30 de jun de 2011

A derradeira presentación de En castellano no hay problema

Se non vistes a maxistral intervención de Francisco Jorquera no Debate do Estado, por favor non a perdades:



Despois de lle dardes ao play, comprenderedes que é para min unha satisfacción que Francisco Jorquera me apadriñe a presentación en Madrid do libro En castellano no hay problema. Será a vindeira terza feira (martes) 5 de xullo ás 19.30 h no Centro Galego de Madrid (Carretas, 14, 3º andar).

En poucos días contarei por aquí o tortuoso proceso para pedir un lugar onde poder realizar este acto na capital do Estado. Finalmente, faise no Centro Galego pagando eu a sala, despois dunha negativa de meses da Casa de Galiza que depende da Xunta para acoller a presentación desta obra.

Se andardes por Madrid ou coñecedes xente que estea por aló e lle puider interesar, por favor non deixedes de convidalos ou convidalas. Por exemplo, a través do facebook, onde se creou este evento.

Esta presentación será a derradeira da "xira" de En castellano no hay problema. Derradeira/o, como sabedes, é un adxectivo que hai que utilizar con tento en galego para non confundir con último; por desgraza, esta semana tivemos que botar man del máis do desexábel. Neste último caso, non é por nada triste, senón porque hai que dar paso a novos proxectos. Porén, quero matizar que será a derradeira cando menos "en solitario", pois no libro En castellano no hay problema penso que se conteñen algúns textos que axudan a comprender e socializar de onde veñen e cal é o sentido dos ataques contra o galego que estamos a padecer nestes momentos, polo que continuará a ser unha referencia nos vindeiros actos públicos en que teña que falar do idioma de noso.

O pronunciamento oficial da Real Academia Galega sobre o peche de Galicia Hoxe

Un pronunciamento oficial moi necesario e moi útil. É bo que se coñeza masivamente!

O peche de medios de comunicación, un empobrecemento colectivo


Perante o peche de Galicia Hoxe, xornal de información xeral, escrito na súa integridade no idioma galego, a Real Academia Galega considérase na obriga de expor ante a opinión pública e as institucións de Galicia unha chamada de inquietude, alerta e responsabilidade:

1. O devandito peche de Galicia Hoxe non é un feito illado, senón que vén precedido da desaparición doutros medios do espazo de comunicación en galego, sinaladamente o xornal dixital Vieiros e as revistas A Peneira e A Nosa Terra, de información xeral. Todos eles, algúns dos poucos e principais vimbios que termaban dun espazo de comunicación na lingua propia de Galicia.

2. Estamos, pois, ante algo máis que un síntoma preocupante ou que un "dano colateral" producido como efecto da crise económica. A concorrencia de peches ten a dimensión dun devalo brutal, dunha catástrofe no espazo da comunicación, que afecta á supervivencia e espallamento do idioma de Galicia, que limita a imprescindíbel pluralidade nunha sociedade democrática, que supón unha perda empresarial e empobrece e pon en precario, aínda máis, a situación dos profesionais e traballadores no eido xornalístico.

3. Os bens e medios de comunicación son un elemento basilar no uso público dunha lingua e a historia da normalización do galego a través dos xornais ofrécenos unha cartografía na que nos situar no mundo. Porque os medios de comunicación son un baremo decisivo para medir o estado xeral dunha sociedade, do seu apagamento ou da saída á luz. Cando un xornal se silencia, cando son varios os que se acalan, é a sociedade e o país enteiro o que pode ficar ermo, sumido nun foxo histórico anacrónico, sen pulso de liberdade.

4. As institucións públicas, e nomeadamente o Goberno galego, non poden quedar pasivas ante este devalo, que ten tan graves consecuencias en todos os eidos, no futuro lingüístico e cultural, mais tamén no social, empresarial e dos dereitos democráticos. O Goberno galego, co resto das institucións políticas, non pode adiar máis as súas responsabilidades. Ten que desenvolver e regular de xeito transparente as obrigas que se derivan do Estatuto de Autonomía, da Lei de Normalización Lingüística e do Plan xeral de normalización da lingua galega, que declara explicitamente como un dos seus obxectivos o de iniciar un proceso de incremento anual e constante do uso do galego nos medios de comunicación públicos e privados que supere a actual situación de marxinación e de confinamento no eido cultural. As prestacións, a publicidade, as subscricións, e outros recursos públicos, deben distribuírse con rigor e xustiza, de xeito claro e con supervisión de organismos independentes, tendo en conta sempre, como un valor engadido, o apoio ao uso do idioma galego. Por ser unha esixencia legal democrática, ao estar nunha desigualdade de condicións históricas.

5. A RAG, tal como fixo no 2001, co texto "Propostas da Real Academia Galega ao Goberno e mais ao Parlamento de Galicia", elaborará un novo informe que afonde nas causas e posíbeis solucións ante o devalo do espazo da comunicación en Galicia.

