30 de jan de 2015

Versos para a sexta feira: Xoán Carlos Domínguez Alberte

Aprender as catro regras

+ horas de traballo
- soldo
x día de descanso sen cobro
/ pola parte proporcional dun xornal

No álbum Galicia mártir, en 1937, xa alertaba Castelao:
"Así aprenderán a non ter ideas".


(Rastros con enrugas, 2014)

[Hoxe, 30 de xaneiro, é o 129 aniversario do nacemento de Daniel Castelao.]

26 de jan de 2015

Música para a segunda feira: Miranda

A miña vida anda ultimamente rodeada de fantasmas, en varias acepcións do termo, mais ningunha delas entendida como 'pantasma, espectro, aparición do Alén'.

O primeiro deses fantasmas é, xa o sabedes quen pasades por aquí, aquel de concepción lacaniana que lle deu forma ao meu primeiro poemario.

Dicíame unha amiga de orixe arxentina que hai que ver de exorcizar tantos fantasmas, así que aproveito para pendurar aquí unha canción que xoga tamén coa fantasmagoría e é dun grupo que moito me encanta dese país:




16 de jan de 2015

Atravesar o fantasma, nos premios Fervenzas Literarias


O público do web Fervenzas Literarias elaborou, como cada inverno, unha listaxe sobre o que considera o mellor da literatura galega do ano que acaba de pasar. Dores Tembrás, Xosé Ramón Pena, Agustín Fernández Paz, Luís Davila, Alfonso Pexegueiro, Oli, Xesús Fraga, Ledicia Costas, David Pintor, Víctor Rivas, Armando Requeixo, María Fe González e Ramón Nicolás foron as persoas escollidas como mellores representantes do que a nosa cultura do libro ofreceu. Parabéns para cada unha delas, así como para as entidades colectivas tamén galardoadas (Culturgal, Galaxia, Couceiro de Santiago e Praza), pois son magníficos expoñentes de que Galiza ten moito para dicir e para dialogar co mundo.

No que me toca de xeito máis directo, quero agradecer os votos que tiveron en consideración o meu libro Atravesar o fantasma. Foi seleccionado xenerosamente como o 4º mellor poemario en galego de 2014 e cunhas compañeiras e uns compañeiros de auténtico luxo: a antes citada Dores Tembrás, María do Cebreiro, Eva Veiga, Manuel Álvarez Torneiro, Gonzalo Hermo, Luís Rei Núñez, Xosé Iglesias (tamén, coma min, co seu primeiro libro neste xénero), Marta Dacosta e Yolanda Castaño.

Así mesmo, alegroume infinito saber que a cuberta do poemario ficou como segunda nas votacións á mellor dun libro de adultos en galego do ano 2014. O deseño da colección é de Miguel Vigo e a fotografía concreta é autoría de Pauloff, en conversa cun cadro de John Kirby. Moi obrigado e moitos parabéns para eles!

Por razóns persoais tiven que pospor os actos de presentación de Atravesar o fantasma e tampouco puiden avanzar o suficiente nos proxectos culturais paralelos ao libro (un deles, moi vencellado co fotógrafo Pauloff). Cando sexa posíbel dar novas sobre calquera destas cousas, irei avisando por aquí, con certeza.

Viva a nosa cultura!

13 de jan de 2015

"Unha historia que nos pertence", por Xosé Feixó

Unha historia que nos pertence. A obra poética en galego de Lorenzo Varela foi o primeiro libro que publiquei. Debido ao feche da súa editora, A Nosa Terra, son pouquiñas as librarías en que se pode conseguir, a pesar de que transcorreron dez anos desde a súa saída, un tempo que non dá habitualmente para descatalogar un título.

Decátome, porén, de que esta obra sobre Lorenzo Varela e a literatura galega no exilio sofre un problema adicional que padecen as figuras a quen se lles dedica o Día das Letras. Unha vez que pasa a xornada parecería que os nomes homenaxeados o 17 de Maio son temas esgotados, sen interese, caducados. É unha dinámica sobre a cal tamén temos que traballar colectivamente para conseguir corrixila. (Xa, xa sei o que pensades, e concordo: "Son tantos os problemas sobre os que temos que traballar...")

O caso é que regreso hoxe a esa pequena investigación para pendurar neste blogue a reseña que daquela publicara o lingüista Xosé Feixó no Faro de Vigo. Aínda que xa transcorreron dez outonos desde iso, fique aquí constancia do meu agradecemento por se deter no libriño do rapaz que eu era nese tempo:

9 de jan de 2015

Versos para a sexta feira: Lupe Gómez

Videopoema realizado por DandyLady con textos dunha das mellores escritoras galegas dos nosos días, Lupe Gómez.

