30 de jun. de 2012

O extraterrestre e Agustín Fernández Paz


Estiven esta mañá na linda e xusta homenaxe ao enorme Agustín Fernández Paz, un home que sintetiza a loita actual para que a nosa nación continúe a existir.

O título desta entrada débollo a un artigo do Cibrán no seu blogue Carta Xeométrica, que comeza así:

Imaxinemos por un momento que un habitante doutro planeta chega onda nós coa misión de remexer no mundo da normalización lingüística . Axiña había de atopar por todas partes referencias a unha persoa, a un traballador pola lingua e a súa dignificación. O seu nome, Agustín Fernández Paz, vén sendo algo así como unha bandeira e un escudo da dignidade e do orgullo do galego.
Viva o Agustín!

Viva a nosa cultura, viva!

28 de jun. de 2012

Arriba o Orgullo!


Deixo aquí o lindo cartaz dun evento organizado polo BNG e Galiza Nova de Cambre para o vindeiro sábado con motivo do Orgullo GLBT.

Aínda hai moito que traballar neste campo. Fagámolo!

27 de jun. de 2012

Cando a sodomía foi pecado

Moitísimas grazas a toda a xente que participou nas presentacións de onte e antonte do libro Amigos e sodomitas, en especial a Laura Tato, Carme Adán e Xosé Manuel Buxán Bran, polas moitas e refrescantes ideas que achegaron sobre o tema. Obrigado tamén aos medios de comunicación que, como o Faro de Vigo, ofreceron o seu espazo para axudar a coñecer máis sobre estas cuestións. Agradecidísimo así mesmo ás entidades que fixeron posíbel ambos os actos: o bar Alfaiate da Coruña e a Libraría Cartabón de Vigo.

Por se vos interesar, a próxima presentación deste ensaio será este sábado ás 20.30 h no adro da igrexa de Santa María do Temple, en Cambre.

Continuamos!



23 de jun. de 2012

22 de jun. de 2012

Roberto Vidal Bolaño! Viva!


A designación do enorme dramaturgo Roberto Vidal Bolaño para o Día das Letras 2013 é unha sorprendente e feliz decisión da Academia Galega.

É boa verdade que, máis unha vez, hai que lamentar o criterio sectario de rexeitar a merecidísima homenaxe que se lle debe Ricardo Carvalho Calero, mais iso (tampouco nesta ocasión) nos vai impedir pór toda a forza posíbel en divulgar o tremendo valor da figura escollida. Penso que, ademais, neste caso o seu nome cumpre moitos trazos que van permitir unha participación social semellante á conseguida hai dous anos con Lois Pereiro. Oxalá!

Hai moitas ligazóns de interese sobre o creador que se poden consultar (como a ficha na Biblioteca Virtual Galega ou mesmo o seu verbete na Galipedia), mais, antes de nada, recomendo ler o que sobre el nos contaba hoxe mesmo outro grande dramaturgo dos nosos días, Manuel Lourenzo, no artigo "Presenza de Roberto Vidal Bolaño".

Viva Roberto Vidal Bolaño!

Viva a nosa cultura viva!

Como, cando e por que apareceu a homofobia


Velaquí os eventos no facebook:

- Presentación de Amigos e sodomitas na Coruña.

- Presentación de Amigos e sodomitas en Vigo.
Continuamos!

21 de jun. de 2012

En galego si hai problema

Cando deixarán de producirse discriminacións tan graves como a que se pode ler neste documento?

Cando abrirán os ollos e a sensibilidade cara ao noso idioma as administracións competentes?

Cando poderemos deixar de ser estranxeiras e estranxeiros na propia patria?

Cando a administración de xustiza será xusta cos nosos dereitos lingüísticos?


Desde A Mesa pola Normalización Lingüística remitímoslles as correspondentes queixas por este motivo -máis unha vez!- á Xunta de Galiza, ao Goberno central, ao Consello Xeral do Poder Xudicial e ao Tribunal Superior de Xustiza de Galiza.

Non ao escarnio polo uso do noso idioma!

Non ás discriminacións!

Queremos galego!

20 de jun. de 2012

Con apoio ou sen apoio


Mañá ás 10 da mañá teño un encontro no salón de plenos de Santiago de Compostela coa concelleira de Normalización Lingüística, Rebeca Domínguez, que é coñecida porque realizou a súa primeira comparecencia pública como tal concelleira de Normalización Lingüística negándose a usar o galego.

