21 de jun de 2013

Festival do humor

- Fuches ver Supermán?
- Fun.
- E que tal?
- Pois tampouco tiña a man tan grande.


(Perdoádeme por este chiste, mais non me puiden resistir xD).

19 de jun de 2013

Mil e uma noites loucas

Non coñecía o grupo de mulleres "Doce", que na década de 80 cantaba en Portugal cancións tan bailábeis coma esta, "Ali Babá":


18 de jun de 2013

Um futuro pior

O fondo é triste e duro, pois así é a actualidade, mais hai que aplaudir a creatividade con que se recreou este acertado discurso da deputada Ana Drago, do Bloco de Esquerdas de Portugal (a propósito, por se non o sabíades, a escolla do nome do Bloco de Esquerdas ten a ver coa existencia ao norte do Miño do Bloque Nacionalista Galego).

Vexamos primeiro a intervención de Drago na Assembleia da República:



Agora, a versión de Bandex:



Unidos contra a troika! Continuamos!

17 de jun de 2013

Mundos para-lelos


O Comité de Empresa da TVG denunciou no seu blogue Eu non manipulo (que tedes que seguir desde xa!) que, aínda que a nova dos xuízos contra min si saíu varias veces nos informativos da nosa televisión pública, no entanto a noticia da miña absolución non saíu nos telexornais. É unha forma deplorábel de criminalizar.

Agradezo ao grupo do BNG que se fixese eco desta denuncia e que presentase a seguinte pregunta:






15 de jun de 2013

Viva Marica Campo!


Esta foto en que saímos en amor e compañía a Marica Campo e mais eu pertence á manifestación nacional de xaneiro en defensa do ensino na nosa lingua.

A Marica, extraordinaria creadora, é tamén desas mulleres que saben da importancia de batallar por un mundo máis xusto, algo que fai sempre ademais acompañada dun enorme afecto. Porque, ao cabo, en todas as liñas anteriores non se falou máis que dunha cousa: amor.

Sinto moitísimo non poder estar na homenaxe "A Escritora na súa Terra" que se lle tributa este 15 de xuño, organizada pola Asociación de Escritoras/es en Lingua Galega. Tedes aquí toda a información.

Puiderdes ou non asistir, berrade comigo: Viva Marica Campo! Viva!

13 de jun de 2013

Contra a LOMCE, tamén en Betanzos




















Como ben se ve no cartaciño da esquerda, hoxe vanse realizar actos contra a LOMCE en varias cidades e vilas de Galiza. Anímovos a asistirdes! Xogámonos moito nisto!

Aínda que non aparece aquí ningunha concentración en Betanzos, sen dúbidas que falaremos disto no acto que imos realizar ás 20.30 h no Liceo desta localidade (en concreto, na sala Azul), como vedes no cartaciño da dereita.

Este evento, sobre o idioma noso e que ten como desencadeante a publicación do libro práctico Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, está organizado pola A. C. Eira Vella, en colaboración coa libraría Carricanta.

Continuamos!

12 de jun de 2013

Trinta anos para isto

O sábado fanse tres longas décadas da promulgación da Lei de normalización lingüística, unha norma básica de desenvolvemento do Estatuto de Autonomía que debería alicerzar un tempo de recoñecemento oficial do noso idioma propio, que debería axudar a sandar as feridas de tanto tempo de proscrición.

Talvez unha boa síntese do que supoñen eses 30 anos sexa o acto organizado polo BNG en Muros para este sábado. O evento festexa que existe unha lingua e que continuamos a batallar pola súa plena normalización, sen dúbida, mais tamén denuncia que nestes momentos hai un veciño desa localidade, Xosé Ramón Farinós, sobre o cal pesa unha demanda por valor de 250.000 euros. A razón? Que lle afeou ao asesor xurídico do Concello de Muros que prohiba aos veciños falar en galego. 

Un cuarto de millón de euros por pedir que se respecte a  Lei de normalización lingüística! Un cuarto de millón de euros por denunciar a noxenta prohibición do uso dun idioma! 

Que forma tan curiosa ten o Concello de Muros de soprar as 30 candeas desta norma que debería ser o símbolo dun tempo novo e que, polo contrario, é o símbolo dun engano, dunha frustración!

Se vos for posíbel, vémonos este sábado. Cómpre que non haxa ningunha agresión sen resposta!


10 de jun de 2013

Mañá en Ourense, o 13 en Betanzos, o 14 en Allariz e o 15 en Muros

Toca unha semana de bastantes quilómetros. Mañá, como pon o cartaz que está aquí á esquerda, toca facer paraxe en Ourense.

Tamén do libro Como falar e escribir en galego con correción e fluidez partirán os actos nos seráns do día 13  no Liceo de Betanzos e o 14 na Fundación Vicente Risco de Allariz.

Sobre o do 15 en Muros darei axiña máis información. É un evento aberto ao cal vos pido con especial énfase que procuredes acudir, xa que o motivo da súa realización é a ameaza de sanción con que se encontra un veciño desta localidade. O motivo? Que afeou en público o feito de que o asesor xurídico do Concello prohiba ás veciñas e aos veciños falaren en galego. Si, amigas e amigos, como o ouvides. Ano 2013 e aínda estamos con estas.

Ningunha agresión sen resposta! Non nos calarán!

5 de jun de 2013

Da Estrada a Ourense

A terza feira (martes) 11 de xuño presentarase ás 20.30 h no Café Cultural Auriense o libro Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez. Este acto forma parte da intensa xira de diálogos en que estou a participar por todo o país. O punto de partida para a conversa é este volume práctico; o punto de chegada é tomarmos forzas e ideas para continuarmos a traballar no día a día.

Aproveito o anuncio desta vindeira paraxe en Ourense para pendurar aquí algunhas imaxes do que foi un deses actos anteriores, o da Estrada no 15 de maio. Sobre el falou tamén o Cibrán Arxibai no seu útil blogue Carta Xeométrica.

Como veredes, as fotografías pertencen ao colectivo Catrogatos.

Continuamos!







4 de jun de 2013

Os portugueses teñen palabras galegas

Penduro aquí este vídeo realizado pola xente da Mesa da Zona de Bergantiños, con especial traballo por parte do compañeiro Xosé Cotelo. Abórdase nel o mantemento na memoria de moita xente da denominación tradicional -e até hai relativamente pouco tempo, maioritaria- en galego dos días da semana.

É para non perder o momento en que a señora María e o señor Indalecio razoan, no minuto 3:30, que os días en feira se usan  tamén ao sur do río Miño porque os portugueses teñen moitas palabra galegas. Haberá quen se ría da súa intuición, mais é verdade que, en termos históricos, a razón está do seu lado.

Recuperemos as nosas palabras! ;)