31 de out de 2011

Assim você me mata



Que ninguén se confunda coa letra desta canción de moda. Pegar quere dicir 'agarrar', 'coller'. Polo demais, xa veredes que o único que ten de elaborada é a danza.

30 de out de 2011

Correndo e correndo

Aprésa, Alvaro de Anido,
vive moito en pouco tempo,
espolea o teu cabalo
e espoleándoo rebéntao.
Que importa un nobre cabalo?
Que importan dous nin trescentos?
O que importa, Álvaro Anido,
é chegar cedo.

Vai dun polo a outro polo,
rexistra os antros terreos,
monta na locomotora,
sube nos grobos aéreos,
e coa centela recorre
do vacío o espazo inmenso:
es home, e cansarás, Álvaro,
correndo e correndo.
(Rosalía de Castro)

29 de out de 2011

Este é o apoio do profesorado á política educativa de Núñez Feijóo


Participou un 73% do profesorado e votaron en contra entre o 93 e o 98%. Despois do referendo desta semana, mal poden continuar a dicir Alberto Núñez Feijóo ou o seu conselleiro de Educación que o profesorado apoia a súa política de recortes, regresión e eliminación de dereitos.

Tal nivel de rexeitamento é difícil de conseguir, mais conseguírono.

28 de out de 2011

Presentacións en Lugo e nas Pontes de Como defenderes os teus dereitos lingüísticos

Desde A Mesa enviamos hoxe un comunicado aos medios valorando a situación da Liña do Galego, que está sempre aberta para tramitar queixas, consultas ou parabéns sobre a situación dos nosos dereitos lingüísticos.

Nunca esquezades que A Mesa funciona para este tipo de cousas e que, a pesar das súas limitacións, podedes contar con ela cando vos encontredes cun problema para usar ou recibir información no noso idioma, cando non saibades con que amparo contades para os vosos dereitos ou cando vexades algún adianto que cómpre que todas e todos coñezamos.

A experiencia da Liña do Galego e, en xeral, a da Mesa está moi presente nas páxinas do manual práctico Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, sobre o cal falaremos a semana vindeira en Lugo e nas Pontes. Por se puiderdes ou quixerdes, anotade isto na vosa axenda:

Presentación en Lugo
Quinta feira (xoves) 3 de novembro ás 20 h.
C. S. Uxío Novoneyra (rúa Quiroga Ballesteros, 1).
Coa compaña de Antón Bao (Tenente de Alcalde de Lugo) e Carlos Vello (pola Mesa da Zona).

Presentación nas Pontes
Sexta feira (venres) 4 de novembro ás 20.30 h.
Biblioteca Municipal das Pontes.
Coa compaña de Mónica da Silva (responsábel da Mesa nas Pontes).

Continuamos!

26 de out de 2011

Ábrete ao galego!


Ás 20.30 h deste serán o restaurante O Dezaseis (rúa de San Pedro, 16, de Santiago) acollerá a presentación do distintivo de calidade Abertos ao Galego. Podedes consultar máis información deste proxecto estrela da Mesa no seu twitter, na súa páxina no facebook, no seu blogue ou no seu espazo web de referencia (que axiña estará renovado con interesantes achegas).

Practiquemos o consumo responsábel co noso idioma!

Apoiemos a quen nos apoia!

Abrámonos sempre ao galego!

25 de out de 2011

Ecos da presentación en Lalín de Como defenderes os teus dereitos lingüísticos


Moitas grazas á edición do Deza do Faro de Vigo polo espazo concedido á presentación en Lalín deste libro que anima a protagonizarmos, no noso día a día, a revitalización do noso idioma. Obrigado tamén á edición da Voz por lle conceder espazo e imaxe.

E triplico xa o agradecemento a Gracia e Anxo pola referencia no seu imprescindíbel blogue Trafegando Ronseis.

Continuamos!

21 de out de 2011

Tantas cousas

Cheguei hai un pouco do acto de presentación en Lalín de Como defenderes os teus dereitos lingüísticos e mañá sábado pola mañá saio cediño para Castro Caldelas para a entrega do premio Vicente Risco por Amigos e sodomitas. Por se vos interesar, o evento desenvolverase ás 12 h no salón nobre do castelo.

