30 de nov de 2011

Rosalía de Castro, Antón Lopo e a prosa medieval


Onte as xornadas sobre homosexualidade e literatura galega tiveron un comezo de luxo coa intervención de Teresa Moure, que abofé que estará carburando nas nosas cabezas ao longo destes días. Despois, o historiador Uxío Diéguez comentounos as viravoltas vitais de Álvaro de las Casas e os escándalos sexuais en que se viu envolto.

As xornadas comezarán hoxe ás 18 h con outra intervención de primeirísimo nivel. Francisco Rodríguez falaranos sobre a androxinia como cobertura da homosexualidade na obra de Rosalía de Castro. O autor do principal estudo sobre a obra rosaliana achegaranos chaves analíticas e interpretativas de grande relevo.

A continuación, Paulo Filgueiras falaranos sobre o recomendabilísimo romance Ganga, de Antón Lopo, co atractivo título "Ganga ou da importancia de ser un marica con problemas". O investigador confrontará esta obra con outras producións narrativas da literatura galega recente.

Tócame a min fechar as xornadas por hoxe e fareino comentando as amizades intensas e o amor entre homes na prosa galega medieval, na liña de dous dos capítulos do libro Amigos e sodomitas.

Por se vos interesar, a entrevista que onte emitiu o Diario Cultural da Radio Galega sobre estas xornadas podedes ouvila no seu facebook.

29 de nov de 2011

Literatura galega, literatura queer

Hoxe comezan no IES Blanco Amor de Ourense as xornadas sobre homosexualidade na cultura, que se centrarán sobre todo no feito literario no noso país. Así, o evento abrirao un relatorio dunha das nosas mellores escritoras e ensaístas, Teresa Moure. O título da súa intervención podería ser, abofé, un bo nome para todas as xornadas: "Literatura galega, literatura queer".

A seguinte intervención será do historiador Uxío Breogán Diéguez, que nos falará do escritor e político Álvaro de las Casas, coas lendas negras que o acompañaron. A respecto da cuestión homosexual, é de grandísimo interese un pedazo do seu libro Xornadas de Bastián Albor, de 1931, que incluín no seu día nesta antoloxía que vai "Da sátira ao orgullo".

Por se vos interesar, hoxe o Diario Cultural da Radio Galega emitirá unha entrevista sobre os actos de Ourense, que tamén terán eco mañá no magazine matutino de Radiofusión.

[Ilustración do artista brasileiro Francisco Hurtz.]

28 de nov de 2011

Hoxe ás 23 h canta miña irmá na Borriquita de Belém


Ben, na realidade non canta ela soa, mais como hai tempo que non é posíbel escoitala en directo por Galiza e me vai no sangue, pois teño de anunciala en primeiro lugar.

Hoxe ás 23 h a Borriquita de Belém de Santiago de Compostela organiza unha JAM Brasileira con Sérgio Tannus Trio (tamén con Serginho Sales e Paulo Silva), que terán a colaboración tamén de Uxía, Carlos Blanco, Aline Frazão, Mónica de Nut, María do Mar Callón e aínda máis.

27 de nov de 2011

Reportaxe en México sobre Amigos e sodomitas

A revista mexicana M Semanal, pertencente ao grupo Milenio de comunicación, colocou como unha das súas informacións de portada desta semana unha reportaxe sobre o libro Amigos e sodomitas, cuxa tradución ao español sairá en 2012.

Agradezo os recoñecementos que lle chegan a este libro, non só pola satisfacción persoal ante o traballo realizado, senón tamén porque todo o que ten esta obriña de novidoso ou particular se debe ao noso inmenso tesouro cultural medieval.

Obrigado!

Bem me posso queixar da Pátria a pouca fartura

26 de nov de 2011

Vai chegando o novo de La Casa Azul

O novo disco de La Casa Azul estará nas tendas nesta segunda feira, mais xa hai algún adiantiño:

25 de nov de 2011

A homosexualidade e a literatura galega: a debate a semana vindeira en Ourense

A Fundación Vicente Risco acolle para a semana próxima unhas xornadas sobre homosexualidade e cultura (de xeito especial, sobre a literatura galega), ás que aínda estades a tempo de vos matricular a través desta ligazón.