A Coruña, 30 de xuño de 2011



29 de jun de 2011

Primeiras críticas e referencias a Amigos e sodomitas tras a saída do libro

Moitísimas grazas a todas as persoas que participastes na presentación onte do libro Amigos e sodomitas e tamén no roteiro posterior. Non agardaba tanta xente! Desexo que fose de interese e utilidade.

A vindeira presentación da obra será este sábado en Ribeira, dentro do festexo do Día do Orgullo, que se organiza por vez primeira na miña vila, grazas á asociación cultural Trapallada. Os actos comezarán ás 16 h na Taberna do Riaso, para se estenderen ao longo do día e da noite por diferentes espazos da localidade.

Teño tamén que facer referencia, agradecido, ás primeiras críticas e noticias que se fan eco do libro Amigos e sodomitas tras a súa saída:
- A reseña realizada polo crítico Francisco Martínez Bouzas.

- A noticia (ou reseña) que asina Diana Mandiá na edición galega de El País.

- A noticia escrita por Manuel Beceiro para a edición compostelá de La Voz de Galicia.

- A recomendación no De Luns a Venres de hoxe (páx. 16, aquí a edición en PDF).


Obrigado tamén pola entrevista de onte en RadioVoz e as referencias no Diario Cultural da Radio Galega.

Hai outros medios que tamén se interesaron e parece que van editar algo sobre a cuestión nos vindeiros días.

A TVG, pola súa banda, nin estivo nin se interesou en ningún momento, nin desde os seus informativos (para os cales nin tan sequera existiu o Día do Orgullo!!) nin desde os seus espazos culturais. Unha cousa é que sexa habitual e outra que sexa normal.

28 de jun de 2011

O noso orgullo, a nosa historia

Hoxe festexarei o Día do Orgullo GLBT coa presentación en Galiza do libro Amigos e sodomitas e co posterior roteiro sobre a homosexualidade na Compostela medieval.

Non é que queira repetilo por enésima vez. Só subo esta entrada porque, contra o costume habitual en Galiza, o acto comezará puntualmente, ás 20 h na libraría Couceiro (praza de Cervantes). Se non puiderdes chegar antes, o seguinte punto na paraxe será a praza da Quintana, ás 20.15-20.20. O seguinte, a fachada de Pratarías.

E xa non vos digo máis lugares onde faremos paraxe, que se non perde a graza!

Vémonos este serán!

As cousas claras

Coa chegada a Monte Pío do ‘señor das tesoiras’, no GH comezamos a escribir a crónica dunha morte anunciada. Consúmase hoxe -mentres o señor Núñez Feijóo entrega ufano as medallas Castelao, simbolo de galeguidade- o asasinato a sangue frío, con aleivosía e a pleno sol, dun periódico crítico, pequeno como a aldea de Astérix e grande no tratamento das noticias coas únicas armas da veracidade, da honestidade e do compromiso con Galicia.

Sei ben o que dirá o ‘señor das tesoiras’: Galicia Hoxe pecha porque a sociedade o deixa morrer, porque non vende o suficiente para ter unha conta de resultados equilibrada. Amén, señor presidente, pero con esa regla de tres ten vostede que comezar a desmantelar -se é que non comezou xa, que barrunto que si- o tecido produtivo deste país tan pequeno como o GH, con Citroën, a nosa primeira industria, á cabeza e metendo no saco das empresas improdutivas a mesmísima CRTVG. Porque nin unha nin a outra poderían sosterse sen as xenerosas subvencións dunha Xunta que utiliza con arrepiante impunidade a lei do funil.

(Caetano Díaz, director de Galicia Hoxe. Aquí podedes ler o artigo completo.)


27 de jun de 2011

O meu derradeiro artigo en Galicia Hoxe

Todas as segundas feiras durante os últimos tres anos costumei facer neste blogue unha referencia ao artigo que publicaba no diario Galicia Hoxe. Agradezo moito a oportunidade que se me brindou e a experiencia que me deu escribir un texto de máis de 6.000 caracteres cada semana.

A última -e xa derradeira- destas colaboracións saíu hoxe, abordando un pouco o mito do mártir galego San Paio. A esta figura lle dedico un capítulo do libro Amigos e sodomitas e a ela lle dedicarei tamén parte do espazo do roteiro do serán de mañá. Mais non quero falar agora máis deste tema; o artigo, se vos interesar, podedes consultalo nesta ligazón.

Do que temos que falar hoxe é disto:

1. Da situación delicada en que se encontran as 19 persoas que traballaban no diario Galicia Hoxe e agora se encontran na rúa. A nosa solidariedade, o noso apoio!

2. Do grave que é para a lingua galega a desaparición impresa de Galicia Hoxe, que supón a erradicación do noso idioma dos quioscos.

