31 de jan de 2011

Memoria das derrotas, alimento do futuro

Pola viaxe que comentei onte, non puiden asistir aos primeiros actos de celebración do 125 aniversario do nacemento de Castelao. Parabéns á federación Galiza Cultura pola súa espectacular estrea. A faixa que vin pendurada esta mañá no pazo de Bendaña, na céntrica praza do Toural compostelá, está xenial.


O artigo desta semana en Galicia Hoxe trata sobre un outro galego que tamén soñou desde o exilio cunha Galiza máis libre e un mundo máis xusto: Lorenzo Varela. Na mesma sesión parlamentar en que Alberto Núñez Feijóo decidiu traducir para o español o discurso "Alba de Groria" de Daniel Castelao, tamén puxo como un dos seus referentes este poeta comunista a quen se lle dedicou o Día das Letras en 2005. Vivir para ver.

Os soños do exilio
Memoria das derrotas, alimento do futuro


Lorenzo Varela é autor dunha obra reducida en lingua galega. Para alén dalgún texto solto en prosa, levan a súa sinatura menos de trinta poemas, esparexidos en dous volumes en galego: Catro poemas pra catro gravados (1944) e Lonxe (1954), así como a compilación póstuma bilingüe Homaxes (1979). Trátase dunha obra literaria escasa no noso idioma, mais singular polas escollas temáticas feitas e pola terra e o tempo en que Varela opta por se presentar como poeta en galego, nun momento de desercións e confusionismo por parte doutros autores.

Luís Seoane elabora catro gravados sobre catro figuras da historia de Galiza e entrégallos ao amigo poeta para que escriba versos para cada un dos deseños. Así nacen os Catro poemas pra catro gravados, un traballo cooperativo que pretende realizar unha intervención política nun momento de esperanza na derrota do fascismo. Porque a poética, sostiñan eles, para os galegos é política.

Nesta obra hai innovacións na literaturización da historia da Galiza. Quérese subliñar unha historia valente de revolucións sociais, mais tamén unha historia atrevida de revolucións sexuais. As catro figuras homenaxeadas neste volume son María Pita, Roi Xordo, María Balteira e o bispo Adaúlfo. Fagamos un pequeno recordatorio de cada unha destas persoas: María Pita foi a heroína que defendeu A Coruña do ataque inglés no século XVI; María Balteira é a máis lembrada das nosas satirizadas soldadeiras medievais; Roi Xordo foi o líder da fracasada primeira revolta irmandiña, e Adaúlfo foi un bispo de Compostela condenado a morte por unha acusación de sodomía, mais salvado por un milagre.

Os Catro poemas pra catro gravados teñen unha estrutura simétrica que axuda a subliñar a importancia das mulleres na historia. No texto de homenaxe a María Pita saliéntase o seu carácter de líder militar con quen o eu lírico di partillar unha mesma loita pola comunidade. Ademais, no poema sobre María Balteira sublíñase o papel marxinal que lles toca vivir ás mulleres nunha sociedade misóxina. Os versos de Varela falan dunhas normas sociais que impiden falar ben dunha muller que rompe as normas, como é o caso da Balteira.

Luís Seoane manifestaba nun artigo de 1954 na revista Galicia emigrante que pretendía escribir unha serie de textos sobre as mulleres. Afirmaba facelo coas seguintes pretensións, que traduzo: “Non só para que as feministas teñan en Galiza un exemplo do seu xeito de pensar, senón tamén para que os descendentes de galegos e os que non o son, encontren na nosa terra un novo valor.” Referíase neste último caso a que en Bos Aires se facía da “muller galega un tema de sainete”. Sobra indicar que o movemento feminista nos anos 40 e 50 estaba varrido da Galiza. Era o seu un obxectivo de alimentar o futuro, para dignificar o país nun presente precario e de surtir a despensa discursiva dun movemento progresista como o do feminismo, con referentes históricos galegos pouco coñecidos. Estas mesmas premisas pódense constatar nos Catro poemas pra catro gravados.

Ademais, nesta obra sublíñase que os protagonistas da historia son os heroes e heroínas das clases populares (María Pita e Roi Xordo), ou aquelas persoas marxinais socialmente pola súa conduta, sexan próximas ao lumpen nalgúns trazos (María Pita) ou pertencentes de vez ás clases dominantes (o bispo Adaúlfo ou o propio Roi Xordo). Porén, estas figuras pertencentes á nobreza laica ou eclesiástica son reconvertidas e, por tanto, “reconciliadas” coas clases populares, pois o nobre Roi Xordo lidera un movemento antiseñorial e o bispo é vítima dun xuízo cruel, do cal sae ileso por vía sobrenatural.

Sobre as marxinalidades de María Balteira e o bispo Adaúlfo, Lorenzo Varela posiciónase coas actitudes comprensivas co diferente. O xograr do segundo poema burla as normas sociais que impedían louvar a soldadeira e o touro que debería matar o bispo por homosexual opta por non lle facer dano, en contraste coa realidade en que non acontecen tales milagres.

A proximidade da Guerra Civil, o contexto bélico en Europa contra o fascismo e o coñecemento da existencia de guerrilleiros nas montañas galegas fixeron que, para alén do que os textos puidesen expresar, a mensaxe que deles se recibiu viñese mediatizada por esta situación. Mais no exilio o libro tamén interacciona nun contexto inzado de prexuízos cara á Galiza polo republicanismo español, pois nalgúns sectores era identificada como unha terra mansa ou como unha “rexión” filofascista, debido á súa rápida caída no bando dos insurrectos.

Poetizar un presente afastado

En 1954, Varela publica un outro libro de versos en galego: Lonxe. Desta volta son os seus textos os acompañados polos gravados de Seoane e non á inversa, como na anterior ocasión. Lonxe componse de dez poemas, con tres liñas temáticas claramente interconectadas: a resistencia contra o fascismo, a emigración (tamén vinculábel ao exilio) e a saudade da patria (a través de imaxes da Galiza máis tradicional).