No programa que está pendurado hai algúns erros de horario, polo que vos achego a información correcta:

Terza feira, 29 de novembro
18.00 - Acreditacións.
18.30 - Presentación do curso.
19.00 - "Literatura galega, literatura queer", Teresa Moure.
20.00 - "Álvaro de las Casas ou dun (aparentemente) desconexo percorrido biográfico. Contributos, renuncias e escándalos (1901-1950)", Uxío Breogán Diéguez Cequiel.

Cuarta feira, 30 de novembro
18.00 - "A androxinia como cobertura da homosexualidade. O caso de Rosalía de Castro", Francisco Rodríguez.
19.000 - "Semiose homo, escrita queer. Consideracións sobre o estudo da cultura LGBT do punto de vista da teoría literaria", Gonzalo Hermo.
20.00 - "Como home que leva o seu amigo: Amizades intensas e amor entre homes na prosa galega medieval", Carlos Callón.

Quinta feira, 1 de decembro
18.00 - "A Ars Amandi de Eduardo Blanco Amor", Luís González Tosar.
19.00 - "A homosexualidade nas leis: aproximación histórica e dereito comparado", Celia Pereira Porto.
20.00 - "Ganga ou da importancia de ser un marica con problemas", Paulo Filgueiras Fachal.

Sexta feira, 2 de decembro
18.00 - "Fermín Bouza Brey", Antón Lopo.
19.00 - "A homosexualidade nas sátiras medievais galego-portuguesas", María Isabel Morán Cabanas.
20.00 - "A sexualidade na época clásica", Susana Reboreda.
21.00 - Recital poético.

24 de nov de 2011

O Cartafol da USC faise eco de Como defenderes os teus dereitos lingüísticos


Isabel Vaquero, técnica do Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela, escribiu unha reseña de Como defenderes os teus dereitos lingüísticos para o boletín electrónico oficial deste servizo, O Cartafol. Moi obrigado!

Como defenderes os teus dereitos lingüísticos

«Cada decisión que tomamos no presente modifica os futuros posibles». Tal paráfrase de Einstein podería ser o leit-motiv que levou a Carlos Callón, presidente d'A Mesa pola Normalización Lingüística, a escribir este manual da auto-axuda, Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, editado por Xerais.

Malia que a situación da lingua galega amosa síntomas preocupantes, pois leva séculos sufrindo perda de falantes, que se acelerou nas últimas décadas, e non goza de protección xurídica e institucional abonda, na opinión de Callón existe un aspecto positivo que convén ter moi en conta: «nunca antes existiu unha comunidade lingüística galega tan dinámica e con tal grao de consciencia dos seus dereitos». É a esta minoría social, preocupada e concienciada, á que se dirixe o autor fundamentalmente: ás persoas que teñan suficiente motivación como para exerceren os seus dereitos lingüísticos.

Escriturar un ben, facer testamento, escolarizar as fillas, poñer nome, consumir produtos, solicitar facturas, acudir ao médico, cubrir un formulario electrónico dunha administración, traballar, utilizar un servizo municipal... A cotío vivimos infinidade de situacións en que o galego semella non existir; e deixará de existir, en efecto, se nós, as persoas concienciadas e comprometidas co noso idioma non o reivindicamos. «O non xa o temos, mais o si aínda podemos conquistalo. Pidamos o galego alí onde non nolo ofrezan. Procuremos sempre a empatía da persoa que nos atenda, mais nunca deixemos pasar calquera xestión da nosa vida sen o dicirmos: Por favor, podería ser en galego? Sorprenderémonos. (...) Non ocultemos que queremos vivir en galego.»

Como sostén Callón, a falta do galego en moitas situacións habituais non se debe tanto ao rexeitamento como á inercia e á ignorancia, tanto dos nosos interlocutores como, en moitas ocasións, propia nosa. Este manual pretende alumar o camiño da acción individual, tan necesaria para a vixencia do idioma propio de Galicia. Por unha banda, ofrece argumentos e datos en que apoiar as nosas demandas; por outra, aconsella técnicas para facelo con asertividade, é dicir, sen empregar unha conduta aversiva para os demais, e obtendo, polo tanto, un autorreforzo. Son variadas as anécdotas, tanto propias do autor como doutras persoas, que ilustran esta liña de actuación e que serven, ademais, para que o libriño, xa de por si didáctico, deveña entretido e, mesmo, divertido.

Cada logro e avance do galego houbo que pelexalo a pulso. E nesas seguimos. Velaquí, logo, unha axudiña... para o pulso.

