25 de fev de 2015

Bueu, A Coruña e Santiago: Atravesar o fantasma


Estas son as tres primeiras datas de encontro por volta do libro Atravesar o fantasma. Estades convidadas e convidados!

  • 27 de febreiro, sexta feira (venres), ás 20.30 h no Museo Massó, Bueu.

  • 3 de marzo, terza feira (martes), ás 20.30 h na libraría Suévia, A Coruña. Coa participación de Manuel Fernández Blanco, Carme Fernández-Pérez Sanjulián e Inma Otero. Aquí o evento no Facebook.

  • 12 de marzo, quinta feira (xoves), ás 20.30 h na libraría Couceiro, Santiago. Coa participación de Fran Conde, Montse Dopico e Manuel Bragado. Este día tamén se estreará o videopoema "O desexo está na pantalla", dirixido por Alberte Paz Calo e Alba Romero Diéguez, e coas actuacións de Antón Blanco Casás e Miguel Gendre. Aquí o evento no Facebook.

24 de fev de 2015

Un cartaz histórico de recuperación da memoria rosaliana

Acho que este cartaz sen asinar o imprimiu na década de 80 a Federación de Asociacións Culturais Galegas, xogando coa edición por parte do Banco de España do billete de 500 pesetas coa efixie Rosaliana e cuns versiños de Follas novas.

Na década seguinte aínda era posíbel encontrar dito cartaz sen problema en moitos locais nacionalistas e, de feito, sería arredor do ano 1995 cando eu o vin na sede do BNG de Ribeira. Recordo que me chocara. Eu aínda só sabía de Rosalía o exterior do iceberg que vira na escola. Moita paixón moveu despois en min ir descubrindo todo o que aínda había por debaixo da auga! Como era posíbel que dunha autora da que tantas veces me falaran non me contaran nunca todo aquilo?

A reprodución do cartaz tomeina da Fundación Bautista Álvarez, do Arquivo do Nacionalismo Galego:

22 de fev de 2015

O 3 de marzo na Coruña, Atravesar o fantasma


A terza feira 3 de marzo, ás oito e media do serán, a libraría Suévia da Coruña acollerá a presentación do poemario Atravesar o fantasma. No acto intervirán o psicanalista e psicólogo clínico no CHUAC Manuel Fernández Blanco, a profesora da Universidade da Coruña Carme Fernández Pérez Sanjulián e a crítica literaria Inma Otero. Eu tamén direi tres palabras.

O evento no Facebook é este.

As outras datas que xa podo confirmar de presentacións son o 27 de febreiro (a sexta feira próxima) en Bueu e o 12 de marzo en Compostela.

18 de fev de 2015

Entrevista con Miquel Bassols na revista Luzes


A técnica psicanalítica estabelece que a cura se ha de alicerzar nunha palabra guiada pola asociación libre; isto é, a persoa que se analiza debe dicir na sesión, sen censura, todo aquilo que lle veña á boca. A cousa é máis difícil do que parece e por iso o principal continuador de Freud, Jacques Lacan, aseverou que en realidade a asociación libre é a menos libre das asociacións. Por que non guiarmos, pois, a entrevista co presidente da Asociación Mundial da Psicanálise, Miquel Bassols, aínda que só fose en parte, segundo esa regra? Así, propuxémoslle a esta referencia internacional na súa área un conxunto variado de citas co pedido de que el asociase libremente a partir delas.
A conversa permitiunos debruzarnos sobre moitos temas sobre os que a centenaria Psicanálise se nos amosa máis actual que nunca.

Podedes ler a metade na páxina web e, completa, no exemplar en papel deste mes, o número 14.

Desde a revista realizaron algunhas pequenas porén simbólicas modificacións lingüísticas sobre o que eu escribín sen me preguntaren o meu parecer, algo co cal evidentemente estou en desacordo. Porén, iso non diminúe en absoluto o meu aplauso a esta publicación e mesmo o agradecemento polo traballo tan xeitoso e útil que realizan.

17 de fev de 2015

Presentación en Bueu de Atravesar o fantasma

Estou moi agradecido ao Club Golfiños de Bueu por organizaren a primeira presentación de Atravesar o fantasma. Falaremos e recitaremos, talvez estes versos, talvez máis cousas da vida.

Vémonos alí?