As composicións máis difundidas no interior, aínda que limitadamente, son as do último grupo, que eran tamén as máis inocuas no contexto político. Porén, os textos salientados pola crítica futura serán os referidos ás vítimas da represión franquista: “Manuel Ponte”, “Manuela Sánchez” e “Compañeiros da miña xeneración mortos ou asesiñados”. Estes son poemas novidosos, innovadores, dentro do que se publicaba tanto no enclave porteño do sistema literario galego como, evidentemente, na Galiza. Dous destes textos refírense á loita da guerrilla nas montañas galegas: Manuel Ponte foi un coñecido líder do movemento e Manuela Sánchez foi unha muller asasinada por defender unha partida de guerrilleiros. Reparemos en que, novamente, hai a intención de non escurecer o papel das mulleres na historia. Homenaxéanse e recórdanse dúas figuras próximas no tempo, que non podían ser coñecidas nas comunidades a que pertenceran. A literatura tenta cumprir así o papel de difundir os nomes que a censura non permitía que saísen nos medios de comunicación, a non ser dun xeito desfigurado.

Manter a memoria

A obra poética en galego de Lorenzo Varela contribúe para o mantemento da memoria, fronte a amnesia e a narcotización promovidas polo fascismo. Nos seus versos achamos a memoria dun pasado de revolucións sociais e atrevementos sexuais, mais tamén a da resistencia heroica nun presente difícil e o recordo das vítimas do franquismo. É unha historia que nos pertence.

30 de jan de 2011

Quen non viu Lisboa...

A miña avoa, que nunca estivo na capital portuguesa, escoiteille moitas veces o coñecido dito sobre a beleza lisboeta. Esta fin de semana estou percorrendo de novo as súas rúas, ollando de novo desde os seus miradores e caendo no vicio das súas librarías.

Entre outras actividades, onte gocei do musical Um violino no telhado. Ademais da boa posta en escena, non puiden deixar de matinar no bo que sería para a normalización da nosa lingua e cultura que espectáculos como este tamén tivesen distribución e divulgación no norte do río Miño.




26 de jan de 2011

A importancia de nos movermos



Faltan poucas horas para que comece a folga xeral convocada pola CIG e secundada polo conxunto do movemento nacionalista galego.

É unha aposta moi arriscada, que conta coa oposición dos dous grandes sindicatos de obediencia estatal e co silenciamento por parte dos principais medios de comunicación. Isto acontece a pesar de que a entidade convocante é a primeira organización sindical en afiliación de toda Galiza e a segunda en número de delegadas e delegadas.

O paro da actividade seguramente non chegue a ser maioritario en todo o país (oxalá me equivoque!) e os titulares si abrollarán aí para falaren dun fracaso. Agora ben, con independencia dos resultados concretos, penso que esta folga vai ser un éxito incontestábel a medio e longo prazo, pois non habería nada peor que non facer nada ou non contestar debidamente o desmantelamento do chamado estado de benestar.

De nós depende o que puider acontecer. Só erguendo a nosa voz poderemos ter opción de mudar, se non de forma inmediata si nun horizonte próximo, este novo modelo tan inxusto para as maiorías sociais, para as clases traballadoras, que son as que sosteñen o país e garanten o seu verdadeiro crecemento.

Eu, sen dúbidas, secundarei a folga xeral e anímovos a todas e todos os que pasades por aquí a que tamén o fagades. Parafraseando as palabras de Suso Seixo no vídeo de arriba, talvez agora non poidamos conseguir que non nos rouben o noso diñeiro, mais si poderemos evitar que nos rouben a nosa dignidade.

Manifestacións e concentracións da folga xeral:

Vigo. Ás 12.00 horas desde o Cruce da Doblada.

A Coruña. Ás 12.00 horas desde a Praza de Vigo.

Cee. Ás 12.00 horas na Praza do Concello (concentración).

Pontevedra. Ás 12.00 horas desde a Praza da Ferrería.

Vilagarcía. Ás 12.00 horas desde a Casa do Mar.

Ferrol. Ás 12.30 horas desde a avenida de Esteiro (local da CIG).

Santiago de Compostela. Ás 12.30 horas desde a Praza Roxa.

Lugo. Ás 12.00 horas desde a Ronda da Muralla, 58 (local da CIG).

Burela. Ás 12.00 horas desde a rúa Arcadio Pardiñas, 137 (local da CIG).

Ourense. Ás 12.00 horas desde o Pavillón dos Remedios.

Verín. Ás 11.30 horas desde a Praza do Concello.

Xinzo. Ás 11.30 horas desde a Praza do Concello.

O Barco. Ás 12.00 horas na Praza do Concello (concentración).

Ribeira. Ás 12:00 horas desde a Praza do Peixe.

Movámonos tamén polo noso teatro

Chegoume hoxe unha mensaxe a través do facebook sobre unha convocatoria de concentración para esta sexta feira (venres) día 28 ás 12 h diante da sede do AGADIC en Compostela (en San Lázaro). A min vaime ser imposíbel asistir, e síntoo ben, porque os motivos da súa mobilización son que a axencia da Xunta lle debe ás compañías de teatro do país un millón de euros por traballos xa realizados.

Ademais do conseguinte problema de liquidez, supón unha perda económica irreparábel desde o momento en que estas empresas culturais teñen que adiantar importantes cantidades en impostos, coa posibilidade da correspondente sanción tributaria se non poden facer fronte.

A convocatoria de concentración está realizada pola Asemblea Xeral de Escena Galega, que preside o coñecido actor Ernesto Chao.

25 de jan de 2011

Unha calamidade


Veño de Lugo, de impartir unha conferencia nun instituto sobre a situación do noso idioma e as posibilidades de rectificarmos o camiño actual, que leva cara á súa residualización e cara á indefensión das persoas que queren (que queremos) usar o galego. Porén, a pesar da negrura da situación, nunca debemos esquecer que a posibilidade de corrixirmos o rumbo permanece aí.

Un tema que estivo presente neste acto da mañá foi a recente polémica creada polo PP sobre a posibilidade de usar o galego no Senado. Este partido actúa histrionicamente contra algo que debería ser normal: que nunha cámara de representación democrática se poidan utilizar as linguas existentes e recoñecidas como oficiais. O seguinte paso debería ser que tamén se puidese facer o mesmo no Congreso e, algo moi importante e que trascende o simbólico, que os diferentes ministerios garantisen información e atención en galego. Non é de recibo que a estas alturas aínda a maioría das súas páxinas web non teñan unha versión digna de tal nome no idioma propio de Galiza e que moitos formularios de uso habitual non se poidan descargar máis que en castelán.