Tamén agora, medio terminei unha información para unha reportaxe que sairá nun medio mexicano sobre este último libro e penso que tamén nesta fin de semana terá eco Amigos e sodomitas noutra reportaxe nun semanario brasileiro. Sobre Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, por certo, penso que sairá mañá unha entrevista na edición do Deza do Faro de Vigo. Estou fisicamente canso, aínda que a presentación de Lalín -como a maioría das presentacións- tamén me deixa unha nova carga de enerxía.

Mais ao que ía, que falo do xato e esquezo o trato. Entraba agora no blogue para deixar unha pregunta sobre outros temas totalmente diferentes; unha cuestión que me veu á gorxa tras as noticias de onte: Non é contraditorio celebrar a paz e festexar un asasinato sen xuízo?

Era isto o que quería dicir.

20 de out de 2011

Docentes de Português na Galiza: Premio Via Galego 2011

A Fundación Via Galego, promovida pola Mesa pola Normalización Lingüística, entrega por vez primeira o seu galardón anual, que vai dirixido a unha persoa ou entidade que promova as relacións de Galiza cos outros territorios do seu sistema lingüístico.

Este ano o Padroado da Fundación decidiu distinguir a asociación que agrupa e coordina as e os docentes de portugués en Galiza, tanto en secundaria como na universidade.

Que este premio simbólico sirva de apoio para o seu labor e tamén de aliciente para estendermos a oferta de portugués no noso país!

19 de out de 2011

A última entrevista na TVG a un portavoz da Mesa ou de Queremos Galego

Hoxe, 19 de outubro, hai os dous anos da entrevista que me realizou Carlos Luis Rodríguez na TVG, despois da histórica manifestación convocada baixo o sinxelo e profundo lema Queremos Galego!

Desde ese día até hoxe, mesmo con varias mobilizacións posteriores, nunca máis a televisión pública de Galiza volveu a acoller unha entrevista nin comigo nin con ningún dos dirixentes ou portavoces da Mesa pola Normalización Lingüística (recordemos: a maior asociación cultural de Galiza) nin da plataforma unitaria Queremos Galego (que agrupa máis de 700 entidades de diverso tipo).

Que cada quen tire as súas conclusións.



Chico, ven a Galiza!

O Chico Buarque retoma a súa actividade como cantor ao vivo cunha importante xira. Que lindo sería que voltase polo noso país!



Chico: Bastidores - Clipe "Essa Pequena" from Chico Buarque: Bastidores on Vimeo.

18 de out de 2011

Non o permitamos

A Xunta de Núñez Feijóo aplica a austeridade por exemplo no ensino ou na política contras os incendios, mais non a aplica por exemplo para a relixión (lembremos os 3 millóns da visita de Bieito XVI) ou para os ataques contra o galego (lembremos os 5 millóns malgastados en ir contra o noso idioma).

Esta destrución do tecido público, se se consolidar, terá consecuencias sociais moi negativas, das cales será moi difícil saír. Non o permitamos.

Por exemplo, participemos hoxe nas concentracións que hai en defensa do ensino público, ás 20 h nos seguintes lugares:

A Coruña
Praza de Pontevedra

Ferrol
Diante do edificio da Xunta

Compostela
Praza do Toural

Lugo
Diante do Multiusos da Xunta

Foz
Praza de Galiza

Ourense
Diante da Xefatura Territorial

Xinzo
Praza do Concello

Pontevedra
Na Praza da Peregrina

Vigo
Diante do Marco

Vilagarcía
Praza de Galiza

A Guarda
Praza do Reloxo

16 de out de 2011

Reportaxe sobre a lingua en V TV

V TV emitiu o pasado mes de maio, dentro do programa "Mobilízate", un pequeno documentario, de pouco máis de 40 minutos, sobre a situación do noso idioma.

Penso que é interesante de ver.

15 de out de 2011

Pois obviamente só me recoñezo no vicio

Non quixemos entrar
preferimos no entanto meternos os dedos na boca
até dar coa ferida.
E ficamos alí
avergoñados
cos ollos tristóns
e un rego de cuspe a esvarar pola pel do pescozo

na palabra aborixe
no desexo de nacer

(pois obviamente só me recoñezo no vicio:
desde Tádzio a Hefestión)
na liñaxe do servo

(Gonzalo Hermo, Crac, 2011)

13 de out de 2011

Crítica no Faro de Vigo a Como defenderes os teus dereitos lingüísticos

Marga Romero publicou hoxe no Faro de Vigo esta recensión de Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, no seu suplemento Faro da Cultura.

