31 de mai de 2011

Usar, escoller, solicitar

Son os tres verbos principais que temos que conxugar para revitalizarmos o noso idioma. Diso falo, entre outras cousas, no meu próximo libro sobre a situación da lingua galega, Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, e diso trato tamén nesta conferencia que impartín hai uns meses en Ourense. Alí estivemos, en representación da Mesa e convidados polos Comités, a compañeira Rut Reza e mais eu.

30 de mai de 2011

Que dixeron as urnas?

No artigo desta semana en Galicia Hoxe retomo algunhas valoracións sobre as eleccións xa expresadas nesta bitácula e poño sobre a mesa outras observacións.


Que dixeron as urnas?
Sobre as eleccións municipais, a política cultural e a lideranza de Feijóo

O un de marzo do ano 2009 Alberto Núñez Feijóo conseguiu facerse coa presidencia da Xunta de Galiza tras unha campaña moi suxa que lle serviu para lograr o match point que lle negaba a maioría dos inquéritos. O éxito do dirixente do PP galego convertérao no único barón que ascendía nese partido, nun momento en que os líderes conservadores de Valencia ou Madrid ficaban ensombrecidos por escándalos de espionaxe e corrupción.

Moitas quinielas comezaron a apostar daquela polo seu nome como futuro ministro dun goberno presidido por Mariano Rajoy ou, mesmo, porque puidese chegar a encabezar o cartel electoral do PP a nivel estatal, se o actual candidato esvarase por terceira vez ante as urnas.

O contexto e as promesas fixeron que Núñez Feijóo se prodigase nestes dous anos en platós de televisión e na vida social madrileña, onde sempre realiza discursos aínda máis duros que os que pronuncia no interior. Xornal de Galicia chegou a calcular que o presidente da Xunta pasa fóra do país un de cada cinco días. Non sei se a estatística se mantén a día de hoxe ou se foi só no período inicial, mais dá para pensar.

Moitos analistas explicaron (explicamos) a súa política regresiva contra a lingua galega nese obxectivo de contentar a TDT Party e ir subindo así degraus na Corte, aínda tan remisa a aceptar a diferenza galega, aínda que sexa por orixe –como ben explicou a través dos seus prexuízos o presidente de honra do PP, José María Aznar, a respecto de Mariano Rajoy–. En fin, que Manuel Fraga Iribarne prefería por exemplo a pax lingüística porque viña á Xunta para xubilarse, mais para o dos Peares a xestión da autonomía galega é máis un trampolín para triunfar na capital, non en provincias.

Vitoria, porén...

O pasado domingo, o PP foi, con diferenza, o partido máis votado en Galiza. Ademais, por vez primeira nunhas municipais desde o Prestige, a suma dos apoios do PSOE e do BNG é inferior aos obtidos pola forza da gaivota. O seu éxito na provincia da Coruña é incontestábel, ao obter pleno nos catro grandes obxectivos: alcaldías da Coruña, Santiago, Ferrol e presidencia da Deputación. Por se for pouco, no resto de Galiza aumentou a súa representación institucional e gañou o goberno dalgúns concellos medios. Porén, a dirección galega do PP non está para festexos.

A formación de Alberto Núñez Feijóo partía con todo o vento a favor: un respaldo mediático tremendo –afortalado máis pola hipergobernamental RTVG–, unha maquinaria organizativa lubrificada desde o poder da Xunta de Galiza, un ambiente social de castigo ao PSOE pola traizón ás súas bases en políticas económicas e sociais, etc.

A pesar de que costa abaixo todos os santos axudan, Galiza foi un dos territorios do Estado español onde menos varreu o PP o pasado domingo. Non digo que teñamos que ser paspáns e facer un espectáculo pirotécnico por iso, mais tampouco vexo o sentido de non recoñecermos o que se conseguiu aquí, superando as moitas dificultades. Malia a consigna de “votar BNG é votar Zapatero”, malia a maré popular que se viviu no conxunto do Estado, Galiza foi capaz de resistir mellor a embestida.

A principal aposta do PP galego nestas eleccións foi a reconquista de Vigo, a urbe máis poboada do país, que xa daban por obtida desde había semanas. Porén, non só non o lograron, senón que foi a maior cidade do Estado en que o PP baixou en votos e será a segunda cidade en poboación tamén en todo o Estado que terá alcaldía do PSOE (dependendo para iso dun BNG que mermou os seus apoios, aínda que se mantén como forza necesaria e imprescindíbel).

Nin Vigo nin Lugo nin Ourense nin Pontevedra nin a Deputación de Lugo. Mentres o PP deu paseos triunfais en case todo o Estado, Núñez Feijóo foi incapaz de facelo. Que non nos confunda a lóxica preocupación polo que si logrou: a súa conta de resultados do domingo fíxolle perder moito peso relativo no concerto de líderes desta formación política.

O nacionalismo nas escadas

A min paréceme un dato a valorar positivamente que, por exemplo, a pesar de que o nacionalismo galego se encontra hoxe nunha preocupante situación de debilidade institucional e mediática, fose quen de incrementar o número de concellos onde foi a lista máis votada e mesmo aumentase as súas maiorías absolutas, fronte a hai catro anos, cando cogobernaba na Xunta.

É unha evidencia que o BNG perdeu votos totais e –coa tremenda excepción de Pontevedra, onde se gañou por riba dos inquéritos– poder urbano. No entanto, son poucos menos dos votos totais e un pouco máis na porcentaxe que nas pasadas eleccións autonómicas de 2009, onde se partía de estar no Goberno galego, con todo o empuxe que iso significaba. De facermos unha extrapolación directa dos datos do pasado domingo a unhas eleccións autonómicas, suporían un escano máis. É insuficiente e insatisfactorio, si, mais non é para nada unha caída libre nin a ameaza da desaparición do nacionalismo organizado que cantan e contan moitos comentaristas.

Unidade, acción e pedagoxía

Mais se para o nacionalismo poden ser uns resultados presentábeis, non se pode dubidar de que o acontecido nas cidades de Santiago de Compostela e nomeadamente na da Coruña terá repercusións graves no conxunto de Galiza. Na capital do país porque por vez primeira en democracia terá unha xestión cultural institucional feita de costas á cultura propia. As promesas e as declaracións crispantes, tan excesivas, de Xerardo Conde Roa non presaxian senón outra vaga de inanición e sectarismo para a nosa vida cultural. Oxalá fose unha impresión errada!

Ademais, Carlos Negreira Souto xa anunciou que, no caso de el chegar á alcaldía herculina, como finalmente aconteceu, movería os fíos precisos para que se derrogase o único artigo taxativo da Lei de normalización lingüística, aquel que estipula que os nosos nomes de lugar teñen como forma oficial a galega. As súas primeiras declaracións amosan que quere levar con coidado os tempos para esta batalla contra a nosa cultura e que, ademais, fará o posíbel para chegar neste punto a un acordo co PSOE.

Perante isto, cómpre unidade dentro da diversidade e que todas as persoas que queremos o noso idioma actuemos socialmente con persistencia, pedagoxía e intelixencia. Porque a democracia non é só votar, senón tamén participar, debater, construír...

29 de mai de 2011

27 de mai de 2011

Danza cu duro!

O kuduro angolano de que se fala na canción vén xustamente do que parece: é un estilo de baile onde os cadrís deben manterse duriños.

Aquí en Galiza escóitase máis a versión en español de Don Omar, mais a orixinal é do cantor e compositor portugués coñecido como Lucenzo.



Vem para quebrar kuduro!
Vamos dançar kuduro!
Oi oi oi!
Seja morena ou loira , vem balançar kuduro!
Oi oi oi!

Vem dançar comigo, seguindo este ritmo.
Quero-te ver balançar,
Todos a lado a lado, vai ser toda a noite,
vem dancar até cansar:
Mexe kuduro,
(balançar) que é uma loucura,
(morena) vem ao meu lado,
(ninguém) vai ficar parado,
(quero ver...)

Oi oi oi!
Vem para quebrar kuduro , vamos dançar kuduro!
Oi oi oi!
Seja morena ou loira , vem balançar kuduro!
Oi oi oi!

