31 de mar. de 2015

16 de abril, roteiro pola homosexualidade na Compostela medieval

O 16 de abril de 1061 é a data do documento máis antigo que conservamos dun matrimonio homosexual en Galiza (ollo: sabemos que houbo moitos máis, polo contexto ou polos indicios, porén non os conservamos). Para festexarmos tan importante efeméride temos unha cita 954 anos despois ás 19 h na libraría Lila de Lilith de Santiago de Compostela.

Desde alí, nun acto organizado pola recén nada asociación Ultreia, realizaremos un roteiro pola homosexualidade pola Idade Media compostelá, partindo sobre todo do que publiquei no libro Amigos e sodomitas.

Unha das historias que recordaremos será a do santo popular Ataúlfo II, bispo de Iria Flavia, cuxa acusación de sodomía deu aínda para unhas cantas reviravoltas ao longo dos séculos. A imaxe que acompaña esta entrada fai alusión ao seu milagre.

30 de mar. de 2015

27 de mar. de 2015

Miquel Bassols: "Unha análise debe levar ao punto en que un suxeito se faga responsábel do seu desexo, con todas as súas consecuencias"

Penduro completa a entrevista con Miquel Bassols do número da revista Luzes publicado o mes pasado. As fotografías son de Pauloff.



Miquel Bassols, presidente da Asociación Mundial da Psicanálise: "Se Woody Allen se analizase cun lacaniano, os seus filmes terían outros finais"

"Unha análise debe levar ao punto en que un suxeito se faga responsábel do seu desexo, con todas as súas consecuencias"

A técnica psicanalítica estabelece que a cura se ha de alicerzar nunha palabra guiada pola asociación libre; isto é, a persoa que se analiza debe dicir na sesión, sen censura, todo aquilo que lle veña á boca. A cousa é máis difícil do que parece e por iso o principal continuador de Freud, Jacques Lacan, aseverou que en realidade a asociación libre é a menos libre das asociacións. Por que non guiarmos, pois, a entrevista co presidente da Asociación Mundial da Psicanálise, Miquel Bassols, aínda que só fose en parte, segundo esa regra? Así, propuxémoslle a esta referencia internacional na súa área un conxunto variado de citas co pedido de que el asociase libremente a partir delas. A conversa permitiunos debruzarnos sobre moitos temas sobre os que a centenaria Psicanálise se nos amosa máis actual que nunca.

Seguro que non fai falta que che indique quen escribiu a primeira cita: "Desira e viuràs" ("Desexa e vivirás").
Ah! Esa frase foi para min un encontro, un encontro na obra absolutamente ampla e alucinante do filósofo, teólogo, lóxico, precursor da informática... Tantas cousas que poderiamos dicir de Ramon Llull!
"Desexa e vivirás". Esa sería unha consigna para toda unha vida. Foi, con certeza, o lema para unha vida como a de Ramon Llull. É un imperativo ético, mais chamoume a atención que se puxese sobre o desexo, como o que é o desexo en Llull, que non é a satisfacción, que non é o pracer. É para el un traballo incesante que lle fixo percorrer todo o mundo da súa época, até os oitenta e pico de anos, cunha serie de andanzas e carreiros que darían para un filme excelente, por outra banda, porque tivo unha biografía moi rocambolesca.
O caso é que sempre se moveu por ese imperativo: "Desexa e vivirás". O que é dicir: pensaba a vida e a posibilidade de estar vivo como unha consecuencia do desexo. Era dar ao desexo unha forza que encontramos tamén no ensino de Lacan, cando fala do desexo do suxeito como aquilo que o move e que está no fundamento mesmo do seu sofremento...