3. Do gravísimo que é para a liberdade de expresión e para o pluralismo informativo que o goberno de Núñez Feijóo condene á inanición aos medios que teñen unha visión diferente da realidade.

Desde que Demolicións Feijóo goberna a Xunta, fecharon A Peneira, A Nosa Terra (só sobrevive, até o momento, cunha versión electrónica), Vieiros, GzNación e, desde agora, tamén Galicia Hoxe.

O día é moi triste. Mais as adversidades tamén teñen que servir para tomarmos forza, para que nos decatemos de que temos que movernos para frear a reacción. Xuntos, podemos!

25 de jun de 2011

A presentación en Barcelona do libro Amigos e sodomitas




´

Deixo aquí algunhas fotografías da presentación do libro Amigos e sodomitas o pasado 15 de xuño na Galería Sargadelos de Barcelona. Se algo lamento dese evento é non ter unha gravación do tremendo discursazo, do maxistral discursazo que realizou Helena González.

Polo demais, xa vedes os continuos sorrisos que temos todas as persoas que saímos nas fotografías.

Á parte de me encontrar con caras amigas, unha das sorpresas do evento foi a asistencia ao mesmo dunha profesora catalá de lingua e literatura e unha activista lgtb de orixe arxentina. Nunca antes ouviran o galego, mais non tiveron ningún problema para seguir as conversas. Para que despois digan.

Estas dúas mulleres souberon do acto porque se fixeron eco do mesmo varios xornais electrónicos latinoamericanos (até onde sei, un chileno, un arxentino e un mexicano); curiosamente, poucos galegos e ningún catalán. Un dato que serve para reflexionarmos sobre como é a exportación da nosa imaxe como país e como cultura, e tamén da nosa produción editorial.

Na vindeira terza feira (martes) será a presentación do libro en Galiza, ás 20 h na Libraría Couceiro de Compostela, desde onde partiremos por un roteiro sobre a homosexualidade na Idade Media en Santiago.

O seguinte acto de presentación será o 2 de xullo en Ribeira. Por vez primeira, na miña vila natal van organizar o Día do Orgullo e estou moi feliz de poder colaborar.

24 de jun de 2011

Abrámoslle portas ao galego!


O proxecto Abertos ao Galego está a cobrar forza con novas incorporacións, novas ideas e novas accións.

Ti, que queres galego, non deixes de coñecer o que se coce arredor do proxecto e apoialo:

- Aquí podes consultar a páxina de referencia de Abertos ao Galego, co catálogo en liña de todas as empresas.

- Aquí, o seu novo blogue.

- Aquí, a páxina de Abertos en facebook.

Abrímoslle portas ao galego!

23 de jun de 2011

De Vilalba a Monforte

Nesta véspera de San Xoán, En castellano no hay problema fará paraxe en Monforte, coa cálida compaña de Andrés Gómez Chao e Alicia Fernández. Será ás 20.15 h na Galería Sargadelos da localidade.

E xa que toca falar das presentacións deste libriño de combate, aproveito para subir algunhas fotos do acto en Vilalba hai pouco máis dun mes.

Viva a xente do Instituto de Estudos Chairegos!

Vivan todas as formiguiñas que fan posíbel a existencia da Mesa!

Continuamos!




22 de jun de 2011

O discurso de Xavier Queipo

Xa o comentei nunha entrada anterior, mais penso que paga a pena reproducilo e difundilo.

Grazas, Xavier!

Queremos Galego!


O discurso de Xavier Queipo está a partir do minuto nove:



Podedes ver máis vídeos do evento no canal en youtube de BlogalizaTV. Se ides mirar as diferentes gravacións e dades coa entrevistiña que me fixeron, sede dadivosos: vou (aínda máis) lanzado (do habitual) porque estaba a piques de saír o barco para nos irmos da illa ;)

Quere ser Carlos Negreira un delincuente?


Saio cara á Coruña, onde o compañeiro Fran Rei e eu entregaremos por rexistro unha solicitude de entrevista co novo alcalde da cidade, que parece empeñado en seguir os pasos de Francisco Vázquez e converterse tamén nun delincuente que incumpre as leis e as sentenzas ao seu antollo.

O que está a facer, nada máis chegar á alcaldía, é ilegal e incívico. Non calaremos nin unha.

21 de jun de 2011

De Andorra a Tui

Deixo aquí algunhas imaxes da linda presentación da semana pasada en Andorra do libro En castellano no hay problema.

Grazas pola hospitalidade a todas as persoas que mantedes acesa aló a chama da cultura galega! Foi un inmenso pracer vérmonos, intercambiarmos opinións e saber do voso traballo!