Vem, vem, vem!
Sabes bem bem que é só dançar.
Kuduro está no ar.
Dá-me a tua a mão, não me digas não,
Vem dançar porque ninguém vai parar!
Mexe kuduro,
(balançar) que é uma loucura,
(morena) vem ao meu lado,
(ninguém) vai ficar parado,
(quero ver...)

Oi oi oi!
E para quebrar kuduro , vamos dançar kuduro!
Oi oi oi!
Seja morena ou loira , vem balançar kuduro.
Oi oi oi!

Ladies and gentlemen,
Paris people report on a floor,
Big ali New-York city (yes)
Lucenzo (yes)
Let's go! Sube las manos!
Mujeres!
Bailar!
Fiesta!

Oi oi oi!
Oi oi oi!
Irmão meu! Irmão meu!
New York City!
Portugal!
Oi oi oi!

A perda dunha lingua non é un proceso espontáneo

Para xustificar a súa acción letal contra o noso idioma, o autodenominado ex sociolingüista e actual verdugo do galego, Anxo Lorenzo, afirma de cando en vez que a política dun goberno non repercute sobre a saúde dun idioma. Se en realidade pensase iso, por honestidade debería propor que se fechase a Secretaría Xeral de Política Lingüística, pois non se entendería moi ben xa non só a súa existencia continxente, senón a súa propia razón de ser.

Mais non nos enganemos; non nos deixemos enganar. Se o galego é a única lingua con algún rango de oficialidade no Estado que perde falantes é por algo. A desprotección xurídica real e a farsa que moitas veces se agocha en supostas promocións institucionais do noso idioma explícannos esta situación.

Comparemos, por exemplo, o que o PP fai aquí en Galiza co que acontece en Euskadi, onde este partido dá soporte a un goberno do PSOE que mantén modelos de inmersión lingüística aquí prohibidos, que financia no País Vasco francés escolas en euskara (aquí prohibidas para o galego!) e que agora, por exemplo, acaba de destinar 12,5 millóns de euros a proxectos que serven para promocionar este milenario idioma no día a día.

Non digo isto para que nos queimemos pensando o mal que estamos, senón para que tomemos forzas e nos decatemos de que, a pesar das moitas dificultades, outra realidade é posíbel.

O euskara encontrouse en momentos de menor vitalidade que a que ten hoxe o galego e porén foi capaz de tomar o camiño da súa restauración e recuperación. A perda dunha lingua non é un proceso espontáneo. A súa revitalización, tampouco.

26 de mai de 2011

Lección de ética

"Non preciso principios éticos e supremacía moral. Chéganme cos principios éticos e a supremacía moral que me dan os galegos cos seus votos"

(Alberto Núñez Feijóo, sobre a primeira vez na historia que entra a policía na Xunta, para deter o responsábel da promoción económica do Goberno galego, nomeado por el)

A lingua preferida


Esta imaxe pertence ao momento de recollida por parte da Mesa do premio Rosalía de Castro da Deputación da Coruña, que ten trazas de que vai ser a última vez que se convoque.

Para o acto, Xurxo Borrazás escribiu un lindo manifesto que merece ser divulgado:

A lingua preferida

Non queremos unha lingua excelsa, preferímola vulgar. Tampouco a queremos celebrada, preferímola falada. Non a queremos amábel, preferímola impertinente. Non queremos unha lingua fermosa, preferímola útil. Non queremos unha lingua de escritores, preferímola de mecánicos, de taberneiros, tendeiros, médicos, xuíces e mariscadoras, de xornalistas, de músicos, de albaneis, de travestís, de futbolistas, taxistas e labradores. Non queremos unha lingua de mestres, querémola de estudantes. Non queremos unha lingua baixo os focos, preferímola transparente. Non queremos unha lingua con historia, preferímola con futuro. Non queremos unha lingua ritual, nin virtual nin ideal, preferímola real. Non queremos unha lingua doce, azucrada, na que todo soe ben, preferímola salgada. Non queremos unha lingua de letras, preferímola de ciencias. Non queremos unha lingua de espíritos, preferímola de corpos. Non queremos unha lingua de erotismo, preferímola de sexo. Non queremos unha lingua de xardín francés, preferímola de bosque. Non queremos unha lingua folk, preferímola punk. Non queremos unha lingua limpa, preferímola sucia, chapuzando en todas as pozas. Non queremos unha lingua doméstica, preferímola fóra. A ver esa lingua! Non queremos unha lingua sentada, preferímola a bailar. Non queremos unha lingua de pau, preferímola eléctrica. Non queremos media lingua, preferímola enteira. Non queremos unha lingua nosa, querémola de todos. Non a queremos de confidencias, preferímola de aturuxos. Non a queremos de domingo, preferímola de diario. Non a queremos recibir, querémola dar. Non a queremos discreta e virtuosa, querémola de troula. Non a queremos nos libros, querémola nos contratos. Non queremos lingua de natureza, querémola de fábrica. Non queremos diplomas, aspiramos ao podio. Non queremos cans, queremos vacas. Queremos unha lingua escaladora, ciclista, surfista, fogueteira, moinante, zulú. Non a queremos santa, querémola voraz. Non a queremos excepción, querémola norma. E tampouco a queremos norma, mellor infracción. Querémola feiranta. Non a queremos conmemoración, querémola festa. Ou rutina. Non a queremos grande, querémola nosa. Non a queremos nai, querémola amiga. E senón inimiga, pero sempre enfronte, a escape libre. Querémola en inglés e querémola en verde. Querémola na boca dos nosos adversarios. Querémola deslinguada, montaña rusa. Querémola en google e en yahoo. Queremos lingua Messi, lingua Pelé. Non queremos unha lingua quieta, querémola en marcha e de man en man, coma se nada. Queremos unha lingua a almorzar de hotel, buffet libre, relax total. Queremos mil primaveras máis, mil vendimas logradas, mil nevaradas brancas e mil veráns na area ao sol. Querémola en marcha e non a queremos nada. Preferímola toda.

25 de mai de 2011

Debaixo do macartismo

Non transcorreu máis que a metade da lexislatura autonómica e a xustiza xa tivo que deter ao director e subdirector do IGAPE, organismo da Xunta encargado da promoción económica.

O director, nomeado directamente a proposta de Alberto Núñez Feijóo, está, xunto co subdirector, acusado de fraude en subvencións públicas, falsidade documental, alzamento de bens, branqueamento de capitais e fraude fiscal.

Si, xa sei que hai unha crise de valores que fai que a moita xente non lle importe que haxa corruptos na vida pública. Mais tamén hai algunhas persoas que nos indignamos de verdade por estas situacións e reclamamos transparencia e honestidade.

Lembremos, ademais, que mentres a Xunta de Núñez Feijóo difamaba organizacións como Unións Agrarias ou A Mesa por recibiren axudas públicas legais e lexítimas, presuntamente estaría a acontecer todo isto. Debaixo do macartismo está o fedor a podre.

24 de mai de 2011

Toca organizármonos!

Esta semana voume facer tripulante da Sala NASA, de Santiago de Compostela, inxustamente difamada polo que vai ser o novo alcalde de Santiago de Compostela. As veciñas e os veciños desta cidade imos precisar máis que nunca espazos de liberdade e cultura como é este.

Agardemos que, no entanto, o que será o novo alcalde saiba actuar con humildade e aparque a arrogancia tan característica nel. Debería lembrar que vai ser o presidente da corporación por tan só 11 votos, que foron os que lle faltaron ao BNG nesta cidade para non conseguir un concelleiro máis e así manter o bipartito. Para que despois digan que non importa cada voto!

E, en fin, se aínda non estades afiliados á Mesa, xa vedes que hai ataques contra o galego que van ser máis feroces.

Por certo, hoxe e mañá impartirei un obradoiro en Pontevedra sobre como defendermos os nosos dereitos lingüísticos. Se estiverdes interesadas ou interesados, vémonos esta tarde ás 17 h na Biblioteca Pública Antonio Odriozola (rúa Alfonso XIII, 3).

Toca organizármonos! Non llo imos pór fácil, ou?

23 de mai de 2011

Unha cousa é que te venzan e outra que non existas

Velaquí o artigo desta semana en Galicia Hoxe, escrito antes das eleccións municipais. Non ten a ver co tema das votacións mais, tendo en conta os ánimos da xornada, talvez poida axudar a ver as cousas cun pouco máis de perspectiva. Agardo que sexa así.

