31 de mai. de 2014

De Cee á Guarda

Este serán andarei pola Guarda coa xente do Centro Social Fuscalho e con todas e todos os que vos quixerdes pasar. No seu local, situado en fronte da Atalaia, falaremos da situación e do futuro da lingua de Galiza, para o cal tomaremos como punto de referencia as páxinas do libro Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez:


Aproveito que continúo co percorrido polo país con esta obriña para subir unhas fotos que tiña pendentes dun acto semellante que se desenvolveu en Cee en abril... do ano pasado. Desculpade a demora! :)

Ese evento foi especialmente emotivo grazas ás palabras do rapazolo Pedro Gallart, que podedes ver xusto abaixo á esquerda. Ambas as imaxes son de Juanma Roquete.



Continuamos!

30 de mai. de 2014

Versos para a sexta feira: Yolanda Castaño


Tradución

Só descubrín a súa voz
cando falou nunha lingua que eu comprendía.

Mais non importa.
Imos excretando raíces convertidas en linguaxe.

(Que o meu nome podía ser
cuadrisilábico para ese idioma,
que podía relucir tan ben
se seguido de habibi.)

Importa menos o que digas se o dis
en italiano,
se o dis
en islandés.

A exipcia que coa zurda escribe en fronte de min
parece un espello.

Modelamos coas cinzas de todo o que un día
ardeu entre linguas de lume.

En todo caso, en todas partes, nós escribimos cara aos bordos
e outros cara ao centro.

Porque traes unha polca nas comisuras
haberá que aprender novos pasos de baile.

Mais non importa.
Todos os abrazos son
traducións.

(A segunda lingua, 2014)

26 de mai. de 2014

Hai moitas razóns para a esperanza

Un vicio moi noso (aínda que hai quen di que importado) é darlle sempre menos valor ao que se consegue nesta nación e a tendencia a percorrer os camiños como se estivésemos nunha procesión de flaxelantes. Algo diso vexo nalgúns comentarios que circulan pola rede.

Eu, que queredes, aínda que estou preocupado polo ascenso dos fascismos noutros países, vexo moitas razóns para a esperanza. Galiza mantén a súa voz en Europa, o PP baixa a uns niveis históricos e o nacionalismo galego resiste contra todo prognóstico, cunha liña soberanista máis acentuada e tras unha nova campaña en que a forza da militancia e unha excelente candidata lograron superar as novas toneladas de lixo e mordazas que se lle envorcaron.

A división da esquerda española fai que emerxa unha forza electoral nova, Podemos, sobre a cal aínda haberá moito para falar. Antigos votantes do PP parece que ficaron na casa (talvez algúns fosen para eses 20.000 máis para UPyD, mais case ningún para Vox) e talvez poderían reactivarse no futuro. Ora ben, unha cousa que nos recordan tamén estes resultados en que a esquerda supera amplamente o PP, é que a maquinaria electoral da gaivota non é invencíbel. Parabéns a toda a xente que axudou para iso, cunha aperta máis forte para todas e todos os que depositaron o seu voto en clave galega.

Música para a segunda feira: Suzy

Unha das cancións para este verán que xa ten que ir chegando ;)


24 de mai. de 2014

Queremos unha lingua máis viva, máis forte, sempre máis nosa


A semana vindeira e a seguinte participarei en cinco actos por volta do libro Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez. Tres serán en centros de ensino, e por tanto para as respectivas comunidades educativas, mais outros dous, ambos no Baixo Miño, son abertos ao público que se quixer achegar.

O primeiro destes será o sábado 31 ás 20 h no Centro Sociocultural O Fuscalho:


Xa na segunda feira (luns) seguinte, tamén ás 20h, falaremos de novo sobre as cousas que se tratan neste manual práctico, desta volta na sala Félix Rodríguez da Biblioteca Municipal de Tui, coa hospitalidade da dinamiquísima profesora Helena Pousa.


Pola nosa lingua, nin un paso atrás!

