30 de set. de 2009

Hoxe ás 18.30, ruada en defensa do galego


A plataforma Queremos Galego convoca para hoxe ás 18.30 en Santiago, desde a praza Roxa, unha ruada para divulgar a manifestación do vindeiro 18 de outubro. Se podes, participa.

Ademais de ser moi necesario, será moi divertido.

28 de set. de 2009

Reto 18-OU


Velaquí o artigo desta semana en Galicia Hoxe:

18 de outubro
Mobilizándonos, gañaremos o futuro para o galego


Tras o final da Ditadura, no Estado español iniciouse un proceso de democratización que se trasladou tamén parcialmente ao recoñecemento da pluralidade de nacións (“nacionalidades”) e linguas. O galego entrou nesa vía, tanto pola presión dun segmento da poboación que colocou a dignificación do idioma como unha marca básica de novos tempos, como polo feito incontestábel de que, nese momento, Galiza era a comunidade do Estado español onde se daba un uso menos habitual do castelán na oralidade. Cómpre subliñar que nunca houbo ningún adianto para a nosa lingua que non fose gañado a pulso, como froito da presión social e non por imitación nin dádiva xenerosa por comparación co que se facía noutros lugares.

Aínda que non se garantiu unha igualdade xurídica entre o galego (ou catalán ou éuscaro) e o castelán, si que se puxeron as pezas para que se puider construír un proceso de recuperación e extensión social. No entanto, unha constante destes 30 anos é que no Estado español se recoñecen dereitos lingüísticos a condición de que non se poidan exercer, aprobando leis e ratificando tratados internacionais cuxo cumprimento é postergado e dificultado en maior ou menor medida.

Esta afirmación aplicouse e aplícase en Galiza como en ningún outro lugar e ademais en aspectos chave. Exemplos temos abondo. O Parlamento Galego aproba en 1983 unha Lei de normalización lingüística por unanimidade, mais ningún Goberno a fixo cumprir na súa plenitude. Este mesmo Parlamento votou en 2004, tamén con todos os grupos a favor, o Plan xeral de normalización da lingua galega; era daquela vicepresidente da Xunta Alberto Núñez Feijóo, que abxura hoxe de tal aprobación. No ano 2001, todos os deputados e deputadas do Congreso secundan tamén a Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias, segundo a cal todo o ensino non universitario en Galiza se debería desenvolver a través de modelos en galego, os xuízos deberían ser nesta lingua a petición dunha das partes, deberiamos recibir as radios e televisións portuguesas e moitas outras aparentes utopías, que na nosa man está lembrar que son posíbeis e que é de xustiza que se fagan realidade.

En todo isto hai un evidente problema político de fondo, nada inocente. Por iso se dan situacións tan contraditorias como que se fale de “normalización lingüística” (que significaría, para Galiza, converter o galego en lingua normal a todos os efectos), mais non hai ningún interese desde os lugares onde se concentra o poder en que tal proceso vaia adiante. Nesas bocas e nese contexto, “normalización lingüística” non pasa, no mellor dos casos, dunha declaración retórica, un lugar común do politicamente correcto, un narcotizante dun verdadeiro proceso de “substitución lingüística”.

Aparencias, sucedáneos e homenaxes

Esta situación contraditoria provoca que, aínda que non haxa bases legais realmente igualitarias e que desde a Administración autonómica non houbese nin haxa unha aposta global dirixida á normalización do galego, si se conte cunha importante partida orzamentaria, da cal tamén goza a Secretaría Xeral de Política Lingüística do actual Goberno do PP.

Non hai impedimento para que, por unha banda, se pretenda desmantelar a oficialidade do galego e, pola outra, se manteña un departamento que supostamente sirva para “promover” este idioma. Tal burocratización embaucadora da política lingüística facilita o camiño para a denominada política de homenaxe, que consiste en dar voltas arredor do obxectivo mais sen chegar a entrar en materia, sen incorporar o idioma en novos ámbitos nin garantir dereitos lingüísticos. É esta unha política aparencial e, como ben a describiu Pilar García Negro no seu libro Sempre en galego, unha “política de sucedáneos”. Un problema que temos na actualidade é que esa forma de actuar é a predominante na maioría das institucións, mesmo as rexidas por grupos e persoas sensíbeis á promoción do galego.