Que o desexo está mesmo no fundamento do seu sofremento?
Si, do seu sofremento, porque o desexo tamén nos fai sofrer. Cando queremos algo realmente, aceptamos sofrer, aceptamos certo grao de malestar, e é moi importante ter esa dimensión. Non hai ningún tipo de adquisición cultural mais tampouco de adianto no saber subxectivo que non implique certo sofremento. Iso, en efecto, parécenos agora moi difícil dicilo en segundo que lugares, mais hai que reivindicar o certo grao de malestar, de para alén do principio do pracer, que implica o desexo. Cando hai un desexo serio, cando hai un desexo decidido, un está disposto a certos inconvenientes na vida e a sacrificar certas cousas. Esa é a dimensión ética de Ramon LLull, en pleno século XIV, anticipando algo do que está en Lacan: tomar a serio o que un desexa  para saber levalo a cabo, a pesar de que puider haber un certo grao de despracer niso e sabendo que o que se obtén é moito máis pracenteiro. Cando un atravesa esa pantalla do suposto benestar no pracer e se toma a serio o seu propio desexo, non só produce novas cousas, senón que ademais obtén un plus de satisfacción que é moito maior do que esperaba.
Así, "Desexa e vivirás", que puxen como exordio na miña tese de doutoramento, paréceme un bo lema, que combina totalmente coa ética do desexo que introduciu Lacan coa Psicanálise do seu tempo.


A seguinte é unha frase de Paul Auster, que se entronca un pouco co que acabas de comentar: "Non é que escribir me produza un gran pracer, mais é peor se non o fago".
Si, con certeza, vai nesa mesma liña. Xusto estes días estou a ler o seu Report from the Interior. É  un relatorio sobre o máis íntimo, unha especie de romance-diario que nos formula doutro xeito como facer da intimidade algo que se poida expor, que se poida transmitir; como facer do espazo interior un espazo exterior tamén. Nese traballo Paul Auster segue a máxiama luliana, se se pode dicir.
A experiencia do escritor, cando é unha verdadeira experiencia, sempre ten esa dimensión. Marguerite Duras tamén dicía que lle resultaba inaturábel escribir, mais que non podía non facelo, que non facelo era corenta veces peor. Achéganos tamén esa idea de que cando hai o desexo posto nun traballo implica un punto de sofremento que se está disposto a atravesar para producir algo novo. Paul Auster é un bo exemplo no campo da literatura para nos debruzarmos sobre esa dimensión, que achei tamén en moitos autores actuais que dan conta desa "tortura" (chegan a dicir) da escrita, mais unha tortura da que non se poden dispensar, porque non poden vivir doutro xeito.

Iso implica que a fronteira ás veces entre desexo e gozo (o gozo é como Lacan denomina a pulsión de morte freudiana) ás veces é tenue?
É tenue, con certeza. Aínda máis: Cando o desexo se leva até as súas últimas consecuencias comeza a aparecer axiña esa dimensión de gozo que implica un traballo, implica un para alén do principio do pracer. Si, implica algo ás veces un pouco torturante. Mais a tortura de pasar diso é moito peor, iso é o que hai que entender. É o que di Paul Auster nesa frase. Se un quere pasar, prescindir ou borrar esa dimensión do traballo do desexo, o que vén despois no síntoma é moito peor.


A seguinte cita para continuarmos co xogo da asociación libre é da figura mítica de Tiresias e que fascinou a Pascal Quignard: "Un vive se non chega a coñecerse".
É unha frase interesante, pois presenta unha disxunción entre vida e coñecemento, entre o feito de vivir e o feito de coñecer. Preséntanola ademais Tiresias, que se movía sempre, como sabemos, nos dous lados da sexuación (tiña ese privilexio, de poder ver as cousas do lado masculino e do feminino, do lado fálico e do non fálico).
Eu diría que é en realidade unha disxunción entre o feito de gozar e o feito de saber, para tomar as categorías de Lacan. Vou traducir a frase de Tiresias: "Non sabemos de que gozamos cando vivimos". Ou sexa, hai algo do gozo propio que se nos escapa irremediabelmente polo feito de vivirmos. Iso formularíanos unha división entre o que cremos saber como coñecemento consciente e aquilo de que gozamos de modo inconsciente, por dicilo coas categorías freudianas. Vivimos na medida en que non somos conscientes daquilo que nos fai vivir, co que vivimos. Gusto da frase na medida en que formula esa división entre coñecemento e desexo ou entre saber e gozo, de que hai algo que nos foxe totalmente.
Mais coido que sería unha frase para lla formular, sobre todo, a un cognitivista porque, precisamente, o coñecemento foi tamén algo moi idealizado, o coñecemento como relación obxectiva co obxecto do saber. Iso é así porque ás veces o ideal de coñecemento obxectivo o único que nos trae é máis ignorancia sobre o saber do noso gozo. Iso ten consecuencias clínicas moi claras. Canto máis tentamos obxectivar formas de tratamento, de traballo ou mesmo de pedagoxía orientadas unicamente na adquisición de coñecementos, máis deixamos de lado aquilo que máis pode conducir a progresos no saber, que é da orde do gozo. De xeito que a frase de Tiresias nos di que, si, gozar da vida implica un punto de baleiro de coñecemento, o cal á vez é moi taoísta.
Todo isto expón unha verdade: preferimos non saber. Freud mesmo chegou a pensar nalgún momento que había unha pulsión de saber, e chegou a acuñar o termo, mais despois decatouse de que iso era moito máis complicado. Lacan parte do presuposto absolutamente contrario: o suxeito non quere saber, non quere saber nada diso. É mellor partir da idea de que hai algo sobre o cal non queremos saber nada que non que queremos sabelo todo, porque non é verdade. Iso comprobámolo os psicanalistas na primeira entrevista, cando o analizante comeza a falar da súa propia vida e axiña aparece a dimensión daquilo do que non se pode falar, do cal é mellor non saber nada, daquilo do que non quixo saber nada e mesmo até o punto que pode ser que fale por vez primeira diso en toda a súa vida cando se dirixe ao psicanalista. Por tanto, é mellor partir desa idea, que por outra banda é absolutamente evidente e clara se un se detén a escoitar un pouco, que é que hai algo do cal non queremos saber nada.