21 de mai. de 2014

Aos de sempre ben se ve que lles doe

A terceira forza nas anteriores eleccións europeas en Galiza, o BNG, non sairá nin un segundo máis nos informativos da RTVG no que resta de campaña. Xustifican a censura pura e dura cun argumento ridículo: que, como o BNG se presentaba nunha coalición máis ampla, os máis de cen mil votos que entraron nas urnas galegas con ese logotipo non contan. Vaia democracia!

Éncheme de carraxe esta mordaza aplicada discrecionalmente desde o poder ás ideas que máis incomodan ao propio poder. Unha e outra vez relense as regras do xogo para que fique claro que todo iso de que se pode escoller libremente non é máis que un slogan para as grandes superficies.

Tentarei axudar intensamente neste tramo final da campaña, para que a xente poida coñecer e valorar unha formación que os medios públicos autonómicos silenciarán, mais que existe e que ten a defensa da nación galega como razón de ser. A liberdade de expresión, o pluralismo político e os dereitos de Galiza son causas polas que paga a pena mollarse. Non ollemos para outro lado mentres estas cousas acontecen.

16 de mai. de 2014

O raposo Núñez Feijóo a coidar do galiñeiro

A xente da revista de humor Enchufados púxose en contacto comigo para unha entrevistiña. Pasáronme as preguntas cunha mensaxe na miña páxina no Facebook, respondinlles coas respostas, mais... Tristemente, pasoulles o que a tantas publicacións galegas: que o proxecto non pode continuar por problemas económicos.

Xa que lle dediquei un tempiño ao cuestionario, pendúroo por aquí por se a alguén lle interesar.

Ah! E non esquezades que esta noite vai participar o Marcos Maceira no programa Vía V e que mañá temos as mobilizacións de Queremos Galego en defensa do noso idioma! Continuamos!!!!

ENTREVISTA PARA ENCHUFADOS

- Está un máis relaxado despois de deixar un cargo como o que tiñas?
Aínda que xa non son presidente da Mesa desde o pasado 26 de abril, continuarei de vez na sala de máquinas até o verán, que supoño que será cando comece de verdade o período de descompresión.
De calquera xeito, non animei o meu relevo no cargo para estar máis relaxado, eh. A actividade vai co bicho, nun lugar ou noutro...

- Había moito ruído arredor da Mesa?
Por veces houbo ruído, si. Tentaron en varias ocasións difamala, porque hai grupos de poder aos que incomoda que exista un escudo cidadán organizado para defender o noso idioma. Porén, tivemos peito para dalas e lombo para levalas! Aquí continuamos!

- Do 1 ao 10, canto conseguiches normalizar a lingua?
Non todo se pode medir na vida. Coido que me esforcei en dar resposta cando había que dala e en propor adiantos cando se abriron espazos para iso. Estivese eu como presidente ou calquera outra persoa, o que non hai dúbida é de que A Mesa ten un papel fundamental na cultura galega e que continúa a ser moi necesaria.

- De verdade hai un monstro de 3 cabezas que ataca o galego?
Nunca o pensara así, mais podemos imaxinar a cabeza do poder económico, a cabeza do poder político e a cabeza do poder mediático. Van contra o galego porque van contra Galiza.
Iso si: todos os monstros teñen o seu punto feble. Galiza pode gañar o futuro.

- Dinos algún exemplo concreto para os que no día a día non nos decatamos dos obstáculos que lle están pondo á lingua.
Vou dicir tres. A Xunta ten prohibicións contra o galego no ensino que non se dan nin na hipercentralista República Francesa. A Xunta decidiu mudar o programa informático dos xulgados para que non se puidese usar o galego. O Goberno español comezou a impedir nos últimos dous anos o uso do galego en xestións que se podían facer neste idioma nas tres décadas anteriores. Se alguén pensa que en Galiza hai liberdade para usar o galego, por favor que faga a proba de tentar vivir nesta lingua.

- Que lle dirías ao que pensa que falar en galego é de nacionalistas?
Hai quen di que falan galego só nacionalistas e aldeáns. Primeiro, haberá que contestar que tanto uns como outros son fillos de deus. Cómpre tamén facer notar que se trata dun prexuízo que hai quen fomenta para considerar o galego non como unha lingua de verdade, senón unha xiria só apta para contextos moi concretos.
Cando Alberto Núñez Feijóo dicía en 2009 que a xente da Mesa nos queriamos apropiar do galego, retrucámoslle que a nosa reivindicación era que el se apropiase un pouco do idioma do país, por pouquerrechiño que fose.