Recordar salva
Contra a xibarización da nosa historia


Aramos sobre os mortos nesta terra
i o noso pan ten un sabor de ósos
familiares, irmáns. O monte berra
baixo do arado, e chámannos os nosos.

(Lorenzo Varela, Catro poemas pra catro gravados, 1944)

Fronte á quietude aparente dun lugar sen historia, o poeta advírtenos de que a redución de Galiza a unha fotografía paisaxística e costumista é pura falacia. Hai un pasado enterrado que chama por figurar nos libros, por ser coñecido, por ser desclasificado. Porque unha cousa é que te venzan e outra cousa que non existises.

Lorenzo Varela sabía ben de que falaba. El, que loitara coa pluma e coa espada contra o fascismo, padecía o exilio dos derrotados do 36 cando escribiu estas liñas. Na súa creación poética en galego insiste en manter a memoria, fronte a amnesia e a narcotización promovidas polo franquismo. Cumpría que ninguén esquecese as vítimas da represión. Por iso no seu poemario Lonxe titula dous textos co nome e apelidos de asasinados por colaboraren coa guerrilla que resistía en Galiza: “Manuel Ponte” e “Manuela Sánchez”. Homenaxea e recorda dúas figuras próximas no tempo, que entraban no grupo daqueles que a censura non permitía que fosen coñecidos e honrados, a non ser dun xeito desfigurado.

Influído polo seu amigo Luís Seoane, Varela preocupouse na súa obra por vincular estas batallas coetáneas coa esquecida, menosprezada ou xibarizada historia de Galiza. A loita contra o franquismo ecoa nos versos que citamos ao comezo, non hai dúbida, porén o soneto que así principia está dedicado a outro derrotado moitos séculos antes: Roi Xordo. Foi o líder da primeira das revoltas irmandiñas, os maiores movementos antiseñoriais europeos de todo o século XV, porén descoñecidos ou infravalorados pola inmensa maioría da nosa poboación. Cantas galegas e galegos saben situar a verdade de Roi Xordo e cantas galegas e galegos coñecen as historias míticas dun Cid ou dun Robin Hood? A pregunta é necesaria. A resposta é elocuente.

A damnatio memoriae é un procedemento utilizado na Antigüidade, polo cal se ordenaba a eliminación de todo canto lembrase a un condenado. Tirábanse os seus monumentos, riscábanse as súas inscricións, destruíanse as súas imaxes e, en ocasións, mesmo se prohibía escribir ou pronunciar o seu nome. Isto último é o que se chama a abolitio nominis.

Non pensemos que este procedemento se detivo no Exipto faraónico ou no Imperio Romano. Ben ao contrario, é un dos trazos definitorios do problema que nos impide entroncarmos co noso pasado de forma consciente, tal e como demanda o ansiado obxectivo da memoria histórica.

Un dos mellores exemplos de damnatio memoriae está na Galiza medieval, unha etapa ineludíbel para comprendermos a evolución do país. No plano documental, os datos cantan. A maioría dos arquivos foron espoliados, como os tombos dos decisivos mosteiros ou os volumes dos obradoiros literarios de señores galegos, que só conservamos parcialmente. A desaparición é total noutros casos. Pensémolo: se for polas cantigas que mantemos en chan galego (ningunha!), a nosa lírica medieval non pasaría de ser unha hipótese dun nacionalista caricaturizado.

Mesmo así, tamén naquilo que chegou até nós hai faltas notorias. Son rechamantes, por exemplo, as ausencias nos cancioneiros de trobadores ou xograres que estaban do lado da nobreza galega que guerreaba contra as políticas expansionistas de Afonso X. Reparemos por exemplo en Estevan Fernández de Castro, Adiantado Maior de Galiza, o maior cargo gobernativo e militar deste reino, que, tras a súa participación protagónica na sublevación de 1272, foi tamén o inimigo político máis escarnecido nas cortes reais toledana, murciana e sevillana do século XIII. Pola sátira que lle dirixe Pero García Burgalés, sabemos que este líder galego trobaba, porén os seus textos –igual que os doutros inimigos do castelanista Rei Sabio– non pasaron ao Livro das Cantigas, ofrecéndonos así unha imaxe distorsionada, incompleta e mesmo dificilmente comprensíbel do que foi o espectáculo trobadoresco galego-portugués. (A esta figura dedico un dos capítulos do libro Amigos e sodomitas: A configuración da homosexualidade na Idade Media, que axiña chegará ás librarías da man de Sotelo Blanco.)

Ademais das lápidas e inscricións lañadas –as mostras están para quen quixer velas, o que falta é preguntarse en alto o motivo–, un dos máis rechamantes casos de abolitio nominis encontrámolo na Crónica Troiana. Se na actualidade os manuais escolares nos fornecen a información de que foi Fernán Pérez de Andrade quen mandou traducir esta obra ao galego é grazas aos investigadores que, no século XIX, lle aplicaron uns reactivos a unha ampla parte da Crónica que estaba enerxicamente riscada. Entre o eliminado figuraba o nome completo deste señor galego, descrito como “o mellor home que havía entonce en Galiza dos conde ou rico home afora”. Outras dez liñas e media que tamén foron tapadas, a bo seguro polos mesmos motivos políticos que as que si se puideron recuperar, permanecen aínda hoxe totalmente ilexíbeis. Preguntémonos en alto o motivo. Preguntémonos en alto que é o que non se quería que ninguén puidese ler nese códice.

A destrución e a desfiguración do pasado de Galiza quixo ser rectificada pola xeración de que fixo parte Rosalía de Castro. Ela, que se amosaba consciente da “triste soledad donde batallo”, sabíase tamén a responsábel de erguer a bandeira para chamar as xentes a unha loita colectiva en defensa de Galiza, como nos deixou escrito, a pesar de tanta terxiversación do sentido da súa obra lírica, ficcional e ensaística.

Nos seus versos testemuñounos tamén que coñecía a existencia do Panteón dos Reis Galegos na Catedral de Santiago de Compostela, algo que aínda hoxe non sabe a maioría da poboación galega, mesmo a maioría das licenciadas e licenciados en estudos superiores en humanidades que teñen as súas facultades nesta cidade.

A través do poema “Na catedral” recítanos o seu percurso por un edificio no cal “reises e reinas, con gran sosego, / na paz das mármores tranquilos dormen”. Aínda non estaba vetado o acceso a esa sala, que até non hai moito chegou mesmo a ser utilizada como almacén para cascallos e instrumentos de albanelaría.

E chegan, así, de novo, algunhas preguntas que cómpre que, cando menos, nos fagamos en alto: Por que incomoda tanto a existencia deste pasado, até o punto de desprezalo dese xeito? Débese evitar o coñecemento desta capela catedralicia porque os monarcas non están enterrados onde a historiografía oficial nos di que deberían estar?

Rosalía de Castro tamén se formula interrogacións semellantes nos seus versos, pertencentes a un dos poemas máis potentes de En las orillas del Sar, “Santa Escolástica”:
– ¡Cementerio de vivos! –murmuraba
yo al cruzar por las plazas silenciosas
que otros días de glorias nos recuerdan.
¿Es verdad que hubo aquí nombres famosos,
guerreros indomables, grandes almas?
O seu desacougo parte do mesmo cerne que o que vimos no texto de Lorenzo Varela. Hai unha historia agochada do país, que nos queren facer pasar por inexistente e mesmo impensábel. Os arados traballan sen saber que hai ósos que chaman desde o máis profundo. A paisaxe humana da Compostela que analiza Rosalía é desoladora, ficando só a posibilidade de recordar, ante a incapacidade para actuar. Esa confrontación entre un pasado de acción e un presente de quietude, que a sociedade mesmo se nega a evocar, contense tamén nunha estrofa pertencente á segunda elexía que Curros dedica á autora das Follas novas:
Que hoxe é pecado relembrar fazañas
porque impotentes para as facer nacemos,
e cecais que gabar grorias estrañas
nos console das propias que perdemos.
Canto de actual teñen estes versos, verdade? Cantas veces ao día deberiamos recitalos? Serán tan actuais porque, como ben dixo Herminio Barreiro, “recordar doe”? Doe cara ao pasado secular e magoa tamén no máis profundo cando falamos duns tempos máis recentes de destrución.

