29 de jun de 2014

28 de jun de 2014

O neotrobadorismo e os homosexuais

Nalgunhas páxinas da miña tese de doutoramento -sobre a que espero traballar moito este verán- reflexiono sobre como algúns poetas homosexuais utilizaron os esquemas neotrobadorescos para poderen expresar en versos lucíbeis publicamente os seus amores. Isto vese á perfección en dous autores galegos, Fermín Bouza Brey e Eduardo Blanco Amor, mais tamén podemos encontrar exemplos noutros poetas do sistema lingüístico galego-portugués.

Así, un caso tamén moi clariño é o lisboeta Ary dos Santos, un home entusiasmado polos trobadores medievais (ouvide, se non, esta marabilla) e autor da letra da impresionante canción "Meu amigo está longe", a que lle pon voz a súa amiga Amália Rodrigues.

A versión orixinal, antes de lle dar música Alain Oulman, intitulábase xustamente "Cantiga de amigo". Velaí:
Nem um poema  nem um verso  nem um canto
tudo raso de ausência  tudo liso de espanto
e nem Camões  Virgílio  Shelley  Dante
o meu amigo está longe
e a distância é bastante.

Nem um som  nem um grito  nem um ai
tudo calado  todos sem mãe nem pai
Ah não  Camões  Virgílio  Shelley  Dante!
o meu amigo está longe
e a tristeza é bastante.

Nada  a não ser este silêncio tenso
que faz do amor sozinho o amor imenso.
Calai  Camões  Virgílio  Shelley  Dante:
o meu amigo está longe
e a saudade é bastante!

Non deixa de ser curioso que cando a xente se debruza sobre este texto pode entender ben un sutilísimo xogo equívoco en que se critican as guerras colonais da altura: o amigo está lonxe por ter que acudir a combater fóra de Portugal, polo que a expresión entre liñas consegue burlar dalgún xeito a censura. É porén máis frecuente que se esqueza o outro grande equívoco, co cal o escritor supera unha outra forma de censura. Ese xogo duplo é o que se activa por exemplo cando, xa na canción, quen fala se metaforiza como unha figura feminina (que, por tanto, non é: nin amiga nin noiva nin mai...). Aínda que nin tan sequera debería facer falta acudir a explicacións tan miúdas.
 
Si, xa sei que un poeta é un finxidor, que o eu lírico isto e aquilo, mais... cando falamos de homosexuais non estamos a falar de asexuais!




Existe tamén esta versión de Luís Cília. É moi diferente á forza pasional da Amália, mais o feito de partir dos versos primeiros de Ary dos Santos e de que sexa en voz masculina fana particularmente interesante:


27 de jun de 2014

Versos para a sexta feira: Lois Diéguez





FRORES DE PAPEL

Agallopamos longamente no siléncio,
nas palabras que non se atreven a sair,
como o paxaro que tenta o vóo primeiro;
no medo sementado en todos os invernos,
sen descanso, con paixón, con teimosia,
para facernos calco do cinismo e da mentira.
Os nosos ancéios, o branco sentimento,
o noso amor puro e sinceiro
foron desterrados, proibidos,
e sobre eles botaron cinza e lama,
cardos e silveiras, carraxe e hipocresia
nun intento sobrehumano para vencernos.
Temos o camiño ben marcado e sinalado,
aquel polo que se nos permite andar
con condicións –nunca poñernos á cabeza–,
adubiado con frores de papel,
con chios de paxaros de metal,
con silveiras de plástico e seixos de cartón.
O que saia por vieiros tanxenciais
é soterrado nas illas ermas e bravias,
paseado nun carro de bois polo País,
exposto á mofa, á risa e á carraxe,
aproveitado pola Ciéncia servil e podrecida
como mostra irrefutábel da monstrosidade.
Non é doado vencer tanta borralla,
mostrar as tripas verdadeiras dos mestres
cuia podrémia intentan agachar.
Non é doado, non, trocar tantos séculos de engano
e amosarse cada ún como o que é.

(Lois Diéguez, O ferro dos dias, 1982)

26 de jun de 2014

Hai un aniño, estabamos por Malpica

Non subira daquela a foto que me pasaron coa nova da presentación en Malpica de Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez. Aproveito para o facer hoxe, xa que se fan xusto 365 días dese encontro.

