30 de nov de 2012

Un xuízo kafkiano

Acaban de chamarme da COPE para me faceren unha pequena entrevista con motivo do xuízo que teño hoxe na Coruña. Dixéronme que o xuíz que me denunciou xustifica o seu uso reiterado de "La Coruña" porque "no se puede imponer" e porque é o que lle "sale naturalmente". Que queredes que vos diga?

Hoxe ás 12.25 estaremos na Coruña en defensa do galego da xustiza e contra a criminalización da súa defensa. Oxalá se faga xustiza en dous sentidos: que se feche dunha vez este proceso kafkiano e que se tomen medidas para que, dunha vez, a lingua da Galiza deixe de ser estranxeira nos xulgados do país.

Continuamos!

29 de nov de 2012

Enormemente agradecido!


Esta mañá presentamos Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez nun almorzo informativo. Nese encontro con xornalistas estiven acompañado polo director de Xerais, Manuel Bragado, quen deu alí unha moi boa noticia: estase a preparar xa a segunda edición deste libro, para poder dar resposta á demanda existente.

O manualiño leva escasas semanas nas librarías e, como digo, a presentación para os medios aínda foi esta mesma mañá, polo que o meu agradecemento e a miña alegría pola extraordinaria resposta se multiplican. Grazas por acollérdelo como un traballo útil!

Os primeiros actos públicos de presentación deste manual serán o día 13 en Santiago de Compostela e o día 18 en Silleda.

Continuamos!




27 de nov de 2012

Alfredo Ferreiro achégase a Amigos e sodomitas


Moitas grazas por esta nova atención crítica ao meu ensaio sobre a configuración da homosexualidade na Idade Media! Podedes ler a crítica completa de Alfredo Ferreiro no coñecido blogue O levantador de minas. Ademais, encontrarédesvos cun ben interesante bonus-track.

Continuamos!

24 de nov de 2012

Cartel promocional de Xerais



A editora Xerais, na cal publiquei os tres libros que escribín sobre o galego, sacou este cartel promocional para librarías, centros de ensino, etc. Se che é posíbel botar unha man na súa divulgación, podes descargalo desde esta ligazón. Xa sabes que somos pobres, mais honrados ;)

En castellano no hay problema é unha compilación de artigos sobre a evolución da situación lingüística en Galiza desde o final dos gobernos de Manuel Fraga Iribarne até o comezo do primeiro mandato de Alberto Núñez Feijóo.

Como defenderes os teus dereitos lingüísticos é un manual práctico con consellos para saltarmos os obstáculos que nos encontramos no día a día para podermos vivir en galego.

Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez é outro manual práctico, neste caso centrado en que non se perdan os trazos xenuínos do idioma noso.

Continuamos!


23 de nov de 2012

Decisió


Coñezo cataláns e catalás que apoian diferentes organizacións políticas das que se presentan este domingo ás eleccións. Fano con argumentos sólidos e razoábeis de defensa dunha maior xustiza social e dunha maior soberanía para a súa nación.

Porén, a adhesión que ofreceu no seu momento o candidato de ERC, Oriol Junqueras, á causa da igualdade de dereitos para a lingua galega, fai que lle desexe  sort para este domingo dun xeito especial. Na fotografía estamos nunha visita de Queremos Galego ao Parlamento europeo, con el e coa actual deputada do BNG Ana Miranda.

Sexa como for, a loita do pobo catalán para poder ter dereito a decidir sobre o seu futuro, lonxe das etiquetas simplistas que ás veces se lle penduran, é un exemplo para seguirmos desde Galiza. A nosa nación está aínda máis notoriamente necesitada dun autogoberno forte, verdadeiro, e debe saber aproveitar os movementos que se están a dar en varios lugares do continente.

Existimos. Non podemos abdicar da nosa responsabilidade histórica!

22 de nov de 2012

Tres fragmentos da sentenza

A sentenza do TSXG que estipula o regreso do galego á educación infantil das cidades é un motivo de festa rachada para todas as persoas que amamos e defendemos o noso idioma propio e a existencia dunha verdadeira pluralidade de linguas e culturas no mundo.

Podedes consultar aquí a valoración da Mesa (que, tristemente, non veredes nin ouviredes na CRTVG) e aquí a ligazón á sentenza.

Minutos despois de chegar a resolución da Mesa viñeron tamén os ditames para outras dúas entidades que tamén foron aos tribunais contra esta norma galegófoba: a CIG-Ensino e a plataforma unitaria Queremos Galego. As dúas van no mesmo sentido de tombar os eixos do decretazo.

Penduro aquí tres imaxes, tres fragmentos, que sintetizan as ideas-forza deste documento histórico:






21 de nov de 2012

Galiza co pobo mapuche

Ana Miranda, a eurodeputada do BNG, está a facer un traballo incansábel en defensa do dereito de Galiza a existir e a producir, mais tamén en defensa da liberdade en xeral dos pobos oprimidos. Así, a súa interpelación ao presidente de Chile polos dereitos do pobo mapuche converteuse nun tremendo éxito nas redes sociais, con máis de 165.000 visualizacións do vídeo en youtube e cun trending topic no twitter nese estado americano. O momento para a pregunta foi a comparecencia de Sebastián Piñera no Parlamento europeo a semana pasada.