Quero manifestar un agradecemento especial a Vitoriano Oxea, como organizador do evento; a Antonio Tenreiro, polas esculturas que expuxo no mesmo; a miña irmá María do Mar, por estas fotografías, e a meu cuñado, que me levou e me trouxo, facendo posíbel esta maratoniana axenda.

Hoxe tócalle a vez de falarmos en Tui sobre o noso idioma tendo como escusa a presentación deste libriño de combate cívico. Será ás 20.30 h na Biblioteca Municipal de Tui, ala Félix Rodríguez, Edificio Área Panorámica (acceso pola traseira do edificio), conducido polo compañeiro Ricardo Alonso.

Continuamos!






20 de jun de 2011

Apoiemos o galego no Bierzo!

Desde o colectivo cultural Fala Ceibe do Bierzo denuncian que no instituto de Vilafranca (IES Padre Sarmiento) se obstaculiza o ensino da lingua galega.

Segundo comunican, desde a dirección do centro están a pór obstáculos á libre elección polo seu alumnado da materia de lingua galega para o próximo curso, 2011-12.

Para lle faceren fronte, comezaron cunha campaña reivindicativa perante o instituto, na cal nos convidan a colaborar.

A campaña consiste en entrar na páxina web do instituto, premer en "Contacta" e cubrir un formulario no cal se indique, coa maior corrección, que se solicita que non haxa presións para que o alumnado non escolla a materia optativa de galego.

Unha parella lésbica na Compostela do século XIII


No seu discurso como mantedora dos premios Xerais 2011, María Xosé Queizán amosounos un poema asinado por unha trobadora occitana, unha trobairitz, que tiña como cantado obxecto de desexo outra muller. A autora d’O despertar das amantes indicounos tamén que houbera bastantes esforzos da crítica contemporánea para tentar evitar a tan explícita lectura lésbica.

No trobadorismo galego-portugués aconteceu un procedemento semellante por parte da crítica cun par de composicións que falan de relacións homosexuais masculinas: unha cantiga de autoría de Rodrigo Eanes de Vasconcelos e outra de Pero da Ponte. Porén, non hai nada que se lle pareza ao caso que nos comentou María Xosé Queizán, entre dúas mulleres. Dificilmente podería ser, claro, cando das ruínas que conservamos do noso esplendor trobadoresco baixomedieval non temos nada que nos faga nin intuír que houbese tan sequera versos escritos por esa discriminada metade da humanidade.

No caso galego-portugués o lesbianismo só aparece como elemento temático nas cantigas satíricas e protagonizado por soldadeiras, por prostitutas –aínda que algúns, como o historiador José Mattoso, coidan que tamén habería que englobar aquí outros textos referidos a monxas, que eu non vexo moi claros–. A súa situación marxinal facía posíbel que mantivesen uns vencellos entre elas, mesmo con certo cariz público, que serían inviábeis para outras mulleres.

A dúas destas soldadeiras do século XIII que foron satirizadas polos seus relacionamentos sexuais ou afectivos con outras mulleres coñecémolas polo nome: Sancha e María. Delas mesmo sabemos que foron vivir á rúa da Moeda Vella, en Santiago de Compostela, ben pertiño da catedral. As súas figuras, que trato máis polo miúdo nun dos capítulos do ensaio Amigos e sodomitas, terán un protagonismo especial cando o vindeiro 28 de xuño se realice o roteiro sobre a homosexualidade na Compostela medieval (lembrade: o punto de saída é a libraría Couceiro ás 20 h e a asistencia é libre).
Así comezo esta semana o artigo de Galicia Hoxe, que podedes consultar completo nesta ligazón. Para máis información, xa sabedes: o libro Amigos e sodomitas e o roteiro do vindeiro 28.

19 de jun de 2011

O amor de Sancha e María

Estou agora mesmo no Prat, a piques de tomar o avión de regreso a Galiza.

Xa no país, ultimarei o artigo que publicarei mañá en Galicia Hoxe, sobre a satirizada relación lésbica de Sancha e María.

Segundo se extrae de dúas cantigas do noso trobadorismo, que comento nun capítulo do libro Amigos e sodomitas, esta parella viviu no século XIII na compostelá rúa da Moeda Vella, a carón de San Martiño Pinario.

Sancha e María terán un espazo moi especial no roteiro que sairá o vindeiro 28 de xuño ás 20 h da libraría Couceiro de Compostela. Xa sabedes que estades convidadas e convidados!

17 de jun de 2011

Vémonos en Andorra (ou Tui ou Monforte)

Estou agora mesmo con miña irmá e meu cuñado en Tremp. Dentro de pouco, sairemos cara a Andorra, onde se realizará un acto sobre a situación da nosa lingua tomando como escusa a presentación do libro En castellano no hay problema.

O evento desenvolverase ás 20.30 h no resturante L'Aigueta, conducirao Vitoriano Oxea e, ao final do mesmo, gozaremos duns petiscos.