Pois imos agora cun pequeno saber sobre as parellas, a través dun potente verso dunha poeta galega, María do Cebreiro: "Todas as relacións son a distancia".
Eu só poría un matiz: "cada" relación é "unha" relación a distancia. Así sacámonos de enriba o "todas" as relacións, porque non sei o que son "todas" as relacións. É mellor velas unha por unha.
Iso resóame inmediatamente coa idea lacaniana de que "non hai relación sexual"; dito doutro xeito: non hai relación que poida levar a unha unidade mística. Se Lacan coñecese ese verso de María do Cebreiro daríalle moitas máis voltas sen dúbidas das que eu lle darei. Mais a primeira que eu lle daría sería que "cada" relación é a distancia na medida en que a distancia entre o un e o outro é insalvábel. Iso para Lacan tivo unha tradución directa: "non hai relación sexual", que quere dicir que non hai nada dun sexo que conduza inevitabelmente para o outro, hai unha distancia insalvábel que suplimos do xeito que podemos. Normalmente, coas nosas fantasías, co síntoma... con múltiplas formacións que inventamos para cubrila.
Mais é certo, hai unha distancia irredutíbel en toda relación, que é tamén a que fai que un pense que hai relación. Se esa distancia se extinguise, un xa non podería pensar nin que hai relación. Si, a idea de relación inclúe a necesidade dunha distancia.
Iso conéctase tamén coas relacións entre as linguas, as culturas, o Outro, o estranxeiro... Lévi-Strauss sostiña, en contra doutras políticas de integración absoluta, que ás veces é mellor manter os lugares separados, para que algo dunha relación se faga posíbel. Iso vai contra a idea de integración, de homoxeinización, ás que nos vemos levados con moitas políticas culturais, mesmo a nivel pedagóxico. Por exemplo, eu vin iso no problema da integración a calquera prezo das crianzas autistas nas aulas das escolas. Iso produce estragos brutais, para a crianza autista e para as outras.
Mais tamén podemos falar diso no campo das culturas. Ás veces, é mellor ter a idea de que hai que vivir simultaneamente nos mesmos espazos mantendo as distancias e o respecto ás particularidades, ás formas de gozo diferentes. Canto máis un quere unificar as formas de gozo, nunha relación unitaria, abolindo as distancias, máis problemas de segregación nos encontramos. Iso sería unha consecuencia política do verso desa poeta galega que daría sen dúbidas para facer todo un seminario.