Recordar doe. Porén, recordar sanda. Recordar é salvífico. Só coa lembranza colectiva, limpa e digna do noso pasado poderemos librarnos da condena da repetición. Porque a impotencia non é real: é aprendida. Poñamos atención para escoitar as voces que nos chaman, os berros dos mortos desta terra. Rectifiquemos a anulación. Podémolo facer. Fagámolo.

Como pouco, tamén existe o gris

Aínda fica moito por reflexionarmos sobre o que aconteceu nesta xornada electoral. É evidente que os resultados non son bos para o conxunto de Galiza e que tanto as políticas sociais como a nosa cultura se verán afectadas polas maiorías absolutas do PP nas tres cidades da provincia da Coruña, onde tamén recuperan o goberno da Deputación.

Porén, o que máis me sorprendeu é que, a pesar da consigna de "votar BNG é votar Zapatero" e a pesar da maré popular que se viviu no conxunto do Estado español, Galiza fose capaz de resistir mellor a embestida.

A min paréceme rechamante que, por exemplo, malia a debilidade institucional e mediática actual do nacionalismo galego, este fose quen de incrementar o número de concellos onde foi a lista máis votada e mesmo aumenta as súas maiorías absolutas, fronte a hai catro anos, cando cogobernaba na Xunta.

É unha evidencia que o BNG perdeu votos totais e -coa tremenda excepción de Pontevedra- poder urbano. No entanto, é case o mesmo número de votos totais e un pouco máis na porcentaxe total que nas pasadas eleccións autonómicas de 2009, onde se partía de estar no Goberno galego, con todo o empuxe que iso significaba.

Tampouco debemos esquecer a comparación co resto do Estado español. Se vemos as cidades máis poboadas de todas as comunidades autónomas, encontrámonos con que o primeiro concello máis importante onde vai haber alcalde do PSOE será en Vigo, a través dun necesario acordo co BNG. Diante del, só rompen a monocor do PP os nacionalistas de Barcelona e Bilbo. [Rectificación: Vigo será a segunda máis poboada; a primeira será Zaragoza, cun acordo tripartito PSOE-CHA-IU.]

En fin, temos que reflexionar e actuar, mais tamén penso que é bo que valoremos todo o que, a pesar das dificultades, se dá conseguido no noso país. E non o digo só por vermos o lado bo da vida, que continúa.

22 de mai de 2011

Até cando?!


O BNG, o PSOE e Esquerda Unida denunciaron o acarrexo de anciáns por parte do persoal dunha residencia da terceira idade en Lugo, parece ser que a das Irmanciñas do Anciáns Desamparados. Por iso, advirten de que no reconto nese colexio impugnarán todos os votos que veñan pechados, xa que non hai garantías de que se decidisen libremente.

O PP, pola súa banda, denunciou que en Sarria -actualmente con alcalde do PSOE- se fixo o propio con outra residencia de maiores.

É necesario que se poña luz sobre estas gravísimas irregularidades e que a xustiza actúe con seriedade e rigor para dilucidar o acontecido.

Non é de recibo que aínda hoxe estes abusos sobre os dereitos democráticos de persoas indefensas sexan tan tristemente posíbeis, tan tristemente verosímiles.

O pasado, o presente, o futuro

Non me poño nostálxico nin reflexivo na xornada de votacións. É que o tema das idades de ouro, de que todo tempo pasado foi mellor, é tratado de forma xenial por Woody Allen no seu último filme, Medianoite en París.

Un consello: que non vos conten de que vai; o tráiler non comete ese erro, algúns críticos, si.

21 de mai de 2011

Reflexión, que graza!



Recordo ben aquel sábado, véspera inmediata das eleccións, en que un dos caciques do PP na miña parroquia (Castiñeiras, en Ribeira) repartía as papeletas polas casas, chamando ás portas e entregándoas en man. A min soábame pola televisión que era xornada de reflexión, mais eu era un neno e aínda non sabía que iso que facía era totalmente ilegal.

Recordo que ese cacique en cuestión lle preguntara a miña nai polos seus catro fillos e que, todo sorrinte, dicía que xa iamos maiores e axiña nos poderiamos afiliar ás xuventudes do PP, que así se conseguían traballiños, por exemplo para limpar as praias. Tentaba xogar coas nosas dificultades económicas para comprar os votos da familia a cambio de favores. En fin, queredes que o adxective?

Veume hoxe á memoria esta anécdota da infancia (estou falando de comezos da década de 90) cando escoito os bramidos do PP e do seu coro mediático contra o feito de que haxa xente concentrada e reunida en asembleas para debateren o que consideren xusto, estéase de acordo ou non. Ou é que só se pode admitir que a xente se reúna nas prazas públicas se se está de acordo? Que concepción da democracia é esa?

Xa poderían escandalizarse do mesmo xeito pola tendenciosidade das portadas de hoxe de La Razón e ABC, ou por como Mariano Rajoy pedía na xornada de reflexión de 2004 -desde as páxinas de El Mundo- a maioría absoluta para o PP, ou por como este mesmo líder se comportou facendo campaña en Lorca aproveitando a desgraza de forma oportunista mentres o resto dos partidos suspendían os seus mitins, ou como o actual presidente da Deputación de Ourense recoñeceu de forma prepotente que cambiou o voto dunha parella en plena xornada electoral, ou...

P.S.: Reparade na portada do ABC. Mariano Rajoy pide o cambio acompañado dunha candidata e dun candidato que agora mesmo gobernan. Interesante mensaxe subliminal.

20 de mai de 2011

Votemos en galego!

As políticas sociais deben ocupar o espazo protagónico no argumentario electoral das municipais, fronte aos discursos do tu quoque, tan lamentábeis como a suxa realidade en que se alicerzan.

As políticas de normalización lingüística son tamén políticas sociais, porque procuran a cohesión e a igualdade de dereitos da xente.

Os concellos e as deputacións teñen moito que dicir en todo isto, non só no aspecto simbólico, senón en todas as barreiras que lle poden derrubar ao noso idioma, aínda tan inxustamente discriminado e infrarrepresentado.

Na última entrada antes do comezo da xornada de reflexión, quero animar a todas as persoas que pasades por aquí a que votedes en galego: tendo presente na vosa decisión tamén a situación da lingua que nos une. Este domingo, axudemos a escribir unha páxina na revitalización do noso idioma.

Se non é caciquismo, que é?

Xa sabemos que Alberto Núñez Feijóo opina que a policía debería intervir para desaloxar as mozas e os mozos concentrados en varias cidades do Estado. A min gustaríame tamén saber a súa opinión sobre este descaro feudal do PP de Boiro:

19 de mai de 2011

Por que protesta Queremos Galego?

Mirando os vídeos da TVG sobre a mobilización expansiva de Queremos Galego, parece que nos queixamos porque a nosa lingua está mal, mais que ninguén ten a responsabilidade diso. É como un ritual baleiro.

Se xa o día da convocatoria só puñan o corte das tres primeiras liñas do manifesto, na propia data no Telexornal só puxeron as catro últimas e, ao día seguinte, unha cita de Castelao. O caso era que non se soubese o lema das 60 concentracións, "Paremos os ataques contra o galego", e a mensaxe nítida, nitidísima, do manifesto: que a Xunta está a producir retrocesos planificados para o noso idioma.

Reparade: o que era a mensaxe central, repetida abondosamente, é silenciada de vez. Defendamos a RTVG! Indignémonos pola manipulación informativa!

agalega.info - Videos das noticias dos informativos da TVG


agalega.info - Videos das noticias dos informativos da TVG


agalega.info - Videos das noticias dos informativos da TVG


agalega.info - Videos das noticias dos informativos da TVG


agalega.info - Videos das noticias dos informativos da TVG

18 de mai de 2011

Censura previa

O pasado día 13 tiven a presentación na Casa da Cultura de Vilalba do libro En castellano no hay problema. As compañeiras e os compañeiros do Instituto de Estudos Chairegos, que exerceron de anfitrións, denunciaron que o concelleiro de Cultura da localidade, onde goberna o PP por maioría absoluta, lles soltou: "Non sabedes canto me custou asinar a autorización deste acto", como quen perdoa a vida. A frase retrata a concepción da democracia e da liberdade de expresión que ten o individuo.

