberlo", le reprendió. Acto seguido le espetó: "Corre, no vaya a ser que te demos unas hostias"".

¿Por qué la bronca y la amenaza de hostias? Pues simplemente por decir el nombre de una plaza. Simplemente por atreverse a preguntar por la Pescadería Vella y no por la Pescadería Vieja. Supongo que el hecho de darse cuenta de que era andaluza –"tú, que eres de fuera..."– hizo que la sangre del policía entrase en ebullición y le subiese disparada hacia el digamos cerebro. ¿Habrase visto tamaño atrevimiento? ¡Una "de fuera" diciendo en gallego el nombre de una plaza! ¿Y cómo supo el policía que era "de fuera"? Supongo que por el acento, y porque preguntó por la forma de llegar a un lugar que para los compostelanos es archiconocido. Todo eso sucedió justo el día en que, en el mismo Santiago, en la catedral, el rey Juan Carlos I se encomendaba al apóstol, respaldaba la Constitución, volvía a pedir la "solidaridad" autonómica y la unidad de esa "gran familia" que –según él– es España. Todo muy bonito y muy entrañable, pero me gustaría saber en qué punto exacto del alegato real encaja la actitud del policía –nacional– hacia la periodista en particular y la sociedad en general. ¿En el respaldo a la Constitución? ¿En la "solidaridad" autonómica? ¿En la unidad de la "gran familia" española?

Ese policía no estaba en activo cuando el andaluz Federico García Lorca escribió, en gallego, sus Seis poemas galegos. De haberlo estado, le hubiese reprendido por escribirlos –él, que era "de fuera"– y, acto seguido, le hubiese ordenado salir corriendo, no fuese que le diese unas hostias. Pero tanto da que entonces él no estuviese. Después pasó lo que pasó.