Adiante coa solidariedade entre os pobos!


20 de nov de 2012

O xuízo continúa o 30 de novembro


Se sodes das persoas que ledes medios galegos digamos non oficiais talvez xa saibades que o 30 de novembro hei sentar de novo no banco dos acusados. É a continuación dun proceso esperpéntico no cal un xuíz me denunciou porque lle recordei que debería cumprir a Lei de normalización lingüística e, con ela, os dereitos lingüísticos das administradas e dos administrados.

A situación en que se encontran eses nosos dereitos vese ben clariña no feito de que tal proceso chegue a existir. Tamén se comproba a súa precariedade cando recibo a nova citación en castelán, a pesar de que xa solicitei tropecentas veces que todas as comuniacións comigo fosen en galego, tal e como me recoñece a lexislación vixente. Imaxinade cantas veces sairía nos medios digamos oficiais, como noticia destacada, se unha Administración á cal solicito un documento en castelán se negase de forma reiterada a enviarmo.

Continuamos co mundo ao revés, mais tamén continuamos con forciña na defensa lexítima do noso! Como pouco, non llelo imos deixar fácil!

16 de nov de 2012

Non á prepotencia, si ao galego!




 
"Non á prepotencia, si ao galego!" foi unha das consignas que coreamos onte na protesta no centro comercial As Cancelas pola súa exclusión do noso idioma. Mentres A Mesa protestaba con dignidade contra a minorización  do galego, o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta aplaudía e sorría no acto de inauguración, que foi todo el en español. O mesmo facían outros altos cargos do PP.

Debido á falta de vontade de  diálogo por parte da xerencia das Cancelas e debido tamén aos escasos pasos adiante que se produciron até o momento, A Mesa anunciará novas medidas de presión democrática na defensa do noso idioma. Porque, aínda que lles proia a algúns, existimos e temos dereitos!

Continuamos!

15 de nov de 2012

Non queremos Cancelas para o galego!

Hoxe, quinta feira (xoves) 15 de novembro, realizaremos unha concentración diante da porta principal do Centro Comercial As Cancelas ás 12 horas para reivindicarmos publicidade e comunicación no noso idioma. Ven connosco!


Non ás exclusións, si ao galego!

13 de nov de 2012

Fechado por Folga!

 

Podes seguir as informacións sobre a Folga Xeral de hoxe neste portal especial da CIG:

Concentración na abertura do Centro Comercial As Cancelas



Esta quinta feira (xoves) ás 12 do mediodía Santiago verá como se abren as portas dun novo Centro Comercial. Á parte de que algunha das súas empresas si poida usar o galego cando menos en parte, o único que se verá no noso idioma como tal centro será o seu nome. Polo demais, cartaces publicitarios, vídeos (penso que excepto un), insercións nos medios, comunicacións nas redes sociais, etc., todo exclúe o noso idioma. Mais o galego existe, como ben o sabe o comercio da capital de Galiza, que sempre estivo á vangarda do país en cuestións coma esta.

Onte dei tido unha conversa telefónica co xerente do Centro. A miña sorpresa foi maiúscula ao ver como me abroncaba nun monólogo incomprensíbel. O que lle pedía era podermos falar con el e xa lle adiantaba que desde A Mesa entendiamos como un retroceso que non usasen o noso idioma. Da tensa conversa só me ficaron claras dúas cousas: a pésima imaxe que se conseguía con esa súa actitude e que, na verdade, só coas solicitudes se conseguen conquistas, por pequenas que sexan. Desde esa hora, o Twitter das Cancelas comezou a enviar algún chío en galego. Lamentabelmente, aínda que tamén no Facebook comezaron a pór tamén algunha mensaxiña no noso idioma, hoxe mesmo chegaron a falar de *Órdenes.

Outro dos argumentos que me usaba o xerente para non atender as nosas peticións era que xa estaban en contacto coa Xunta e que esta os apoiaba na postergación do uso do galego. Non vou facer comentarios sobre iso, porque sobran. Iso si, se tantos problemas técnicos había para usar o galego, por que foi posíbel que o comezasen a facer en Twitter e Facebook despois de ter a conversa comigo?

Se ti tamén queres evitar que se produzan retrocesos para o galego no comercio, participa na concentración diante do Centro Comercial As Cancelas o día 15 ás 12 h. Adiante!

12 de nov de 2012

Léao, señor ministro!


Non sei se Jorge Fernández, o homófobo declarado que exerce como ministro do Interior, chegará a abrir as páxinas do libro que lle agasallei, e nin tan sequera sei se llo chegarán a pasar desde as dependencias do Ministerio. Oxalá sexa así, porque lle fai boa falta ter unha visión afastada dos dogmas de odio que tanto repite.

Deixo aquí algunhas ligazóns á acollida mediática que tivo o envío. Cando menos, púidose darlle algo de eco a estoutra visión das cousas:
Continuamos!