Hoxe encontreime cunha situación semellante por parte doutra institución. Estaba a organizar a presentación en Madrid para o día 7 de xuño na Casa de Galiza, que depende da Xunta. Xa me custou uns minutiños de agarda que me respondesen en galego, producíndose esta situación esperpéntica:

- Podería atenderme en galego?
- ¿Que si le entiendo en gallego? Claro que sí, no se preocupe.
- Non, non. Que lle agradecería que me atendese, que me respondese en galego.
- Es que yo no sé.
- Pois, por favor, páseme con alguén que saiba. É o meu dereito legal.

Non encontrou a ninguén e volveuse a pór ao teléfono a mesma persoa, xa sabendo falar en galego, aparentando dificultade, porén expresándose na lingua propia e tamén oficial dos poderes públicos galegos. Quero subliñar que é un traballador (non sei se funcionario) de atención á cidadanía nunha entidade que depende directisimamente da Xunta de Galiza.

Mais o abraio non veu aquí, senón cando me comunicou que o meu libro non poderá ser presentado por dous motivos:

a) Non teñen datas en todo o mes de xuño nin de xullo. Ponme como exemplo que vai haber un acto de presentación dunha novela dun deputado do PSOE e eu non consigo comprender se o evento se vai prolongar todos os días dos próximos meses, facendo inviábel calquera outra actividade.

b) O máis rechamante: que o director aínda non leu o libro (do cal exixen que a editora lles envíe un exemplar previo; se non, non autorizan). Até que o lea, non dará a súa conformidade.

E non poño adxectivos nin comentarios. Remítome ao título desta entrada. A vós que vos parece?

17 de mai de 2011

Viva a lingua galega!

Veño do acto de Queremos Galego en Santiago de Compostela, que contou coa participación de varios centos de persoas e a colaboración de escritoras e escritores, músicas, deportistas, etc. Sempre é lindo ver tanta enerxía en defensa da nosa cultura, disposta para se expandir.

A maioría dos 60 actos desenvolvéronse ao mediodía. Só faltan por se realizaren os seguintes, que paso a indicar por se andardes perto:
Barcelona: 19 h no Centro Galego de Barcelona (Rambla).

Barreiros: 18 h na escola de celeiros de Mariñaos.

Belfast: 16 horas, Culturlann, Falls Road (oeste de Belfast).

Bruxelas: 19 horas, Place de Luxembourg, fronte ao Parlamento europeo.

Florencia: 18.30, Piazza Senioria.

Nova York: 17 horas, Battery Park (fronte á estatua da Liberdade).

Oxford: 17 horas, xunto a Carfax Tower.

Xenebra: 20 horas, Asociación S.C.D.R Galaica, 18, Chemin de la Caroline, Petit-Lancy.
Paremos os ataques contra o noso idioma!

Viva a lingua galega!

16 de mai de 2011

Non imos dicir que chove

Titulei así o artigo desta semana en Galicia Hoxe, que podedes consultar nesta ligazón. Xa coñecedes a famosa sentenza do Castelao: "Mexan por nós e..." Pois iso. Por moita propaganda que pague a Xunta de Galiza para disimular en campaña electoral todos os ataques contra o noso idioma, son polos seus feitos polos que os coñecemos.

O PP está a apretar o acelerador para que a lingua galega se converta en residual. Non ollemos para outro lado. Actuemos. Por exemplo, participando mañá, no Día das Letras, nas 60 concentracións convocadas en todo o país e mesmo fóra del pola plataforma unitaria Queremos Galego. Bótalle un ollo á listaxe e decide a onde irás ;)

Por se hoxe andades por Arzúa, vémonos ás 20.30 h na Biblioteca Municipal, para intercambiarmos opinións sobre a situación do noso idioma e o que temos que facer para o revitalizarmos.

No caso de estardes na casa e serdes da comarca de Compostela, sabede tamén que este serán participaremos Fran Rei e mais eu no magazine de Santiago TV.

Continuamos!

15 de mai de 2011

Hoxe en V TV e na Opinión

Hoxe publican na Opinión da Coruña unha pequena reportaxe e unha entrevista que podedes consultar nesta ligazón, con motivo do 25 aniversario da creación da Mesa pola Normalización Lingüística.

Tamén hoxe, ás 21.30, as accións da Mesa en defensa do idioma que nos une ficarán reflectidas no programa Mobilízate, de V TV. Se non vos der tempo a velo e vos interesar, o espazo emitirase de novo o Día das Letras.

14 de mai de 2011

O 17, non faltes á mobilización expansiva!

Non faltes á concentración que che estea máis próxima! O Día das Letras, temos unha cita!



Desde a conferencia de imprensa até hoxe, xa se superaron as 50 concentracións o 17 de maio baixo o lema tan tristemente necesario de Paremos os ataques contra o galego!

Camiño do 17!

O blogger estivo con problemas de mantemento estes días e por iso levo tanto tempo sen actualizar. Ben ao meu pesar, ademais de que entre onte e antonte aparecían e desaparecían algunhas entradas da páxina, tamén parece que se perderon irremediabelmente todos os comentarios das 48 horas anteriores ao comezo do erro técnico. Síntoo moito.

Estes días ando ziguezagueando o país en diferentes actos. Antonte estiven en Vigo impartindo un recital-conferencia baixo o nome "Itinerario poético pola defensa do idioma". Foi un percurso pola historia contemporánea da lingua galega tomando como fío condutor desde os poemas de Xoán Manuel Pintos e Rosalía de Castro no século XIX até as novas fornadas creativas actuais, como Yolanda Castaño ou Alicia Fernández. Reunímonos un grupiño ben xeitoso de amantes da poesía e da lingua nosa.

Este acto foi organizado dentro do programa "Vive a lingua", de conferencias e obradoiros, realizado entre A Mesa pola Normalización Lingüística e o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo.

Onte, comecei a xornada tamén na cidade olívica, para impartir unha conferencia nun centro de ensino baixo o título "Desmontar os prexuízos e as mentiras sobre a lingua galega". O intercambio de opinións sobre a situación do galego en Vigo foi moi interesante; mesmo, moi esperanzador, a pesar das innegábeis dificultades.

Xa pola noite, foi a vez de falarmos en Vilalba sobre o noso idioma, tendo como escusa a presentación do libro En castellano no hay problema, coa hospitalidade do Instituto de Estudos Chairegos. Comentarei axiña máis polo miúdo ese evento que tanto me cargou as pilas.

Agora, este sábado pola tarde, toca a vez de presentar este libro en Seixalbo (Ourense). Será ás 17.30 h nas Canellas, ao ar libre, xa que parece que o tempo acompaña. Se podedes e vos apetece, vémonos por alí.

Ademais, no camiño de todas esas concentracións que se van realizar o día 17 de maio en defensa do noso idioma, tamén se están a desenvolver por toda a xeografía galega multitude de actos previos. Por exemplo, deixo aquí as fotografías da entrega de premios realizada hai poucos días polas compañeiras e compañeiros da Mesa das Pontes. É polo bo facer e entusiasmo de xente coma esta pola que temos futuro!





12 de mai de 2011

O manifesto de Queremos Galego e a manipulación da TVG

Hai que felicitar a dirección de informativos da TVG por como supera as cotas de manipulación. Non é fácil dar conta de que Queremos Galego convoca 50 concentracións en todo o país o 17 de maio para denunciar a política de agresións contra o noso idioma e que na noticia do telexornal non se diga o motivo da convocatoria.

Puxeron só uns segundos do comezo da lectura do manifesto, nas súas tres primeiras liñas, as únicas que non fan un repaso aos ataques contra o noso idioma por parte da actual Xunta.

Relede, se non, o manifesto e comparádeo co corte que fixeron, mesmo coa ausencia do lema da convocatoria, que é demasiado nítido como para o reproduciren: "Paremos os ataques contra o galego".

agalega.info - Videos das noticias dos informativos da TVG

Unha vergoña!