Obrigado pola atención!

Algunhas fotos da presentación en Ponteceso de Como defenderes os teus dereitos lingüísticos




A vindeira presentación deste libro será en Lalín o 21 de outubro ás 20.30 h no Museo Ramón Aller, número 9, coa compaña de Luís Couto (responsábel da Mesa no Deza) e de todas e todos os que puiderdes e quixerdes.

Forza!

10 de out de 2011

De Compostela e Ponteceso a Lalín

As presentacións en Compostela e Ponteceso de Como defenderes os teus dereitos lingüísticos foron unha recarga de forza. En Santiago houbo un cheo moi animoso, onde debatemos sobre as dificultades concretas de termos unha postura activa na defensa dos nosos dereitos. Problemas claro que os hai, mais tamén é verdade que temos na nosa man moitos pequenos xestos que, xuntos, poderán deseñar un futuro diferente.

En Ponteceso foi un pracer coñecer en directo o proxecto da Tenda dos Libros e á xente de diferentes xeracións que asistiu ao acto. Resultou ademais unha reunión moi produtiva e participativa, xa que todo o mundo que alí estivo deu a súa visión da situación e comentou vivencias persoais ao respecto.

Deixo aquí dúas ligazóns a edicións comarcais de La Voz de Galicia que recolleron ambos os eventos:

- "Manual de Callón para vivir en galego".

- "O pracer de enfrontarse a un bo libro".
Agardo pendurar axiña a entrevista en Localia e fotos de ambos os actos. Mentres, avísovos de que a vindeira presentación deste libriño será en Lalín o 21 de outubro.

9 de out de 2011

Esta terza, Manel en Lugo



Veñen ao San Froilán. Imos?

Convite


O salón nobre do castelo de Castro Caldelas será o lugar onde recibirei o Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais o vindeiro sábado 22 de outubro ás 12 h.

Con certeza, as persoas que seguides esta bitácula estades convidadas!

8 de out de 2011

Cinco cancións

En outubro do ano pasado, desde Radiofusión pedíranme que escollese cinco cancións de que gustase especialmente, para emitiren unha cada día dos laborábeis cunha pequena explicación pola miña banda.

Todas elas as pendurei neste blogue nun ou noutro momento, mais como continúan a ser moi especiais para min, decidín actualizar hoxe con elas.

Declárome fan do principal cantor da Nueva Trova Cubana, que aúna preocupacións filosófico-políticas coas existencias, o patriotismo e a procura da satisfacción amorosa. Un temazo.




O amor e o odio son dous xeitos de dependencia afectiva, en ocasións moi xuntos e moi difíciles de discernir. Caetano Veloso, tras o seu divorcio, compuxo este tema, que volta sobre o tópico do "odi et amo". O propio Caetano di que é a súa canción de amor máis profunda.




A prostituta que todos rexeitan, a que se vai sempre cos máis desfavorecidos, pode converterse na salvadora da sociedade que tanto a rexeita. Como llo agradecerán? Pois Chico Buarque dínolo nesta tremenda canción.




Carlos Valcárcel, o creador deste proxecto pop, fai unha reflexión sobre os gais que, ante unha situación económica e social privilexiada, se despreocupan dos problemas de quen vive a homofobia. O tema pertence ao seu disco "Baixo os eucaliptos", que, como todo o do Projecto Mourente, é pop electrónico e caseiro para bailar.




Un tema impactante, na que se reflexiona sobre a importancia de, a pesar das inxustizas e crueldade do mundo, non desfalecer na loita. A última esperanza, dinos Shakespeare, é resistir para non deixar só a quen se ama. Este soneto foi utilizado nos círculos de resistencia contra o fascismo e o totalitarismo.

7 de out de 2011

Que podemos facer polo galego no ensino?


Vou camiño da presentación en Ponteceso de Como defenderes os teus dereitos lingüísticos. Un dos temas a abordarmos no acto será que é o que podemos facer para mellorar a situación do galego no sistema educativo. Sobre iso trata a parte 3 do libro, dividida á súa vez nestes seis capítulos:

- "Dereitos recoñecidos e dereitos vulnerados".

- "Educación infantil".

- "Ensino primario".

- "Ensino secundario, bacharelato, formación profesional, ensinanzas artísticas e deportivas".

