27 de jan de 2014

Que libro en galego, que flor, a quen...

Son cousiñas que podemos ir pensando: que libro(s) escollermos, que flores, a quen lle agasallamos ambos... Falta menos dun mes para festexarmos de novo o Día de Rosalía!

Na véspera (o 23, por tanto) haberá un acto nacional ás 12 no Panteón de Galegos Ilustres. As actividades espallaranse por toda Galiza xa no serán do día grande, o 24 de febreiro, que este ano coincide en segunda feira, o cal nos pode facilitar achegarnos ás librarías ou ás florarías, para os detalliños de última hora.

A Asociación de Escritoras/es en Lingua Galega vai facendo, ano a ano, que a xornada vaia collendo máis pulo. Participemos! Deámoslle forza!

24 de jan de 2014

Non aceptamos pulpo como animal acuático (nin como animal de compañía)

Esta é a miña visión sobre a polémica desatada polo alcalde do Carballiño, en declaracións ao semanario en papel e xornal electrónico Sermos Galiza:


(Á xente máis nova e/ou que non entenda a brincadeira do título desta entrada no blogue, cómprelle ver este vídeo.)

20 de jan de 2014

Auguiña de sete fontes (21)


"Vellos e novos cultos", Xosé Manuel Pereiro.

A Igrexa incumpriu un acordo para renovar o sistema eléctrico da Barca. Unha nova de El País, xa do 27 de decembro, mais que non tivo toda a repercusión que merece.

A caza de bruxas contra os controladores aéreos foi moi intensa, con episodios moi vergoñentos que non deberiamos esquecer. A xustiza deulles totalmente a razón. Totalmente.

"Por que os cataláns a favor da independencia envexan Escocia?" Esa é a pregunta que se fai en voz alta a BBC, na cal entrevistan o Artur Mas. A propósito, o presidente catalán fai algo que nunca poderían nin Mariano Rajoy nin Alberto Núñez Feijóo nin Alicia Sánchez-Camacho: entender preguntas en inglés e responder neste idioma. Cómpre recordalo ante o uso (como argumento) que fan desta lingua para camuflaren os seus incívicos ataques contra o galego, o catalán e o vasco.

O inédito que non o era tanto. Non é a primeira vez que as présas no campo académico para presentaren descubertas dan lugar a situacións así. No ámbito específico dos estudos galegos xa aconteceu tamén noutras ocasións. Máis rigor e humildade son boas receitas.

Os trens Alvia galegos continúan sen control de velocidade medio ano despois.

"Por que o piñeirismo non é o camiño. Por que o BNG", Suso de Toro.

18 de jan de 2014

Que ningún batvilán o impida!

A dobraxe ao galego do mítico Batman dos 60 está feita: repousa no arquivo da TVG. Tras a nova de que a serie vai saír en DVD en 2014, o mellor sería que se lle der unha nova vida á tal dobraxe colocándoa como unha opción do seu menú.

Para que iso for posíbel e que a ninguén lle esqueza, desde A Mesa puxémonos en contacto tanto coa distribuidora, a Warner, como coa propia TVG.


Queremos que o DVD de Batman tamén teña a pista de audio en galego!

Batman, Robin, Batgirl, o Pingüín... tamén saben falar en galego!

Que ningún batvilán o impida! ;)


16 de jan de 2014

Nin iso!

Esta mañá participei, en representación da Mesa pola Normalización Lingüística, nunha conferencia de imprensa no Parlamento galego para reclamar a racionalización e dignificación do sistema de certificación oficial de lingua galega, os Celga.

