27 de abr de 2015

A páxina 52

Os últimos versos que decidín incluír no libro Atravesar o fantasma son os da páxina 52. Para que as proporcións buscadas para o poemario permanecesen, tiven que retirar o texto que alí estaba previamente. Coméntoo porque vin que, na secuencia do libro, esa paxiniña foi a que máis respostas e comentarios me fixo chegar.

Penduro aquí o recitado solto desas liñas. Foi o colofón ao acto de presentación en Betanzos, na libraría Biblos. Como veredes, tiven o luxo de que me acompañase Miguel Anxo Fernán Vello.

O vídeo gravouno e pasoumo Xacobe Meléndrez Fassbender.

25 de abr de 2015

Asemblea nacional da Mesa en Pontevedra

Esta mañá estarei en Pontevedra na reunión nacional de socias e socios da Mesa. Realizarase no Centro Sur (antiga residencia Santiago Apóstolo) e tedes nesta ligazón todos os datos para non vos perderdes. Con certeza, a xuntanza servirá tamén para lle dar pulo á convocatoria de mobilizacións para o Día das Letras.

Entre as moitas actividades recentes desta organización fundamental para a nosa cultura, paréceme do máximo interese a campaña que acaba de iniciar conxuntamente coa CIG. Reparade en todos estes datos que cómpre que a sociedade saiba:


24 de abr de 2015

Versos para a sexta feira: Gonzalo Navaza


Lobo e pedra

Abre paso
     entre os corpos
               dos danzantes
a sombra sixilosa
do lobo multiforme.
                         Arrepío
no espiñazo das árbores
ventando a morte.

Igual ca un desafío,
contra o lobo levanto
a voz onde porfío
o meu son a soar.
Por máis que todo canto canto canto
se esfarele no ar.


(Gonzalo Navaza)

22 de abr de 2015

Os pequenos actos, os pequenos xestos



Máis ou menos por estas datas, mais hai xa seis anos, andaba por Ordes ministrando no IES Nº 1 unha conferencia sobre a situación da lingua galega, convidado polo profesor Xosé Bestilleiro. As fotos todas dese día podedes achalas nesta ligazón, que me pasaron hai algunhas semanas e que me fixeron pensar nalgunhas cousas.

A primeira -aínda que talvez sexa unha evidencia, mellor é non esquecela- é sobre o moi diferente que é a recepción dos estudantes a estas ideas segundo cal sexa a súa relación coa lingua de Galiza.

A segunda é que, aínda que este tipo de actos supoñen un esforzo, son sen dúbidas necesarios e útiles; o debate, a información, o contraste de pareceres son fundamentais para termos unha cidadanía formada e con criterios propios.

A terceira é que é curioso como, anos máis tarde deses eventos, rapaces e rapazas que xa non están no instituto e con quen só estivera 40 ou 50 minutos, me saúdan pola rúa e se me paran a falar para comentarme algún parecer ou algunha opinión sobre a situación do idioma. Son, é certo, pequenos logros, porén é sabido que é moitas veces cos pequenos xestos como se poden dar conseguido as grandes transformacións.

Continuamos!

21 de abr de 2015

A superficie dos lindes

Reproduzo a continuación o artigo da profesora e crítica Inma Otero Varela sobre Atravesar o fantasma, publicado no semanario Sermos Galiza. Aprendín moito do que viron os seus ollos nos meus versos:

“A superficie dos lindes”, Inma Otero Varela

Como os fantasmas, o poemario transita polos recunchos das fronteiras. Converte as interseccións de imposibles en centros de gravidade. Dous dos temas fundamentais, o tempo e o suxeito, ou o suxeito no tempo, poñen de manifesto o primeiro límite: o dos xéneros literarios. Atravesar o fantasma preséntase desde o comezo como unha sorte de autobiografía dun “pasaxeiro en tránsito”, título do quinto e último apartado. Precisamente a dimensión temporal, a secuencialidade duns acontecementos, é o que ten caracterizado á narración malia que se inclúa en moitos textos líricos. Pola contra, a subxectivide deste “eu” viaxeiro, propia da poesía, atópase en moitas narracións que teñen como trama a construción dun suxeito, como todos, problemático. Así o “eu” é aquí un espazo, unha paisaxe que o tempo modifica, elemento tradicionalmente vencellado ao relato.