- "Dereitos lingüísticos na Universidade".

- "Alumnado de intercambio e lingua galega".
De forma sintética, expoño os limites do marco lexislativo e como se aplican de forma aínda moito máis restrita, até o punto de que non hai ningún outro idioma con rango de oficialidade no Estado español que teña tan escasa presenza escolar.

Porén, nas páxinas de Como defenderes os teus dereitos lingüísticos tamén sinalo algúns camiños que podemos transitar para revitalizar a nosa lingua nun sector fundamental coma este. E a iso estamos convocadas todas, convocados todos: estudantes, familias, docentes, persoal de administración, etc.

Hai máis dun ano, a CIG-Ensino e a AS-PG organizaron unha mesa redonda sobre as implicacións do decretazo contra o galego, que podedes ver aquí.

Debate sobre o "Decreto do prulingüismo" nas XX Xornadas de lingua e literatura from cig-ensino on Vimeo.


Pensades que mudou nalgún aspecto a situación ou continúan os mesmos trazos que aí expoñen diferentes voces? Non pasma a diferenza entre o que acontece e a propaganda oficial?

Sexa como for, está claro que non podemos permanecer indiferentes ante a ofensiva. É moito o que podemos facer, a pesar das dificultades. Fagámolo!

[A ilustración pertence a unha campaña de finais da década de 90.]

Na Tenda dos Libros

Este serán, A Tenda dos Libros de Ponteceso acolle a presentación de Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, coa compaña de Silvana Castro, Pepe Alborés e todas as persoas que quixerdes e puiderdes achegarvos.

Por certo, apoiar as librarías que distribúen novidades editoriais en galego é un importante xesto de consumo responsábel.

6 de out de 2011

En defensa do ensino público galego


Parecía que era difícil que houbese un comezo de curso escolar en Galiza máis complicado que os dous últimos, mais o goberno de Núñez Feijóo abofé que consegue superarse... en recortes e creación de novos problemas.

Por fortuna, hai unha resposta organizada para parar estas agresións. Nese camiño van as iniciativas que se indican no cartaz que encabeza esta entrada.

Auga de varias fontes

Antes de pendurar aquí diversas cousas que penso que poden ser de interese, non quero deixar de agradecer a toda a xente que participastes onte no acto de presentación no Dezaseis do libro Como defenderes os teus dereitos lingüísticos. Moi moi obrigado!

Agora, xa me contaredes que tal vos vai pondo en práctica os consellos que aí se poñen! Como os adaptades ao voso día a día? Funciónanvos? Que modificaríades?

Mañá continúa a xira de presentación do libriño. Será ás 20 h na libraría A Tenda dos Libros de Ponteceso. O convite está feito! ;)

Polo demais, como antes dicía, vou deixar que pasen por esta canle augas de varias fontes, por se vos apetecer beber delas:

- "Cal é o significado de 'abrirse á sociedade'?", Xosé Ramón Freixeiro Mato, Terra e Tempo.

- "A CIG convoca unha manifestación nacional o 23 de outubro en defensa do emprego e dos servizos públicos", Avantar - CIG.

- "Fermín Bouza Brey, xuíz e parte", Xoán Carlos Garrido Couceiro, Terra e Tempo.

- "De la alianza de civilizaciones al escudo antimisiles", Escolar.net.

- "Priberam lança o guia "Nova Ortografia - Modo de Usar", Academia Galega da Língua Portuguesa.

- "How Language Shapes Thought. The languages we speak affect our perceptions of the world", Scientific American.

- "Roteiro. Entre Roma e o feudalismo na Amaía. 15 de outubro", Asociación Cultural O Galo, impartido por Manuel Gago.

- "IV Xornadas de Literatura de Tradición Oral. Lendas urbanas: mitos e ritos dos tempos modernos", Asociación Socio-Pedagóxica Galega.

- "AGLP organiza I Colóquio Guerra da Cal", Academia Galega da Língua Portuguesa.

- "Carta a Angela Merkel", Escolar.net.

- "A visita do Papa a Reino Unido", Terra e Tempo. Cadernos de Pensamento Nacionalista 11, Robert Neal Baxter (en pdf).

5 de out de 2011

XERAR.... Santiago en positivo


Santiago de Compostela non se merece un alcalde autoritario, que despreza a cultura, que non sabe dialogar.

Pasou tan pouco tempo desde que é alcalde e é tan grande xa o retroceso!