Continuamos con versos, desta vez tirados dunha canción dos exitosos Manel: "Però no saben que ésser atractius també pot comportar viure en un malson." (Mais non saben que ser atractivos tamén pode comportar vivir nun pesadelo.)
Esta é unha frase para lanzar aos defensores desa  sacralización do corpo, do belo, da última moda, da imaxe que se nos vende... Mais comezaría subliñando as tres primeiras palabras: "Però no saben". Hai algo que non sabemos e que nolo podemos aplicar a cada un. Els Manel seguramente se poidan aplicar iso porque, con certeza, foron moi aprezados e tiveron un éxito grande mais, ás veces, eles mesmo han de saber que ser tan aprezado pode conducir a un pesadelo. Sobre todo o pesadelo de que un non sabe que é para o outro.
Hai personaxes que toman unha vida pública polo seu suceso, pola súa difusión, pola súa publicidade, polo seu lugar na política, etc. e entran axiña nese conflito. Iso ás veces escóitase en suxeitos que veñen á análise: persoas coñecidas que chegan e moi cedo fan aparecer ese pesadelo que supón seren confundidos coa súa imaxe pública ou co que, aparentemente, é máis agradábel deles.
Tiven oportunidade de ouvir actores que sofreron tanto diso que se colapsaron no exercicio da súa profesión. E é certo, porque ese culto ao atractivo, á imaxe de aparencia, ese culto ao semblante (para tomarmos un termo lacaniano), ao semblante como aparencia por si mesmo, pode levar ao pesadelo de ser confundido con esa aparencia. Porque o pesadelo aí cal é? O pesadelo é que aí un fica reducido a ser o obxecto da ollada do outro. Mais todos estamos baixo esa lei na contemporaneidade. Mesmo existe iso que desde hai xa tempo se chama o minuto de gloria de cada un, que é ser contemplado pola televisión, por todos os espectadores. Ter o minuto de pequena tortura, dosificada. Mais se non é un minuto senón horas, días, anos... Con certeza, aí vén o pesadelo.


A seguinte é dun filme, Born to be Bad: "Quérote moito. Desexaría gustar de ti!"
Dito doutro xeito: "Quérote moito, mais oxalá puidese gozar de ti, xa que non hai as condicións de gozo". Esa frase amósanos o paradoxo irredutíbel entre o amor e o gozo, que non van ao mesmo paso. Son dous campos disxuntos, que teñen puntos de intersección e o problema é como encontrar eses puntos.
Lacan gustaba de evocar o libro bíblico do Eclesiastés onde se di que o problema é amar daquilo de que un goza e gozar daquilo que un ama. Iso pódese aplicar ás parellas, sen dúbida ningunha, e de feito todos os problemas da clínica das parellas xiran ao seu redor; ouvimos ao mesmo tempo o "quérote moito" e o "mais teño problemas para gozar daquilo que quero". Boa parte da problemática dos síntomas e malestares actuais sitúase nesa disxunción do amor e o gozo. Eu mesmo diría que unha psicanálise é aquilo que ten por obxectivo gozar daquilo que un ama e amar aquilo do que un goza, aínda sen o saber. A primeira cuestión difícil xa é saber do que un goza realmente.
Boa parte das persoas que veñen a vernos fano baixo o peso que subxace nunha frase como a que aquí está dita nun ton máis humorístico.