Se Andorra non vos der moito xeito, tamén se presentará En castellano no hay problema esta terza feira (martes) 21 de xuño ás 20.30 h na Biblioteca Municipal de Tui, con Ricardo Alonso, e na quinta feira (xoves) 23 de xuño ás 20.15 h na Galería Sargadelos de Monforte, con Andrés Gómez Chao e Alicia Fernández.

Por quilómetros que non sexa!

Reflexionemos, organicémonos e actuemos!

Só así poderemos gañar o futuro!

16 de jun de 2011

Isto é ilegal e actuaremos en consecuencia

Esta é a noticia principal, a que abre a páxina web oficial do Concello da Coruña, na súa versión castelá:


E esta é na súa chusca versión en inglés, que amosa ben o que pensa o PP que é "o trilingüismo" na realidade, unha escusa para tentar reducir a presenza do galego:

Unha cousa é dicir que queres impor un cambio unilateral da Lei de normalización lingüística, unha norma aprobada por unanimidade hai case 30 anos e considerada de desenvolvemento básico do Estatuto e dos piares da Autonomía e outra é saltarse as normas á vontade.

O que está a facer o actual alcalde da Coruña é volver a desafiar o acatamento ás sentenzas das máis altas instancias xudiciais, incluído o Tribunal Constitucional, ademais de comezar o seu mandato xa con crispación e provocacións.

Se actúa como un delincuente, que ninguén dubide de que desde A Mesa pola Normalización Lingüística obraremos en consecuencia.

E a Xunta? Defenderá as súas competencias e a lingua do país ou actuará, máis unha vez, como lamentábel e ilegal sucursal da rúa Génova de Madrid?

15 de jun de 2011

Que fan os Reis Magos durmindo xuntos?


Esta imaxe pertence a unha arquivolta da igrexa románica de San Domingos en Soria. Aí vemos aos treis Reis Magos durmindo xuntos, no momento en que o anxo da dereita os sorprende coa boa nova da chegada do Mesías.

Desde os ollos de hoxe etiquetariámolo cando menos de homoerótico. De feito, na Idade Media son moi frecuentes estas representacións, mais non noutras etapas posteriores, onde cada Rei Mago anda por libre. Se Xerardo Conde Roa vise unha obra dun artista contemporáneo con esta ilustración, é probábel que pedise que a censurasen, como fixo co cadro do Cristo crucificado nu.

Podemos ver outras representacións dos Reis Magos partillando cama tamén nun retábulo tardomedieval da catedral de Barcelona, cidade onde me encontro hoxe para presentar o libro Amigos e sodomitas. Tamén achamos a mesma imaxinaría nun dos capiteis da igrexa de Santiago en Vilafranca do Bierzo.

Mais voltemos á primeira imaxe, á que inicia esta entrada. Resulta que é de Soria, a mesma cidade que ten o foro que no século XIII é, se non o máis cruel, dos máis crueis de toda a Península Ibérica na condena da sodomía. Ordena arrestrar os culpados, castralos en público, arrastralos polas rúas e, como colofón, queimalos.

Porén, a sociedade que tal norma atende non ve indicio de sodomía nin censura posíbel nesta representación. Por que? Por que a mesma sociedade ou as mesmas clases dirixentes que colocan a sodomía no centro dos pecados representan ou permiten a representación no entanto escenas como esta, permiten os bicos en público entre varóns ou consideran normal que dous homes se deiten xuntos, como nos demostran con naturalidade por exemplo algúns relatos da época ou cartas conservadas?

A tentar responder estas preguntas dedico dous dos capítulos do libro Amigos e sodomitas. Sobre iso falaremos hoxe tamén ás 19.30 h na Galería Sargadelos de Barcelona e o vindeiro 28 de xuño ás 20 h no roteiro en Santiago de Compostela que partirá da libraría Couceiro.

Nove anos de presidente da Mesa

Seguramente me faga publicidade negativa subindo esta foto ao blogue. O mozote escuchimizado que aí se ve son eu con 23 anos, dirixíndome á asemblea xeral da Mesa que acababa de escollerme presidente da entidade. Foi o 15 de xuño de 2002, hai xusto 9 aniños.

Nas efemérides sempre é bo botar a ollada atrás sen nostalxia e cotexar os erros e os acertos, analizar o que un puido facer mellor e, tamén, o que foi polo bo camiño a pesar das dificultades.

Na travesía destes nove anos foron tomando ou deixando responsabilidades na dirección da Mesa diferentes compañeiras e compañeiros, mais hai dúas mulleres que seguen incombustíbeis no equipo en todo este tempo, malia o fácil que é o queime neste labor: Elsa Quintas e Iria Taibo.

Grazas a elas e a todas e a todos os que empuxastes ou empuxades neste traballo en equipo! Grazas aos 4.000 socios e socias da Mesa que fan que este proxecto continúe! Seguimos adiante e con enerxía! A forza do noso amor non será inútil!