(A ilustración collina aquí.)

Sobre todo, alternativas


Este serán, ás 20.30 h., o restaurante O Dezaseis acollerá a presentación en Compostela de Como defenderes os teus dereitos lingüísticos.

No acto falaremos algo da situación do noso idioma e, sobre todo, con máis énfase, das alternativas. Xa sabes, aquilo de que é mellor prender luces que chorar a escuridade.

Por exemplo, a parte catro do libro leva por título "Por un consumo responsábel e con dereitos". Nela anímase a aplicarmos para o noso idioma os principios do consumo responsábel; isto é, a elección de produtos e servizos non só en función da súa calidade e prezo, senón tamén do seu impacto ambiental, social ou pola actitude das empresas que os elaboran ou ofrecen. Neste caso, tendo en conta o seu apoio ou non ao noso idioma, que vai desde que non teñan unha actitude hostil, pasando polo máis importante, que é o uso, e até a observación de se tamén son dinamizadoras da nosa lingua e cultura desde o seu ámbito.

Nestes momentos, hai miles de produtos (digo ben: miles de produtos) que teñen etiqueta en galego. Viños, licores, bolachas, refrescos, etc. Por que non os apoiamos?

Hai empresas que apostan pola nosa lingua con firmeza, por exemplo as organizadas na rede Abertos ao Galego. Que acontecería se tomásemos como norma xeral do noso día a día darlles prioridade?

Son pequenos xestos que non nos ocasionan maiores gastos, que non implican ningunha situación incómoda e que, no entanto, sementan un futuro diferente.

Que che parece? Facémolo?

4 de out de 2011

Catro anos por acó


O 4 de outubro de 2007 iniciouse, con pé vacilante, esta bitácula. Xa foi casualidade que me dese por mirar este serán canto tempo levaba con esta paxiniña aberta e que coincidise que fose xusto un día coma hoxe, só que moito menos caloroso.

Que pouco e que moito nestes catro anos!

O peor de todo é que me entran saudades. Son un morriñento!

Jesús Vázquez Abad e a síndrome de Michael Jackson



O conselleiro de Educación da Xunta de Galiza, coñecido pola súa xestión prepotente e pola súa práctica política contra a nosa lingua e a nosa cultura, está agora no branco da diana dos seus colegas españolistas.

O motivo? Pois que Jesús Vázquez Abad utilizou construcións galegas (nomeadamente, o infinitivo xerundial) para responder unha entrevista en español en Intereconomía.

Laméntase o redactor dalgún medio ultra de que este "lío" se debe a que o conselleiro, nado en 1967, tamén é vítima das políticas "de imposición". De se referiren á imposición do franquismo, vale. Ou será á imposición de Alianza Popular ou do Partido Popular? Porque, observemos, este dirixente do PP naceu 40 anos antes que o decreto promulagado por PSOE e BNG co apoio de toda a comunidade educativa.

O problema do Vázquez Abad é que, ao seu pesar, continúa a ser "demasiado gallego". Pásanlle, co idioma, as de Michael Jackson tentando disfrazar a cor da súa pel: de tanto negarse xa nin se sabe o que é.

3 de out de 2011

De Pontedeume a Compostela

Foi moi animosa a presentación a pasada sexta feira en Pontedeume de Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, onde puxemos en común diferentes problemáticas sobre o noso idioma e tentamos ver posíbeis solucións ás mesmas. A cousa non está ben, mais repartímonos uns aos outros toneladas de forza e esperanza para ila mudando.

A seguinte convocatoria para falarmos deste libro será esta cuarta feira (mércores) ás 20.30 h no restaurante O Dezaseis, de Santiago de Compostela.

As fotos que penduro abaixo son do Colectivo Terra. Tedes máis do acto nesta ligazón.

Continuamos!






1 de out de 2011

O arrecendo dos libros



Aínda non teño nin tablet nin e-book para ler nese formato. Supoño que me terei que acabar adaptando e que lle verei no seu día as cousas boas que, polo momento, cos meus hábitos, non lle vexo.

Hai algunha xente que pon moita énfase na carencia do tacto e, sobre todo, do olor do obxecto libro. Como non, hai quen viu niso un posíbel mercado e sacou o remedio, que podedes ver na imaxe da esquerda e que xa tivo algunha curiosa contestación.

Que mundo este!