23 de nov de 2011

O galego, 36ª lingua en twitter; o portugués, a 2ª


Publicouse un mapamundi cos datos das linguas en que tuitea a xente. A información que se proporciona é valiosa, aínda que non sexa totalmente fiábel, senón só tendencial (non inclúe todos os tuiteos, senón só os xeolocalizados).

Para o noso caso hai tres conclusións de grande relevo:

1) O portugués é a segunda lingua en que máis se tuitea do mundo, tal e como apuntaran xa diversas pesquisas. A primeira con diferenza, como se podería agardar, é o inglés.

2) O galego figura como a 36ª lingua nesta listaxe, xusto detrás do chinés de Taiwán e diante do suahili, o hebreo, o croata e o búlgaro. Lamentabelmente, no mapa é imposíbel de diferenciar, xa que español e galego teñen case a mesma cor :S

3) En twitter, a comunidade lingüística galega é a terceira máis importante do Estado español. O catalán sobrancea moito no Principipat e ten tamén vitalidade no norte de Castelló. O éuscaro, é triste, case nin figura (de feito, está fóra desa listaxe dos 40 idiomas en que máis se tuitea no mundo).

22 de nov de 2011

O logro positivo e a audacia necesaria

Prometo escribir unhas liñas máis polo miúdo sobre a miña visión do resultado das eleccións xerais, mais xa podo adiantar que concordo co dito polo sensatísimo editorial do Terra e Tempo sobre os resultados e os retos do nacionalismo:

O logro positivo e a audacia necesaria

Os resultados do nacionalismo galego o 20 de Novembro representan o logro dun obxectivo: manter os dous deputados do BNG no Congreso. Este obxectivo pode parecer moi pouco ambicioso, en abstracto, sen termos en consideración importantes factores que limitan a expansión electoral neste momento. O BNG ten detrás un coherente e significativo traballo desenvolvido no Congreso dos Deputados e no Senado desde 1996, e concretamente, na última lexislatura. As iniciativas e debates parlamentares fixeron do BNG a única forza política realmente interesada na defensa dos intereses do pobo galego e a máis comprometida coas maiorías sociais. Esta traxectoria é o mellor aval para defender a alternativa política nacionalista no contexto estatal. A militancia nacionalista foi consciente da importancia da presenza do BNG nas Cortes Xerais. A campaña electoral tivo dinamismo, impacto e incidencia social grazas ao esforzo da organización e dos e das militantes conscientes do que nos xogabamos neste proceso.

Certamente non se cumpriu o obxectivo de subir lixeiramente en porcentaxes de voto, agás na circunscrición de Pontevedra. Alguén pode preguntarse por que razón, nun contexto de claro retroceso do PSOE, o BNG non ten capacidade para atraer unha parte importante deste electorado. A resposta está en tres factores que lastran a potencialidade do nacionalismo neste momento. O primeiro é a carencia de cohesión interna que aparece magnificada para fóra. Esta carencia réstalle credibilidade e mesmo eficiencia na súa actuación na sociedade. Só a asunción do principio de unidade na acción, após os debates democráticos previos, pode superar esta eiva. Naturalmente nunha organización política estase para construír e defender a alternativa que representa, non para desprestixiala e destruíla. A próxima Asemblea Nacional do BNG debe restaurar a unidade interna, provocando o debate político que conduza a unha unidade operativa, onde non estea excluída a discrepancia leal, pero onde non se permitan comportamentos e actitudes deslexitimadoras das decisións democraticamente tomadas.

O segundo factor é un certo descrédito e frustración derivados dalgunhas experiencias de goberno que pesan, inxustificada ou xustificadamente, máis que os acertos. Restaurar a confianza esixe un certo tempo, empeño que guía a política do BNG.

O terceiro factor está na indefensión e fraxilidade da sociedade galega no aspecto informativo e a falta de confianza nas súas propias capacidades. En ningunha parte do Estado español como aquí se practica unha política informativa, en medios públicos e privados, tan descaradamente agresiva e manipuladora, cando non ocultadora, coa alternativa nacionalista. Non cómpre lembrar as diferenzas sociais e económicas de Galiza verbo de Euskal Herria e Catalunya, nin a distinta cobertura que as institucións dan nestes países aos seus intereses e á súa lingua e cultura nacional. O proceso de globalización está incidindo dunha maneira especialmente destrutiva da base económica do noso país e, como corolario, na conciencia social en relación ás nosas posibilidades de futuro como pobo. Certamente, unha alternativa política nacionalista como a do BNG ten que estar especialmente comprometida no combate contra este devalar, sendo capaz de orientar a sociedade nunha dirección que a leve a asumir as súas responsabilidades, opóndose construtivamente aos deseños que a anulan. Debemos valorar que contamos cun instrumento político moi útil, o único existente na sociedade galega, para lograr este obxectivo, o BNG, mais tamén recoñecer que as mudanzas negativas no país están indo máis apresa que o fortalecemento da nosa capacidade para paralizalas, sendo quen de executar políticas alternativas.