Ás patadas

Está á vista de ollos que este é o primeiro Goberno galego que, aínda non querendo renunciar de vez aos narcotizantes (“somos galeguistas”, “apoiamos o galego”...), opta por andar ás patadas coa lingua propia, xa de seu tan discriminada aínda.

Xa vimos como consideraron intolerábel que houbese unha rede galega de escolas infantís onde non se daban as costas ao noso idioma e como emprenderon unha campaña noxenta de desprestixio das mesmas a base de falacias. Vemos tamén como, nesta vaga de galegofobia, a Consellaría de Educación de Núñez Feijóo tolera casos gravísimos de exclusión do galego, aínda que supoñan unha vulneración da letra e o espírito da que aínda é a legalidade vixente. Así, o responsábel da Mesa pola Normalización Lingüística na zona de Ferrol, Carlos Outeiro, documentou casos concretos de colexios que en varios cursos só recomendan libros de texto en castelán e inglés para este ano escolar 2009/2010. Nada sabemos aínda sobre ningunha acción nin opinión dos gobernantes perante tan manifesta vulneración das normas, que diminúe a calidade do ensino e mingua a capacidade de formación lingüística do alumnado.

Esta mesma semana viamos tamén como a conselleira de Sanidade saltaba unha outra barreira dos mínimos de consenso destas últimas décadas. A polémica Pilar Farjas respondía en castelán unha entrevista para a TVG, a televisión creada para promover o galego, a única que para toda Galiza emite decote neste noso idioma. No seu desprezo galegófobo, a titular de Sanidade chegou mesmo a traducir o nome do SERGAS como “Servicio Gallego de Salud”.

Por se for pouco, están a tentar irradiar esta política de racismo lingüístico cara a outras administracións. Tamén esta semana trascendeu que o ex falanxista que Alfonso Rueda fichou para a Dirección Xeral de Administración Local, José Norberto Uzal, lle remitiu unha carta ao alcalde de Vigo ameazando con parar unhas oposicións municipais se non se retira unha pequenísima proba de galego, que só é escrita e non eliminatoria. Xa sabiamos que o goberno de Núñez Feijóo quere que para ser funcionaria/o da Xunta non se teña que saber máis que castelán como requisito. Mais dá un outro paso, impulsando este ataque tamén nas outras administracións, mesmo rozando a ilegalidade, porque o aviso realizado por ese alto cargo (ese que non hai tanto ía nas listas da Falange) non se axusta a dereito.

Reto 18-OU

As agresións son fortes e continuas, mais non podemos dobrar o pescozo nin caer en ningunha síndrome de Estocolmo. Temos dereitos lingüísticos, temos dereito ao futuro como pobo cun idioma de seu. Respondendo con intelixencia e firmeza, poderemos mudar a situación.

A cita máis importante dos próximos meses é para a manifestación convocada pola plataforma social Queremos Galego para o vindeiro 18 de outubro, que sairá ás 12 do mediodía da Alameda de Santiago de Compostela. Hai máis razóns que nunca para nos movermos.

26 de set. de 2009

Un ex falanxista contra o galego nos concellos


O director xeral de Administración Local, José Norberto Uzal, que antes de entrar no goberno de Núñez Feijóo foi varias veces en candidaturas da Falange, envioulle unha carta ao Concello de Vigo ameazando con parar unhas oposicións se non retira unha pequena proba de galego.

Digo o de pequena porque é só un exercicio escrito de tradución galego-castelán e castelán-galego e porque ten un rango menor ao non ser unha proba eliminatoria. Vaia, que na realidade a lingua propia de Galiza e cooficial tampouco é tratada nesas oposicións como un requisito, aínda que mesmo así lle molesta a este Desgoberno.

Cando lin a noticia, viñéronme á cabeza dúas ideas. A primeira, a importancia crucial de que a manifestación do 18 de outubro sexa un evento significativo en participación, porque só poderemos parar esta expedicion de caza contra a lingua galega cunha mobilización social á altura das agresións. Todas e todos temos un papel importante que cumprir para que sexa así.