Desde A Mesa criticamos hoxe ao presidente da Xunta polas súas reiteradas (diarias!) e demagóxicas declaracións contra o uso do galego no Senado. Unha auténtica calamidade. Como calamidade é que o presidente de Galiza non estea a actuar como é debido ante a gravísima ameaza de bancarización da caixa galega, que suporía a apropiación da maioría dos aforros dos galegos para o lucro dos mesmos de sempre. Sobre iso si que se mantén moi discreto. Unha auténtica calamidade.

24 de jan de 2011

O xefe de todo isto


O artigo desta semana versa sobre a folga xeral convocada pola CIG para esta quinta feira (xoves):

27 de xaneiro
Unha folga xeral moi necesaria


No filme O xefe de todo isto, dirixido por Lars Von Trier, o dono dunha fábrica de tecnoloxía, para ser amigo dos traballadores e que non o vexan como un distante e cruel xefe, finxe ser un simple delegado das ordes que lle chegan dun imaxinario presidente. Así, transmite apesarado e cómplice cos afectados as decisión máis incómodas: el non manda, non ten alternativa.

Cando decide vender a empresa, coas consecuencias negativas que terá para o persoal, non lle queda outra que contratar un actor para que interprete o papel do xefe que estivera ausente todo este tempo. O comediante chega a pórse tanto no papel que actúa coa lóxica da súa personaxe mesmo cando o seu finximento se descubre.

Non parece unha parábola perfecta do que está a acontecer nestes momentos no Estado español? O goberno democraticamente elixido no Congreso dos Deputados, a través das deputadas e dos deputados saídos das últimas votacións, presenta que todas as medidas que está a adoptar, que non levaba no seu programa electoral, son para satisfaceren as demandas dun etéreo, voraz e implacábel amo denominado Mercado. Láianse de que non sor eles: é o xefe de todo isto o que ordena a conxelación das pensións para 2011, a supresión da axuda ás paradas e aos parados que non cobran outra prestación, a redución dos salarios do persoal das Administracións Públicas, a reforma laboral que abarata e facilita o despedimento, a privatización das rendíbeis empresas públicas AENA e Lotarías do Estado, etc.

Slavoj Žižek, entre outros lugares no seu libro O espectro segue a roldar (editado entre nós por Laiovento), sostén que unha das diferenzas fundamentais entre o socialismo e o capitalismo está en que no primeiro sistema hai a quen botarlle as culpas. O pensador esloveno escribiuno moito antes de que estourase a actual crise, mais é inmersos nela como podemos comprender mellor o alcance das súas palabras. Os gobernos democraticamente elixidos irresponsabilízanse publicamente das súas funcións e amósanse como simples títeres do omnipotente Deus Mercado, que quere manter o seu lucro, aínda que sexa a custo de aumentar as fendas sociais e desprotexer as maiorías. Non son necesarias máis filtracións de wikileaks nin máis thrillers sobre conspiracións: quen manda está ao descuberto.

Ante esta situación, convértese en urxentemente necesario reactivarmos a musculatura social e tornarmos á rúa. Penso que por iso é un acerto a convocatoria de folga xeral realizada pola Confederación Intersindical Galega (CIG), o primeiro sindicato de toda Galiza en número de afiliadas e afiliados e o segundo en número de delegadas e delegados. É un pulso moi forte para levalo adiante sen a compaña das outras dúas grandes organizacións sindicais, de obediencia estatal, polo que é máis oportuno agradecer as tarefas e responsabilidades que puxeron sobre as súas costas.

Campaña

Ademais do propio labor de mobilización para parar Galiza este día 27, é fundamental o labor de formación e información que se está a desenvolver: realización dunha páxina web específica con argumentos para o debate (folgaxeral.galizacig.com), un vídeo explicativo sobre o que na realidade se está a facer coas pensións, etc. Son datos que se vaporizan na inmensa maioría dos medios de comunicación, máis atentos a multiplicaren falsidades como que o sistema público de pensións está en perigo.

Comprobando as fontes limpas, obsérvase que tal afirmación é unha falacia, que funciona como argumento do xefe de todo isto para nos presentar como irremediábeis as súas decisións. A verdade é que non ten a ver coa crise económica que o Goberno central dificulte o acceso ás pensións e reduza a súa contía. Ollo a estes datos para confrontar coa machacante propaganda oficial:
  • En ningún estado da Unión Europea se supera nestes momentos a idade legal dos 65 anos para a xubilación. De feito, no que respecta á media da idade real, o Estado español está nunha das cotas máis altas da Unión, con 62,6 anos segundo os últimos datos.
  • Os estudos pagos pola banca, que sinalaban que o sistema público de pensións entraría axiña en quebra, apuntaban en 1995 que na actualidade o Estado tería só 39 millóns de persoas, cando a realidade é que ten 8 millóns de habitantes máis. Investigacións máis recentes, de 2005, consideraban que en 2010 habería 7,6 millóns de pensionistas, cando a realidade son 200.000 menos; os cotizantes á seguridade social serían para estes oráculos 13,9 millóns, cando a verdade é que son 17,8 millóns...
  • A seguridade social, aínda en plena crise e cun 20% de desemprego, segue a ter superávit.
Non quero finalizar este artigo, sen animarvos a todas e a todos a participardes na convocatoria de mobilizacións que se van realizar en diferentes puntos do país este día 27, así como proporvos que asinedes e difundades o manifesto de apoio dispoñíbel na rede. Na nosa man está construírmos un mundo máis xusto e máis democrático. Paramos para avanzar.

23 de jan de 2011

O galego é a chave

No acto de onte en Carral sentiuse con intensidade o que Manuel María chamaba a tribo. O noso poeta nacional foi, sen se organizar así previamente, o máis citado e evocado. El sabía que nos fornecía de alimento para o futuro.
O idioma é a chave
coa que abrimos o mundo:
o salouco máis feble,
o pensar máis profundo.

O idioma é a vida,
o coitelo da dor,
o murmurio do vento,
a palabra de amor.

O idioma é o tempo,
é a voz dos avós
e ese breve ronsel
que deixaremos nós.

O idioma é un herdo,
patrimonio do pobo,
maxicamente vello,
eternamente novo.

O idioma é a patria,
a esencia máis nosa,
a creación común
meirande e poderosa.

O idioma é a forza
que nos xungue e sostén.
Se perdemos a fala
non seremos ninguén!

O idioma é o amor,
o latexo, a verdade,
a fonte que agroma
a máis forte irmandade.

Renunciar ao idioma
é ser mudo é morrer.
Precisamos a lingua
se queremos vencer!