E a última talvez sexa un resumo, ou non, de todo o proceso de psicanálise. De feito, é de Woody Allen, a quen en boa parte se lle debe a iconografía cinematográfica desta técnica. Imos coa cita. No seu filme Maridos e mulleres a personaxe do escritor termina o romance con esta frase: "Pode que, no fondo, se trate de non lle pedir demasiado á vida". Sería isto a conclusión da pasaxe polo diván ou é talvez demasiado pesimista?
O primeiro problema é vermos que é o que encarna a vida para cada un. Aí a vida está posta no lugar do Outro a quen un lle pide algo ou mesmo lle exixe algo. É certo que lle reclamamos á vida cousas que a vida non pode dar e, por iso, ás veces concluímos que nos maltrata. É un sentimento moi de Woody Allen, que hai algo inxusto na vida, que un non sempre está satisfeito.
Porén, acho que sería demasiado simple reducilo a que debamos axeitarnos á frustración da vida. Penso que ese é un discurso inclusive moi americano, de adaptación á realidade para conseguir todo o que for. Máis ben habería que tomalo como unha condición inherente ao desexo humano, que está destinado a ser por si mesmo insatisfeito. É o que o define: onde hai desexo, hai insatisfacción e, por tanto, hai un motor.
O que non parece soportábel é resignarse a non obter da vida o que un quere. O suxeito lacaniano é o que non se resigna ante o outro, ante o Real tampouco; que non abdica ante esa condición de estrutura, que é que a insatisfacción é inherente ao desexo. Non se resigna, senón que leva ese desexo sempre un pouco alén.
Agora que o dis, vin sempre que moitos finais de Woody Allen deixan o suxeito á mercé dese destino inefábel. A miña hipótese é que iso é porque non se analizou cun lacaniano. Porque a liña maioritaria da Psicanálise estadounidense finalmente si  renuncia, "hai que adaptarse a esa frustración da realidade, render as armas ante iso para vivir mellor e deixarse de tantas historias". Penso que, efectivamente, se se analizase cun lacaniano non terminaría os filmes dese xeito.
Encántame Woody Allen, mais penso que os seus finais marcan os límites da súa análise. Se for un pouquiño máis alá (aínda está a tempo) poría o suxeito do desexo como responsábel daquilo que finalmente escolle e que debe escoller.
Match Point é para min un bo exemplo, cando a pelota se detén na rede e hai unha foto fixa, sen sabermos se vai caer dun lado ou outro do campo; como se o suxeito estivese inerme e incapaz de decidir sobre o seu desexo, sobre a súa culpa, sobre a responsabilidade do que fixo na súa vida. Por iso saín de ver ese filme enfadado con Woody Allen. Non! Tes que facerte cargo de que lado vai caer a pelota! Non pode ficar nese punto de "o outro decide por min e eu non podo facer nada"!
Máis ben é ao revés: unha análise debe levar ao punto en que un suxeito se faga responsábel do seu desexo, con todas as súas consecuencias. O suxeito escolle de que lado do campo vai caer a pelota de tenis, non é o Outro. Nese punto, a psicanálise lacaniana aposta decididamente para que o suxeito se faga responsábel do seu propio desexo e dos seus propios actos.

26 de mar. de 2015

Poesía, vida, psicanálise, lingua e linguaxe

Eses son algúns dos temas que saen na conversa desta semana co xornalista Carlos Roma en Correo TV por volta de Atravesar o fantasma:



Moitas grazas polo interese, a acollida e o espazo!

23 de mar. de 2015

De Bueu a Betanzos

 
 

Desde o Museo Massó de Bueu pasáronme algunhas outras fotos do acto de presentación aló de Atravesar o fantasma. O próximo día xa marcado na axenda para conversarmos por volta deste poemario é o 10 de abril en Betanzos, no ciclo da Libraría Biblos "Os poetas teñen a palabra". Ficades convidadísimos e convidadísimas!

21 de mar. de 2015

Un mapa das e dos poetas da Galiza de hoxe

Precioso xeito de festexar o Día da Poesía este traballón de Noelia Gómez: un mapa de poetas galegas e galegos de hoxe, ordenados polo seu lugar de nacemento.

Na frechiña que a min me toca, na miña querida Ribeira, saio recitando un poema que finalmente non desembocou no título que alí insinúo (a gravación é de 2010, de aí a diferenza), senón no libro Atravesar o fantasma.

Non vos fai pensar o xeito que teñen de se distribuír os puntos pola xeografía galega? Tristemente, se a orde for polo lugar onde moran e non polo da nacenza, todos os botonciños estarían aínda moito menos dispersos.

As gravacións, como podedes ver, son froito doutro traballón constante: o da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.

20 de mar. de 2015

Unha entrevista na tele sobre Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez

O serán da vindeira terza feira, 24 de marzo, a televisión local de Compostela Correo TV emitirá unha entrevista sobre o poemario Atravesar o fantasma. Hai dous anos e pouco, nese mesmo espazo, tivera esta conversa co xornalista Carlos Roma sobre o libro Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, que daquela estaba a dar os seus primeirísimos pasos:


18 de mar. de 2015

Non podo vivir en galego, mais aspiro a iso

Este foi o titular da entrevista que me fixo o Diario de Pontevedra o ano pasado. Falo dos meus libros de defensa do idioma (sobre todo, de Como defenderes os teus dereitos lingüístico e Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez), da actividade da Mesa, das discriminacións a que nos vemos sometidas as persoas que queremos vivir no noso idioma... Mais tamén respondo un rápido inquérito sobre algunhas cuestións máis persoas. Se vos interesar, podédela consultar completa clicando nesta fotografía:


16 de mar. de 2015

"Ou tes feridas, ou non tes vida"

http://montsedopico.com/entrevistas/carlos-callon-non-hai-forma-de-vivir-sen-feridas-ou-tes-feridas-ou-non-tes-vida/
A xornalista Montse Dopico publica no seu portal M_ esta conversa arredor de Atravesar o fantasma.