Manifesto Día das Letras 2011


PAREMOS OS ATAQUES CONTRA O GALEGO!

As galegas e os galegos festexamos no Día das Letras o feito de termos un idioma propio, milenario e fértil. Celebramos a lingua que nos une; a fala que herdamos e queremos deixar en herdo; a escrita que nos pensa, nos canta e nos soña.

Mais neste Día das Letras do ano 2011 non só podemos festexar e celebrar. Tamén nos vemos na necesidade de chamar a atención sobre os ataques que está a recibir nestes momentos o noso idioma. Estas inxustas agresións poñen en perigo o futuro da nosa lingua e da nosa cultura, ademais de debilitaren gravemente a convivencia e a cohesión social do país.

Temos que erguer a nosa voz para denunciar que a indefesión dos nosos dereitos lingüísticos é maior desde o momento en que a persoa que debería ser a primeira valedora do noso idioma –o presidente da Xunta– é o seu inimigo número un. Desde que Alberto Núñez Feijóo tomou posesión como presidente do Goberno galego, hai xa dous anos, a Xunta aínda non adoptou nin un mísero adianto para a nosa lingua en ningún ámbito. Ben ao contrario, desde 2009 estamos a ver como se tenta facer, pola vía dos feitos, que o galego deixe de ser na realidade lingua oficial.

É difícil facer unha listaxe completa de todo o destruído, mais recordemos cando menos algunhas cousas:

- A pesar da oposición dos sindicatos, o PP aprobou en solitario unha reforma da Lei da Función Pública que elimina de feito o galego como requisito, colocándoo nunha posición secundarizada a respecto do castelán.

- A pesar do rexeitamento de sindicatos, asociacións de nais e pais, asociacións estudantís, institucións culturais, Consello Escolar de Galiza, etc., a Xunta aprobou un decretazo contra o galego que supón o modelo educativo máis regresivo de todo o Estado español. O galego é o único idioma do Estado que ten prohibido o seu uso en determinadas materias de ensino. Nestes momentos, só 10% da educación infantil das cidades é en galego, a pesar de que o solicitaron 40% das familias. Esta realidade amosa o verdadeiro sentido da mal chamada Lei de Convivencia, que persegue reducir aínda máis a presenza do galego na escola.

- Na administración de Xustiza, a Xunta distribuíu un programa informático que, desde maio do ano pasado, impide usar o galego.

- A Xunta ordenou aos centros de ensino que se desfixesen de 190.000 libros de texto gratuítos para as familias, adquiridos pola propia Xunta na anterior lexislatura e que tiñan unha vida útil de dous anos máis. O motivo é que estaban escritos en galego. A Asociación Galega de Editores calcula en 3,8 millóns de euros o valor dos volumes desbotados, que nunha parte volveu a financiar a Xunta –cun diñeiro público que sería moi necesario para outros cometidos–, e que tiveron que cubrir as familias no resto.

- A Xunta de Galiza, que tanto vende “austeridade”, leva malgastadas cantidades inxentes de diñeiro só en tentar reducir o galego no sistema educativo. A eses 3,8 millóns de euros de libros de texto inutilizados hai que sumarlle os 40.000 euros que custou mudar as Galescolas en Galiñas Azuis, os 160.995 euros da pseudoconsulta ás familias, etc. A presión social logrou parar unha campaña sobre o decretazo que a Xunta xa tiña adxudicada, por valor dun millón de euros, mais descoñécese a indemnización que a Xunta afrontou pola suspensión do proxecto.

- O presidente da Xunta ameaza con derrogar a Lei de normalización lingüística, aprobada por unanimidade no Parlamento hai case 30 anos. Quere que os nosos nomes de lugar deixen de ter como forma oficial a propia, a galega.

- A vida cultural galega, nas súas diferentes expresións (audiovisual, teatro, música, etc.), está a ser minusvalorada e desprotexida pola Xunta, ao mesmo tempo que desprezada e infrarrepresentada na CRTVG.

- A pesar de que o Estatuto de Autonomía sinala a obriga dos poderes públicos galegos de potenciar o uso do noso idioma tamén no ámbito informativo, moitos dos medios que utilizaban con normalidade a nosa lingua viron na obriga de fechar. A Xunta deu de baixa as subscricións e negouse a pór publicidade nos xornais electrónicos ou impresos que usaban o noso idioma e daban unha visión da realidade diferente á oficial. Debemos denunciar con claridade que esta política pon en perigo a liberdade de expresión.

O poeta Lois Pereiro, a quen lle dedicamos este ano o Día das Letras, di nun dos seus poemas:
A amizade protexe e o amor cura
o odio contaxia e fire
a indiferencia mata.
Apliquemos estes versos á nosa lingua. Fronte ao odio e fronte á indiferenza, o noso amor.

Paremos os ataques contra o galego!

11 de mai de 2011

Mellor Curro Jiménez que Curros Enríquez

Ou iso é o que pensa o presidente da Xunta, como ben o sintetizou unha amiga do facebook ao ver como este goberno condena á inanición a cultura galega e, porén, financia con 225.000 euros un festival impulsado e encabezado por Sancho Gracia. O evento, que se desenvolverá no mes de xullo, terá como única actuación galega a representación d'A ópera dos tres reás do CDG.

Porque non podemos calar ante cousas coma esta, desde a plataforma Queremos Galego presentaremos mañá o manifesto e a relación de actos para o 17 de maio.

Ademais de a diferentes puntos da nosa xeografía, as nosas reivindicacións no Día das Letras tamén chegarán a Nova York, Bruxelas, Madrid, Belfast e Barcelona.

Se podes, o 17 de maio bótanos unha man para que se ouza ben alto a nosa voz:

PAREMOS OS ATAQUES CONTRA O GALEGO!

Vive a lingua en Vigo!


Desde A Mesa pola Normalización Lingüística, en colaboración coa Concellaría de Normalización Lingüística e o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo, imos comezar cun programa de conferencias e obradoiros baixo o nome "Vive a lingua!" No cartaz anterior podedes ver os dous primeiros actos.

Reparade en que o recital-conferencia de mañá é de entrada libre, mais que para o obradoiro do sábado, aínda sendo gratuíto, é necesaria a inscrición previa.

Vive a lingua! A lingua, viva!

10 de mai de 2011

Queremos Galego chega a Nova York

Ademais da cita en Nova York, hai un total de 40 puntos xa confirmados para erguermos a nosa voz o día 17 de maio. Paremos os ataques contra o galego!

Santiago de Compostela: 11.30 da mañá, Porta Faxeira.

A Coruña: 12 da mañá, Obelisco (Cantón Grande).

Vigo: 11.30 da mañá, Praza da Princesa.

Pontevedra: 12 da mañá. Praza da Peregrina.

Ourense: 12 da mañá, Xardíns do P. Feixóo.

Ferrol: 12 da mañá, Praza do Himno Galego.

Cedeira: 12 da mañá, Praza da Reitoral da Vila Vella.

As Pontes: 12 da mañá, Praza Roxa (ou de América).

San Sadurniño: 12 da mañá, Praza do Concello.

Valdoviño: 12 da mañá, Praza da Casa da Cultura.

Ares: 12 da mañá, Praza do Concello.

Fene: 12 da mañá, Local do Pote (Maniños).

Oleiros: 12 da mañá, Praza do Emigrante, Porto de Santa Cruz-Liáns.

Cambre: 12 da mañá, Vila Florentina (Cecebre).

Culleredo: 12 da mañá, Praza de Europa (O Burgo).

Carral: 12 da mañá, Monumento aos Mártires.

Arteixo: 12 da mañá, anfiteatro do Paseo Fluvial.

Oroso: 12 da mañá, Praza Isaac Díaz Pardo, Sigüeiro.

Padrón: 12 da mañá. Paseo do Espolón (monumento a Rosalía).

Cambados: 12 da mañá, Alameda (monumento a Cabanillas).

Marín: 12 da mañá, Alameda.

A Guarda: 12 da mañá, Alameda.

Nigrán: 11.30 da mañá, Parque da Ramallosa.

Redondela: 12 da mañá, Praza do Concello.

Monforte de Lemos: 12 da mañá, Praza de Santa Clara.

Lalín: 12 da mañá, Praza da Igrexa.

