30 de abr de 2014

Entrevista para Biosbardia

http://biosbardia.wordpress.com/2014/04/28/carlos-callon-a-pesar-de-todo-o-nivel-de-compromiso-social-co-galego-e-moi-alto/

Unha destas formiguiñas dinamizadoras que temos no país, César Lorenzo Gil, fíxome esta entrevista para a revista dixital que el fai posíbel: Biosbardia. Preguntoume se vou mudar de actividade pública (moita xente pensa erroneamente que agora vou para algún cargo partidario ou institucional), como valoro os libros xa publicados, que ando a escribir nestes momentos...

Para alén desta conversa, aconséllovos que vos deades unha volta en xeral por Biosbardia. É destes pequenos proxectos que impiden que decaia a esperanza.

29 de abr de 2014

Vémonos hoxe na Homenaxe a Domingos Merino!


Coñecín o Domingos Merino cando eu tiña 19 anos e o BNG decidiu propor o meu nome no Parlamento para que asistise ás reunións do órgano que analizaba a programación de TVE en Galiza.

Alí estaban tamén por suxestión nacionalista o propio Merino e Xosé Gontá. Os tres enleámonos nunhas cantas batallas para que a nosa lingua non fose esquecida, para que os informativos fosen plurais, para que a toponimia se utilizase nas súas formas xenuínas e únicas legais... En resumo, para que se recordase a existencia e dignidade de Galiza na televisión pública estatal.

Pasei por aquelas xuntanzas durante catro anos, nos cales moito foi o que aprendín dese home que no seu día fora o primeiro alcalde democrático da Coruña após o franquismo.

Con certeza, non podo faltar á homenaxe de hoxe ás oito do serán no Circo de Artesáns da cidade. Alí estarei con alegría e gratitude!

Viva Domingos Merino!

27 de abr de 2014

Viva o galego! Viva A Mesa!


O día de onte foi moi especial na miña vida. A xente que pasades por aquí a cotío xa sabedes o motivo.

Non podo deixar de amosar gratitude por tantas lindas emocións e sorpresas cara á Iria Taibo e a min, dúas persoas que demos o relevo na dirección, mais que sabedes que sempre, sempre, sempre estaremos non só como apoiantes afectivos, senón tamén como activistas da Mesa naquilo en que puidermos botar unha manciña.

Ademais, aproveito para enviar máis unha vez a  enorme, enormísima, "enormérrima" forza para a xente que colleu o leme da Mesa, en especial ao portavoz das nosas reivindicacións, o gran Marcos Maceira.

Xa que na Asemblea se decidiu "responsabilizarme" coa Presidencia de Honra da asociación, aí vai a miña única mensaxe en tal calidade: Quen aínda non sexades da Mesa e amedes a lingua galega, a que agardades?! Cubride xa o formulario!

25 de abr de 2014

Versos para a sexta feira: Manuel María

A fala

O idioma é a chave
coa que abrimos o mundo:
o salouco máis feble,
o pesar máis profundo.

O idioma é a vida,
o coitelo da dor,
o murmurio do vento,
a palabra de amor.

O idioma é o tempo,
é a voz dos avós
e ese breve ronsel
que deixaremos nós.

O idioma é un herdo,
patrimonio do pobo,
maxicamente vello,
eternamente novo.

O idioma é a patria,
a esencia máis nosa,
a creación común
meirande e poderosa.

O idioma é a forza
que nos xungue e sostén.
Se perdemos a fala
non seremos ninguén!

O idioma é o amor,
o latexo, a verdade,
a fonte da que agroma
a máis forte irmandade.

Renunciar ao idioma
é ser mudo e morrer.
Precisamos a lingua
se queremos vencer!

22 de abr de 2014

Mobilicémonos contra este goberno de dráculas

Estannos a chuchar o país: a economía que cae e cae a pesar da propaganda, unha poboación que se desertiza e con tendencia a ir a peor, unha lingua desprotexida e cunha hemorraxia de falantes que pon en risco a cohesión social e a continuidade da cultura galega...

O futuro que nos debuxan no goberno de dráculas que padecemos é escuro. Mais podemos lograr o fracaso dos maos agoiros!