As entrevistas e os encontros sobre o libro lévanme a un certo traballo de elaboración por volta dos significantes que van no poemario en negro sobre branco, e tamén arredor dos que van simplemente en branco. Este labor de delimitación de novos anacos de real que se atoutiñan nos versos fai que nesta ocasión dea algunhas respostas novas e matizadamente diferentes.

14 de mar. de 2015

A crónica de Manuel Bragado e o "teatro sen aplausos quebrando o diván"

Entre o traballón que realiza Manuel Bragado como editor está o de publicar no seu blogue, o decano Brétemas, crónicas sobre a maioría dos actos en que participa. Velaquí a que escribiu arredor da conversa sobre psicanálise, poesía e vida de Atravesar o fantasma. Permitídime antes que, tamén desde esta miña paxiniña, reitere o agradecemento e os abrazos para cada unha das persoas que ateigastes a libraría Couceiro nese serán en que tantos actos había na capital galega. Agora si vai a crónica ;)

Onte 1262: "Atravesar o fantasma"

Encheuse onte o terceiro andar da Libraría Couceiro de Santiago no acto de presentación de Atravesar o fantasma, o primeiro libro de poemas de Carlos Callón. Comezou o acto coa estrea do videopoema «O desexo está na pantalla», unha peza audiovisual de minuto e medio sobre un poema do libro, dirixida por Alberte Paz Calo e Alba Romero Diéguez, interpretada por Antón Blanco Casás e Luis Miguel Gendre. Interviu despois Fran Conde, profesor da Facultade de Filosofía, que leu un texto composto con versos dos poemas de Atravesar o fantasma. Confesou que o libro lle gustara moito. «Non sei se os poemas de Carlos son optimistas ou pesimistas, mais sei que están cheos de madurez. Servíronme de espello, porque comparten o enigma do diván, o enigma do corpo do outro en forma de sete.» «Este libro é como pasar polo teatro sen aplausos quebrando o diván, que é unha forma de definir a psicanálise.» «Un libro que toma conciencia da pulsión da morte en freudiano, do goce en lacaniano, e das tentacións suicidas en calloniano.» «A psicanálise coma experiencia para literaturizar o medo, para buscar as palabras que faltan.» «No libro o desexo é o baleiro entre as liñas.» «"O lobo constrúe casas e destrúe soños", quizais sexa o verso que mellor o define» apuntou Fran Conde para despois rematar o seu discurso dicindo que «este é un libro cheo de espellos, un lugar onde buscar a propia identidade, que sabemos está na propia procura, que non é outra cousa que a psicanálise.»
A seguir interviu a xornalista Montse Dopico que antes de comezar a conversa co autor cualificou o libro de activista, «forma parte dunha tendencia da literatura galega actual da afirmación do político dende o íntimo», «Un libro que reivindica o dereito á diferenza. Carlos Callón quere ser un activista do desexo e perseguilo». Na súa primeira intervención Callón defendeu a escritura de elexías. «Hai unha frase de Lacan que debería imprimirse en camisolas: "Un só pode sentirse culpable de non seguir o desexo". Eu a poesía que desexo escribir é esta, a pesar de que poeta a quen lle pasei no seu momento algúns destes poemas díxome que “escribir elexías é unha patraña”. Eu penso que chorarmos polas nosas propias perdas é algo indispensable.»
Cando Dopico preguntou sobre as pulsións de vida e de morte que atravesaban todo o libro, Callón afirmou que «todos os meus libros teñen vontade comunicativa, quizais coa excepción do primeiro, sobre a poesía galega de Lorenzo Varela. Este tamén. Son consciente que ten niveis de lectura e o que comprenda cada lector ben entendido está.» «En todo caso son consciente de que “Atravesar o fantasma”, o título do libro,  é un concepto lacaniano. Todo o texto está transido de Lacan.»
Preguntado por Dopico sobre a súa reivindicación dunha sexualidade disidente, Callón confesou que «a miña experiencia homosexual hai vinte anos é moi diferente á dos meus alumnos. Para entender esta mudanza foi radical o caso de Jesús Vázquez “o Bo”. No libro hai poemas daquela época que lembran que non hai eros sen tánatos, tanto para a homosexualidade coma para a heterosexualidade. Eu conto dende min, falo de min, mesmo cando o fago de forma incosciente. Quero que o libro se lea como un poema que fala de min e dende min.» «Non hai eros sen tánatos, continuar vivo é continuar ferido», lembrou facendo referencia ao derradeiro poema dun libro onde as cifras teñen importancia: «35 poemas cando cumprín 35 anos, cinco partes con sete poemas cada unha.» Rematou Callón a súa derradeira intervención dicindo: «unha das mensaxes do libro é a de recoñecermos as fendas, as faltas e que sen ferida non hai vida. Mellor é sabermos e recoñecermos que non hai vida sen ferida.»