No panorama dunha evolución económica, social e política como a que estamos a vivir, o BNG está empeñado en ser vangarda na defensa de Galiza e das clases sociais maioritarias, como fixo até agora. A súa opción a prol das clases populares e contra políticas de axustes e de recortes de dereitos sociais vai emparellada coa súa proposta de mudanza institucional do Estado español, para facelo realmente democrático e representativo das nacións que o integran, entre elas Galiza, así como coa súa aposta por un modelo radicalmente diferente de Unión Europea. En ambos os dous casos, o BNG representa o esforzo pola capacidade de decidir do pobo galego no contexto antidemocrático e desigual da globalización. A presenza do BNG no Congreso dos Deputados é a única garantía de participación do pobo galego, desde a perspectiva dos seus intereses, nos debates sobre o presente e o futuro do Estado español e a Unión Europea. A maioría absoluta do Partido Popular, xa cantada triunfalmente polos medios de comunicación antes de se producir nas urnas, vai significar seguir afondando nunha política suicida para as maiorías sociais e de clara recentralización do Estado e dunha construción europea xerarquizada e desigual. O nacionalismo galego será a nivel social e institucional unha punta de lanza na oposición a esta política.

O instrumento con que contamos para participar no contexto da vida política estatal é humilde pero digno. Todos os inimigos de Galiza agardaban, con satisfacción mal disimulada, a nosa desaparición das Cortes. A nosa representación pode ser mellorada cuantitativamente se somos quen de eliminar ou mitigar algunhas das carencias devanditas. A esta tarefa están dedicados todos os homes e mulleres e correntes de opinión que no BNG, construtivamente, traballan para o pobo galego ter representación política de seu en defensa dos seus lexítimos dereitos. Vimos de revalidar esta presenza na política estatal. Non é un logro desprezábel, se temos en conta as fraxilidades descritas. Non nos vai faltar audacia para mellorar social e politicamente esta situación.

21 de nov de 2011

En defensa do traballo e dos traballos de Preescolar na Casa


Manifestación en Lugo este 26 de novembro. O proxecto educativo Preescolar na Casa sempre se desenvolveu, nos seus 35 anos de historia, na lingua do noso país. O uso do noso idioma influíu sen dúbidas na decisión da Xunta de perseguir a súa actividade.

O goberno de Núñez Feijóo pode supor deixar na rúa a 42 traballadores e traballadoras e deixar sen atención educativa unhas 4.000 familias.

19 de nov de 2011

As 25 noticias máis censuradas polos telexornais no ano 2011


Onte dei en pensar que en Galiza deberiamos adaptar á nosa realidade aquilo que a nivel estadounidense e internacional se fai co Project Censored. Nese programa, impulsado desde 1976 pola Universidade Sonoma State de California, elaboran un relatorio anual de 25 noticias de grande importancia que son silenciadas, reducidas ou terxiversadas.

Para o caso galego podemos centrarnos naquelas novas que padecen a mesma exclusión ou manipulación nos informativos da TVG. Seguramente sexa difícil escoller, xa o sei, mais de momento, para 2011, eu vou propondo estas catro:

  • A denuncia da CIG de que a Xunta de Galiza deixa sen atención sanitaria as persoas con menos recursos e desempregadas saíu en medios de todo o Estado... mais non nos telexornais! Ollo, non saíu nin a denuncia da CIG nin a réplica que a Xunta e o PP están a dar aos medios que os interpelan. Directamente non existe! Por que será?

  • As protestas en defensa da lingua volveron a padecer a tesoira censorial. Queremos Galego saíu á rúa, mais se vías os telexornais non sabías para que!

  • Agustín Fernández Paz trouxo para as nosas letras un prestixioso premio internacional. É un fito que se lembrará nas historias da literatura, mais non tivo nin medio segundo nos telexornais. Hai preguntas que aínda están de actualidade: Para que un libro sexa noticia nun telexornal fai falta ser do PP ou abonda con non escribilo en galego?