Agardo que nese encontro me explique cales son os criterios polos cales o Concello de Santiago, desde a chegada do PP ao goberno municipal, se nega a cumprir cos consensos máis básicos sobre a promoción do idioma, que no seu ámbito de competencias son a Ordenanza municipal de normalización lingüística e o Plan municipal de normalización lingüística, aprobados ambos por unanimidade.

A capital de Galiza, outrora exemplo de bo facer na promoción do idioma, estase a converter en todo un exemplo a contrario: publicidade que antes saía en galego e agora deixa de facelo, formularios que só están dispoñíbeis en español, representantes públicos que se negan a utilizar o idioma propio nas súas comparecencias, etc.

A todo isto hai que sumar a tentativa de asfixia dos movementos sociais en defensa do idioma do país. Lembremos a negativa a apoiar o Correlingua, a última hora, e a súa tremenda petición de que se censurase o manifesto escolar. Traiamos á mente a súa pretensión de deixar sen megafonía e sen palco a mobilización do 17 de maio, que só se puido corrixir a través dunha resolución xudicial, mais mesmo así tentaron evitar que puidese haber fotógrafos e fotógrafas que puidesen coller as principais panorámicas da praza da Quintana ateigada. Agora, sabemos tamén, grazas aos xornais e -isto é importante- sen comunicación directa por parte da propia administración, que rescinden a pequena porén simbólica colaboración anual coa Mesa. Éralles demasiado molesto compartir actividades cunha asociación que defende o noso idioma.

Por fortuna, aínda hai institucións que si manteñen esa colaboración, como a Deputación de Lugo. Na fotografía de arriba recóllese un encontro co delegado de Cultura e Turismo desa Administración, o nacionalista Mario Outeiro, no cal formalizamos a renovación da cooperación en defensa do idioma entre esta administración e este movemento cultural en defensa do propio que é A Mesa.

Continuamos!

19 de jun. de 2012

Queer-emos un mundo novo


Se onte falaba aquí das presentacións que para a semana vindeira haberá en Vigo e A Coruña do libro Amigos e sodomitas (posponse a de Lugo), hoxe convídovos a que mañá, cuarta feira (mércores) 20 de xuño vaiades ao serán (20 h, en concreto) á presentación na libraría Pedreira de Santiago (rúa do Home Santo, 55) do último ensaio da multipremiadísima Teresa Moure (despois de tantas parénteses neste parágrafo, aquí sinto que tiña que pór outra, así que vos deixo unha ligazón á videoteca da escritora na páxina da AELG). Ambos os libros, nas súas significativas diferenzas, teñen importantes fíos en común.

Ela sabe que eu son bastante crítico con moitos aspectos da teoría queer, mais penso que neste libro acolle e pon en valor o mellor desa perspectiva: a aposta pola diversidade.

Sobre estas cousas escoitaremos e falaremos mañá. Vémonos alí!

Continuamos!

18 de jun. de 2012

Na semana do Orgullo, sobre as raíces do prexuízo



O día 28 de xuño festéxase a xornada do Orgullo GLBT (gai, lésbico, bisexual e transexual), en recordo da crucial revolta de Stonewall de 1969.

Como pequeno contributo para tal celebración, durante a semana vindeira vou realizar tres presentacións do libro Amigos e sodomitas. A configuración da homosexualidade na Idade Media. Axiña darei todos os datos da de Lugo, mais de momento podedes ir anotando, por se vos interesar:

25 de xuño (segunda feira; luns).
20.30 h.
A Coruña: Café-bar O Alfaiate (praza de España).
Presentarán: Francisco Barcia, Laura Tato, Pilar Zapico.
O evento no facebook, aquí


26 de xuño (terza feira; martes).
(Hora por concretar.)
Lugo: Libraría Sargadelos (praza de San Domingos, 4).
O evento no facebook, aquí


28 de xuño (quinta feira; xoves).
20.30h.

Vigo: Libraría Cartabón (Urzaiz, 125).
Presenta: Xosé Manuel Buxán Bran.
O evento no facebook, aquí.

13 de jun. de 2012

En galego? Podemos!