Os lugares do íntimo constrúense superando os obstáculos que fican fóra da pel. A morte do pai, a descoberta da sexualidade, a experiencia do amor e o fracaso baten coa peritaxe da sociedade. Máis aínda cando non se axustan ás normativas. O “pequeno do finado de Callón” (p. 18), a “diglosia da sexualidade” (p. 30) son etiquetas para o orfo antes de tempo, para o homosexual. Pero ao campo semántico da dor (medos, temores, dúbidas, sospeitas) sobreponse o da loita. Non se quere só sobrevivir ao estigma. Búscase subverter os marcos, transformar o prexuízo en normalidade, abrir unha fenda que achegue a marxe ao centro. O pulo vital e a ironía anulan a autocompaixón e proxectan a subxectividade cara o novo tempo do futuro, esoutro lugar fronteirizo que resoa en toda a obra, paralelo aos espazos da felicidade nos que habita o mar, o sol e o piñeiro, símbolo do eu.

O espazo da confluencia ciméntase co coñecemento. Predominan os verbos do saber, ás veces conxugados en segunda persoa de plural do futuro: “comprenderédesme” (p. 31). Trascéndese o ton confesional para alcanzar unha forma de sapiencia, de criterio sobre un mesmo, ao tempo que se cambian realidades. A linguaxe bordea tamén as estremas do coloquial para adentrarse por veces noutras fonduras. Na conversa sosegada que se establece co lector-confesor introdúcese a análise para desfacer os relatos que nos contan a nós mesmos e as nosas sociedades. Tamén os míticos como ocorre coa Odisea. O referente xa non é o elemento masculino nin sequera para artellar a reinvindicación de Penélope ao xeito de Xohana Torres. O eu non quere ser Ulises nin Penépole. Non hai o empeño de ter que navegar á forza cando se prefiren outros transportes.

O coñecemento susténtase nos números. As matemáticas ordenan o mundo racional, pero de novo agochan os recunchos insondables da cábala. Vóltase ás encrucilladas da numeroloxía. O eu cifrado establece no primeiro poema, coa axuda da Divina Comedia, a fórmula que desenvolven os trinta e cinco textos, como os trinta e cinco anos do poeta real, e os trinta e cinco anos nos que Dante imaxinou erroneamente que ancoraba a metade da súa vida.

O xogo especular do eu acrecéntase co uso do nome do autor empírico como sinatura deste primeiro poema. Tamén a gramática que dá forma ao outro emprega a máscara. O apartado “O amor no pronome” destapa o falso tolerante que só admite a existencia no gueto, espazo valado que converter en parcela aberta, mentres descobre ao ti como construtor da subxectividade. O amor tamén é escenario para a teatralización, como ficticio é o desexo de eternidade. A contradición habita no rexeitamento dos amores que buscan a perpetuidade do estatismo. Os amantes que anulan o tempo con cirurxía, músculos e virtualidade son, á fin, amores de paso. E velaquí a sabiduría final. Saber é sentir. A percepción intuitiva e emocional prefírese á percepción intelectual. Deste xeito o corpo, presente ao longo de toda a obra desde o primeiro verso do segundo poema, ou o primeiro se temos en conta que o anterior actuaría de prólogo, “mírame aquí o que teño no corpo”, imponse para afirmar no título do último texto que “continuar vivo e continuar ferido”.

16 de abr de 2015

Así foi o roteiro de hoxe en Compostela sobre a homosexualidade na Idade Media

Sei que desde Ultreia axiña publicarán máis imaxes e penso que tamén houbo xente que fixo pequenos vídeos. De momento aí van as primeiras fotos (procedentes das redes sociais de @GoDiAl e @ACOGalo) do percorrido que realizamos hoxe por Compostela en defensa da diversidade sexual e da memoria, baseándonos nos datos que se recollen no ensaio Amigos e sodomitas.

Eu divertinme moito. Espero que vós tamén!




 





15 de abr de 2015

Roteiro Amigos e sodomitas


Mañá ás sete sairemos desde a libraría Lila de Lilith de Santiago para facermos un percorrido por varias historias da homosexualidade na Compostela medieval. Nesta ligazón tedes máis información sobre o acto, que é gratuíto e aberto a todas as persoas que estiverdes interesadas.