13 de fev de 2015

Versos para a sexta feira: Verónica Martínez Delgado

Foime difícil escoller un só poema dese magnífico e rompedor libro que é Ode à Madison Ivy e outras coisas de meter. Finalmente, decidinme por este:

Devoro
mais um vídeo teu:
enfermeira,
outro,
menina de escola,
prostituta de luxo,
professora,
secretária de escritório,
bombeira...
Nego
que me excites,
nego
que goste
do teu corpo de mulher
operada.
Nego-mo
enquanto
chego
ultrapassada
por tanto sexo explícito.
Apago tudo
e continuo,
bem comportada,
com as minhas pequenas coisas.

(Verónica Martínez Delgado, 2014)

12 de fev de 2015

Reseña no La Voz de Galicia de Atravesar o fantasma

O suplemento Fugas do xornal La Voz de Galicia recolleu o pasado 30 de xaneiro unha reseña de Ramón Nicolás sobre o meu primeiro poemario. É a sexta aproximación crítica que se fai a este libro, tras as de Chus Nogueira, Armando Requeixo, Elisa Lobeira, Manuel Rodríguez Alonso e Vicente Araguas.

Obrigado polas lecturas!

10 de fev de 2015

O 14 de febreiro, recital en Santiago d@s "Nov@s" da Biblioteca Virtual Galega


Pasaron trece anos e moitas, moitas cousas desde os inicios da Biblioteca Virtual Galega (BVG). Por iso cando Ramiro Vidal Alvarinho me convidou a participar neste recital a miña pregunta foi se non se estaría a equivocar. Eu estivera axudando aos inicios da BVG, so as ordes de Laura Tato, porén non me incluía alí como autor. Mais non, non era iso.

Tratábase de organizar un recital con xente que escribira daquela na sección de poetas "Nov@s". E, si, alí estaba eu, efectivamente, co moi débil pseudónimo de "Carlos Manuel Calhom" xD

Hai trece anos publicara nesa sección dous poemas, os cales viron a luz en libro hai moi poucas semanas -e con poucas mudanzas- no conxuntiño que é Atravesar o fantasma.

En fin, casualidades da vida. Se estiverdes por Compostela o 14 de febreiro, alí nos veremos!

9 de fev de 2015

Galiza viviu outra macromobilización en defensa do seu idioma

O movemento social en defensa do galego amosou onte que, a pesar dos moitísimos paus nas rodas por parte dos poderes, está vivo e forte.

Polas fillas dos nosos fillos!

Pola igualdade de dereitos!

Continuamos!


6 de fev de 2015

"O desexo está na pantalla", videopoema sobre Atravesar o fantasma


Moitísimas grazas ás talentosas persoas que idearon e están a pórse mans á obra co videopoema "O desexo está na pantalla", baseado nun dos textos do libro Atravesar o fantasma.

Axúdasnos a que se coñeza a convocatoria? Moitas grazas! ;)

5 de fev de 2015

Atravesar o fantasma, nomeado para os premios Ánxel Casal


A Asociación Galega de Editores entrega uns galardóns co que considera o mellor da produción editorial en galego do ano pasado e que levan o nome da pedra basilar da edición no noso idioma: Ánxel Casal.

Estou agradecido e honrado por escolleren Atravesar o fantasma entre as obras finalistas para o galardón da mellor obra de poesía ou teatro de 2014, xunto con estoutros magníficos traballos: Onde nunca é mañá de Manuel Álvarez Torneiro, Anamnese de Eli Ríos, Dun lago escuro de Marta Dacosta e Os privilexios dos sonámbulos de Pablo Bouza. Que me sitúen con tal elenco xa é un premiazo!

Grazas, moitas grazas, pola acollida!

4 de fev de 2015

A culpa é das familias


Desde a exitosa iniciativa Twitter en Galego, ideada por Carlos García Vieito, acaban de presentar unha páxina web para lle daren e para lle darmos aínda máis forza ao proxecto. Convidáronme a que lles enviase para a estrea un artigo de reflexión e análise sobre a situación do idioma. Púxenlle como título a patética sentenza do actual presidente da Xunta sobre por que se perden falantes.
"A culpa é das familias"

Hai que ver! Temos escoitado e padecido unha boa serie de infamias deste Goberno galego ("risa dáme ese nome que levás") sobre a nosa lingua, a nosa cultura, a nosa identidade. Que se "a cultura galega limita", que se o noso idioma "é un muro para o futuro", que se a razón para proscribir o galego das materias científico-técnicas é "a tradición"... Aí están as hemerotecas para nos traeren ao acordo os exabruptos e as medidas que os acompañaban.

