16 de jun de 2019

Inscricións: a ollada do asasino

Penduro aquí a leitura do poemario Inscricións que fixo o tamén poeta Serxio Abalo. Agradecidísimo polo seu tempo e pola súa sinceridade!

Esta recensión publicouse orixinalmente na versión en liña do Sermos Galiza.

"Inscricións: a ollada do asasino", por Serxio Abalo

"Non entre ninguén que non saiba Xeometría, disque puña na porta da Academia de Platón", advírtesenos antes de pór o corpo a servizo do novo libro de poemas de Carlos Callón, Inscricións (Galaxia, 2019), como unha especie de premonición ou misericordia ante aqueles que escriben e inscriben. Pois este libro non fala doutra cousa ca diso: a escritura e as súas múltiplas formas. «A morte. A vida. O que as une. Todo», podemos ler na descrición da contracapa. 
 
Lonxe de parecer unha celebración da vida para comprendermos as desgrazas, ou, no seu reverso, unha celebración das desgrazas para aprehendermos a vida, o que fan precisamente as diferentes voces do poema é xogar connosco e coa maneira en que nos escribimos. O autor téntanos de a pouco a querer saber máis e devólvenos diáfana a nosa caluga a través do espello mentres penetramos nese canto ambiguo que é o sufrimento do outro.

libros-novelas-D_NP_667596-MLA29533436760_032019-Q
Cando se escribe un libro no que se intenta aplacar o sentimento de dó é sinxelo cruzar a estreita liña entre a incomprensión que causa a recente ausencia dun ser querido e o tópico. Esa é a dificultade que presenta o papel en branco. Cada perda é unha comuñón de todas as perdas enmascaradas na escrita. Esa é a lección. «O que inscrebo/ ten máis vida que quen o escrebe./ É un resto que apousenta,/ un furado de enigmas e falsos recordos,/ unha casa solitaria/ que sente a tronada ao lonxe».

E é precisamente a resonancia da voz que Callón escolle o que desconcerta e impacta. «Nunca máis nos vimos, / e un día morres, / e penso en ti facéndome filloas». Así, a morte. «Intérnome nas miñas enrugas,/ primeiro de expresión,/ despois porque fago anos». Así, o paso do tempo. Igual que o brillo inocente dos ollos que queren descubrir, aquí palpita a mirada dun asasino, tan fráxil e desvalido ante o que non comprende coma os versos que o delatan: «Mentres descías, sempre ti vertical,/ dos teus labios saía a neve suxa./ Eu non podía co frío./ Contemplaba».

Con todo, hai unha serie de cuestións que frean e entorpecen o ritmo de lectura. Por unha banda, a dinámica do verso libre e contido  ̶̶ que predomina ̶  rómpese ao atoparmos unha serie de poemas cun formato diferente, como no caso do que lle dá título ao libro «Inscricións» ou o soneto «Arcanos». Por outra, a escolla de termos e/ou aforismos da corrente psicanalítica, aínda que acertada en moitos casos en favor dunha amplitude de posibilidades, noutros quedan simplemente reducidos ao seu valor teórico: «O infinito é un oito deitado/ ou un sete en transubstanciación./ A Matemática é Simbólico e Real». Ha haber espazo para o xogo: procurar novos camiños para as mesmas afrontas.

A medida que imos avanzando na lectura, por veces temos a sensación de que o autor consegue atravesar a cerna e, dalgunha maneira, esa explosión desborda e chega ata nós. A mesma sensación efémera que nos fornece cando cremos ter a chave ante aquilo que nos desacouga. Unha «fugacidade indelébel»: «Penso no frío e digo:/ Unha muller camiña./ Unha muller camiña./ Unha muller camiña./ E non é ela».

Escribe Angélica Liddell, dramaturga e directora de escena  ̶ entre outras moitas cousas ̶  no seu último libro de poemas, Una costilla sobre la mesa (La uÑa RoTa, 2018): «Antes pensaba que era imposible que las palabras estuvieran a la altura del sufrimiento. Ahora pienso que no sabemos estar a la altura de las palabras». Todo o demais, unha promesa que reverbera. 

Nenhum comentário:

Postar um comentário