  • Houbo protestas no ensino neste curso? E foron maioritarias? Iso dilo porque participaches nelas, porque se lle botases un ollo á TVG pensarías o contrario.

É "comprensíbel" que non haxa espazo para estas informacións se temos en conta a que é que se dedica o espazo...

Falta pouco máis dun mes para que termine o ano. Vós que outras noticias proporíades para esta listaxe?

As principais propostas serán sometidas a votación para escollermos as 25 novas máis censuradas polos telexornais no ano 2011.

17 de nov de 2011

Pola continuidade do SNL de Ames

Se non queres que feche o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames e llelo queres facer saber aos responsábeis da situación, podes copiar o texto a partir do seguinte parágrafo, colalo nun correo novo e envialo aos seguintes enderezos: gabinete@concellodeames.org, alfonso.rey@concellodeames.org, argibay@concellodeames.org, anxo.manuel.lorenzo.suarez@xunta.es; sxpl.secretaria@xunta.es; valentin@aestrada.com

Tamén podes copiar e pegar a mensaxe completa e enviarlla aos teus contactos, para que fagan o mesmo.

Velaquí a proposta de mensaxe:

Ante a proposta do alcalde de Ames de suprimir o Servizo de Normalización Lingüística do seu concello, quero expresar:

-O SNL do Concello de Ames vén desenvolvendo desde hai anos un labor fundamental no municipio, coa organización de importantes accións que van desde a acollida lingüística e integración da poboación inmigrante até o desenvolvemento de campañas de fomento do galego no comercio ou a hostalaría, a organización de cursos de lingua para o conxunto da poboación ou o desenvolvemento de múltiplas actividades dirixidas á poboación escolar, como obradoiros, concursos, etc., ademais de traballar pola calidade lingüística e comunicativa da institución. En definitiva, moitas e importantes accións para o imprescindíbel labor que unha administración pública debe facer para o fomento do uso e prestixio da lingua galega, labor en que o Concello de Ames veu sobranceando até agora, como demostra a concesión do Premio Lois Peña Novo, que recolleu o mesmo alcalde que agora propón o feche do SNL. Así, non é a única función deste SNL a formación lingüística do funcionariado, como sinala o Concello na súa argumentación.

-É falso que o SNL dependa de subvencións, como indica o propio Concello, xa que é un servizo estrutural inserido no organigrama, cun posto de traballo que fai parte da relación de postos de traballo municipal e, desde hai anos, con partida orzamentaria para a execución de programas normalizadores, aínda que si é certo que en 2011 (e só neste ano) a Xunta de Galiza eliminou as subvencións para o desenvolvemento deses programas, o que tamén fai responsábel a Secretaría Xeral de Política Lingüística desta grave situación.

-Esta decisión de eliminación do SNL é totalmente incoherente coa recente constitución da Rede de Dinamización Lingüística por parte da Xunta de Galiza, Rede que, en teoría, ten a función de coordinar e impulsar o labor dos SNL e na cal o Concello de Ames está inserida. Así, que sentido ten, por un lado, inserirse nunha Rede para coordinar coa Xunta e con outros concellos o traballo do SNL e, por outro lado, eliminalo? E que sentido ten crear esa Rede é, ao mesmo tempo, eliminar as axudas para o mantemento dos SNL? Por esta razón, é necesario que desde Política Lingüística da Xunta de Galiza muden os criterios desa Rede e eviten que baixo ningún concepto nin o Concello de Ames nin ningún outro elimine o seu servizo de normalización lingüística, polo que debe intervir para solucionar esta situación.

-Por todo isto, é fundamental que o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames continúe a desenvolver o seu traballo como até agora e que o goberno desbote canto antes a proposta de eliminalo.

Porque quero que mude esta situación, envíovos este correo a:

-Alcalde de Ames, Santiago Amor: gabinete@concellodeames.org

-Concelleiro de Normalización Lingüística de Ames, Alfonso Rey: alfonso.rey@concellodeames.org

-Concelleiro de Persoal de Ames, Ramón G. Argibay: argibay@concellodeames.org

-Secretario xeral de Política Lingüística da Xunta, Anxo Lorenzo Suárez: anxo.manuel.lorenzo.suarez@xunta.es; sxpl.secretaria@xunta.es

-Coordinador da Rede de Dinamización Lingüística, Valentín García Gómez: valentin@aestrada.com

Cumprimentos cordiais.