Tras o tempo dos retrocesos, chegou o tempo da burla. "A culpa é das familias", desentendeuse con desprezo o presidente da Xunta cando lle preguntaron polo máis recente estudo sobre o declive de falantes.

Afirmou que a culpa era doutros, así é, o mesmo señor que por trámite de urxencia eliminou o galego como requisito para o acceso á función pública, coa aspiración de o converter en fala inútil; o mesmo que prohibiu os proxectos voluntarios de inmersión lingüística nas escolas das nosas cidades (as familias que se matriculaban tamén teñen a culpa?); o mesmo que tombou o prestixioso modelo educativo das Galescolas; o mesmo que destruíu 190.000 libros de texto por estaren escritos nesta lingua; o mesmo que cortou a colaboración e o apoio até matar de inanición un diario escrito, un semanario, un quincenal e varios xornais electrónicos que usaban o idioma de Galiza como vehículo...

É certo que esta lingua nosa perde bocas que a oxixenen. Por unha banda, polos falantes que a acaban abandonando pola presión social, como cando chegas a pedir un traballo e che preguntan arteiramente "¿Es que siempre hablas en gallego?". Mais tamén é debido, abofé, ás meniñas e aos meniños que non a chegan a adquirir como fala viva, ás veces porque se deixa de transmitir no fogar, mais tamén porque o lar non abonda hoxe para consolidar un idioma discriminado na rúa. Os actuais gobernantes aceleraron un proceso de residualización que non conseguen frear por si soas nin as máis voluntariosas familias.

Mais, que acontecería se as augas subterráneas que manteñen o galego como desexo e potencia puidesen saír á superficie? Dito con menos lirismo: Que acontecería se as institucións, e o Goberno galego á cabeza, apoiasen o noso idioma, cumprisen cos tratados internacionais que o protexen, se preocupasen para que cada persoa que queira vivir en galego poida facelo e que todas as persoas que queiran aprendelo teñan a oportunidade? Debemos conseguir que esta pregunta deixe de ser hipótese e se converta en feitos. A vida como pobo vainos niso. A igualdade de dereitos como individuos tamén a xogamos nesa liga.

3 de fev de 2015

Antón Parada, un fóra de serie

O mesmo prepara os plenos para -como concelleiro do BNG en Ribeira- combater o goberno do PP, que ministra aulas de latín ou galego no instituto da Pobra, que se pon a traducir no tempo libre o Código de Hammurabi para o noso idioma... Antón Parada é un fóra de serie!

                            

2 de fev de 2015

Un poema de Luís Amado Carballo para a Candeloria

 

Feliz día do amor para todas e todos!

A Candeloria

Na catedral do abrente
hoxe cásanse os paxaros,
con nubens de neve e ouro
está o ceo galanado.

Ficou o día ancorado
na ría donda do ceo.
Os roibéns soben no lonxe
como rosarios de encenso.

O xantar do casamento,
roibo, na palma da man
das eiras madrugadoras
xa está arranxado no val.

Vai tocando polo campo
a sua zanfona o rego
e canta o vento nas farpas
sonorosas dos piñeiros.

O campo as montanas ruzas
envolve en capa pluvial
co hisopo do sol mollado
dálles a beizón nupcial.

Do casebre nugallán
soben os vivas dos galos
e na festa desta noite
estrena un luar o campo.

(Luís Amado Carballo, Proel, 1927)

1 de fev de 2015

Atravesar o fantasma, entre os libros máis vendidos en xaneiro

Por terceiro mes consecutivo, o meu primeiro poemario publicado figura na listaxe de obras máis demandadas no noso idioma, que compila o crítico Ramón Nicolás.

No mes de xaneiro ficou, no xénero da poesía, por detrás da reedición do mítico título de Ronseltz e xunto con Joseba Sarrionandia (traducido por Isaac Xubín), María do Cebreiro e Marilar Aleixandre.

Grazas pola escolla, por me permitirdes estar ao carón deses nomes e polas reaccións que me facedes chegar. Hai cousas que me están a acontecer con este libro que non me pasaran con ningún dos anteriores que dei ao prelo.

As causas que me impediron poder realizar antes os actos de presentación de Atravesar o fantasma parece que se van estabilizando, así que confío en poder retomar axiña a axenda pública e anunciar datas para algúns pequenos encontros e recitais.

Continuamos! ;)