- En que liga xoga o galego na actualidade?
Na das linguas minorizadas que aspiran á normalidade. A cousa está mal, porén non se chegou a un punto de non retorno. Podemos revitalizar o noso idioma se actuarmos con intelixencia, pedagoxía e decisión. Se non o facemos, o camiño que levamos é o da residualización.

- Que fai falta para o ascenso: máis socios, xogar bonito, cambiar de adestrador...?
Que haxa máis falantes, sen dúbida: a mellor defensa de calquera idioma é o seu uso. O xogo, bonito ou feo, sería o da propia sociedade; mais o que cómpre é poder xogalo tamén na casa e non que se conciba Galiza como un almacén de man de obra barata e recursos para malgastar. En cousas coma esas entendemos por que todas as linguas que se revitalizaron no mundo foron de países que avanzaron na súa soberanía.
Dos tres puntos que comentades, coido que o do adestrador é fulcral. Agora mesmo temos o raposo Núñez Feijóo a coidar do galiñeiro. Así, quen debería ser o principal defensor do galego está a ser o seu inimigo público número un.

- Moita xente que se manifesta a prol do galego pero logo as librarías non as cheiran. Isto é así? Por que cres que é?
Non creo que esa afirmación poida sosterse. A xente que se mobiliza en defensa dunha lingua é xente que ama a cultura. De feito –como é lóxico– véndense bastantes máis libros no noso idioma do que persoas veñen ás manis multitudinarias da Mesa ou de Queremos Galego.

- Coñecías a nosa revista?
Vira algo pola rede, porén o certo é que non me detivera até que vos puxestes en contacto comigo. Seguireina e comprareina! [Mágoa que isto xa non poderá ser...]

- Estamos a pensar en crear unha plataforma chamada "Queremos humor en galego", que che parece o lema?
Aínda que agora eu pasase dalgún xeito á reserva, podedes contar coa miña axuda naquilo en que vos puider axudar ;)

- Fai falta humor en galego?

Canto máis humor do bo, mellor. En galego, tamén.

- Que farás o Día das Letras Galegas?

Ás 12 do mediodía irei a unha das mobilizacións convocadas por Queremos Galego.
Pola tarde conto con participar na Carreira Popular Virxe da Guía, na parroquia de Ribeira que se chama como a actividade: Carreira. Non sei se darei terminado os dez quilómetros, mais a ver que dou feito... [Finalmente houbo mudanza de plans e o 17 pola tarde será con menos exercicio físico. A Carreira de Carreira tocará para 2015! xD]

15 de mai. de 2014

Viva a literatura galega!

O pasado sábado estiven no acto de entrega de premios literarios do Concello de Ames. A que sae na fotografía a contraluz é Luz Cures, unha das que recollía o galardón e ademais amiga, condición pola cal me perdoará o simple xogo de palabras co seu nome, ese nome que dará que falar na denominada Xeración da Esperanza.

Nestes días Galiza ferve de actos sobre a nosa literatura e a nosa lingua dunha a outra punta. Toda esa enerxía social culminará nas concentracións convocadas para este sábado ao mediodía por Queremos Galego. É bo e importante que así sexa, pois temos que facer ver e facer valer as nosas reivindicacións dunha política que si conte coa enorme riqueza que atesouramos na nosa cultura.

Conquistemos os pasos adiante!

14 de mai. de 2014

Galiza existe, Galiza resiste!



Penduro este spot non só porque apoie #OVotoQueLlesDoe, senón tamén porque apoio unha liberdade de expresión merecente de tal nome.

Non pode ser que se silencien nos medios públicos opcións políticas lexítimas e cun amplo apoio social, mentres outras opcións declaradamente antigalegas, residuais electoralmente e mesmo extrainstitucionais reciben máis espazo nestes mesmos medios públicos. Xa está ben de aplicar unha e outra vez limitacións e censuras coma estas contra o nacionalismo galego!