14 de jun de 2011

De Barcelona a Barcelona

Mañá ás 19.30 h presentarei en Barcelona o libro Amigos e sodomitas, como xa comentei nunha entrada anterior. Será na Galería Sargadelos da capital catalá. Hai pouco máis dun ano -en concreto, o 20 de maio de 2010- este era o espazo que tamén acollía a presentación doutro meu traballo, neste caso de contido sociolingüístico: o volume En castellano no hay problema, que aínda continúa a ser escusa para falarmos en moitos lugares sobre a situación do noso idioma (esta mesma sexta feira, por exemplo, en Andorra, e a semana vindeira en Tui e Monforte).

Naquel evento acompañáranme na mesa a activa Sabela Labraña, profesora da Universitat de Barcelona e autora do manual de referencia para a aprendizaxe do galego para non galegos, e o histórico Joaquim Arenas, socio de honra da Mesa e un dos nomes claves na catalanización do ensino durante os seus 20 anos de responsabilidade na Generalitat, motivo polo que recibiu a Creu de Sant Jordi, un dos galardóns máis prestixiosos de Cataluña.

Gardo estas imaxes da presentación grazas ao fotógrafo Paulo Filgueiras, a quen lle fico moi agradecido. Mágoa que non estea mañá. Así e todo, tentarei traer testemuños gráficos do evento. Mao será.







13 de jun de 2011

Contra a falsificación da historia da sexualidade


No artigo desta semana en Galicia Hoxe comento algúns dos obxectivos e camiños percorridos na investigación Amigos e sodomitas e convido aos seus dous actos de presentación, que serán o 15 de xuño na Galería Sargadelos de Barcelona e o 28 de xuño desde a libraría Couceiro de Santiago.

Neste último caso, será só un punto de partida para despois facermos un itinerario por algúns espazos da homosexualidade na Idade Media compostelá. Visitaremos a rúa onde vivían Sancha e María, satirizadas no século XIII polo seu amor; confrontaremos a evolución das representacións do santo galego Paio, de efebo desexado polo califa de Córdoba a soldado homófobo da Cristiandade; repararemos en representacións positivas das relacións entre dous homes nalgunha arte relixiosa, etc.

Convidadas e convidados ficades!

12 de jun de 2011

Queremos facer toda a nosa vida en galego...

Houbo moitos momentos lindos e emotivos na entrega dos Premios Xerais onte na Illa de San Simón. Aprendemos cousas novas con María Xosé Queizán e de María Xosé Queizán, anotamos prometedoras futuras lecturas, deixámonos levar por diferentes emocións co Leo...

A ovación da xornada foi para Xavier Queipo, non só por ser o gañador do cobizado Premio de Novela Longa, senón sobre todo polas súas palabras, tan elegantes como reivindicativas. Dirixiuse ao conselleiro de Cultura, alí presente, e pediulle que trasladase ao conxunto do Goberno galego a mensaxe inequívoca de que queremos poder vivir no noso idioma, que QUEREMOS GALEGO!

Chega ás librarías Amigos e sodomitas


Presentación do libro Amigos e sodomitas. A configuración da homosexualidade na Idade Media (Premio Vicente Risco de Ensaio 2011)

Cando? Esta cuarta feira (mércores) 15 de xuño, ás 19.30 h.

Onde? Na Galería Sargadelos de Barcelona (carrer Provença, 276).

Quen estará?
- Olegario Sotelo Blanco, editor.
- Helena González, profesora da Universitat de Barcelona.
- Carlos Callón, autor.

De que vai o libro?

Botando man dunha ampla documentación medieval (sobre todo galega), en Amigos e sodomitas explícase como entre os séculos XI e XIV se configurou o pecado-delito de sodomía, inexistente nos mil primeiros anos de historia do cristianismo.

Para analizar esta evolución da tolerancia á intolerancia, amósase a institucionalización documental máis antiga da unión entre dous homes na Península Ibérica, que se produce en Galiza no século XI (Pedro Díaz e Muño Vandilaz, 16 de abril de 1061), analízase a homofobia como arma política contra a nobreza galega que se enfronta a Afonso X e repásase a evolución dalgunhas historias moi divulgadas na Galiza medieval, como o martirio do santo galego Paio.

Obsérvanse tamén desde outro prisma moitos textos do trobadorismo galego-portugués: unha enigmática cantiga amatoria entre dous homes, a sátira contra o lesbianismo en que se fala do amor de dúas prostitutas compostelás ou os indicios dunha identidade grupal homosexual análoga á estabelecida por Michel Foucault para o século XIX.

Esta mesma semana chega ás librarías galegas, cando faltan xa poucos días para a celebración internacional do Día do Orgullo Gai, Lésbico, Bisexual e Transexual.