16 de nov de 2011

A Consellaría de Educación non cubre todas as baixas de profesorado


No mes en que coincide a Semana Santa ou ou Nadal a Consellaría de Educación non cubre ningunha baixa de profesorado. A pesar dos discursos dos dirixentes do PP vendéndonos a súa marabillosa xestión, a realidade é que as alumnas e os alumnos deixan de recibir a correspondente formación.

Por se isto for pouco, a CIG Ensino denuncia que a Xunta tampouco cubre as baixas de profesorado"para as que resten 15 días no momento de realizar o chamamento, independentemente de que a súa duración total sexa de 15 días ou máis". Se a baixa for de 15 días non a cubren en ningún caso. O modelo Feijóo avoga por un ensino de calidade, abofé!

O sindicato nacionalista deixou máis evidencia o Goberno galego ao facer un seguimento das baixas que a Consellaría "borrou" da súa páxina web nesta semana: un total de 14. A estas, hai que sumar un mínimo de 16 licenzas por campaña electoral que a Consellaría tampouco cubriu. Isto é: os centros solicitaban as substitucións (30 só para esta semana), a Xunta borraba a solicitude para que non se vise publicamente e en ningún momento enviou ninguén para dar aulas.

Tedes máis información sobre isto neste pdf, que recomendo divulgar.

15 de nov de 2011

Por un 20-N diverso

A Constitución española de 1978 di no seu artigo 6 que "os partidos políticos expresan o pluralismo político, concorren á formación e manifestación da vontade popular e son instrumento fundamental para a participación política".

A pesar desta referencia explícita ao "pluralismo", desde as institucións e os principais medios estase a facer todo o posíbel e o imposíbel para reducir a diversidade política á mínima expresión de Ford e Chevrolet, como na divertida canción do Carlos Puebla:



Nesa pretensión de reforzar o bipartidismo xógase á confusión de que as eleccións xerais son unhas eleccións presidenciais. Así, é forte constatar que a maioría da xente non sabe que o que se vota o 20N son representantes dunha circunscrición e non presidente do Goberno. E que mínimo que saber para que se vota!

Ante esta situación, resulta saudábel, mesmo hixiénico, que no conxunto do Estado español se poñan en andamento iniciativas cidadás para rescataren a diversidade. A que está a conseguir maior eco é #aritmetica20n. Nas catro circunscricións galegas apuntan a votar BNG como mellor garantía para conseguir esa diversidade.

Que rule!

Nada de matrimonios!



Hai un par de semanas entregáronme en Castro Caldelas o premio Vicente Risco de Ensaio polo libro Amigos e sodomitas. Deste evento fixéronse eco as edicións de Ourense e da Barbanza de La Voz de Galicia.

Na obra explícase, partindo de documentación sobre todo galega, que a homofobia non é eterna, senón que xorde nun tempo concreto, aínda que nestes momentos continuemos a pagar a hipoteca desa intolerancia que non ten nin mil anos de existencia. Ademais, nun dos capítulos comento o caso do matrimonio en Rairiz de Veiga hai 950 anos entre Pedro Díaz e Muño Vandilaz.

Escoitando o que lle hai que escoitar estes días aos dirixentes do PP danme unhas ganas de lle enviar a Mariano Rajoy un exemplar do libro!

14 de nov de 2011

A cultura galega necesita voz en Madrid


Esta mañá presentouse en Santiago de Compostela un manifesto que apoiei e que está aberto tamén a todas as persoas que o quixeren subscribir e divulgar.

É un chamamento, baseado na nosa situación cultural, para que se vote BNG nestas eleccións.

Como di esta formación política nos seus mitins, votemos como galegas e galegos!

12 de nov de 2011

Agardando polo 28 de novembro

Hai algunha xente que se estraña de que adore tanto o "grupo" La Casa Azul. Mais é así.

Teño sinalado no calendario o día 28 de novembro, a saída do seu novo disco. E estou máis que preparado para a xira de 2012!

Seguro que o Guille non defrauda!

11 de nov de 2011

Tremeu toda a honesta torre da túa vida pasada

Romance dos vinte anos

Vinte anos...! Foron vinte
as doridas badaladas
que no relox da Existenza
espallaron as campanas.

Tremeu toda a honesta torre
da miña vida pasada.