12 de mar. de 2015

Da Coruña a Compostela, dunha escrita a outra escrita

Hoxe preséntase en Santiago o poemario Atravesar o fantasma, ás 20.30 h na libraría Couceiro. Nos comezos da semana pasada, ese mesmo título foi tema de conversa na Coruña, nun serán que resultou moi especial. "Entrañábel", dixo unha das presentes. Con certeza, para min foino, e tamén inesquecíbel, aínda que non podo máis que desculparme con toda a xente que non deu entrado na libraría que tan xentilmente nos acolleu.

No acto deste serán contarei coa compaña de Fran Conde (profesor de filosofía na USC e socio da Escola Lacaniana de Psicanálise), Montse Dopico (xornalista cultural, por exemplo no seu portal M_, e voraz lectora) e Manuel Bragado (director de edicións Xerais e unha das persoas que máis sabe en Galiza do mundo do libro, talvez a que máis).

Tamén estarán a directora e o director Alberto Paz Calo e Alba Romero, quen, xunto aos actores Antón Blanco Casás e Miguel Gendre, fixeron posíbel o videopoema "O desexo está na pantalla", que alí se estreará.

Vémonos ás oito e media?

11 de mar. de 2015

De Bueu a Compostela: o activismo, a poesía, as emocións



Mañá preséntase na capital galega o meu último libro, Atravesar o fantasma, que tivo xa o seu primeiro acto público ("presentación internacional", como ben brincaban alí) hai uns días en Bueu, grazas ao convite do Clube Golfiños, ao entusiasmo contaxioso de Manu Dopazo, á colaboración da libraría Miranda e á hospitalidade do Museo Massó, ao cal me comprometo a voltar máis adiante con vagar.

Foi un día moi especial, tanto pola xente que coñecín como pola xente con que me reencontrei. Entre este último grupo estaba a miña admiradísima profesora Carme Carral, cuxas clases de Historia eran un dos momentos esperados do día cando eu andaba polos 15 anos. Con que entusiasmo nos explicaba os zigurats! Como entendín os esquemas feudais cos exemplos das baldosas! Con que forza chegaba Galiza como pobo con pasado! Lembro, por exemplo, que a primeira vez na miña vida que escoitei falar do monarca galego Afonso VII, que lle dá nome ao centro de Caldas de Reis en que agora ministro aulas, foi a través das súas explicacións.

Houbo momentos posteriores a este acto de Bueu para unha rica conversa e, tamén, para a habitual dedicatoria de libros. Alí, unha muller pediume que lle asinase o poemario, mais non nas páxinas cos créditos do comezo, senón so o poema da páxina 52, e soltoume unha frase que aínda remoe en min. Na miña intervención eu marcara unha división entre os meus libros de ensaio como obras de activismo (mesmo naqueles de investigación, polos temas escollidos) e este poemario que agora presentaba. Ela, no entanto, soltoume con enerxía: "Isto, Carlos, isto é verdadeiro activismo!"

10 de mar. de 2015

Como se poden responder entrevistas sobre a poesía que un escribe?

A resposta non é fácil. Mira que dei entrevistas e conferencias de imprensa ao longo da miña vida, mesmo en situacións relativamente delicadas. Mais non é comparábel neste punto. Como se fala con certeza e seguridade, sobre todo con capacidade de comunicación, sobre os versos que un escribiu sen caer nos perigos que axexan, como a impostura, a retórica baleira ou talvez a incomprensión? Cos ensaios non tiña estas dúbidas! :)

Hoxe ás 13.20 tentarei sobrepasar eses problemas nunha entrevista sobre Atravesar o fantasma que emiten RNE 1 e RNE 5 nas súas desconexións para Galiza, con motivo da presentación esta semana en Santiago. Se a ouvirdes, xa me contaredes que vos pareceu.