11 de jun de 2011

Ratificámolo: Temos dereitos!



Di a Declaración Universal de Dereitos Lingüísticos que son colectivos e inalienábeis os catro seguintes:
a) o dereito ao ensino da propia lingua e cultura;

b) o dereito a dispor de servizos culturais;

c) o dereito a unha presenza equitativa da lingua e a cultura do grupo nos medios de comunicación;

d) o dereito a ser atendidos na súa lingua nos organismos oficiais e as relacións socioeconómicas.
Está á vista de ollos. Temos dereitos que non nos permiten exercer. Conquistémolos!

10 de jun de 2011

15 anos da Declaración Universal de Dereitos Lingüísticos

Hoxe foi un día dos intensos en aprendizaxes. Sempre é bo que nos encontremos as formiguiñas que traballamos pola revitalización dos nosos discriminados idiomas, que nos expliquemos como nos encontramos, que poñamos en común propostas e ideas.

Nesta ocasión temos que agradecerlles a oportunidade á xente de Behatokia, o Observatorio de Dereitos Lingüísticos do euskara, que nos reuniu en Donosti arredor dun moi útil Seminario Internacional.

Quixeron, ademais, celebrar así o décimo aniversario da súa existencia e o décimo quinto ano da proclamación da (tan aplaudida como incumprida) Declaración Universal de Dereitos Lingüísticos. Ben sabedes de que vos falo; ben o vivides no día a día.

Este serán, representantes de organizacións de diferentes comunidades lingüísticas realizamos un acto simbólico de nova ratificación desta Declaración que -aínda que non se note- tanto o Congreso dos Deputados como o Parlamento galego respaldaron por unanimidade hai xa ben de anos.

Desenmascaremos a farsa. Xa abonda de que se nos recoñezan dereitos teóricos para nunca nos permitir exercelos. Falamos galego e temos dereitos!

8 de jun de 2011

En castellano no hay problema, hoxe en Pasaia

Cando era pequeniño, pensaba que Pasajes (que é a forma castelanizada de chamar a Pasaia), estaba da outra banda da ría de Arousa, de tanto que ouvía falar desa localidade guipuzcoana. Na miña mente, era máis real a idea da existencia dun Pasajes que a do Grove, que eu supuña un sitio mítico que só existía nos xogos que nos facía miña avoa.

Hoxe vou pisar Pasaia por vez primeira, grazas á hospitalidade do Fato Daniel Castelao, que se encargou de organizar a presentación este serán do libro En castellano no hay problema. Será ás 20.30 h na sala da Tenencia de Alcaldía de Trintxerpe (Euskadi Etorbidea s/n; Azoka), coa compaña de Filipe Domínguez, presidente do Fato.

Ademais, mañá en Donosti participarei nun seminario internacional sobre dereitos lingüísticos ao cal fun convidado para expor a situación idiomática do noso país e o labor da Mesa. Ao finalizar o seminario, realizaremos un acto de reivindicación da Declaración Universal de Dereitos Lingüísticos, que esta semana fixo 15 anos da súa promulgación, 15 anos do seu grave incumprimento no noso país e no Estado español.

Falta pluralismo na RAG?

Era a pregunta que onte se formulaba en portada o diario Galicia Hoxe. É unha cuestión pertinente que nos fagamos, porque precisamos unha Academia viva, forte e representativa.

As propostas de mellora que están enriba da mesa son:
1) Deixar de excluír as mulleres.
2) Consolidar un papel institucional de fomento da normalización lingüística.
3) Fomentar as relacións co resto do sistema lingüístico galego-portugués.
4) Garantir unha presenza plural no seu plenario.
Oxalá haxa reflexións e, sobre todo, mudanzas por eses catro camiños.

6 de jun de 2011

Pluralidade e igualdade na Real Academia Galega

Antonte o diario El País publicaba unha hilarante entrevista co director da Real Academia de la Historia, unha institución non españolista, senón españolistísima, que ole a rancio a quilómetros. Por fortuna, non é esta a situación hoxe da nosa Real Academia Galega.

A cabeza, porén, asocioumas a ambas cando lin a última pregunta que lle formulaban ao director da RAH española:
P. ¿Qué le falta a la Academia?

R. Más mujeres. Las hay muy preparadas pero menos que los hombres. Hay una cuestión: un historiador necesita disponer de muchas horas para documentarse en los archivos. Y por desgracia, en las mujeres esas miles de horas están dedicadas a criar a sus hijos y a ser amas de casa.

Despois de soltar esa machistada, o Gonzalo Anes aínda pensará que é un feminista. Só lle faltou defender que as mulleres están menos preparadas (?!) por teren a regra.