A segunda idea é que resulta chave que desde as institucións onde hai posibilidades de "resistencia" á ofensiva, se apliquen políticas lingüísticas tanto á altura das agresións como tamén para gañarmos espazos reais para a igualdade de dereitos do galego. Cónstanme moitos esforzos que se fan nese sentido. Collamos ese camiño.
[A foto é de Tamara de la Fuente e pertence ao pasarrúas que organizou Queremos Galego esta semana pasada para animar a participar na manifestación do 18 de outubro.]

24 de set. de 2009

Pilar Farjas, a TVG e as faltas de ortografía

Onte pola mañá, desde A Mesa realizouse un acto simbólico de protesta polo feito de que a conselleira de Sanidade non quixese responder en galego unha entrevista na TVG. Levámoslle un manual de aprendizaxe do noso idioma para o ensino infantil e, o máis importante, o volume Sobre o racismo lingüístico, que é a nai do año da súa actuación.

No acto houbo ben de medios gráficos, tamén da TVG. Porén, seguindo a liña da televisión gobernamental, silenciaron a noticia. É que, claro, imaxínadevos, tiñan novas tan trascendentes para nos daren como que uns deputados do PNV cometeron o sacrilexio de escribir unha emenda en castelán con dúas faltas de ortografía. Sabedes como era iso dos que ven a palla nos ollos dos demais? Pois xustiño así.

23 de set. de 2009

O 18 de outubro faremos historia

A plataforma Queremos Galego convócanos a unha manifestación en defensa da nosa lingua para o domingo 18 de outubro. Os vindeiros meses serán cruciais para gañarmos o futuro para o noso idioma propio. Temos que movernos!

Velaquí o vídeo de presentación do evento a pasada sexta feira. Non o procuredes no web da TVG, porque a televisión pública galega non acudiu ao evento:



22 de set. de 2009

Outro salto cualitativo


No que di respecto ao debate lingüístico, a maioría da xente falou onte da entrevista que publicou Xornal de Galicia, onde Gloria Lago exhibiu, máis unha vez, as súas limitacións intelectuais e o burdo do seu discurso. Talvez a súa declaración que merecería ser titular é: "Nós non avogamos polo bilingüismo".

Mais a entrevista do día de onte, do meu punto de vista, estaba noutro sitio. A TVG tivo no programa "Bos días" á conselleira de Sanidade, Pilar Farjas. Esta muller non se caracteriza tampouco por avogar por ningún tipo de "bilingüismo", pois só é capaz de falar en galego cando lle dan un papel para ler, aínda que é evidente que se non se sente capaz é porque quere que así sexa. A entrevista da conselleira na TVG foi en castelán, quitados os saúdos.

Reparemos. É un tremendo salto cualitativo para atrás. Non é que sexa unha conferencia de imprensa onde se fale en parte en galego e en parte en castelán para segundo que medios. Está a falar de xeito exclusivo para a única televisión que emite na nosa lingua, que foi creada de feito para iso e impulsar o proceso de normalización. Que sendo conselleira non tente nin falar en galego para a TVG di moito dela e do goberno ao que pertence.

Movámonos. O 18 de outubro, teremos que levar tamén faixas reclamando aos conselleiros e ás conselleiras que aprendan galego e que, como corresponde por corrección institucional e sentido de país, o falen no exercicio do seu cargo. Xa abonda de tanta exhibición de desprezo polo idioma que nos une como galegas e como galegos.

[Grazas ao Alberto Villarín por me achegar esta información.]

21 de set. de 2009

Gais no teatro dos 90


O artigo desta semana é continuación do publicado na pasada:

Gais no teatro dos 90
Os casos de Pa, O regreso e Detritus corazón<


No artigo da semana pasada abordamos como na escena galega de mediados da década de 90 comezaron a incorporarse personaxes de varóns homosexuais, até daquela invisibilizadas. A obra Venenos, de Xesús Pisón e representada por Uvegá Teatro en 1996 tras acadar o premio Rafael Dieste foi a pioneira. Ao ano seguinte, subirían aos escenarios dous textos no mesmo camiño: O regreso, de Manuel Lourenzo, e Pa, de Vicente Montoto. No 97, sería a vez de Detritus corazón, de Xavier Picallo, que Teatro Bruto denunciou que ficara sen axudas públicas por homofobia. Con esta liña do tempo non quero dicir que unhas pezas sexan debedoras doutras, aínda que haxa ligazóns entre autores e compañías nomeadamente fortes nos tres primeiros casos.