Unha das miñas grandes alegrías dos últimos días provén de varias persoas que se me achegaron para me dicir de que forma concreta lles resultou de axuda o libro Como defenderes os teus dereitos lingüísticos. Xa podedes imaxinar a satisfacción e, sobre todo, o combustíbel para continuar que supoñen estas palabras. Estiven a darlle algunhas voltas e seguramente axiña faga algo con eses testemuños e outros que me quixerdes facer chegar. Nuns días conto máis, a ver que vos parece a idea! ;)

De momento, convídovos, se quixerdes e puiderdes, a que vos pasedes mañá pola asociación de veciñas e veciños das Atochas - Monte Alto - Torre de Hércules, no Campo de Marte. Ás sete falaremos sobre este libriños e, con el, sobre a situación do noso idioma e sobre como podemos garantirlle unha mellor saúde.

En galego? Podemos!

11 de jun. de 2012

Quanto piace al mondo è breve sogno


Voi ch’ascoltate in rime sparse il suono
di quei sospiri ond’io nudriva ‘l core
in sul mio primo giovenile errore
quand’era in parte altr’uom da quel ch’i’ sono,
del vario stile in ch’io piango e ragiono
fra le vane speranze e ‘l van dolore,
ove sia chi per prova intenda amore,
spero trovar pietà, non ché perdono.
Ma ben veggio or sì come al popol tutto
favola fui gran tempo, onde sovente
di me medesmo meco mi vergogno;
e del mio vaneggiar vergogna è ‘l frutto,
e ‘l pentersi, e ‘l conoscer chiaramente
che quanto piace al mondo è breve sogno.
(Petrarca, Soneto I do Canzionere)


Canto me presta Petrarca!

9 de jun. de 2012

Outramente... en Compostela

A vindeira terza (martes) presentarase en Santiago de Compostela o último libro de Pilar García Negro: Outramente...

Vémonos alí!

7 de jun. de 2012

De Oleiros a Monte Alto

Mercé ao convite da Asociación de Veciñas e Veciños das Atochas - Monte Alto - Torre de Hércules, o vindeiro 14 de xuño ás sete do serán presentarase no seu local social (no Campo de Marte, s/n) o manual Como defenderes os teus dereitos lingüísticos. Tedes toda a información no evento do facebook.

Aproveito que teño na axenda este acto para subir dúas humildes fotos da que foi a presentación en Oleiros deste mesmo libro de defensa do noso idioma, xunto cos compañeiros Nacho Taibo e Cibrán Turnes.

Continuamos!



6 de jun. de 2012

Non á criminalización do sindicalismo!



Todo o meu apoio, a miña solidariedade e o meu agradecemento para ambos por todo o seu traballo!

Antolín, Víctor:  
Convosco!

Máis información, nesta ligazón e nesta folla en pdf.

5 de jun. de 2012

Crisálida

Tal e como temos a carteleira en Santiago de Compostela, onde os multicines Valle Inclán ou os de Área Central só estrean a sota, cabalo e rei do cinema máis comercial, resulta unha auténtica xoia que non se pode desaproveitar que chegase ás pantallas Monsieur Lazhar.

É este un filme sobre a dor de vivir, a aprendizaxe, a cura... cunha narración maxistral feita con enorme elegancia: sen as estridencias habituais doutras películas sobre "profesor que chega e fai que muden as cousas", sen adoutrinamentos, insinuando historias e emocións que é difícil que non fiquen coa espectadora, co espectador. En fin, que vos aconsello vivisamente que a vexades. Talvez nos encontremos na sala!

4 de jun. de 2012

Dúas cifras da política lingüística galega

 


Velaquí dúas comparación ilustrativas da situación en que se encontra o noso idioma por parte das institucións autonómicas: entre a asfixia e a propaganda.

- A Fundación dun só escritor en castelán (a Camilo José Cela) recibe 44 veces máis diñeiro da Xunta que a asociación de todos os escritores e todas as escritoras en lingua galega. A maior asociación cultural de Galiza, A Mesa, non recibe nin un só céntimo de euro.

- Un programa da Secretaría Xeral de Política Lingüística que anunciaban que ía chegar a 775.000 persoas, nunha das súas propostas centrais en varias semanas, e despois de pasar por vinte e un concellos, conseguiu xuntar a... cen. Os detalles e os matices, aquí, onde poderedes ver que ademais a actividade era de interese, só que non estivo ben organizada. A diferenza entre o que se publicita (775.000) e o que acontece (100) é notoria.

Continuamos!