O Carballiño: 12 da mañá, Praza Maior.

Ribadavia: 12 da mañá, Praza Maior.

Xinzo de Limia: 12.30 da mañá, Praza Maior (ou Praza de San Roque).

Allariz: 12 da mañá, Libraría Aira das Letras.

Celanova: 12 da mañá, Vilanova dos Infantes.

Madrid: 12 da mañá, Parque de Breogán (zona Avenida de Bonn), xunto ao monumento a Castelao.

Barcelona: 19 h, Centro Galego (Rambla).

O Barco de Valdeorras: 12 h, pasarela peonil do Salgueiral.

Ribeira: 12.30 h, rúa da Galiza.

Lalín: 12 h, praza da Igrexa.

E en Nova York, xa sabedes, ás 12 h en Battery Park (fronte á Estatua da Liberdade).

9 de mai de 2011

Os radicais de Walpurguis

Esta semana na miña páxina semanal en Galicia Hoxe reproduzo a primeira parte da miña intervención no acto de Queremos Galego do pasado sábado 30 de abril, baixo o título "Os radicais de Walpurguis". Podedes lela aquí.

Como radical de Walpurguis que son, estes días previos ás Letras son para min dos máis intensos do ano. Así, hoxe participarei, xunto co inmenso Xurxo Souto, nunha mesa redonda sobre os retrocesos en materia lingüística nos últimos anos. Será de 17 a 18.30 h no Salón de Graos da Facultade de Ciencias Políticas de Santiago de Compostela, dentro das Xornadas Xurídico-Políticas dos Comités.

A quinta feira (xoves) ás 20 h no local da Mesa en Vigo ministrarei o recital-conferencia "Itinerario poético pola defensa do idioma", nunha actividade que fai parte dun ciclo realizado en colaboración co Concello da localidade.

No serán da sexta feira (venres), na Casa da Cultura de Vilalba, será a vez da presentación aló do libro En castellano no hay problema. Ao día seguinte, o evento de presentación deste volume será en Seixalbo (Ourense).

Mentres, os actos que se van realizar en defensa da nosa lingua o Día das Letras non paran de aumentar. Porque cómpre que nos movamos máis que nunca. Porque temos que conseguir que cesen os ataques contra o noso idioma e para iso é necesario pararmos os pés ao Partido Popular. Pensa como podes axudar e colabora!

8 de mai de 2011

In the most Biblical sense

Supoño que xa veríades o último vídeo da Gaga, da canción "Judas". Para min non é o mellor dela, aínda que o clip teña momentos moi belos.

Cansaremos de velo e escoitalo nos próximos meses, así que esteamos preparados para a festa:

Esta semana, en Vilalba

Ademais deste e doutros eventos, non esquezades as concentracións convocadas por Queremos Galego para o propio día 17 de maio.

Continuamos!

7 de mai de 2011

Premio Rosalía de Castro


Esta noite, a Deputación da Coruña entregará formalmente o Premio Rosalía de Castro á Mesa pola Normalización Lingüística.

Quen quixer asistir, xa sabe: hoxe ás 21 h no Pazo da Cultura de Carballo, dentro dun acto no cal haberá un feixe de actuacións e intervencións do máis interesante.

Estamos citados


Aínda faltan moitos lugares por confirmar, mais xa se poden ir avanzando trinta e dous dos concellos onde haberá unha cita coa nosa lingua o 17 de maio ao mediodía.

Movámonos!

Paremos os ataques contra o galego!

Santiago de Compostela: 11.30 da mañá, Porta Faxeira.

A Coruña: 12 da mañá, Obelisco (Cantón Grande).

Vigo: 11.30 da mañá, Praza da Princesa.

Pontevedra: 12 da mañá. Praza da Peregrina.

Ourense: 12 da mañá, Xardíns do P. Feixóo.

Ferrol: 12 da mañá, Praza do Himno Galego.

Cedeira: 12 da mañá, Praza da Reitoral da Vila Vella.

As Pontes: 12 da mañá, Praza Roxa (ou de América).

San Sadurniño: 12 da mañá, Praza do Concello.

Valdoviño: 12 da mañá, Praza da Casa da Cultura.

Ares: 12 da mañá, Praza do Concello.

Fene: 12 da mañá, Local do Pote (Maniños).

Oleiros: 12 da mañá, Praza do Emigrante, Porto de Santa Cruz-Liáns.

Cambre: 12 da mañá, Vila Florentina (Cecebre).

Culleredo: 12 da mañá, Praza de Europa (O Burgo).

Carral: 12 da mañá, Monumento aos Mártires.

Arteixo: 12 da mañá, anfiteatro do Paseo Fluvial.

Oroso: 12 da mañá, Praza Isaac Díaz Pardo, Sigüeiro.

Padrón: 12 da mañá. Paseo do Espolón (monumento a Rosalía).

Cambados: 12 da mañá, Alameda (monumento a Cabanillas).

Marín: 12 da mañá, Alameda.

A Guarda: 12 da mañá, Alameda.

Nigrán: 11.30 da mañá, Parque da Ramallosa.

Redondela: 12 da mañá, Praza do Concello.

Monforte de Lemos: 12 da mañá, Praza de Santa Clara.

Lalín: 12 da mañá, Praza da Igrexa.

O Carballiño: 12 da mañá, Praza Maior.

Ribadavia: 12 da mañá, Praza Maior.

Xinzo de Limia: 12.30 da mañá, Praza Maior (ou Praza de San Roque).

Allariz: 12 da mañá, Libraría Aira das Letras.

Celanova: 12 da mañá, Vilanova dos Infantes.

Madrid: 12 da mañá, Parque de Breogán (zona Avenida de Bonn), xunto ao monumento a Castelao.

6 de mai de 2011

Eu escolho GALEGO

A fotografía non é un fake. Unha amiga viu este valado nunha das súas recentes viaxes a Portugal e non se resistiu a pasarme a imaxe.

Nin ela nin eu sabemos cal é o produto que anuncian. Nin Google nos axudou na pesquisa. Mais, sexa o que for, desexamos que abran axiña dependencias en Galiza e que traian para acó esta mesma campaña.

O "defecto" de falares a túa lingua

Así vén o PP no conxunto do Estado. Como ben sabemos, non só en València, onde se deu este esperpento:



Si, nestas municipais xogámonos moito.

5 de mai de 2011

En galego sempre somos

A andaina do Corrrelingua continúa con forza, a pesar dos paus nas rodas que pon a Xunta de Galiza.

Xa se desenvolveron as etapas de Compostela, o Baixo Miño, A Coruña, O Morrazo, Monterrei e Ferrolterra. Mañá será a vez da Estrada e A Mariña e, xa para a semana, este facho lúdico e reivindicativo do noso idioma chegará ao Carballiño, á Ribeira Sacra, a Pontevedra, ao Salnés, a Lugo, a Vigo e, por último, finalizará o 13 de maio en Ourense.

Mentres 45.00 mozas e mozos se moven en defensa do idioma que nos une, desde a plataforma Queremos Galego estamos a ultimar os moitos actos que se van desenvolver en varias localidades do país o propio día 17 de maio.

Paremos os ataques contra o galego! É hora de nos movermos máis que nunca!

4 de mai de 2011

O asasinato extraxudicial de Osama Bin Laden

Hai demasiadas incertezas e contradicións sobre a morte de Osama Bin Laden. Talvez unha das cousas máis estrañas sexa a entrevista a Benazhir Butto, presidenta de Paquistán, que un mes antes do seu asasinato comentaba nunha entrevista na televisión, e como quen non quere a cousa, que un tal Omar Sheikh foi o responsábel de matar a Bin Laden. O entrevistador nin se inmuta, como se pode ver a partir do minuto 6:



Navegando un pouco pola rede, poderanse encontrar moitas máis incongruencias, que o relato oficial ou os relatos oficiais dos USA non fan máis que acrecentar. Din que non queren crear un centro de peregrinación (exemplo de idolatría que, por certo, sería incompatíbel coas crenzas do executado) e o que na realidade están a conseguir (de forma inocente?) é aumentar a importancia do mito, dese axente que os propios USA se encargaron durante lustros de alimentar e robustecer.