A miña chegada á sala da conferencia de imprensa -solicitada por PSOE, BNG e AGE- acabou sendo un sainete, polos hiperburocratizados métodos de acceso que ten a cámara do Hórreo. Demorei un bo tempiño entre que me querían dar un adhesivo na primeira porta de entrada e ficaron sen papel, que foron procurar á segunda porta (pola que eu tería que pasar inmediatamente, mais para a cal non tiña licenza para me achegar sen esa identificación); na seguinte porta colleron ese adhesivo (que ninguén máis viu porque o traxecto entre un punto e outro é moi curto), tirárono (!) e mudárono por outro. Por último, indicáronme que debería ir ao balcón que está en fronte do punto anterior para que informase de que ía entrar...

Tampouco é que accedese na miña vida a moitos Parlamentos, mais en ningún dos que o fixen (o Congreso dos Deputados, o Parlamento europeo, o Parlamento catalán, a Asemblea Nacional de Gales...) vin tal nivel de barreiras e normas absurdas que supostamente se fan por seguridade. Cal será a seguridade que supón a mudanza de adhesivos?

Bon, en calquera caso, imos ao importante. Na conferencia de imprensa repasamos o substrato caciquil da concesión dos cursos, a falta de dereitos laborais do profesorado, a proposta de sanción por case 300.000 euros que ten a Xunta pola vulneración de tales dereitos... E, en fin, recordamos que o máis básico de entre os básicos que pode facer o Goberno galego para apoiar o noso idioma é garantir que calquera persoa que quixer estudar galego teña a posibilidade de o facer, que exista unha oferta de cursos Celga que satisfaga a demanda que hai na sociedade. Mais, con este goberno, nin iso. Nin iso!

14 de jan de 2014

Facemos e faremos país

O 26 de outubro A Mesa recibía en Láncara o Premio Ramón Piñeiro - Facer País, outorgado polo asociacionismo cultural de base da zona. Foi un día moi lindo e intenso, cheo de encontros e aprendizaxes, mais onde sobre todo as compañeiras e os compañeiros da Mesa abrimos os brazos para recibir os folgos e os agarimos que se nos ofreceron con tanta xenerosidade.

Aínda non pendurara neste blogue ningunha das imaxes da xornada, así que aí van algunhas:



 Ademais, cal non foi a miña sorpresa ao me encontrar con que os cartaces do día ían coa seguinte caricatura, debida á man do Siro... :D


11 de jan de 2014

Resistiremos, contestaremos, continuaremos


Esta quinta feira pasada entregamos na Subdelegación do Goberno español na Coruña novas alegacións contra a inxusta multa que se quere impor á plataforma Queremos Galego (impulsada e coordinada pola Mesa) pola manifestación do Día das Letras (quen me ía dicir a min que ía ter que escribir unha frase coma esta no ano 2014...).

Recordemos que a acusación é que desde a plataforma se realizaron pintadas no transcurso da mobilización, disque en estabelecementos comerciais, aínda que ningún destes supostos estabelecementos afectados presentou ningunha denuncia.

Como desde Queremos Galego xa se presentaran alegacións argumentando que non nos constaba que tal cousa acontecera, que había testemuñas que podían dar fe do que nós sostemos, que as pintadas de que nos acusan non teñen a ver coa actividade da plataforma (por exemplo, sobre o turismo...), que ningún medio de comunicación viu tal cousa, que se tal acontera nós seriamos os primeiros en rexeitalo, etc., desde o Goberno español pasaron a dar novos argumentos para manteren a sanción, algo que é procedementalmente bastante perralleiro e que crea indefensión.

Neste novo escrito preguntámoslle ao Goberno español como é que, se é verdade que houbo policías que viron como se facían esas hipotéticas pintadas, non fixeron nada para as impedir e non identificaron as persoas que tiñan a pintura na man.

É evidente a resposta: o que pretende o Goberno de Rajoy é intimidar e criminalizar os movementos sociais discrepantes. Por iso están a recibir sancións semellantes outros movementos que lexitimamente cuestionan as políticas do PP, os que para eles non son máis que sospeitos habituais.

Así e todo, que non o dubide ninguén: resistiremos, contestaremos, continuaremos.

Adiante todas e todos! Pola nosa lingua! Pola liberdade de expresión!