Se lles proe que continuemos a loitar por Galiza, aínda van ter bastante para rañar.

Demostrémolo o 17 de maio nas mobilizacións de Queremos Galego e o 25 de maio nas urnas!

Galiza existe, Galiza resiste!

Avelino 100


Hoxe ás 19 h na Urbanización Os Verxeis de Teo recordarase a figura de Avelino Pousa Antelo, un home exemplar e moi querido. Deixounos aos 98 anos e, se non fose así, xustamente hoxe sopraría as candeas do seu centenario. Se puiderdes participar na homenaxe, por favor levade até alí unha palabra e unha flor.

A min non me vai ser posíbel acudir, mais si estarán, portando tamén o meu afecto, varias e varios compas da Mesa pola Normalización Lingüística, asociación da cal foi presidente de Honra e á que axudou sempre que puido. Porque sabía que non hai máis remedio que mobilizarse ante "os descastados" que nos gobernan. Porque sabía que este non é un pobo derrotado nin o será mentres haxa alguén disposto a se rebelar.

Non hai dúbida ningunha de que, se puidese estar connosco, tamén collería con forza o seu caxato para se achegar o 17 ás mobilizacións de Queremos Galego, como estivo en tantas outras, por exemplo esa da fotografía de 2009.

Avelino: Continuamos! Podes estar certo de que non imos resignarnos!

13 de mai. de 2014

Letras gallegas

Non compro na FNAC por moitas razóns, que se poden sintetizar en catro: pola súa política laboral, por como actúa cal especie invasiva contra as librarías que garanten a distribución plural de obras, por como marxina a nosa lingua e por como despreza a nosa literatura.

Alguén podería pensar que isto último é por estritas razóns de mercado. Así, se cada vez actualizan menos as obras en galego e as poñen en espazos máis recónditos sería porque a xente non compra neste idioma. Mais xa querería eu que comparasen en público canto factura a FNAC da Coruña por libros en galego (ao que dedican só un estante e sen mesa de novidades), de libros en inglés (coido que tres estantes, falo de memoria), de libros en francés (un estante e medio) e de libros en alemán (aproximadamente medio estante). Dou fe, porque vou espiar por alí algunha vez que paso pola Coruña, que cando menos o espazo en francés case non se actualiza, porén existe máis oferta que en galego. Cales son as razóns? Estaría moi ben que nolas dixesen!

Reparade agora na parte superior da fotografía. Aparece primeiro "Literatura" e debaixo "Literatura galega". O adxectivo que ía até hai algún tempo no outro letreiro após o substantivo era "gallega". Desde A Mesa protestóuselles, porque era rechamante que os nomes das seccións en inglés fosen en inglés sen tradución, os de francés idem eadem idem e que, porén, a sección de Literatura galega non puidese gozar cando menos da mesma consideración. O triste é que, daquela carta que enviou A Mesa no seu día, parece que só nos fixeron caso nisto, e con esta solución tan estraña. Despois veredes que o de "Orden alfabético" aparece só en español; en inglés ou francés si usan cadanseus idiomas.

Un outro comentario importante sobre o tema é que tamén nesta sección colocan habitualmente literatura en español, ás veces asinada por xente oriúnda de Galiza, outras veces pola temática galega, outras porque son traducións de obras galegas e outras por criterios que descoñezo porque non cumpren con ningunha desoutras premisas. Así, do estante con obras en galego talvez haxa que restarlle cando menos media prateleira. Ollando para a foto talvez vos decatedes dalgunha (nunha primeira ollada, comprobo que o terzo dunha das baldas está con libros en castelán...).

Dicía que non compro na FNAC e, no entanto, como tamén dixen, si que vou espiar e botar un olliño a cousas. Se algún título me interesa, encárgoo nalgunha das librarías de Abertos ao Galego. Cústanme o mesmo e sábenme mellor.

9 de mai. de 2014

Versos para a sexta feira: Camões

Amor é fogo que arde sem se ver,
é ferida que dói, e não se sente;
é um contentamento descontente,
é dor que desatina sem doer.

É um não querer mais que bem querer;
é um andar solitário entre a gente;
é nunca contentar-se de contente;
é um cuidar que ganha em se perder.