Defender o noso idioma é tamén defender a dignidade do país no seu conxunto. Non somos un almacén de man de obra barata e recursos para malgastar. Somos unha nación, con lingua e cultura de seu. O 17 de maio sairemos de novo ás rúas de Galiza para o exclamarmos ben alto!

Na Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago, Vigo, Ferrol e Foz ás 12 do mediodía reclamaremos os pasos adiante que tanto lle cómpren a este maltratado pobo. Queremos galego!

                            


(A propósito, a pesar do que diga a TVG, non son ex presidente da Mesa, senón que son presidente da asociación até o vindeiro sábado. O curioso é que, se pensaban que eu son o ex presidente e o presidente actual -en realidade, o futuro- estaba presente no acto e interviu moi ben intervido, non se entende moi ben por que non emitiron nin por un segundo a súa imaxe e as súas declaracións. Parece que teñen présa por me veren fóra e por lle daren ben á censura ao compañeiro Marcos Maceira.)

21 de abr de 2014

Música para a segunda feira: Chico César



Esta canción foi a banda sonora da miña Semana Santa :)

Este 17 de maio as mobilizacións multiplícanse por oito


Este 17 de maio, a plataforma Queremos Galego -que propiciou e coordina A Mesa- convócanos non para unha, senón para oito mobilizacións: na Coruña, en Lugo, en Ourense, en Pontevedra, en Santiago, en Vigo, en Ferrol e na Mariña. Cal será a túa?

Co lema quérese reformular o lindo e coñecido poema de Xosé María Díaz Castro, a quen se lle dedica este ano o Día das Letras. Abonda de pasos atrás! Deamos sucesivos pasos adiante!

20 de abr de 2014

Un equipazo que nos dará moitas alegrías

Onte a Iria Taibo e eu, que non imos continuar na dirección da Mesa, estivemos con algúns dos compas que conforman a única candidatura que se presentou para este órgano. Na fotografía podedes ver (comezo por arriba e pola esquerda) a Carlos Outeiro (enxeñeiro en Navantia), Manuel Rei Romeu (profesor e un dos principais especialistas en Castelao), Susana Méndez (enfermeira e antropóloga), Paulo Filgueiras (profesor e coordinador da Liña do Galego), Iria Taibo (tradutora, intérprete e até o de agora secretaria xeral da Mesa), Marcos Maceira (historiador, xestor cultural e, axiña, novo presidente da Mesa) e o blogueiro que escribe estas palabriñas. Finalmente non lles foi posíbel asistir a dúas mulleres que tamén estarán na Comisión Permanente da maior asociación cultural de Galiza: a docente Mónica Pazos e a avogada Elsa Quintas.

Un historiador, unha enfermeira, un enxeñeiro, unha avogada e tres profes compoñen un equipazo que dará moitas alegrías á loita en defensa do galego. Saibamos que os imos ter aí e que servirán para multiplicar a capacidade do noso activismo diario polo idioma de Galiza.

Ah! E se aínda non fas parte da Mesa, a que agardas? ;)

19 de abr de 2014

Desde o sábado próximo será o novo presidente da Mesa. Forza!

Hai dúas persoas que se repiten nestas catro fotografías que van a continuación. Unha é o pesado que escribe este blogue. A outra é o compañeiro que encabeza a única candidatura que se presentou á dirección da Mesa pola Normalización Lingüística e que levará o temón da maior asociación cultural de Galiza a partir do vindeiro sábado 26 de abril.



 


Marcos Maceira é desde hai anos unha batería imprescindíbel na sala de máquinas da Mesa e de Queremos Galego. Por exemplo, leva tempo coordinando o exitoso Correlingua e foi unha das mans que fixeron posíbel organizativamente as enormes manis en defensa do noso idioma que todos temos na cabeza e no corazón.

Nunha desas ocasións houbera que comezar o acto final porque levabamos tempo coa praza xa case chea. Confiabamos en que a xente que faltaba fose entrando en minutos e cubrise os escasos ocos do empedrado. Pasaba o tempo e a riada humana, porén, non se detiña. A persoa que presentaba nese día xa levaba o acto cara ao feche e chamoume para que lanzase o discurso. Cando ía comezar a falar, o Marcos pasoume discretamente un papeliño en que me avisaba de que aínda había xente saíndo da Alameda. Naquel humildísimo cachiño de folio -que aínda teño gardado- resúmense moitas emocións. A RTVG censurara a convocatoria, os recursos para facer chegar a nosa mensaxe eran limitadísimos... porén o amor pola lingua saltara as barreiras e inundara Compostela. E aínda as que viñeron despois e as que han vir todas as veces que fixeren falta!