22 de jan de 2011

Que facer nesta tarde?


Pois se non sabedes, unha posibilidade interesante é a que nos ofrecen as compañeiras e os compañeiros de Queremos Galego de Carral, que ás 17.30 comezan cun amplo programa de actuacións e intervencións na defensa do noso idioma: as Pandeireteiras Xoldreira, o Grupo de Baile Terra Sena de Cee, o Grupo de Baile Nosa Señora do Carme de Fisterra, o Grupo Catalmibre, Tino Vaz, Miro Casabella, A Quenlla...

A loita pola nosa lingua continúa no día a día.

21 de jan de 2011

Información telegráfica sobre a lingua e a folga xeral


Algunhas cousiñas de interese e actualidade, a primeira sobre a folga xeral e as seguintes sobre o noso idioma:
  • Páxina web da CIG para manifestares a túa adhesión individual á folga xeral do vindeiro día 27.
  • A denuncia da Mesa de que se reduzan os cursos CELGA e só haxa unha posibilidade anual para examinarse.

  • O artigo de hoxe de Manuel Rivas na edición galega de El País: "As senadoras, o galego e o Espírito Santo".

  • Mañá, sábado 22, ás 18 h no Campo da Feira de Carral, acto de Queremos Galego.

  • Tamén mañá, ás 11 h, no local da A. C. Alexandre Bóveda da Coruña haberá unha xuntanza aberta para organizar as Mocidades da Mesa nesa comarca.

  • O Correlingua 2011 xa comeza a percorrer o seu camiño!

20 de jan de 2011

Non queremos un futuro ao revés

A CIG, o BNG e outras organizacións están a traballar arduamente para que a folga xeral da semana próxima sexa a resposta que merece a maior agresión contra as clases traballadoras nas últimas décadas.

Este serán a CIG-Mocidade convoca concentracións previas na Coruña (20 h, diante da Delegación do Goberno), en Ferrol (20 h, diante do edificio da Xunta), Ourense (19.30 h, diante do edificio da Xunta) e Pontevedra (20 h, diante da Subdelegación do Goberno). Pola mañá xa houbo en Compostela e na Mariña.

De entre o material editado para divulgar a convocatoria da folga, pareceume especialmente afortunada esta ilustración de Xosé Lois O Carrabouxo, que resume con mestría o núcleo desta mobilización:
Ademais, desde a CIG, entre outra moita información que achegan, tamén elaboraron este vídeo sobre as pensións:



O vindeiro día 27 vémonos nas seguintes mobilizacións:
  • A Coruña ás 12h na Praza de Vigo
  • Vigo ás 12h dende o Cruce da Doblada
  • Compostela ás 12,30h na Praza Roxa
  • Ribeira ás 12 h saída desde a Praza do Peixe
  • Cee ás 12h na Praza do Concello
  • Pontevedra ás 12h na Praza da Ferrería
  • Vilagarcía ás 12 na Casa do Mar
  • Ferrol ás 12,30h Av. de Esteiro (Locais da CIG)
  • Lugo ás 12h Ronda da Muralla, 58 (Local CIG)
  • Burela ás 12h Arcadio Pardiñas, 137 (Local CIG)
  • Ourense ás 12h no Pavillón dos Remedios
  • Verín ás 11’30h na Praza do Concello
  • Xinzo ás 11’30h na Praza do Concello

19 de jan de 2011

Por unha Mesa máis forte

As senadoras galegas do PP néganse a utilizar o galego porque é un idioma feitiño, mais inútil. A Consellaría de Educación despreza a lingua galega nos exames de premio extraordinario da ESO e a Administración mesmo chega a ser reprendida por iso por unha estudante. Desde maio deste ano deixaron de realizarse xuízos rápidos en galego debido ao programa informático proporcionado pola Xunta, que impide o uso do noso idioma.

Abofé que non son noticias boas. Mais é necesario erguer a voz para denuncialas e exixir correccións. Cunha Mesa máis forte, poderemos facer moito máis.

Fas máis falta que nunca. Organízate para defender o galego. AFLÍLIATE á Mesa.

18 de jan de 2011

A obsolescencia planificada e a obsolescencia percibida

A través da Profa coñecín este recomendábel documentario sobre a obsolescencia planificada, onde todas e todos nos podemos ver reflectidos:

Comprar, tirar, comprar from Aprofa on Vimeo.

Que erga a man alguén a quen non lle pasou algo como o desa impresora, for con ese mesmo aparello, co telemóbel, coa máquina de barbear... A que todas e todos estades coas mans ben abaixo?

Ademais do concepto de obsolescencia planificada, máis vinculado coa intención de pórlle un tope concreto de duración a un determinado produto que podería ter unha maior vida útil, está o da obsolescencia percibida. Esta refírese á maquinaria publicitaria que nos leva a "necesitar" o último produto do mercado, aínda que nós teñamos xa un anterior que desempeña as mesmas funcións.

Estes métodos son fundamentais para comprendermos como funciona o capitalismo na actualidade e como se ergue un dos grandes piares da infelicidade.

17 de jan de 2011

Sobre as mudanzas normativas en español e en galego


Cando no ano 2001 se tentou o consenso normativo do galego que frutificou en 2003, Francisco Vázquez (ex alcalde da Coruña e ex secretario xeral do PSdeG-PSOE) dicía que esas mudanzas na ortografía e morfoloxía oficial da lingua de Galiza se debían á "trama batasuneira do BNG". Agora, os medios de comunicación son unánimes para sinalar que as novas normas do español son "para modernizar a lingua". O que son as cousas, verdade?

Pois sobre isto vai o artigo desta semana en Galicia Hoxe.

Máis que ortografía
Sobre as mudanzas normativas en español e en galego


No ano 2003 realizouse un proceso para conseguir unha normativa ortográfica e morfolóxica oficial do idioma do país que supuxese un moito maior consenso que a vixente neses momentos. O diálogo produciuse grazas á iniciativa da Asociación Socio-Pedagóxica Galega e nel participaron tamén o Instituto da Lingua Galega da USC, os departamentos de Filoloxía Galega das tres universidades de Galiza e a Real Academia Galega, que, coas competencias que lle atribúe a Lei, ratificou o acordado.