Por se tiverdes curiosidade sobre o libro Amigos e sodomitas, neste pequeno relatorio do Centro de Investigacións Ramón Piñeiro podedes ver a síntese dalgunhas das recepcións publicadas en papel sobre este libro no momento da súa saída.

14 de abr de 2015

A ollada de Galeano

Nunca vin en persoa a Galeano, aínda que veu unhas cantas veces por Galiza e ten mostrado en público o seu apoio ás nosas causas. Nunca o vin en persoa, digo, mais a nova da súa morte si me puxo triste. Foi tanto o que teño desfrutado lendo as súas páxinas e tantísimo o que levo aprendido del e comprendido grazas a el desde a adolescencia!

Xa non imos ter os seus ollos para entender o mundo. Fícanos, por sorte, a ollada que nos herdou.

13 de abr de 2015

Música para a segunda feira: Parabéns para ti!

Lembro moi ben o día en que o compañeiro Xosé Cotelo, responsábel da Mesa en Bergantiños, chegou coa proposta de gravar unha canción para popularizar no noso idioma os parabéns polo día dos anos. O resultado é este éxito, froito da colaboración entre A Mesa, o Concello de Carballo e todas estas estrelas:

11 de abr de 2015

"Ao ler ese libro, decidín que tiña que utilizar o galego para todo"


Onte estiven na libraría Biblos de Betanzos para participar nunha conversa por volta da miña última obra, Atravesar o fantasma. Nun poemario sobre a radical singularidade de cada persoa, como é esa, non pode resultar estraño que cada un dos actos de presentación sexa diferente do outro. Nesta ocasión o guía excepcional do evento foi o poeta e editor Miguel Anxo Fernán Vello. Falamos da sensorialidade dos versos e da cita ausente de Lacan; viñeron ás nosas bocas os nomes e as obras de Melanie Klein e Françoise Dolto; comentamos as dificultades para lle pór palabras á dor e ás perdas ou o papel das vidas na poesía e da poesía nas vidas... Foi unha enorme delicia compartir ese serán con toda a xente que alí se congregou!

Após finalizar o acto, un dos homes que me pediu que lle asinase un exemplar díxome que el se achegara até alí pola importancia que tivo na súa vida o anterior título que eu publicara, Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez. "Ao ler ese libro, decidín que tiña que utilizar o galego para todo", comentoume. A súa muller acrecentou, cun enorme sorriso: "Non sabes como sorprendeu a moita xente! Tamén no traballo se puxo a falar en galego!!!"

É verdade que non é a primeira ocasión que me din algo así por volta deste libro ou do seu siamés Como defenderes os teus dereitos lingüísticos. O caso é que, cada vez que me comentan algún deses seus froitos, non podo máis que pórme feliz, moi feliz, e coller forzas para continuar adiante no activismo en defensa do noso.


[Na ilustración, listaxe dos libros máis vendidos na sección "Gramática" en Amazon no conxunto do Estado español este sábado. A demanda de Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez é un bo sinal para o noso idioma, que moitos quererían ver como un moribundo.]

7 de abr de 2015

O 10 de abril vémonos en Betanzos


Esta sexta feira (venres) estarei na libraría Biblos de Betanzos, onde conversaremos por volta de Atravesar o fantasma. Será dentro do ciclo "Os poetas teñen a palabra", que coordina Miguel Anxo Fernán Vello.

Vémonos alí?

2 de abr de 2015

Atravesar o fantasma, de novo o libro de poesía máis vendido


Máis unha vez (e estou feliz, con certeza, da reiteración) hei de facer unha entrada neste blogue para dar as "gracísimas" pola acollida a Atravesar o fantasma: leva desde a súa saída hai cinco meses na listaxe dos libros de poesía en galego máis servidos e a súa demanda non só vai a menos, senón que crece. Obrigado de corazón polos brazos abertos con que recibistes e recibides esta miña creación.

Os datos, como é habitual, tómoos da relación mensual de obras máis vendidas en galego nos diferentes xéneros que publica o crítico Ramón Nicolás. Toda a información está nesta ligazón.

O próximo día en que conversaremos por volta de Atravesar o fantasma será o vindeiro 10 de abril na libraría Biblos de Betanzos, dentro do ciclo "Os poetas teñen a palabra".

Bicos!