Que mágoa, iso si, que nin tan sequera novas coma esta vaian no noso propio idioma...

Pola nosa lingua, nin un paso atrás! Continuamos!

25 de jun de 2014

Sementemos a esperanza

Aínda non subín aquí as moitas fotos que me pasaron das conferencias que ministrei hai unhas semanas nos colexios Bayón e da Milagrosa de Oleiros, ambos en Ribeira. Prometo que o farei axiña, cando teña un pouquiño máis de vagar.

Mentres, vou pendurando esta páxina que me pasaron, pertencente á revista do primeiro deses centros. A agarimosa e entusiasta crónica escribiuna Cristina Argibay, de 4º da ESO. Moitas grazas, moza, polas túas palabras! Con xente coma ti, esta lingua ten futuro!


24 de jun de 2014

O Goberno galego favorece a ignorancia da cultura propia

Con este titular publicaron no suplemento A Chaira, do Diario El Progreso, a seguinte entrevista, con motivo do acto de presentación en Vilalba do libro Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez. Xa sabedes que as imaxes se poden ver ampliadas clicando nelas.



22 de jun de 2014

Ligazóns ao desvío para un 22 de xuño

Un traballador en Galiza gaña dous euros menos á hora que no Estado español.

"Aeronave esnaquizada", María do Carme García Negro.

"Cando no parque nos queixamos por entregar pequenos galego-falantes ao inicio da escolarización e no segundo trimestre xa case nos consolamos uns aos outros confiando en que algo irá callando a lingua familiar, e que acabarán volvendo a ela nalgún momento, non estamos esaxerando, nin sequera un pouquiño...", reflexiona Luz Cures Vázquez.

"Las limitaciones del debate monarquía vs. república", Vicenç Navarro.

Mudaremos os números de teléfono por dominios?

Falta pouco para o aniversario da traxedia de Angrois. Penduro por iso aquí unha entrevista que me pareceu especialmente interesante, a realizada a Cristina Sánchez Carretero por parte de Fernanda Tabarés en outubro do ano pasado. Fala sobre o dó nas traxedias colectivas.

21 de jun de 2014

Podes escoitar aquí a conversa con Nazaret López sobre Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez



A través da ligazón en youtube que está aquí arriba podes ouvir o diálogo que tivemos Nazaret López e este servidor o día 19 de marzo de 2014 sobre o libro Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez.

Hai unha pregunta que formulamos nos primeiros minutos e que deixamos sen responder. Sabes ti a resposta?

20 de jun de 2014

Versos para a sexta feira: Fran Cortegoso


É sorprendente,
non a noticia circundante para cubrir
a imaxe dun furacán atravesando América Central
ou o Caribe,
mais a compracencia con que o vento
vindo do Norte este día de xullo
trata as pólas do plátano nun xardín da Europa;
e non o voo dunha gacela sobre os campos etíopes
atravesando a boca dun guepardo;
e non a portada de National Geographic
testemuñando o cultivo de arroz nas montañas de Indochina
tras o ciclo do Monzón;
e nunca o tempo achegado do Imperio Macedonio
porque eles xa contemplaban este ceo nocturno;
porque hoxe me inquieta
só este compasado movemento
sen retorno.

(Memorial e danza, Fran Cortegoso, 2014.)

19 de jun de 2014

Contra a monarquía española, pola República da Galiza


O novo rei de España, Filipe VI, citou no seu discurso a Castelao como escritor e finalizou tamén con dúas palabras en catalán, en euskara e en galego ("Moitas grazas"). Esta diminutísima e insuficientísima chiscadela, que ten moito de cínica, é por algo: Hai territorios onde a desafección non só ten un compoñente republicano, senón tamén de rebeldía pola negación da súa historia colectiva e a subordinación da súa cultura; territorios aos que non lles chega cunha III República española, senón que reclaman que desta podremia carpetovetónica naza unha pluralidade de repúblicas, fraternas porén soberanas.

