26 de fev de 2014

Igualdade de dereitos... Para cando?

Esta segunda feira os compañeiros Marcos Maceira e eu, en representación da Permanente da Mesa, reunímonos coa deputada Ana Pontón. Ela pediunos esta xuntanza para nos explicar o que fixeron desde o grupo parlamentar do BNG para tentaren evitar que haxa unha materia da UNED que reste puntos a quen utilice a toponimia galega de forma correcta e oficial. Se pensades que lestes mal, teño que avisarvos que non: hai unha materia da UNED en que se di que hai que usar Arteijo, Carballino, Poyo... Se pos outra cousa nos exames estás a responder incorrectamente e xa se deu o caso de a quen lle restaron puntos por escolleren o topónimo Ourense como forma a utilizar. Trinta e un anos despois de se aprobar a Lei de normalización lingüística!

Aproveitamos a comparecencia aos medios para denunciar tamén que o galego é a única lingua do Estado en que non se pode estudar unha carreira a distancia.

Para cando a igualdade de dereitos?

                            

19 de fev de 2014

15 de fev de 2014

Tous les mêmes

O meu amado Stromae foi esta noite pasada o gran triunfador dos premios Victoires de la Musique. Aproveito tal fortuna para pór o clip oficial dunha súa canción que adoro.

Certo que xa pendurara a  primeira versión do tema neste blogue hai algúns meses, mais outra razón para que me repita é que onte había moita xente festexando erroneamente o amor. Digo erroneamente non porque sexa un crítico do amor (non o son), senón porque o día do amor é a Candeloria. Bon, e tamén nalgún grao o resto dos do calendario ;)



Estoutro non é o clip oficial mais, como gusto moito del, tamén o deixo por acó:


13 de fev de 2014

Auguiña de sete fontes (23)

5 de fev de 2014

Precisamos máis recursos en galego para as persoas con discapacidades visual ou auditiva


Non se pode facer algo para que as persoas cegas teñan máis que a reducida cifra de 50 audiolibros en galego ao seu dispor?

A TVG non debería incluír a opción de audiodescrición para as persoas con discapacidade visual e xeneralizar as lexendas para as persoas con discapacidade auditiva?

Estes foron só dous dos puntos máis relevantes que abordamos onte o Delegado da ONCE en Galiza, Manuel Martínez Pan, e mais eu, como presidente da Mesa pola Normalización Lingüística. Falaremos agora desde ambas as partes coas institucións e medios implicados para ver que pasos se poden concretar nos próximos meses.

Non esquezamos estes membros da nosa comunidade lingüística!