Dous anos antes, en 2001, tentárase chegar ao mesmo consenso, mais nese caso non fora posíbel debido ás fortes inxerencias da Xunta de Galiza, presidida por Manuel Fraga Iribarne, quen, mesmo con chamadas persoais a algúns académicos, logrou imposibilitar esa unión na última hora. (Será este outro mérito polo que se lle concedeu o ano pasado o premio Ramón Otero Pedrayo?!) Cando xa a Asociación Socio-Pedagóxica Galega, o Instituto da Lingua Galega e as tres universidades tiñan un texto acordado, a Real Academia Galega decidiu nunha das súas máis lamentábeis sesións rexeitar o pacto; algo que, por fortuna, esta institución soubo emendar dous anos máis tarde.

O caso é que as normas de 2003 supuxeron un paso adiante, non só polos cambios concretos que introducían, senón sobre todo polo espírito de diálogo e procura dun acordo multilateral que nelas reinou. As mudanzas a respecto da anterior norma oficial, de 1995, a verdade é cuantitativamente foron escasas. As máis relevantes podémolas resumir nestes dez puntiños:

1) Preferencia de ao sobre ó: Ao mellor, fágoo.
2) Admítese plenamente a terminación –bel / -beis (amábel, amábeis) .
3) Só é obrigatorio o uso da segunda forma do artigo coa preposición por (Vou polo camiño) e co adverbio interrogativo u (U-los óculos? ).
4) Os signos de interrogación e admiración só son obrigatorios ao final do enunciado: Dimo! Por que non mo dis?
5) Preferencia do sufixo –aría sobre –ería: Consellaría, libraría.
6) Galiza é recoñecida tamén como nome da nación, xunto a Galicia.
7) Nos grupos consonánticos cc e ct, suprímese a consoante que segue as vogais i e u (produto, conflito).
8) Elimínanse esto, eso e aquelo e considéranse como únicas normativas isto, iso e aquilo.
9) Recoñécense como plenamente admisíbeis os adverbios aquén e alén, o relativo cuxo, as preposicións e locucións a respecto de, após, até e canto a, e as conxuncións e locucións adversativas no entanto e porén.
10) Terminan en -zo / -za as palabras diferenza, espazo, estanza (‘estrofa’), graza, licenza, nacenza, novizo, perseveranza, presenza, sentenza, servizo e terzo.

A pesar do tempo transcorrido, aínda hoxe hai moitísima xente que segue a falar de que “unhas estrañas” formas como “grazas” ou “estrutura” se incorporaron coa “nova” normativa do galego. Oito longos anos despois, a verdade é que xa non resulta tan nova...

Ademais, a polémica estivo servida porque moitas persoas aducían e aducen como motivo para non usaren normalmente o idioma de Galiza argumentos como que “o galego sempre está a cambiar”, polo que –supostamente– se carecería dun referente de corrección claro e estábel. O galego sería, así, un idioma de laboratorio, en directa comparación co español, tan limpo, tan fixo, tan esplendoroso. E, sobre todo, tan natural.

O argumento, na realidade, é un prexuízo que responde ao resultado dunha realidade social inxusta, que bebe da exclusión secular do galego de moitos ámbitos de poder e cultura nos cales se fai necesaria a fixación dun estándar. A incomunicación de Galiza cos outros territorios do seu sistema lingüístico, especialmente o veciño e normalizado Portugal, é tamén chave para entendermos como chegamos até aquí. Mais non vaiamos moito para atrás no tempo e pensemos un pouquiño na máis estrita actualidade.

Os medios de comunicación informáronnos abondosamente nas últimas semanas da última reforma da ortografía do español: mudanza de denominación de letras (de y griega a ye é a máis rechamante), mudanzas na acentuación de moitas palabras habituais (solo, guion, guie, truhan, esta, hui, riais...) e na grafía doutras cantas (Catar, cuórum, seudo, posdata...). Ademais, sen que tal duplicidade causar escándalo, o conxunto da poboación soubo tamén que había algunhas destas formas que agora se oficializan que a Real Academia Española xa as levaba utilizando nas súas publicacións desde 1960. No entanto, neste tempo todas as nenas e todos os nenos poderían ver reducida a súa puntuación nos exames escolares se escribían dese xeito. Mais hai alguén que diga que vai deixar de usar o castelán por ese motivo? Evidentemente: non.

Se acudirmos ás hemerotecas e compararmos as reaccións producidas sobre esta última mudanza normativa do idioma español e o acordo normativo de 2001 do galego, teremos moito material para reflexionarmos sobre se o problema é na realidade que os idiomas vivos teñan cambios no seu estándar ou se se debe a problemas extralingüísticos.

16 de jan de 2011

Unha receita medieval para facer tinta

Entre esas pequenas xoias que nos depara a documentación medieval no noso idioma encontrámonos con esta receita para facer tinta, que adapto da edición do Libro de notas de Álvaro Pérez, notario da terra de Rianxo e Postmarcos que realizou Fernando Tato Plaza. Se vos quixerdes pór mans á obra, podedes aproveitar a chuvia desta tarde de domingo.

Boa tinta se deve faser en esta guisa:

Cosida:
Para un neto de tinta, onça e media de agalla deitaredes medio açumbre d' auga de chuvia e ferva fasta que mingüe la metade cõ as ditas agallas quebradas. E despois que sentado, sacar esta agua e deitarlle II onças de terra ou I onça de caparrosa e póñase al sol dous días. E ha de ferver en ola nova.

Que non seja cosida:
Tomar un neto de viño branco e se tever punta de vinagre tanto he mellor, e deitar en el as agallas quebradas e estén ao sol dous ou tres días. E despois deitarlle la terra ou caparrosa, aquelo que virdes que require.

A goma deitarla eno tinteiro.

15 de jan de 2011

Dez anos de Wikipedia


Hoxe esa ferramenta utilísima que é a Wikipedia está de décimo aniversario. Para o festexar, desde Galiza púxose o obxectivo de tentar conseguir a edición na xornada de 5.000 novas entradas (a media está en 1.100 diarias). A celebración tivo dúas principais sedes: Culleredo e Ribadeo.

A Galipedia, que é o nome co que se coñece a versión galega da Wikipedia, ten nestes momentos 66.976 artigos, unha cantidade bastante importante, que a converte na número 42 do mundo, por diante de por exemplo o grego (58 mil) ou o éuscaro (63 mil). A versión portuguesa, que tamén nos é de grande axuda, multiplica por dez a información, con 667.185 artigos, situándose como a oitava con máis entradas do planeta.