Mais se o novo Xefe do Estado por dereitos de consanguinidade e restauración franquista quere facer unha chiscadela á diversidade idiomática e nacional dos dominios en que ten a súa anacrónica coroa sería bo que o demostrase con verdadeiros actos. Como primeiro xesto, estaría ben que lle dese verdadeiro peso institucional a galego, catalán e vasco, que non son rexistros do español para fórmulas de despedida riquiñas, senón verdadeiras linguas (por exemplo, no web da Casa Real estes idiomas están nunha posición secundarizada a respecto do... inglés). Xa sei que é pedirlle pan ao vento, mais póñoo de manifesto porque non podemos deixar pasar que nin estes mínimos se cumpren. Non hai pluralidade: hai xerarquía e uniformización.

Necesitamos un poder institucional propio, que conte connosco, que goberne pensando nas nosas necesidades, que asuma como punto de partida que somos unha nación digna e con dereitos. Saiamos por iso á rúa contra a monarquía española, pola soberanía de Galiza, pola república galega!

18 de jun de 2014

La imposición del gallego, en cifras

O galego impúxose na educación infantil das nosas sete cidades durante o curso escolar que remata do desmesuradísimo xeito que podedes ver nas gráficas:










Así o demostra un rigoroso estudo da Mesa pola Normalización Lingüística, que podedes baixar en pdf desde esta ligazón. Así o sabe a Xunta de Galiza, que por iso se nega a dar os datos que debería ofrecer publicamente sobre as distribucións lingüísticas dos horarios escolares do país. Así non o demostran nin o Consello de Cultura Galega nin a Real Academia Galega que, conscientes do desastre, prefiren ollar para outro lado, asubiar e continuar co festín de migallas para hoxe e fame para mañá que lles ofrecen.

Como ben recordou onte o presidente da Mesa, Marcos Maceira, ningunha outra comunidade do Estado padece unha situación semellante coa súa lingua. É que, igual que nos recorda a canción, "Queren destruílo todo e comezan polo idioma". Porque saben que "se perdemos a fala non seremos ninguén", como nos recordou o noso poeta nacional. Temos as diagnoses, poñámonos cos remedios.

Non podemos tolerar a aniquilación da nosa identidade! Deámoslle forza á Mesa! Mobilicémonos en defensa da nosa cultura! Reclamemos ensino en galego para os nosos nenos e nenas! Activémonos!

17 de jun de 2014

E outra asemblea de formiguiñas

Todas estas presentacións de "libros de combate" na defensa do noso idioma son como pequenas asembleas de formiguiñas, nas cales falamos do que podemos facer, mesmo no día a día, para lle dar nova vida a esta lingua que nos une.

A última destas asembleas de formiguiñas en que participei foi a semana pasada en Vilalba, coa valiosa xente do Instituto de Estudos Chairegos. Continuamos!


 





15 de jun de 2014

Ligazóns ao desvío para un quince de xuño





O portavoz da Generalitat de Catalunya, Francesc Homs, di que o rei de España abdicou "para manter o negocio familiar".

Sermos chega ao número 100, a fronteira que cruzaron O Tío Marcos da Portela, A Nosa Terra e Nós. Non somos só un país de voluntariosos e fanados "números cero"!

A Xunta Electoral Central, recoñece, xa moi tarde e sen remedio, que o BNG foi censurado de forma inxusta durante a campaña electoral. Van dicir algo o resto dos partidos sobre o tema?

O escritor na súa terra: Xabier Docampo.

O Goberno español indulta un garda civil que permitiu e gravou unha agresión sexual (consistente en insultos e tocamentos non consentidos a unha muller que ía no mesmo tren ca el e un amigo del, que foi o agresor) e a un condenado por tráfico de drogas en Cuba. Un xa non sabe até que punto pode chegar a indignación e o noxo. Onde está a igualdade de dereitos?

A cantora angolana Aline Frazão defende mudar o termo Lusofonia polo de Galeguia:

"Há uns anos atrás, num evento literário na Galiza, o nosso Pepetela sugeriu que se trocasse a palavra Lusofonia por Galeguia. Galeguia, além de ter um som mais bonito, remete para a origem galaica da língua portuguesa e subtrai-lhe, elegantemente, o peso do passado colonial luso. Há muitos angolanos que não se consideram lusófonos mas talvez pudessem estar dispostos a pertencer à Galeguia, com a Galiza como entidade neutra e unificadora através da língua comum. Parece que o Pepetela estaria de acordo. Eu também. (...)

Imagine-se só? Vai ser que, afinal, não falamos a língua do colono: falamos galego de Angola, com o sabor bantu do Atlântico-Sul."

