29 de set. de 2012

Hoxe continúa o Festival das Brétemas

O sábado pasado estiven en Ponteareas falando sobre o libro Como defenderes os teus dereitos lingüísticos grazas ao convite que me fixo a dinámica rapazada que organiza o Festival das Brétemas.



O Festival continúa hoxe ás 20:30 no Auditorio coa presentación da curtametraxe "Deixádeos pasar" e pola noite, sobre as 22:30, comezarán os concertos na Feira Vella. Eu non poderei estar, mais anímovos a que, se vos for posíbel, vaiades a pasalo ben e a apoialo.

Continuamos!







24 de set. de 2012

Feijóo non merece ser reelixido

Esta mañá Susana Méndez e eu presentamos os materiais dunha campaña que cómpre que todas e todos divulguemos o máximo posíbel. Nela chamamos a atención sobre os principais retrocesos para o noso idioma desde que preside a Xunta Alberto Núñez Feijóo. Son retrocesos ben claros para os nosos dereitos lingüísticos e para a nosa cultura, mais son tamén unha metáfora de toda unha xestión feita de costas ao país, tamén no económico, nos dereitos sociais, etc.

De todas e todos nós depende evitar que a Xunta continúe a patadas coa lingua galega, for cun goberno en solitario do PP ou cun bipartito entre Núñez Feijóo e Mario Conde.

Se quixerdes colaborar coa campaña podedes descargar os materiais dela desde esta ligazón, imprimilos e divulgalos.

Adiante!



23 de set. de 2012

Voltar a Freud


Un día coma o de hoxe, en 1939, falecía en Londres Sigmund Freud. Encontrábase aló fuxindo da persecución nazi, non só pola súa relixión (el considerábase "un xudeu sen deus"), senón tamén polas súas revolucionarias ideas que deron lugar á psicanálise. Cóntase que antes de abandonar Viena o obrigaron a asinar un documento en que dixese que non fora maltratado, ante o cal preguntou se podía pór tamén que lle recomendaba vivamente a Gestapo a todo o mundo.

O domingo pasado tiven a sorte de poder coñecer a casa en que pasou os seus derradeiros anos,  convertida en museo desde a morte da súa filla Anna. Alí están as pezas arqueolóxicas que coleccionaba, os obxectos que nos levan a anécdotas do máis interesante (Dalí, o Home dos Lobos, a Gradiva...); está alí tamén a súa apaixonante biblioteca e, claro, tamén alí encontramos o famoso diván, no cal se resume un paso enorme na Historia da Humanidade: a descuberta do inconsciente.

A pesar das moitas tentativas de linchamento intelectual ou de marxinación académica, todo o núcleo da obra de Freud continúa a ser moi necesario e moi útil para o presente. Fronte ás ordes condutistas, fronte á farmacoloxización da vida, fronte ao auxe do autoritarismo cientifista, cómpre voltarmos a ollada de novo cara aos escritos freudianos. Teñen moito para nos diciren.

22 de set. de 2012

Vémonos ás nove en Ponteareas!

Antes, como vedes, hai todas estas interesantes actividades:


Para que despois o goberno de Feijóo diga que a cultura galega limita ou está "ensimesmada"!

21 de set. de 2012

Vémonos hoxe ás 20 h na Confraría de Ribeira!

 


O vídeo é de 27TV, a quen agradezo a cobertura informativa. O local que se ve a maioría do tempo é, con certeza, a entrada da Confraría en que realizaremos o acto deste serán. Así que xa non tedes escusa para dicir que vos perdestes! ;)

Tamén lle fico moi agradecido aos outros medios que axudaron a divulgar o acto, como por exemplo o sempre atento Xornal Certo.

19 de set. de 2012

Isto foi o que se votou

Hai xa algúns días que se fecharon as votacións para escoller a cuberta para Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez. Cun 39 % dos apoios, a electa finalmente foi a portada número tres, que é esta que figura aquí arriba.

A xente que votou ao seu favor fíxoo por diferentes motivos, polo que comentastes neste blogue, no Facebook ou nalgún correo privado. Algunhas das razóns que me chamaron a atención foron que o lapis adopta a forma da bandeira galega (podedes crer que eu non reparara?!), que hai quen pon así na boca o lapis ou o boli (xD) ou simplemente porque lles parecía unha cuberta fresca.

Obrigadísimo  ás 252 persoas que participastes nesta escolla colectiva! O libro chegará en poucas semanas ás libraríase e penso que pode "dar que falar".

Por outra banda, non podo deixar de lembrarvos que nesta sexta feira (venres) se realizará a presentación na Confraría de Ribeira do meu outro libro Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, especialmente útil e penso que mesmo necesario para o momento presente. Será unha alegría vervos por aló, se vos puiderdes pasar.

Adiante!

18 de set. de 2012

O 21 en Ribeira e o 22 en Ponteareas


A finais desta semana retomo a axenda de conferencias e palestras en defensa do noso idioma que teñen como escusa o manual práctico Como defenderes os teus dereitos lingüísticos. A enorme importancia das eleccións autonómicas fará que a análise sobre o que supuxo esta lexislatura sexa un dos puntos a tratarmos nestes actos.

Así que xa sabedes, se queredes e podedes, estades convidadas/os. O 21 podemos conversar en Ribeira e o 22 en Ponteareas.

A forza do noso amor non vai ser inútil!

15 de set. de 2012

Novas empresas que se abren ao galego

Se segues o web da Mesa, o seu espazo no Twitter ou algunha das páxinas da entidade no Facebook, xa saberás que se incorporaron nestes días pasados varios nomes novos ao proxecto Abertos ao Galego, a rede comercial e empresarial que serve, entre outras cousas, como pequena guía para un consumo responsábel co noso idioma.

Por se non o viches aínda, recoméndoche que o vexas!
- As novidades desta semana das empresas de Abertos ao Galego.
  - As novidades de Abertos ao Galego: catro novas incorporacións ao proxecto e máis noticias das empresas colaboradoras.

- Nova incorporación a Abertos ao Galego: Dual s.t.

- Nova incorporación a Abertos ao Galego: Lúcete Lecer.


- Abertos ao Galego.- Nova incorporación: Viveiros Moreira.
Ademais, se coñeces algunha empresa que estea aberta ao galego, non deixes de comentalo no correo-e abertosaogalego@amesanl.org!

6 de set. de 2012

Contra a hibridación


A semana próxima participarei en Gales no X Congreso da Asociación Internacional de Estudos Galegos. Fareino cunha comunicación sobre a perda do noso idioma a través da continuada desnaturalización dos seus trazos distintivos e xenuínos. A publicidade institucional que aquí penduro é ilustrativa desta situación.

Na liña da restauración da nosa lingua vai tamén o libro Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, que moi axiña se comezará a distribuír a través de Xerais. A terceira parte deste manual céntrase en dar consellos sinxelos para mellorarmos en cousas como a colocación dos pronomes átonos, o uso do infinitivo persoal, para que non perdamos a fonética tradicional, para que non deixemos polo camiño a entoación galega, etc.

De nós depende! Activémonos!