18 de set de 2016

E se tratamos as eleccións ao Parlamento de Galiza como eleccións ao Parlamento de Galiza?

Velaquí o artigo que publiquei no Sermos Galiza na pasada segunda feira, horas antes do debate na TVG:
Galeguizar a política galega
Un xornal publicou na pasada fin de semana que a campaña das eleccións galegas estaba a ter "un marcado carácter nacional". A miña alegría durou un segundo. A nación de que falaban non era a mesma que cantamos no noso himno.

Ademais, como se nos desen o parte do tempo, os medios de comunicación anuncian unha chuva constante, mesmo torrencial, de paracaidistas. Sánchez e Rajoy. Colau e Iglesias. Cantó e Rivera. Cada un destes nomes, e moitos máis, cos seus séquitos. Aterran, dinnos o que temos de facer e collen rumbo.

Non se trata só de falar das nosas cousas, mais non estaría mal darlles prioridade cando menos desta vez, que diso vai esta campaña. E se vemos o mundo con óptica galega? E se tratamos as eleccións ao Parlamento de Galiza como eleccións ao Parlamento de Galiza?

Oxalá o debate desta noite axude un pouquiño a galeguizar a política galega.