9 de jun de 2014

Música para a segunda feira: Mika



Non sigo a carreira do Mika co entusiasmo con que o facía en 2007, mais continúo a gustar moito del, sen dúbidas. Cancións coma esta, a pesar da súa tristura, tráenme moi bos recordos, moi boas sensacións.

6 de jun de 2014

Versos para a sexta feira: Medos Romero


Sóubenme lúa atrasada, perdida polo medio do día,
nó de vimbio moi fino,
bidueira de poucos redondeis.
Non alcanzo a expresar aínda
canto me entumeceu a chuvia,
canto adiviñaba no tacto ante tempo.
Sóubenme filla dos outonos,
muller mantelo, estrela e escarcha.
Anoei este canto co ritmo preciso
co que petaban as andaravías de latón dalgún día,
coa pureza dos primeiros narcisos do xardín,
coa friaxe toda que cala o esquelete das árbores.
Souben da dozura do vento en min,
ás veces da melea do meu corpo
e do agre nome das femias
do animal na boca dos homes.

O peso da derrota, Medos Romero, 2000.

5 de jun de 2014

De Tui a Vilalba


Na pasada segunda feira estiven por Tui, primeiro cunha rapazada do máis interesante no IES San Paio, e despois nunha asemblea de formiguiñas na Biblioteca Municipal. Falamos alí dos libros Como defenderes os teus dereitos lingüísticos e Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, mais tamén conversamos sobre a situación da Real Academia Galega, as forzas electorais e o idioma noso, os papeis dos medios de comunicación, os programas de tradución automática castelán-galego etc.

No serán da sexta feira (venres) 13 de xuño desenvolverase en Vilalba un acto semellante coa hospitalidade do Instituto de Estudos Chairegos. Vémonos aló?

3 de jun de 2014

4 de xuño, xornada de loita contra a LOMCE. Participemos!



Ademais da lectura do manifesto nos recreos, hai os seguintes actos reivindicativos, convocados pola Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público. Para máis información consultade o seu blogue. Movámonos contra a LOMCE e os recortes!
Vigo
MARCO (rúa do Príncipe).
Participan:

  • Zanfoneiros Sen Fronteira.
  • Quen cho dera.
  • Estudantado e profesorado anti-LOMCE.
  • Laura Quintillán.
  • O tear de Llerena.
  • Marta Quintana.
  • Tino Baz.
  • Suso Cortegoso.
  • Pepe Carreiro.
  • Celso Parada.
Santiago de Compostela
Praza do Toural.
Participan:

  • Alonso Caxade (mestre e músico).
  • Brais Fernandes e Sabela Dávila "Feito a propósito".
Ferrol
Praza do Himno Galego.
Participan:

  • Miguel Neira (música).
  • Grupo de teatro de Medulio.
  • O mago Fiz.
  • Lectura de poemas a cargo do alumno Daniel Amarelo.
  • Alumnado do Conservatorio Xan Viaño.
A Coruña
Performance reivindicativa no Obelisco.

Carballo
Concentración na Praza da Concello.

Cee
Concentración Praza 8 de Marzo .

Lugo
Concentración diante do Edificio Administrativo da Xunta (Ronda da Muralla).

Ourense
Concentración na Praza de San Martiño.

Pontevedra
Concentración na Praza da Peregrina
.

2 de jun de 2014

Mobilicémonos pola República Galega


Critico a permanencia da institución monárquica igual que critico que non se recoñeza a nación galega como verdadeiro suxeito político. Triste consolo sería ter unha República española que continuase a negar a nosa existencia e mantivese as políticas asimilistas e espoliadoras que se levan tanto tempo aplicando contra o noso país.

Por iso, estarei e anímovos a estardes nas mobilizacións que se desenvolvan en defensa dunha República de Galiza. Levemos a elas a nosa bandeira republicana, a galega: a que nos representa.

Non haberá verdadeira ruptura con esta podremia institucional sen a soberanía das nacións.


(Teño hoxe o acto de presentación en Tui ás 20 h de Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez. No caso de  se realizaren concentracións a esa hora, tentarei pospor o evento  para as 20.30 h no mesmo lugar. Calquera modificación pendurareina no Facebook e no Twitter.)