Ademais de na Mesa ou en Queremos Galego, o historiador Marcos Maceira é un home con moita experiencia no activismo cultural. Teño de enfatizar ese substantivo, "experiencia", pois non por acaso é un día máis vello ca min: miña nai pariume na madrugada dun 26 de agosto e el chegou ao mundo un diíña antes. Fóra brincadeiras, o Marcos estaba a ser nestes momentos -tamén!- o dinámico presidente da veterá Agrupación Cultural O Galo, responsabilidade que deixará para imprimir a súa forza a tempo completo á Mesa pola Normalización Lingüística.

Forza traes e forza che damos! Adiante!

18 de abr de 2014

Adiante, pola lingua que nos une!


Os membros da candidatura que se presenta á dirección da Mesa pedíronnos a min e a outra persoa que tampouco vai continuar na Permanente despois de varios anos que os acompañemos mañá no acto de presentación en Santiago. Imaxinade con que forzas, con que enerxía, con que vontade veñen que fan o acto en plena Semana Santa!

En fin, que alí estarei, estaremos, e mañá ao mediodía saberase xa o nome de quen ocupará a presidencia da Mesa, así como do conxunto do equipo que levará as rédeas da asociación no día a día, após a asemblea nacional que realizaremos o 26 de abril pola mañá no Centro Sociocultural Ágora da Coruña.

Fíxose moito e farase moitísimo máis!

Adiante, pola lingua que nos une!

14 de abr de 2014

Nós, os marcianos

Na semana que está a entrar realízase en París o IX Congreso da Asociación Mundial da Psicanálise, debruzado sobre o tema "Un real para o século XXI". Para iso, no web do Congreso abriuse unha sección de textos breviños que se achegasen á cuestión do real (no senso lacaniano do termo) nestes nosos tempos. Eu participei co seguinte apuntamento, nun dos estándares do noso sistema lingüístico admitido nesta reunión internacional:



13 de abr de 2014

Producimos a esgalla e somos pobres. Non ten xeito!

Grandiosa Isabel Risco na recepción do premio Mestre Mateo 2014 á mellor interpretación feminina de reparto:


(Actualización do 15 de abril: Mudei o vídeo, pois o anterior parábase cara á metade e só permitía seguir o audio completo. Neste vai todo.)

12 de abr de 2014

Punto e seguido

Como xa dixen no Facebook, non teño xeito de responder a todo o afecto que me está a chegar desde o momento en que anunciei que non me presentaría á reelección como presidente da Mesa. Obrigadísimo por tantas palabras e emocións!

Iso si, como non parei de advertir, este "punto final" como presidente da Mesa é só un "punto e seguido" no activismo dentro desta asociación. Así que espero que nos vexamos todas e todos de novo en mil combates, dándolle forza a este enérxico escudo cidadán en defensa do galego.

Penduro aquí a escolla de catro ligazóns dos varios ecos que tivo a nova en diferentes medios de comunicación:
Continuamos, abofé que continuamos!

9 de abr de 2014

Carta de despedida da presidencia (e de continuidade do activismo!)



Compañeiras e compañeiros
da Mesa pola Normalización Lingüística:

Persoas que amades o idioma de Galiza
mais que (aínda) non facedes parte da Mesa:

A Mesa pola Normalización Lingüística, a maior asociación cultural de Galiza, vai realizar asemblea nacional o vindeiro 26 de abril pola mañá no Centro Sociocultural Ágora da Coruña. Entre os puntos incluídos na convocatoria figura o da elección dunha nova Comisión Permanente. Após un longo período de reflexión, decidín que non vou encabezar ningunha candidatura, de forma que poño punto final ao período en que tiven a responsabilidade e a honra de presidir esta entidade.