Deixo aquí toda a información que hai en Vimeo sobre esta creación:

DandyLady presenta Pornografía, un videopoema inspirado nos versos do libro homónimo da poeta Lupe Gómez, incluídos no espectáculo Desassossego.
Pornografía gravouse no verán de 2013, nas inmediacións do polígono industrial Porto do Molle un domingo caluroso pola mañán, mentres soaba o eco da orquestra que amenizaba o vermú nas festas de Parada.
Para visualizar correctamente este vídeo vostede ten que:
1) Apagar as luces.
2) Descalzarse (para sentir a herba en 3D).
3) Pantalla completa.
4) Play.


DandyLady - Pornografía from dandylady on Vimeo.

8 de jan de 2015

Coa revista Criaturas

 

A revista dixital Criaturas convidoume a tirar unha foto cunha recomendación dun libro de literatura infantil ou xuvenil. Estas son as razóns da miña escolla:

O misterio das badaladas foi un dos libros máis especiais que lin na
miña infancia. Moitas voltas lle demos as meniñas e os meniños da miña
parroquia aos misterios que nos formulaba Xabier P. DoCampo!


Con moitas máis edicións ás súas costas, continúa a ser un libro moi, moi, moi recomendábel.

2 de jan de 2015

Atravesar o fantasma, entre os libros máis vendidos en decembro

Tras a festexada reedición de Unicornio de cenorias que cabalgas os sábados, do colectivo Ronseltz, e a forza d'Os inocentes de María do Cebreiro, Atravesar o fantasma faise un oquiño entre os libros de poesía en galego máis vendidos no mes pasado. Os datos son os que achega puntualmente Ramón Nicolás co reconto dun bo feixe de librarías que distribúen novidades no noso idioma.

Grazas tamén a todas as persoas que estades a agasallar nestes días con este poemario sobre a procura das determinacións da vida. Xustamente a fotografía de arriba, tirada do Facebook, é dun exemplar que lle deixou o Apalpador a unha gran lectora de poesía :)

Tamén teño que agradecer a todas e todos os que fan que Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez continúe a se divulgar por máis fogares, cos seus consellos para mellorarmos a calidade da nosa lingua, para lle darmos nova vida.

Este libro comezou o ano coa alegría de se colocar como a obra máis vendida en galego a través de Amazon. Iso si, que o Apalpador e os Reis Magos non esquezan que tamén se pode comprar nas librarías de sempre, esas que fan que a seiva impresa da nosa lingua se continúe a espallar polo país.

1 de jan de 2015

Este blogue e 2014

Por me distraer doutras preocupacións, bótolle un ollo á ferramenta de Google Analytics para saber que cousas vos interesaron máis ás persoas que pasastes por este blogue ao longo dos 365 días de 2014.

O primeiro que me sorprende é que, segundo eses datos, o 61% das persoas que entrades por acó sodes máis novas ca min: seica o 27,50% sodes de entre 18 e 24 anos e o 33,50% de entre 24 e 34. Se tal información for fiábel (que non o sei en que grao), pregúntome por que máis dese tempo ca da miña idade ou maiores? A resposta da fenda tecnolóxica non me vale...

Tamén me sorprende ver o dato (aquí teñen de todo!) de que o 57,34% das persoas que fixestes unha visita desde un dispositivo móbil foi desde un Apple iPad. Dade un saudiño quen así sexa, que vexo que sodes (ou fostes?) maioría.

Vou con outra curiosidade máis. Aínda que son diversas as procuras en internet que acaban por levar para acó, e algunhas son mesmo sorprendentes e inverorsímiles porque nada teñen a ver con esta bitácula, a que trouxo a máis xente é "carlos callón topónimos deturpados". Oxalá axiña non fixese falta unha procura tan patética que demostra até que punto continúan a vulnerarse dereitos básicos.

E imos xa coa derradeira curiosidade. As ligazóns máis vistas en 2014 foron:

1) Carta de despedida da presidencia (e de continuidade do activismo!)

2) Titular da TVG: "Os encapuchados falaban galego".

3) La imposición del gallego, en cifras.

4) "Encapuchados y con acento gallego" (de 2013)

5) A Esmorga: un novo salto para o cinema galego.

6) Desde o sábado será o novo presidente da Mesa. Forza!

7) Música para a segunda feira: Paco Nogueiras canta o Samaín e o galego.

8) Non aceptamos pulpo como animal acuático (nin como animal de compañía).

9) O Goberno galego favorece a ignorancia da cultura propia.

10) "Prefieren a veces callarse o contestar con monosílabos".