11 de nov de 2012

Entre os 20 máis vendidos en Amazon. Grazas!

O novísimo libro Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez conseguiu posicionarse no top 20 dos volumes máis vendidos na nosa lingua tal e como os recollen Amazon, que penso que é unha das poucas clasificacións que existen nestes momentos para o galego tendo en conta a demanda; a das vendas, con certeza, non é máis que unha das posíbeis clasificacións.

A boa recepción que está a ter nestes primeiros días Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez éncheme de alegría, pois un sempre quere que o que escriba poida chegar.

Continuamos!

9 de nov de 2012

Un agasallo para o ministro do Interior


Poño aquí o comunicado da editora, Sotelo Blanco, recollido en medios como Praza Pública:



Agasallan un exemplar do libro Amigos e sodomitas ao ministro do Interior, “porque a ignorancia se pode sandar lendo”

Carlos Callón: “Se os matrimonios homosexuais fosen unha invención contemporánea, a ver como se explica por exemplo o documento de unión entre Pedro e Muño en 1061 en Galiza”

“O pecado de sodomía non figura entre os dez mandamentos, non existía nos mil primeiros anos de historia do cristianismo e non aparece nin unha soa vez nas prédicas do seu mesías”

A pesar de que para moita xente a recente ratificación dos matrimonios homosexuais supón unha novidade histórica, no libro Amigos e sodomitas. A configuración da homosexualidade na Idade Media, escrito por Carlos Callón e editado por Sotelo Blanco, amósase con moita documentación que esa é unha idea errada. “O problema é que a homofobia adultera a historia deliberadamente”, apunta o autor, que achega información no seu traballo, por exemplo, do matrimonio homosexual máis antigo do que se conserva documento na Península Ibérica: a unión entre Pedro Díaz e Muño Vandilaz o 16 de abril de 1061. Porén, “que sexa o máis antigo do que se conserva documento non quere dicir que fose o máis antigo que existise, pois tamén temos outros testemuños, como lápidas, referencias literarias, etc.”, e nese sentido lembra que hai inscricións funerarias da Antigüidade romana que xa sinalan os nomes de dous varóns e a súa relación como “cónxuxes”.

Segundo Callón, “os medos que podemos escoitar hoxe desde voces como a do ministro do Interior remontan na realidade a unha intolerancia que nace nos últimos séculos da Idade Media”. Por iso considera “moi necesario” que “xente como o ministro Jorge Fernández sexan capaces de superaren ese odio irracional contra o diferente e que se decaten de que, por exemplo, a mensaxe de Xesús Cristo contida nos Evanxeos non ten nada a ver coa homosexualidade, polo que non vale fundamentar a homofobia niso”. “O pecado de sodomía non figura entre os dez mandamentos, non existía nos mil primeiros anos de historia do cristianismo e non aparece nin unha soa vez nas prédicas do seu mesías”, apunta.

Con ese fin, este activista cultural decidiu ofrecerlle un exemplar do seu libro ao ministro do Interior, “pois a ignorancia sándase lendo e, coa lectura, tamén se poden desterrar moitos prexuízos”.

No libro Amigos e sodomitas, gañador dos premios Vicente Risco de Ciencias Sociais e Fervenzas Literarias de Ensaio, explícase a través de documentación medieval, sobre todo galega, como é posíbel que ese pecado apareza no século XI e acabe por gañar tanto protagonismo “até o punto de que a Igrexa Católica actual non saia á rúa contra a pobreza ou a exclusión, das que si falou moito Xesús Cristo, e si se manifeste moitas veces, de forma mesmo histriónica, contra a posibilidade de que teña de novo pleno recoñecemento xurídico a unión entre dúas mulleres ou entre dous homes”.

Outras das novidades que se presentan no libro Amigos e sodomitas é unha remozada análise das opcións sexuais na prosa galego-portuguesa e no trobadorismo peninsular medieval, que inclúe a atención a unha cantiga de amigo entre dous homes no século XIII, da autoría de Rodrigo Eanes de Vasconcelos, ou a sátira onde se fala dunha relación lésbica entre Sancha e María, en Santiago de Compostela na rúa da Moeda Vella, tamén do século XIII.

8 de nov de 2012

Xa me contaredes


Este que acaba de chegar é xa o quinto libro que publico, mais así e todo produce unha ledicia renovada ver  encadernadiño e dispostiño aquilo que un día escribiches. Penso que esa sensación non se ten cos libros electrónicos, aínda que supoño que será algo semellante a cando por fin dás terminado un traballo ao que dedicaches tempo e esforzo.

Alégranme tamén moitísimo os primeiros comentarios que comezo a recibir sobre a obra e a enorme xenerosidade con que foi compartida no Facebook a imaxe da cuberta. Unha cuberta, como lembraredes, que se escolleu o pasado mes de setembro nunha votación neste blogue, polo que é un pouquiño das 252 persoas que participastes. Moitísimas grazas!

O meu desexo, con certeza, é que este sexa un libro útil. Xa me contaredes se foi así. Se non o dei conseguido, cando menos fíxeno porque sei que, sen dúbidas, si é necesario.

Continuamos!