Uns meses antes, en novembro, cando o libro acababa xusto de saír do forno, tivera estoutra conversa coa poeta e xornalista Xiana Arias para o Diario Cultural da Radio Galega:



Moitas grazas a ambas as emisoras por se faceren eco!

7 de mar. de 2015

Nova sobre Atravesar o fantasma na TVG



Na véspera da presentación na Coruña deste meu primeiro poemario, o programa Zig-Zag da TVG emitiu esta nova sobre o libro, que moito lles agradezo ás traballadoras e aos traballadores da nosa televisión pública.

O próximo acto en que conversaremos sobre Atravesar o fantasma será esta quinta feira (xoves) ás 20.30 h na libraría Couceiro de Santiago. Nesta ligazón está toda a información.

Continuamos!

6 de mar. de 2015

4 de mar. de 2015

Hai débedas insaldábeis


O xornal El Ideal Gallego sacou hoxe unha pequena información sobre a presentación de onte na libraría Suévia da Coruña do poemario Atravesar o fantasma. Foi un día moi especial, por toda a xente que vin, por todo o que alí se dixo... Cantísimo aprendín de Manuel Fernández Blanco, Inma Otero e Carme Fernández Sanjulián!

Síntoo moitísimo, iso si, polas persoas que non deron entrado na libraría. Desde fóra tamén me enviastes moitísima calor. Sentina. De verdade que chegou.

Non hai forma de corresponder tanto afecto. É boa verdade que hai débedas insaldábeis.

3 de mar. de 2015

Vémonos hoxe na Coruña!

Con motivo da presentación este serán do poemario Atravesar o fantasma, o xornalista Enrique Carballo fíxome unha entrevista para o xornal La Opinión de A Coruña. Podédela ler aquí. Vin, de novo, o difícil, mesmo o dificilísimo, que me é responder preguntas sobre este libro. Como se transmite a poesía sen facer trampas coa linguaxe? Pódese?

O titular pode sorprender, mais despois xa se matiza no interior. Non estou, claro, en contra de que teñamos momentos de felicidade e os poidamos comunicar, senón contra os imperativos que expresa a chamada psicoloxía positiva e a negación forzada -como se fósemos o Joker de Batman- de todo o que non sexa ha, ha, ha. Negar a tristeza, o sofremento e as perdas son absurdos que nos conducen a algo peor.

Por outra banda, deixádeme tamén que faga un outro matiz, que non souben transmitir como debería e sobre o que existe confusión na nosa sociedade. Non é o mesmo a Psicoloxía (que é unha determinada disciplina académica e profesional, por todas e todos coñecida) que a Psicoterapia (que é un proceso ou técnica de cura dunha doenza psíquica concreta) que a Psicanálise (a teoría da subxectividade cunha práctica clínica que non é psicoterapéutica, senón onde a cura se produce a maiores, mais non como un a priori buscado ou que puider resultar unha falsa saída). Supoño que non lle interesarán estes matices xerais a moita xente, mais non ficaba satisfeito se non os comentaba aquí  :) Para este libro o importante foi o encontro coa Psicanálise.

Quero agradecer tamén en particular a Enrique Carballo e ao xornal La Opinión por ofreceren este amplo espazo a unha conversa sobre a nosa literatura e, ademais, transmitida na nosa lingua.

2 de mar. de 2015

Atravesar o fantasma, libro de poesía en galego máis vendido en febreiro

A imaxe da esquerda está extraída do blogue Caderno da Crítica, o coñecido proxecto de Ramón Nicolás, no cal, entre outras cousas, se penduran ao comezo de cada novo mes os datos de vendas de libros na nosa lingua.

Non podo máis que estar inmensamente agradecido porque continúe o apoio a Atravesar o fantasma. Obrigadísimo pola acollida a este meu primeiro poemario!

Aproveito esta feliz nova para vos lembrar que as próximas datas de conversa sobre estes versos serán mañá, 3 de marzo, na Coruña (aquí todos os datos) e o 12 en Santiago (a info nesta ligazón).

Apertazas para todas e todos!