E digo eu: como pode ser que na galipedia se fale de todos os temas, se xa desde a Xunta nos avisaron de que o galego non é válido para algunhas cousas tan serias e importantes como por exemplo as ciencias?

14 de jan de 2011

Lentitudes

Como é ben sabido, un dos grandes problemas que lastran a administración de xustiza é a súa lentitude. Ben, iso se optas polo castelán, porque se queres usar o galego tes que fornecerte da paciencia do santo Xob para que aquilo que indica a lei que é o teu dereito poidas de verdade exercelo.

Onte A Mesa denunciou que o novo programa informático proporcionado pola Xunta aos departamentos de xustiza impide o uso do galego. A data fatídica disto foi o pasado 4 de maio, pouco máis dun ano despois de que comezase o goberno de Alberto Núñez Feijóo.

A situación é alarmante: o número de actos xurídicos no idioma propio de Galiza caíu en picado (en 2010, a metade que en 2009) e, desde que se aplica o novo programa, os xuízos rápidos deixaron de existir no noso idioma nacional. É isto xusto?

Ante o escandaloso da situación, a Xunta tentou -como de costume- botarlle a culpa ao Goberno central, de quen tomaron e distribuíron o programa informático sen se preguntaren antes, en ningún momento, cales ían ser as consecuencias para as cidadás e os cidadáns de Galiza. Esta Xunta presume de actuar como se fose unha delegación do goberno e non un goberno.

Ademais, nunha nota de réplica á Mesa, desde a Secretaría Xeral de Modernización da Xunta argumentan que tentaron corrixir a situación desde setembro: catro longos meses despois de que comezase o impedimento ao uso do galego. Isto si que é axilidade e bo facer!

P.S.: E Anxo Lorenzo, mentres tanto...?

13 de jan de 2011

Radios e televisións portuguesas en Galiza


Que as radios e televisións portuguesas se puidesen recibir en Galiza sería a concreción dun soño longamente ansiado na cultura galega. Ademais, é un dereito que ás galegas e aos galegos nos recoñece o Consello de Europa e que o Parlamento galego recoñeceu por unanimidade hai case tres anos, grazas ao impulso da Fundación Via Galego. Porén, falta aínda que o Goberno español e o Goberno galego se poñan mans á obra para que tal dereito sexa verificábel e o poidamos exercer.

Mentres, dun xeito máis precario porén interesante, hai unha páxina na rede, chamada TVTuga, a través da cal podemos acceder a moitos canais de radio e televisión en portugués que son transmitidos pola internet.

12 de jan de 2011

Dous cadros sobre as pensións

Onte recomendaba botarmos un ollo á información pendurada pola CIG de cara á convocatoria da folga xeral para este 27. Para quen non o fixo, deixo dous cadros moi clariños cunha información de grande interese sobre o debate das pensións. Para sabermos máis, aquí.


11 de jan de 2011

Información básica sobre a crise e alternativas

A CIG puxo en andamento un espazo web específico para informar da convocatoria de Folga Xeral para o vindeiro 27 deste mes. Recoméndovos moi vivamente que vos mergulledes na información alí pendurada e que a divulguedes todo o posíbel.




10 de jan de 2011

É hora de o facermos

O artigo desta semana en Galicia Hoxe:



É hora de o facermos
A revitalización dos infinitivos persoais


Dos últimos anos para acó parézome un pouco ao protagonista daquel célebre anuncio de turróns que chega á casa familiar polo Nadal. Hei de confidenciar que nalgunhas ocasións mesmo me cantaron a cancionciña, con tanto afecto como sorna.

Non foi o caso deste ano, que fun para a Noiteboa con máis tempo, botei unha pequeniña man nos preparativos e saín antes da cea a tomar algo para vivir o ambiente de festa nas rúas. Polas unhas ou polas outras, enleeime máis do previsto así que, cando pasei a porta do fogar, miña nai reprendeume cun sorriso: “Que? Xa era hora de chegares!”

Como gostaría de que todas as persoas que caricaturizan o uso do infinitivo persoal como un invento dos lusistas para forzar a lingua escoitasen a miña nai falar! Conste que o que digo trascende o amor filial...

No momento da cea, puxen o ouvido cun pouco máis de atención e comprobei como as persoas de máis idade que alí estaban sentadas, miña nai e miña tía, utilizaban con total desenvoltura os infinitivos flexionados, en construcións espontáneas que están perdidas ou son moi residuais xa na seguinte xeración alí presente: a miña.

Uns días máis tarde, nunha cea tamén en Ribeira, na véspera de Reis, puiden comprobar con ledicia que este uso espontáneo si se mantén con moita máis viveza en mozas e mozos doutras parroquias do meu concello, como Carreira ou Aguiño. O problema común nestes casos adoita ser que só se utilizan os infinitivos persoais (ou as interpolacións pronominais ou determinado léxico diferente do español...) nos rexistros máis informais, mentres que, as mesmas persoas, nos niveis formais, tanto na oralidade como na escrita, pérdenos. Isto é: que despois dos licores poden animar á concorrencia ao berro de “Xa é tempo de irmos bailar!”, mais noutros contextos xa comezan a substituílo por unha outra construción como “Xa é tempo de que vaiamos bailar!”, tamén correcta en galego, mais que termina por converterse en empobrecedoramente única debido á presión do español.

Isto que comento a través de dúas pequenas anécdotas é o que conclúen diferentes estudos de Francisco Gondar, de Xosé Ramón Freixeiro Mato ou do Instituto da Lingua Galega: se o infinitivo flexionado presenta hoxe máis restricións do que o portugués na lingua oral non é debido a unha diferenza innata entre o que se fala ao norte e ao sur do Miño, senón ao maior grao de españolización dos falantes en Galiza, que moitas veces ten a ver cunha menor idade dos mesmos. No primeiro volume do Atlas lingüístico galego, sobre morfoloxía verbal, coméntase o caso dalgunha zona do país onde é moi frecuente o uso do infinitivo flexionado, “sendo moi normal en persoas que pasan dos vinte e cinco anos, pero en persoas máis novas non existe o seu uso, debido á forte castelanización a que están expostas”. É evidente que a súa perda obedece a causas extralingüísticas.

