31 de dez de 2014

Un poema para o derradeiro día do ano


Estes versos están en Atravesar o fantasma, como conclusión da primeira parte do libro. Porén, inicialmente este texto pertencía e mesmo daba título a un outro poemario meu, terminado en 1997 mais inédito: Deses soños chamados Areeiros. Anos máis tarde refíxeno un pouco e simplifiquei o título a Areeiros, mais permaneceu igualmente inédito.

Só pasaron ao prelo estas liñas que agora reproduzo aquí. No entanto, aquela primeira versión do libro si a puido ler algunha xente en versión mecanografada, pois con Deses soños chamados Areeiros gañei aos dezaoito anos o 2º premio Francisco Fernández del Riego, na categoría dos dezaoito aos trinta (que alegría tan enorme levara!).

Algunha xente pregúntame por que non tentei publicar antes os libros de poesía que terminei xa desde hai anos, e non sei que dicir. Supoño que hai unha mestura entre a asunción de que era e é difícil publicar poesía, as dúbidas de exporse, o conflito normativo que daquela estaba máis cru (eu expresábame nos chamados mínimos) e, sobre todo, que as outras cousas en que andaba metido non me deixaban moito tempo para lle dar saída ao que ía facendo.

Sexa como for, estes versos de nostalxia e incerteza resumen como unha repetición o meu estado de ánimo de hoxe. Ai, os derradeiros días do ano!

Bicos e boísimos desexos para todas as persoas que pasades por aquí de cando en cando para me dardes unha visitiña! Vémonos en 2015 para pórmos de novo en común loitas e afectos.

24 de dez de 2014

Un poema de Eduardo Pondal para a Noiteboa

Nestes versos non está o típico "espírito de Nadal", mais eu si que vos desexo unhas boas festas e, como non estou certo de se voltarei por aquí nos vindeiros días, tamén aproveito para botarvos unha bendición laica que vos leve a un 2015 de moita saúde, algo de diñeiro e excedentario en amor.

Noiteboa, Noiteboa...!
Cal é a noite en que o ánimo turbado
non é de negras furias desgarrado,
que o corazón de sangre non se escoa...?
En vano, en vano o noso esprito soña,
en vano se consola do seu erro;
do seu sono o desperta un rei de ferro,
unha pantasma aspérrima e grandoña.

Eduardo Pondal, 24 de decembro de 1905

23 de dez de 2014

Hoxe con Yolanda Castaño en Santiago de Compostela

Hoxe estarei conversando con Yolanda Castaño a partir das oito do serán na libraría Couceiro de Santiago (praza de Cervantes) por volta do seu libro A segunda lingua.

Vémonos alí!




22 de dez de 2014

Música para a segunda feira: Dúas cancións ao Apalpador

As mulleres de Malvela parten dos versos tradicionais e Paco Nogueiras inventa unha cancionciña que un non pode deixar de cantar:




19 de dez de 2014

Hoxe entrégase o premio Abertos ao Galego


Neste acto non só se distinguirán empresas que apostan polo noso idioma, senón que tamén se dará un novo pulo a unha idea que non debemos esquecer este Nadal: a de consumirmos de forma responsábel coa nosa lingua.

Escollamos galego!

17 de dez de 2014

"Opera prima", Vicente Araguas

O escritor Vicente Araguas publicou no Diario de Ferrol do pasado 7 de decembro unha reseña de Atravesar o fantasma. Moito lle agradezo a atención e as palabras que dedica a este libriño.

Podedes ler o que escribiu clicando na imaxe que aparece arriba ou dándolle a esta ligazón, na cal se abrirá o documento en pdf.

16 de dez de 2014

"Poesía neorromántica e figurativa", Manuel Rodríguez Alonso

Velaquí a atenta lectura do poemario Atravesar o fantasma que realizou o crítico Manuel Rodríguez Alonso. Podedes lela completa nesta ligazón ao seu blogue.



10 de dez de 2014

"Atravesar o espello", Armando Requeixo

O crítico Armando Requeixo, unha das voces fundamentais para coñecermos a evolución da escrita literaria galega dos últimos anos, achegouse ao meu poemario Atravesar o fantasma.

Podedes coñecer a súa lectura ao completo na seguinte ligazón.

9 de dez de 2014

Titular da TVG: "Os encapuchados falaban galego"

A TVG salienta que uns criminais que actúan en Galiza falan en galego.

Isto é galegofobia, moito máis intolerábel nun medio público que existe para defender o noso idioma e para dar unha imaxe veraz do país. Súmase, iso si, a unha longa listaxe de oprobios no mesmo camiño por parte de diferentes medios de comunicación que presumen de galegos (botádelle aquí un ollo e arrepiádevos un pouco).

Podedes ver a nova, do informativo Galicia Noticias do 5 de decembro, no minuto 13 da seguinte ligazón.

Souben disto grazas á información proporcionada pola xornalista Iria Méndez.

6 de dez de 2014

"Prefieren a veces callarse o contestar con monosílabos"

Este pequeno vídeo fala da vida escolar en Friol no ano 1979, poucos meses despois de se aprobar a Sacrosanta Constitución que temos que continuar a tragar na actualidade.

Penso que é bo velo nestes días en que a saída dun novo estudo sociolingüístico fai que haxa xente disque sorprendida da caída de falantes do galego ou mesmo que acaba concluíndo que é unha "escolla libre" (!). Como é bo de ver, tal perda non é en absoluto espontánea, senón que ten causas que cómpre lembrarmos para podermos rectificar o camiño:


5 de dez de 2014

Atravesar o fantasma, entre os libros máis vendidos en novembro

É boa verdade que a xente non se pon a escribir ou publicar poesía pensando nas cifras de vendas, mais non agocho que estou feliz por ver que o poemario que botei á rúa, Atravesar o fantasma, está a ter unha boa acollida.

Segundo os datos que compila periodicamente o crítico Ramón Nicolás nunha ducia de librarías galegas, este foi o cuarto libro de poesía no noso idioma máis demandado no mes pasado, despois de cadansúa obra dos nomes escintilantes de María do Cebreiro, Xosé Iglesias e Eli Ríos.

Estou agradecido, moi agradecido, mesmo abraiado, pola aceptación e por algunhas mensaxes que me estades a facer chegar sobre o poemario. Obrigadiño!

3 de dez de 2014

"Fantasmas liberados", reseña no La Voz de Galicia

Elisa Lobeira asina este comentario sobre Atravesar o fantasma na edición da Barbanza do xornal La Voz de Galicia e no blogue da asociación cultural Barbantia:

1 de dez de 2014

Música para a segunda feira: Eli Lieb

Hoxe, un de decembro, é o aniversario do falecemento de Eduardo Blanco Amor, a quen debemos lembrar non só polo seu enorme talento literario, senón tamén polo seu apoio a numerosas causas, entre elas unha especialmente difícil nos seus tempos: os dereitos das persoas homosexuais.

Así que este ano decido homenaxealo pendurando por aquí dous vídeos dun músico gay actual, cuns temas tan charramangueiros como cando os amores que se cantan son heteros, a verdade :)