Hai dúas razóns para isto. A primeira, porque entendo que hai que promover as renovacións para mellor sempre que se puider. Cómpre animar a que asuman responsabilidades en primeiro plano persoas que non só saberán profundar máis nos acertos, senón que poderán tamén corrixir erros e superar algunhas limitacións. Nese senso, estou moi satisfeito por saber que axiña se presentará ao público unha candidatura continuadora, con membros da actual dirección da asociación e coa incorporación de novas mans. Para elas e eles toda a forza e todo o apoio!

O outro motivo é que, persoalmente, preciso tamén iso que se di de “asumir novos retos”. Afilieime a esta entidade, a esta necesarísima e utilísima entidade, cando tiña 16 anos. Coa única excepción do período que vai do final da carreira ao comezo do doutoramento, fago parte da súa Comisión Permanente desde os 17; ademais, desde os 23 até os 35 que teño hoxe asumín o mellor que souben a presidencia. Agora o meu desexo é regresar a tempo completo á miña vocación docente, desenvolver varios proxectos que encetei e, así mesmo, continuar co activismo lingüístico e o apoio a esta ferramenta colectiva que é A Mesa, porén xa desde outros lugares.

Que ninguén o dubide nin por un nanosegundo: fun, son e serei sempre un sachador das mil primaveras máis e estarei coa Mesa sempre que fixer falta, co seu compromiso inquebrantábel e insubornábel en defensa da lingua que nos une.

Coas responsabilidades que tiven na Mesa puiden constatar algo que moitas veces me escoitastes dicir en alto: Todos os adiantos para a nosa lingua se produciron como resultado da presión social. Todos. É certo que en moitas, moitísimas ocasións nos vimos como Sísifo percorrendo unha e outra vez camiños que non se daban deixado atrás (a propósito, como Sísifo e non como Penélope, pois non éramos nós quen desteciamos!). Mais como estariamos hoxe se non houbese 4.000 galegas e galegos constituíndo este escudo cidadán para o noso idioma? Se A Mesa non existise, teriamos que inventala!

A listaxe de agradecementos que tería de facer sería moi longa. Non collería en ningunha carta. Quen estiveron aí, tanto no ámbito persoal como no organizativo, sábeno, e o meu corazón tamén. Para min foi moi gratificante ver como a entidade creceu, igual que foi moi reconfortante a confianza e o apoio por parte das socias e dos socios ás sucesivas direccións de que fixen parte.

Deixádeme no entanto que explicite a miña gratitude en particular cara a catro persoas. Unha que me asesorou de forma construtiva sempre que fixo falta. Outra que me deu paus verbais para que fose dereitiño e non caese nas trampas. Outra que fixo posíbel que A Mesa non desaparecese na máis forte etapa de ataques que recibiu até o momento, na ferocidade de 2008 a 2010. Outra que soubo ser militante exemplar. Estas catro persoas chámanse Iria Taibo Corsanego. O seu nome nos fastos da historia con diamantes gravado será.

Despídome dándovos unha aperta das enormes e animándonos, a todas e todos, a que continuemos e mesmo revitalicemos o noso activismo diario, como formiguiñas, en defensa da lingua e da cultura desta vella nación que non se resigna a desaparecer. Tiña razón Manuel María ao advertir de que se perdemos a lingua non seremos ninguén. Queremos ser! Sexamos!

Sempre voso,

Carlos Callón


P. S.: No caso de estares a ler esta carta e aínda non faceres parte da Mesa, fai o favor de cubrires a fichiña! Se te asociares, A Mesa poderá facer máis e mellor! ;)


Santiago de Compostela, 9 de abril de 2014

8 de abr de 2014

De Iruñea a Vilalba


O pasado 28 de marzo pasei un serán inesquecíbel falando cun grupo de galegas e galegos que viven en Iruñea. Conversamos do libro que nos congregaba no Lar Galego, Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, mais tamén en xeral sobre a situación pasada e presente de Galiza, sobre as nosas vidas, sobre gastronomía... Con xente tan marabillosa, retranqueira e afectuosísima dá gusto encontrarse! Un bicazo desde aquí!

Axiña pendurarei neste blogue información de novos actos de presentación do libriño. De momento, podo ir confirmando unha data: o 13 de xuño falaremos sobre o idioma, por volta desta obra, en Vilalba. Non digades que non aviso con tempo!