Por moito que deteste a figura de Osama Bin Laden, non podo menos que condenar este asasinato extraxudicial, máxime cando, segundo os últimos datos, decidiron executalo de forma inmediata a pesar de que estaba desarmado, para despois pórenlle cemento nos pés e lanzalo ao mar. Como ben recorda Ignacio Escolar, a xustiza non é iso.

Eu falo así

Unha canción e un vídeo moi xeitosos para as máis pequerrechas e os máis pequerrechos:

2 de mai de 2011

Dez pasos para revitalizarmos o galego

Velaquí a miña colaboración desta semana no diario Galicia Hoxe:

Dez pasos

A plataforma Queremos Galego, despois do exitoso acto nacional deste sábado na sala Capitol de Santiago de Compostela, prepara xa as concentracións expansivas que se van desenvolver o día 17 de maio por toda Galiza. Nesa xornada poranse os focos sobre todo nos ataques contra o noso idioma que está a realizar o actual Goberno da Xunta, aínda que tamén no protagonismo que deberían ter os concellos á hora de revitalizar o noso idioma.

Cómpre que todas as persoas con sensibilidade lingüística nos movamos para que todas estas concentracións sexan un incontestábel éxito. Debemos ser conscientes de que nos encontramos nun momento de encrucillada para o noso idioma e que de nós dependerá que tome o camiño da vida e non o da súa residualización.

A denuncia ou advertencia sobre a responsabilidade dos poderes públicos non debe facernos esquecer que todas e todos temos tamén unha responsabilidade individual co noso idioma; que todas e todos podemos facer moito para que a lingua de Galiza se incorpore a todos os ámbitos da sociedade e goce dunha moito mellor saúde.

Con ese obxectivo de retomar e afianzar o papel individual no proceso de normalización chegará dentro de poucas semanas ás librarías o volume Como defenderes os teus dereitos lingüísticos,unha obra pensada como un manual práctico, mesmo como un manual de autoxuda para as persoas que, lexitimamente, queremos vivir en galego en Galiza.

Seguindo a mesma liña que percorro nese volume de próxima aparición, quero hoxe presentar unha serie de breves consellos ou pautas baixo o nome de "Dez pasos para revitalizarmos o galego". Este decálogo ten como base unha proposta realizada por Tilbert D. Stegmann, á cal xa fixen referencia noutro artigo desta sección e que tamén está incluída no meu libro En castellano no hay problema (Edicións Xerais, 2010). Porén, modifiqueino con algunhas ideas que recollín do “Hexàleg per sobreviure” escrito por Lluis Gon Saga para o caso catalán e adapteino libremente para a situación actual en que nos encontramos en Galiza no ano 2011. Velaquí os dez puntos, útiles para que os divulguemos e para que os practiquemos:

Dez pasos para revitalizarmos o galego

1. Fala en galego con todo o mundo: coa familia, coas amizades, coa xente que encontres pola rúa... Fai o propósito de te comunicares en galego sempre, mesmo con aquelas persoas coas que até o de agora falaches en castelán.

2. Respecta aquelas persoas que che falen noutra lingua, mais exixe que tamén as outras persoas respecten a túa. Non lle digas á xente que lingua debe falar. Abonda con que deixes que os feitos falen por ti.

3. Mantente fiel ao idioma galego. Continúa a utilizalo, aínda que che respondan noutra lingua. Se de verdade a persoa coa que estás a falar non te comprende e tes que mudar a outro idioma, faracho saber.

4. Se alguén se esforza en falar o noso idioma, a mellor forma de lle demostrares que valoras o seu comportamento é continuando a falar en galego con normalidade. Un eloxio exaxerado ou festexar diante doutra xente que esa persoa comezou a falar en galego pode causar vergoña e facer que axiña se abandone o galego. A normalidade é o maior afago.

5. Toma a decisión de escribires todos os apuntamentos, notas, correos electrónicos, cartas, etc. en galego. Escolle a opción de galego no teu caixeiro automático, no telemóbel, nas redes sociais de internet, etc.

6. Se for o caso, galeguiza o teu nome e restaura o teu apelido. Pídelle a todo o mundo que te chame así e escríbelle a institucións e empresas para que se dirixan a ti coa nova forma oficial do teu nome e apelidos.

7. Faite subscritor/a de publicacións escritas total ou en boa parte en galego. Le libros, asiste a espectáculos teatrais, musicais, cinematográficos, visita páxinas web etc, na nosa lingua. Apoia os produtos e servizos que usan o galego na publicidade, etiquetaxe, atención ao público, etc. Forma parte plena da comunidade lingüística galega!

8. Exixe de todas as administracións e empresas de que sexas clienta ou cliente que che escriban en galego. Faino amabelmente. Nunca esquezas no teu día a día solicitar que a documentación vinculada coa túa vida estea en galego, mais non perdas o tempo e os nervios en pelexas cos inimigos declarados da lingua do país. A eses déixaos de lado, ignóraos.

9. Se tes como lingua habitual o castelán e aínda non te ves capaz de falar en galego de forma frecuente, interésate pola lingua de Galiza. Loita contra as inxustizas que padece quen quere vivir en galego en Galiza, pois a represión dunha lingua é un acto de barbarie. Comeza escollendo o galego como idioma no teu caixeiro, nas túas redes sociais, no teu telemóbel, etc. E, o máis importante, tenta falalo e escribilo, porque a mellor defensa de calquera lingua é o seu uso. Non te cortes! Verás que, se te soltas, es capaz de falar en galego moito mellor do que imaxinas!

10. Se sentes un bloqueo psicolóxico, como adoita ocorrer para pasares a usar o galego con persoas e en ambientes en que sempre falaches castelán, podes comezar falándoo con descoñecidos, a practicalo en situacións novas, para o ires introducindo despois na túa esfera habitual. Non te avergoñes dos defectos de pronuncia ou escrita; respectar o galego mais a distancia, "sen rompelo nin lixalo", iso si que deteriora o idioma. Lembra que para falar un idioma ben, primeiro hai que falalo mal e que a lingua que non se fala é a lingua que morre.

1 de mai de 2011

Para que queredes que vos recibamos se non vos imos dar nada?

Mañá comeza en Santiago de Compostela a edición 2011 do Correlingua, na cal se inscribiron xa 45.000 rapazas e rapaces.

Igual que o ano pasado, a Xunta de Galiza negouse a colaborar con esta actividade. Desde as entidades que organizamos o Correlingua solicitamos unha entrevista co secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, e a resposta que obtivemosfoi telefónica: "Para que queredes que vos recibamos se non vos imos dar nada?" E, efectivamente, nin tan sequera nos recibiron. Que magnífico exemplo de corrección institucional e de vontade de diálogo!

A pesar das dificultades e dos paus nas rodas, continuamos. Porque en galego sempre somos e por moitos motivos queremos continuar a selo, como nos lembran estas mozas e mozos que gañaron o premio de vídeo do Correlingua 2011:

Na morte de Ernesto Sabato


O acto de onte na sala Capitol deunos unha tremenda recarga de enerxía de cara ás concentracións expansivas que a plataforma Queremos Galego convocou para o día 17 de maio. En canto teña os vídeos do acto, subireinos ao blogue.

Mais hoxe quería falar doutra cousa, porque cando voltei á casa, despois deste intenso sábado, souben da triste noticia do falecemento de Ernesto Sabato, cando faltaban xa pouquiñas semanas para o seu centenario.

O meu encontro coas letras de Sabato foi hai xa ben de anos. Comprara unha das súas obras nunha libraría de Compostela que estaba de saldo por cambio de negocio. A adquisición chegou, así, xunto con outros moitos volumes, que arrombei nalgunha estante da casa coa intención de deixar para ler en mellor ocasión.

Meses despois, ordenando un pouco o piso, deume por botarlle un olliño a ese libro que tiña medio esquecido. As súas páxinas atrapáronme de tal xeito, sen agardalo, sen planificalo, que non puiden parar até finalizar a historia ese mesmo día. Había moito tempo que non me acontecía algo así.

O romance titulábase El túnel. Comprendede que, despois do arrebato que me provocou, non puidese menos que declararme, desde ese momento, admirador deste autor do que despois descubriría máis facetas, máis matices, máis marabillas.