É querer estar preso por vontade;
é servir a quem vence, o vencedor;
é ter com quem nos mata, lealdade.

Mas como causar pode seu favor
nos corações humanos amizade,
se tão contrário a si é o mesmo Amor?

8 de mai. de 2014

O galego no mundo da lusofonía


Teño axendadas para os próximos días varias conferencias en centros de ensino para falar da situación sociolingüística de Galiza, o estado dos nosos dereitos lingüísticos recoñecidos en tratados internacionais, a relación dos países do sistema galego-portugués, etc. Un deses actos é o que se vai realizar na véspera do Día das Letras en Pontevedra coas mozas e os mozos da Liga Estudantil Galega, que elaboraron este cartaz para o divulgaren e para o divulgarmos.

Algúns dos datos que utilizarei nesa conferencia tomareinos do seguinte documento en pdf, intitulado "Potencial económico da língua portuguesa". Sería bo que un texto así chegase ás mans de estudantes de economía, empresarias e empresarios e dirixentes das diferentes formacións políticas que existen en Galiza. Porque tamén deste punto de vista é obvio que a negación da nosa lingua nos fai perder oportunidades, non só culturais, senón tamén desas que se senten dereitiñas no bandullo.

É unha mágoa que o Instituto Camões non inclúa a realidade galega dentro dese potencial que explican para outros territorios. Mais o que resulta dunha mágoa supina é que en Galiza se esqueza día tras día esa dimensión de fortaleza socioeconómica, tamén internacional, que nos achega o noso propio idioma, a nosa propia cultura.

7 de mai. de 2014

A primeira sesión

Esta imaxe pertence ao coloquio que se desenvolveu onte na Facultade de Filosofía de Santiago após a proxección do documentario A primeira sesión, de Gérard Miller. Os tres psicanalistas que aparecen na fotografía son, de esquerda a dereita: Dolores García de la Torre, Manuel Fernández Blanco e Pilar Devesa. Abaixo estaba Fran Conde, o profesor de Filosofía que fixo posíbel o evento.

Houbo varias e interesantes preguntas desde as persoas do auditorio que asistimos ao acto: sobre os compromisos éticos da psicanálise, sobre as razóns da pulsión de morte (iso que hai para alén do principio do pracer, como nos advertiu Freud), sobre a importancia fulcral de non traizoar o propio desexo, sobre algúns prexuízos que envolven o dispositivo analítico, sobre a responsabilidade subxectiva, sobre a vergoña, o amor e a culpa, etc.

Falouse tamén un pouco da Clínica do Campo Freudiano da Coruña, unha institución pioneira en Europa e no mundo que, desde 1997, pon a psicanálise ao dispor de xente que non pode asumir os custos económicos dunha consulta privada. Merece todos os aplausos e recoñecementos.

Para a xente que non puidésedes asistir á proxección, a asociación cultural O Galo fará outra máis adiante tamén en Santiago. Estarei atento e tamén informarei desde aquí das datas.

6 de mai. de 2014

Que é o que encamiña a xente cara á psicanálise?

O psicanalista Gérard Miller realizou un documentario para tentar responder esta cuestión e varias persoas coñecidas da cultura francesa contáronlle como foi ese seu primeiro encontro coa Psicanálise, a súa primeira sesión:



Hoxe desde a Escola Lacaniana de Psicanálise organízase a proxección deste vídeo en Santiago de Compostela. Será a partir das 19 h na Facultade de Filosofía (xa sabedes, na praza de Mazarelos). Após o visionado desenvolverase unha conversa cos psicanalistas Manuel Fernández Blanco, Pilar Devesa e Dolores García de la Torre.

Vémonos alí!

2 de mai. de 2014

Versos para a sexta feira: Marta da Costa

por medo da morte

por medo da soidade no campo desalmado
por medo dunha luz que se apaga e fai nacer a escuridade
por medo da sede que agarda tras a derradeira gota de auga
por medo da fame que nos fala desde as entrañas

porque nesa soidade escura e seca
o fío romperá
e nunca máis no peito
alentará unha fogueira pequeniña

Marta da Costa, Argola, 2013.