O infinitivo persoal (tamén chamado infinitivo flexionado ou infinitivo conxugado) é un dos trazos diferenciadores do sistema lingüístico galego-portugués, que está presente desde as orixes medievais, como nolo testemuñan os textos máis antigos que se conservan. O seu mantemento é unha das principais balizas para evitar a satelización do galego no español. O seu uso é unha mostra de boa lingua. Lembremos a súa conxugación: Eu facer, ti faceres, ela ou el facer, nós facermos, vós facerdes, elas ou eles faceren.

As normas oficiais do galego, consensuadas en 2003, teñen carácter ortográfico e morfolóxico, polo que non entran en cando nin como se debe usar o infinitivo persoal, alén de recollelo entre os paradigmas verbais e utilizalo na redacción do propio texto. Porén, penso que ten razón Xosé Ramón Freixeiro Mato, catedrático de Filoloxía Galega na Universidade da Coruña, cando na súa Gramática da lingua galega en catro volumes considera que, dada a actual tendencia á diminución de usos do infinitivo flexionado, convén estabelecer o seu carácter prescritivo en determinadas circunstancias. “Se as gramáticas portuguesas non inciden especialmente neste aspecto é por estas formas teren plena vixencia na lingua de alén Miño e por o portugués non estar submetido a interferencias estruturais graves; mais a este lado a situación do galego é diferente e precisa tamén un tratamento específico”, conclúe.

Tomo o esquema de prescricións dunha outra obra de Xosé Ramón Freixeiro Mato, neste caso o libro divulgativo Lingua de calidade, especialmente recomendábel para profesorado de galego e responsábeis de corrección de textos. Velaquí os casos en que se debe considerar obrigatorio o seu uso:

1) Cando o infinitivo ten un suxeito expreso no texto, ben sexa diferente ou idéntico ao do verbo rexente (Estares ti alí con eles resultou decisivo; Admitiron de mal grado seren eles os culpábeis).

2) Cando o infinitivo non ten suxeito expreso, mais vai referido a un axente determinado non indicado no contexto (Convén virdes con tempo; Admitiu sermos os mellores).

3) Sempre que o infinitivo for introducido por unha preposición ou locución prepositiva e tiver suxeito propio, aínda que coincida co do verbo principal (Castigoute por chegares tarde; Antes de saírmos de viaxe temos de acabar o traballo).

Se constatarmos que un dos nosos problemas lingüísticos é a perda do infinitivo persoal, deberemos tomalo a serio, exercitármonos e pórmoslle remedio. Non hai aprendizaxe sen atención, práctica e algo de esforzo.

Sabermos usar o infinitivo persoal tamén implica coñecermos en que casos non se debe empregar. O máis importante é cando forma parte dunha perífrase verbal (Temos que saír, non *Temos que saírmos). Ademais, cando o infinitivo está rexido por un verbo modal (querer, poder, deber), sensitivo (ver, sentir) ou causativo (mandar, facer, deixar, permitir e sinónimos), ten o seu mesmo suxeito e vai inmediatamente despois del. Sinteticémolo en que non se debe usar nas perífrases verbais nin cando vai inmediatamente despois do verbo principal e ten o mesmo suxeito ca el. Pode parecer difícil, mais deténdonos nalgúns exemplos constataremos que non o é en absoluto: Queremos cantar, non *Queremos cantarmos; Deixas pasar o prazo e así che vai, non *Deixas pasares o prazo e así che vai, etc.

Afirma Xosé Ramón Freixeiro Mato que “canto máis empregarmos o infinitivo flexionado máis contribuiremos para preservar a autenticidade lingüística”. Ten razón. Toda a razón. É hora de o revitalizarmos.

8 de jan de 2011

Estranxeira na súa patria

Dentro de pouco, chegará ás librarías o novo traballo de Francisco Rodríguez sobre Rosalía de Castro, seguindo a estela daquel volume que marcou un punto de inflexión nos estudos sobre a autora: A análise sociolóxica da obra de Rosalía de Castro.

Mentres devecemos pola chegada do novo libro, leamos algúns dos incríbeis versos da escritora inaugural da literatura galega contemporánea, pertencentes a Follas novas:

Estranxeira na súa patria

Na xa vella varanda
entapizada de hedras e de lirios
foise a sentar calada e tristemente
frente do tempro antigo.

Interminable precesión de mortos,
uns en corpo nomais, outros no esprito,
veu pouco a pouco aparecer na altura
do direito camiño
que monótono e branco relumbraba,
tal como un lenzo nun herbal tendido.

Contemprou cal pasaban e pasaban
collendo hacia o infinito,
sin que ó fixarse nela
os ollos apagados e afundidos
deran siñal nin moestra
de habela nalgún tempo conocido.

I uns eran seus amantes noutros días,
deudos eran os máis, i outros amigos,
compañeiros da infancia,
sirventes e veciños;
mais pasando e pasando diante dela,
fono os mortos aqueles prosiguindo
a indiferente marcha
camiño do infinito,
mentras cerraba a noite silenciosa
os seus loitos tristísimos
en torno da estranxeira na súa patria,
que, sin lar nin arrimo,
sentada na varanda contempraba
cal brilaban os lumes fuxitivos.

5 de jan de 2011

Folga xeral o 27 de xaneiro

Hai moitas razóns -demasiadas!- para erguermos a nosa voz contra esta regresiva política económica e social. Por iso, movámonos para que a folga xeral do vindeiro día 27 sexa o éxito que debe ser.

4 de jan de 2011

A lotaría que sempre toca

O Bloc Nacionalista Valencià editou uns números da lotaría do Neno coa imaxe de Carlos Fabra. O aludido, un importante dirixente do PP e presidente da Diputació de Castelló (igual que seu pai, seu avó, seu bisavó e seu tío-tataravó), denunciounos. O xuíz obrigou rapidamente a que se deixasen de distribuír. Mais xa foi tarde: todos os números estaban vendidos.

Non me estraña que tanta xente quixese compralos, porque o irónico lema está especialmente conseguido. Resulta que Fabra foi investigado por fraude fiscal. Un dos datos máis rechamantes era que durante varios anos non lle deixou de tocar a lotaría: no 2000, 113.000 euros; no 2001, 103.00; no 2002, 29.000; no 2004, 23.000, e no 2008, 2.000.000 de euros, cos seus seis ceros. Hai xente con sorte!

A pesar de tanta fortuna, a Fiscalía Anticorrupción encontrou 5,3 millóns de euros de procedencia descoñecida, que Fabra e a súa muller teñen nas súas 94 contas correntes. Malia tantas estrañas casualidades, Mariano Rajoy considérao un "cidadán exemplar".