Aínda que non nas declaracións, nos feitos o proceder da RAG é, tristemente, semellante pola exclusión da metade da poboación galega, as mulleres, ben activas na nosa vida cultural. O proceder da RAG é, neste aspecto, tan retrógado que, se fose un organismo público, tería unha composición ilegal, por discriminatoria.

Aínda máis. Debemos preguntarnos, con María Reimóndez, se Rosalía de Castro sería aceptada como membro da RAG no caso de vivir na actualidade.

Sobre estes e outros retos para a Academia Galega trato máis polo miúdo na miña colaboración semanal no xornal Galicia Hoxe. Son todas elas críticas feitas co ánimo de construír unha institución máis representativa, máis capaz, máis forte, porque boa falta nos fai.

4 de jun de 2011

Doentes e Crebinsky

Fun ver as dúas, que están aínda nalgunhas salas. Son ambas moi boas: un auténtico orgullo para a nosa cultura. Ide ao cinema a velas. Xa me agradeceredes o consello.



3 de jun de 2011

De pressa a vida passa

Fun onte ao concerto de presentación de Acrobata, un delicioso proxecto de Ugia Pedreira e Fred Martins. Como previa, realizábase un paseo ornitolóxico polo parque de Belvís, grazas ao cal agora sei diferenciar uns cantos paxariños.

Hoxe terán de novo concerto, mais sen o paseo previo. Será na aula da natureza do Parque de Belvís en Santiago, á 20.30 h. Recoméndovolo vivamente!

Ademais, xa anuncian que estarán o 5 de xuño en Marín, o 9 e o 10 na Coruña, o 11 en Mondoñedo, o 22 de xullo de volta na Coruña, o 30 en Monção, o 10 de agosto en Ferrol, o 15 de outubro en Ferrol e que despois farán unha xira polo Brasil. Non lles perdades a pista!

Aquilo naquilo

O que segue publicouse hai anos, non sei cantos, pois o recorte non consigna a data (puido ser en 1993 na sección «Há cinquenta anos») no Jornal de Notícias de Porto.

Uma disposição da Câmára Municipal de Lisboa de 1953 en atenção «às pessoas que procuram frondosas vegetações para a realização de actos que atentam contra a moral e os bons costumes» estipulava os delitos e multas correspondentes: «mão na mão 25$00, mão naquilo 50$00, aquilo na mão 75$00, aquilo naquilo 100$00, aquilo atrás daquilo 125$00; com a língua naquilo 150$00, neste caso preso e fotografado.»

E remata o articulista: Uma medida, sem dúvida, edificante. Adoro Portugal.

Tomado do artigo "Coisas lusitanas", de Juan L. Blanco Valdés, Xornal de Galicia, 31/12/10.

2 de jun de 2011

Apoio á Flotilla da Liberdade

As persoas que asinamos este escrito queremos manifestar o noso apoio á Flotilla da Liberdade II que en xuño zarpará rumbo a Gaza con axuda humanitaria para a castigada populación da Faixa e o propósito de romper o criminal bloqueo a que a ten sometida Israel.

O carácter pacífico desta iniciativa internacional e a legalidade do seu obxectivo deberían ser razóns suficientes para garantir a seguridade das persoas e os bens que viaxarán a bordo dos 15 buques que está previsto formen a frota. No entanto, a experiencia do ataque perpetrado pola armada israelita en 2010 contra a primeira Flotilla da Liberdade, que se saldou coa morte de 10 activistas e un elevado número de cooperantes feridas/os, así como as recentes ameazas e presións de Israel, fan temer que o estado sionista poda recorrer mais unha vez á violencia para tentar impedir que a axuda humanitária chegue a Gaza.

Neste sentido, reclamamos das autoridades galegas e españolas que tomen as medidas necesarias para protexer a vida e integridade das persoas que participarán na iniciativa, varias delas galegas, e garantir que a axuda solidaria chegue ao seu destino: a asediada Faixa de Gaza.

Se tamén estás de acordo con este texto, podes asinalo aquí.

1 de jun de 2011

Homenaxe a Paco Martín

Merecida homenaxe. Será o vindeiro 25 de xuño. Podedes consultar o programa completo en PDF desde esta ligazón.

Agora van a por València e as Balears

O modelo retrógrado para a lingua galega no ensino que se impuxo desde a rúa Génova de Madrid agora queren estendelo a València e ás Illes Balears, onde a sociedade comeza a organizarse para parar esta barbaridade.

Con este motivo, publican hoxe no diario electrónico Vilaweb a seguinte entrevista, onde fago unha apurada síntese do que aconteceu nos dous últimos anos no noso sistema educativo e tamén poño en valor o feito de que as maiores mobilizacións que se deron en Europa nos últimos anos en defensa dunha lingua foron aquí en Galiza.

Xa advertimos no seu día de que o noso país foi, é, para o PP un banco de probas. Foino do comezo da involución. Serao do comezo do seu fracaso.