A diferenza de Venenos, que gozou de dúas edicións, as tres outras obras permanecen (até onde eu sei) inéditas. Desde este espazo, quero hoxe contribuír un pouco a dalas a coñecer, coa esperanza de que ben axiña estean ao dispor das lectoras e dos lectores, amén de que poidan gozar de futuras representacións.

O regreso

A peza xira á volta de dúas personaxes anónimas (UN e DOUS) que agardan a chegada dos seus respectivos pares, que os citaron alí, nun hotel acarón da praia. Si coñecemos os nomes das persoas polas que agardan: Herminia e Bruno.

A normalidade con que o heterosexual UN olla a homosexualidade, mesmo do seu fillo, é significativa, como o é a falta de tapullos de DOUS para expresar a súa relación (aínda que comece encobríndoa de intensa amizade). Esta ausencia de conflitividade é de grande importancia: “ás veces, o facto de que nada importante aconteza é a única mensaxe da obra”, como afirma Alberto Mira. Neste caso non é a única mensaxe, mais ten unha inmensa e innegábel carga semántica.

Xa desde o angustiante motivo temático da espera, a obra ten moitas concomitancias co grande clásico de Samuel Beckett. Ese pouso do absurdo reforza simbolicamente a historia. A soidade e illamento das dúas personaxes agudízase coa visión de máis xente nunha praia, en referencias case oníricas inexistentes no cadro. No que di respecto á temporalidade, esta pasará dunha simple ambigüidade á súa confusa iteración; así, as personaxes non teñen ningún control sobre o tempo: son incapaces de reconstruír o pasado inmediato e na agobiante espera transmítesenos a imposibilidade de acceder a un futuro.

Os amores deste singular dúo protagónico son amores prohibidos, problematizados socialmente: UN era un home respectábel que o deixou todo pola súa sogra, DOUS está namorado doutro rapaz. Mais aquí non é que se igualen os problemas dun casal homo e dun casal hetero, como fixo Xesús Pisón en “Como Jekyll e Hyde”, senón que se mostran dúas posibilidades de disidencia ao modelo estabelecido de relación e familia. A marxinación social das súas opcións e toda a súa interiorización sublíñanse no retraso até o infinito dos seus pares, o cal detén a vida nas súas crises persoais, deixando as dúas voces suspensas no espazo.

Pa

A obra está protagonizada por Paco e Francisco, pai e fillo, que veñen de enterrar a súa esposa e nai. Nunha suxestión psicanalítica evidente, morta esta, entenden que teñen o camiño libre para se encontraren sexualmente, o cal fan compartíndose nun trío cunha mulller.

Pódese considerar toda a obra como a vinganza do fillo, que garda rancor ao Paco por reprimir a súa homosexualidade cando el era púber, pois esta represión viña motivada polas aparencias: quen ditaba as normas da homofobia na familia mesmo era homosexual. A vinganza do Francisco é afirmarse a si mesmo como heterosexual, deixando en vergoña ao seu proxenitor: un reprimido que non recoñece a súa propria orientación, aínda que mesmo se viste con roupa interior feminina. O desexo sexual de Francisco vaise definindo na súa propria negación, que o fai ir para a sexualidade “normativa”: a heterosexual.

A obra de Vicente Montoto configúrase dun xeito complexo, presentando un leque amplo de condutas sexuais, e unha importante presenza de elementos do repertorio temático gai. A peza móvese, así, entre a represión e a afirmación orgullosa, entre a militanza gai e as saídas individuais contraditorias.