Un novo bando de pombas
feito de ensonos de nacra
veu a mergullar a pruma
na miña fonte Castalia
e na aresta máis esquiva
da torre nunca escalada
a bandeira do Desexo
despreguizou súas azas.

Vinte anos! Leda edade!
Inda se soña cas fadas!
Temos todos unha noiva:
a estreliña da esperanza.
Ri pra nós a Natureza
con líricas gargalladas;
e pregan por nó-las nais;
e nos unxen as rapazas
ca dozura dos seus bicos
e co mimo das suas bágoas.
Alcenden pra nós máis mundos
as noitiñas estreladas...
cada luceiro un diamante
e cada estrela unha lámpara
pra ver millor os carreiros
de camiño prás fiadas!

Vinte anos...! Cando cruxan
as trabes da miña casa
co rudo empuxe do vento
dos anos i a treboada
da Vida; cando xa teña
croa de guedallas brancas,
quero que fuxa a mamoria,
que non veñan os pantasmas
do tempo ido a cravarme
o coitelo das lembranzas!

Vinte anos....! Foron vinte
as doridas badaladas
que no relox da Existenza
espallaron as campanas!

Fermín Bouza Brey

8 de nov de 2011

Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, noticia na TVG

O programa A Revista Fin de Semana da TVG fíxose eco o pasado 15 de outubro da presentación en Compostela de Como defenderes os teus dereitos lingüísticos. Obrigado pola atención!


6 de nov de 2011

Por certo, o galego é oficial

Un par de horas antes de que comezase a campaña electoral presentamos en Lugo o libro Como defenderes os teus dereitos lingüísticos. Aí estamos na fotiño, de esquerda a dereita, Carlos Vello (pola Mesa de Lugo), eu e Antón Bao (tenente alcalde de Lugo).

Falamos de moitas cousas, nun diálogo moi interesante con xente que se encontra con problemas para poder usar o seu idioma no SERGAS, na educación das súas pequenas e dos seus pequenos, nos servizos de autobuses, etc. As mulleres e os homes que non se resignan son quen lograrán un futuro diferente.

Tamén comentamos un pouquiño a situación do galego na Administración central, que continúa a funcionar como se o noso idioma non fose oficial. Mirade se non como está a cousa na Axencia Tributaria, nas subdelegacións do goberno, no Instituto Nacional da Seguridade Social, etc., etc. Trinta anos despois, aínda hai que lembrar que o galego existe e que, aínda que non se note aínda en tantísimas cousas, disque é oficial.

Xa que existimos, votemos tamén lembrando a nosa existencia.

4 de nov de 2011

Día intenso


Hoxe é un día intenso para a lingua e, noutra orde de cousas, tamén para min. Para o idioma, porque hoxe festexamos, por segundo ano, o Día da Ciencia en Galego. É o principal evento da xornada, que está a ser multiplicado en moitos centros de ensino.

Ademais, neste serán realízanse dous actos públicos para a organización da súa defensa. Por unha banda, ás 20.30 h preséntase no Liceo de Betanzos o proxecto Sermos Galiza. A esa mesma hora, reunirémonos na Biblioteca Municipal das Pontes para falarmos de estratexias para revitalizar o galego, nucleando o debate no libro Como defenderes os teus dereitos lingüísticos.

Mais para min tamén é un día intenso porque teño que ultimar moitas cousas antes de comezar cunha pequena viaxe persoal, que despois empalmarei con outra de traballo que me levará a ministrar algunhas conferencias nas Illes Balears sobre a situación do noso idioma.

Un par de horas antes da presentación de hoxe nas Pontes, tamén intervirei nun congreso na Facultade de Historia de Santiago de Compostela. Falarei alí sobre a falsificación da historia da sexualidade nalgunhas adaptacións cinematográficas, nunha liña semellante á que abordo sobre a adulteración desta historia a respecto da Idade Media en Amigos e sodomitas.

Continuamos!

3 de nov de 2011

En galego, de por vida


Dentro dun pouquiño saio para Lugo, onde toca hoxe a presentación de Como defenderes os teus dereitos lingüísticos. A cita é ás 20 h no centro Uxío Novoneyra, con Antón Bao, Carlos Vello e quen quixerdes ou puiderdes.

Trataremos no acto varias iniciativas prácticas para sementarmos, no noso día a día, un futuro diferente para o noso idioma. Entre elas, tamén teremos ben presente a última campaña do Concello de Lugo, á cal corresponde esta imaxe. En galego, de por vida!