Continuamos!

7 de abr de 2014

O mundo debe saber o que está a acontecer co noso idioma

Mentres o Estado español presume cinicamente de que aquí non hai ningún problema coa diversidade lingüística, o certo é que o idioma de Galiza está a esmorecer como nunca antes na súa milenaria historia.

A Mesa pola Normalización Lingüística está a preparar por iso unha denuncia perante a Unesco, que rememore e actualice a que se realizou hai 60 anos tamén pola vulneración dos nosos dereitos lingüísticos. Quere ser un documento que se presente conxuntamente co tecido asociativo e cultural de todo o país, para facermos ouvir con forza a nosa exclamación de vida.

Podedes coñecer un pouco máis sobre a cuestión nesta nova publicada en Radiofusión, ao final da cal está pendurada unha entrevista que me fixeron ao día seguinte de anunciarmos desde A Mesa esta iniciativa.

Continuamos!

3 de abr de 2014

Tres días na Coruña

Hoxe, mañá e pasado estarei boa parte dos días na Coruña. Tampouco é que sexa tanta nova, xa o sei, pois é unha cidade á que durante case todo o ano vou cando menos nunha ocasión á semana. O caso é que desta vez irei por cousas diferentes.

Para comezar, esta tarde impartirei un pequeno seminario para o alumnado dun mestrado de Filoloxía. Parte dos estudantes estarán en liña, polo que será a miña estrea en facer algo así. Espero que saia todo ben e que a conexión virtual non dificulte o feed-back (supoño que me tiña que saír un anglicismo porque estou no campo das novas tecnoloxías, non sei...).

Ademais, na sexta e no sábado andarei por estas interesantísimas xornadas do Instituto do Campo Freudiano na Coruña, nas cales aínda estades a tempo de vos anotardes. As dúas ideas-forza do meu pequeno relatorio serán: "A superación das escollas forzadas" e "Por que os zombis non poden ir ao psicanalista". Tamén será unha estrea para min falar destas cousas nun acto así.

Anímovos a que lle botedes un ollo ao programa, pois alí participarán persoas das que se pode aprender moito moito.

Continuamos!

2 de abr de 2014

Xornadas A Psicanálise Hoxe: A crise do discurso actual


Esta sexta feira e sábado participarei nas xornadas anuais que organiza o Instituto do Campo Freudiano da Coruña, no salón de actos da Fundación Paideia Galiza (praza de María Pita, 16-1º esquerda). Se quixerdes matricularvos podedes facelo na seguinte ligazón.

O programa é:

Sexta feira 4 de abril

17 h - Abertura e presentación - Carmen Garrido.

17.30 h - Flashes sobre a mudanza de discurso:

- "Adolescentes e machismo na rede? Ou miramos polo retrovisor?", Alicia Arce.
- "A posibilidade de dicir(mos) algo", Carlos Callón.
- "Os herbívoros e a psicanálise", Francisco Conde.
- "A crise do discurso educativo", Dolores García de la Torre.
- "O límite do discurso social actual", Begoña Yáñez.
 Presenta: Carmen Garrido.

19 h - Descanso.

19.30 h - Mesa I
- "Falar e dicir", Eugenia Insua.
- "A crise do discurso científico", Javier Peteiro.
- "O discurso médico", Liana Velado.
Presenta: Carmen Pérez.

Sábado 5 de abril

10 h - Conferencia: "O tempo hiperactivo e o tempo de comprender", José Ramón Ubieto.
Presenta: Liana Velado.

11 h - Conversa: "A crise... do discurso actual", Manuel Fernández Blanco e Lourenzo Fernández Prieto.

12.30 h - Debate.
Coordina: José Gómez.

1 de abr de 2014

Onde non debemos ir

Hoxe é unha das nosas xornadas tradicionais no calendario para facermos brincadeiras, xunto coas fedelladas que se poden cometer no Entroido ou na noite de San Xoán. Iso do 28 de decembro parece que en Galiza é moi recente e impelido sobre todo polo proceso xeral de desgaleguización.

Lembrade pois que neste día si temos licenza para trasnadas pequenas ou medianas: "O un de abril van os burros onde non deben ir".

O problema é que hai quen pensa que o un de abril é todo o ano.