Detritus corazón

Xavier Picallo móstrasenos como un bo coñecedor do repertorio queer, con moitos puntos en común co gai, mais que, a diferenza deste, non pretende integrarse nas estruturas sociais existentes, senón que procura modificar a sociedade, “homosexualizando o heterosexual”. Aínda que, na súa composición, homosexual quere dicir que alguén gosta sexualmente de, ou mantén relacións desa índole con alguén do seu mesmo sexo, tamén se foron introducindo nesta palabra todas as acepcións referidas a efeminamento, travestismo ou mesmo transexualismo (en fin, todo o que non for heterosexual). Estes elementos son moi útiles para xogar cos xéneros, pois supoñen un cuestionamento dos absolutos sexuais, mais poden resultar confusionistas.

Nesta obra, Brétema, transexual que tamén desenvolve espectáculos transformistas, é atacada por unha banda homófoba. O inspector Glande Ford, encargado de perseguir esa banda, vai entrevistar a agredida; esta nega o acontecido, até que se sente novamente en perigo e solicita protección. O suposto agresor, Skip Lavaconas, tentará, infrutuosamente, asasinar o inspector nunha sauna. Quen o contratou foi Vulva –amiga, tamén transexual, de Brétema–, coa intención de que a súa desexada compañeira buscase apoio nela. Ao ver que as cousas van demasiado lonxe, tenta “cancelar o pedido”, mais para iso tería que pagar un diñeiro de que non dispón. Vulva deitárase con Glande e roubáralle un CD autografado de Milli Vanilli; ese CD agasallarao a Brétema, dándollo esta, pola súa vez, a Escroto, o DJ de Detritus corazón, o local onde actúa. Mais Vulva necesitará recuperar esa xoia de coleccionista para poder pagarlle a Skip. Sospeitando a existencia de perigo, Glande substitúe a Brétema no seu espectáculo, para así poder capturar o agresor. Vulva, que non sabe que non é a súa amiga a que actúa, interponse e morre pinchada por Skip, a quen mata o inspector. A obra remata con Glande e Brétema bicándose e definitivamente conformados xa como par.

Chegados aquí, debemos facernos a seguinte pregunta: Como se percibiu no público a personaxe de Brétema? Na posta en escena, os agresores caracterízana como “una maricona disfrazada de mujer”. Así mesmo, a súa ansia por mudar de sexo, xa en primeira persoa, aparece con claridade no cadro 8, cunha profundidade angustiante que se relativiza e achega ao público por medio do humor:

“A condea de habitar un corpo limitado pola psique. Un cárcere que aprisiona todo desvelo de femineidade. Desconexión de funcións entre o que sintes e o que es. Como a vinganza dun inimigo. Como un fado ebrio de mezcal e éxtase. E o inevitable chiste barato de ese cacho que sobra e fas por non ver. Que agochas entre as nalgas como unha vergonza máis do teu ser que se avergonza. Que duro é espreitar o espello e non recoñecerte. Sempre a imaxe virada doutro a quen non coñeces. Ese descoñecido que te acompaña nos momentos de intimidade: ollando dende o teito como defecas, como fodes, como límpa-las unllas despois de visitar as fosas nasais e comer o teu tesouro”

Tanto a personaxe de Escroto como as personaxes de Vulva e Brétema foron representadas por actrices, o cal deu aínda un plus de riqueza a todo o xogo de identidades. Reparemos no caso de Brétema: unha actriz (presupostamente heterosexual, pois nesta sociedade todo o mundo ha de ser heterosexual mentres non se demostre o contrario) interpreta un varón que quere ser muller e que se construíu xa con tal xénero feminino, mais que desenvolve un espectáculo transformista en que canta como os varóns Milli Vanilli que, na verdade, facían play-back... En conclusión, un complexísimo xogo de bonecas rusas identitario.

É de grande interese toda a cuestión da violencia homófoba que se pon sobre a mesa, obrigando ao público a se posicionar. Ten especial relevancia se observamos que isto acontece nos dous primeiros cadros, representados no vestíbulo da sala onde se vai desenvolver o espectáculo, de xeito que a implicación das e dos asistentes ten que ser maior.

18 de set. de 2009

O 18 de outubro, todas e todos a Compostela!


Hoxe presentouse a plataforma Queremos Galego, que convoca manifestación en defensa da nosa lingua para o vindeiro 18 de outubro, domingo, en Santiago de Compostela.

Os próximos meses van ser decisivos para o futuro da nosa lingua. Ninguén pode faltar! Espalla a convocatoria!