Fabra, agradecido e honesto, argumentou que os posíbeis delitos xa prescribiron e a Audiencia Provincial de Castelló terminou por darlle a razón. É preocupante a decisión, porque demostra máis unha vez que non todos somos iguais perante a lei. Mais a prescrición, estraña, o que se di estraña, tampouco é: polos sete anos que levaba o proceso xudicial contra el xa pasaran nove maxistrados.

Hai xente con sorte!

3 de jan de 2011

O reverso do fazer ben

O meu primeiro artigo do ano en Galicia Hoxe continúa co tema do derradeiro de 2010, sobre a lírica medieval galego-portuguesa e o recurso ao equívoco.

O reverso do fazer ben

Falamos a semana pasada do divertido recurso do equívoco, polo cal os xograres e trobadores da escola galego-portuguesa conseguían que unha cantiga cobrase novos sentidos alén do superficial. Así, ademais da súa literalidade, tería tamén unha ou varias posíbeis lecturas, digamos que menos inxenuas que a primeira.

A pesar do agardábel, este esquema non só se utilizou nas cantigas satíricas, senón tamén nos xéneros amorosos. Hai algo disto, por exemplo, nalgunhas composicións de amigo en que se poñen en xogo figuras emblemáticas para aludir ao sexo. Por debaixo do que aparentemente nos di a letra, e mercé a unha ben precisa fixación semántica de determinados núcleos, vaise construíndo un outro sentido. No entanto, podémonos facer a pregunta de se o que nós lemos como simbólico non sería máis ben polisémico na Baixa Idade Media galega e ibérica.

Onde aparecen os cervos e as cervas podemos advertir a "potencia viril", na augua o "elemento feminino", nos cabelos a virxindade, etc. Exemplo paradigmático disto podémolo atopar na lírica de Pero Meogo, sobre a cal se debruzou Xosé Luís Méndez Ferrín. Deste xeito, o verso que di que "os cervos do monte a augua volvian" representa o encontro paixonal. Tamén Joan Zorro, Don Dinis (utilizando o vento como símbolo erótico masculino) ou Pero Gonçalvez de Portocarreiro fan referencia a análoga simboloxía.

A maiores disto, tamén hai investigadores -entre os cales cómpre salientar a Carlos Paulo Martínez Pereiro- que estudaron unha outra "ambigüidade subversiva" presente nas cantigas de amigo, en moita menor medida nas cantigas de amor e, aínda, nas Cantigas de Santa María. Deste modo, a pesar de que a aequivocatio parece que dificilmente podería ter un grande cultivo nos xéneros amorosos rixidamente rexidos polos paradigmas escolásticos, si hai algúns casos "anómalos", situados polo xeral na obra de autores limítrofes da nosa tradición trobadoresca.

Nas cantigas de amigo basearíase esta ambigüidade na utilización disfémica de determinadas palabras, como o verbo trebelhar, o adxectivo viçoso, expresións como fazer ou haver ben, fazer ou haver prazer. Falando por boca de Martínez Pereiro, achariámola "especialmente en cantigas de amigo cun discurso suxestivamente irónico con respecto aos condicionantes e constrenxedores paradigmas de referencia", pois non sempre que aparecen estes vocábulos ou expresións nos atopamos perante cantigas equívocas.

Por exemplo, en textos de Joan Garcia de Guilhade podemos ver que cando usa a expresión fazer ben significa "ver" ou "falar" á amada. Porén, o mesmo autor, nunha outra cantiga de amigo como Estas donzelas que aqui demandan pon en boca da moza a sospeita de que o namorado quere algo máis do que a fita que lle deu como prenda. Malia non se falar del, suxérese o fazer mal antitético, que implicaría relacións carnais. Continuando con este autor, podemos observar en Se m" ora Deus gran ben fazer quisesse, como se pon en perigo a mesura ao desvelar pistas sobre a identidade da senhor, ao nos situar a área xeográfica onde vive aquela que "per bõa fe, que me nunca fez ben".

Unha composición "híbrida" (entre a cantiga de amigo e a escarniña) é, tamén, a do trobador Joan Soarez Coelho que ten o incipit "Hoje quer" eu meu amigo veer", cunha ambigüidade alicerzada nesa vontade da amiga de facer canto for necesario (véndose sobrepasados, ou, cando menos, "tocados", os limites do cortés) para non perder o amado que a nai non lle permite ver. Paga a pena detérmonos a observar a composición: "Hoje quer" eu meu amigo veer, / porque mi diz que o non ousarei / veer mia madre; de pran, vee-lo hei / e quero tod" en ventura meter, / e des i saia per u Deus quiser. // Por én qual coita mi mia madre ten / que o non veja; no meu coraçon / hei hoj" eu posto, se Deus mi perdon, / que o veja e que lhi faça ben, / e des i saia per u Deus quiser. // Pero mi o ela non quer outorgar, / i-lo-hei veer ali u m" el mandou, / e, por quanta coita per mi levou, / farei-lh" eu est" e quanto m" al rogar, / e des i saia per u Deus quiser. // Ca diz o vervo ca non semeou / milho quen passarinhas receou." O equívoco baséase na expresión fazer ben e no ilimitado al, que tamén empregou Joam Garcia de Guilhade.

Un outro caso disto mesmo é a composición de Joan Servando "Diz meu amigo que lhi faça ben", onde a amada presenta as indeterminadas pretensións do amigo, que estaría disposta a satisfacer se ela souber de cales se trata. Maliciosamente, afírmasenos que non chega con que o vexa: "Diz meu amigo que lhi faça ben, / mais non me diz o ben que quer de min; / eu por ben tenho de que lh" aqui vin / po-lo veer, mais el assi non ten; / mais, se soubess" eu qual ben el querria / haver de mí, assi lho guisaria. // Pede-m" el ben, quant" á que o eu vi, / e non mi diz o ben que quer haver / de min e tenh" eu que d[e] o veer / é mui gran ben e el non ten assi; / mais, se soubess" eu qual ben el querria / haver de mí, assi lho guisaria. // Pede-m" el ben, non sei en qual razon, / pero non me diz o ben que querrá / de min e tenh" eu de que o vi ja / que lhe [é] gran ben e el ten que non; / mais, se soubess" eu qual ben el querria / haver de mí, assi lho guisaria. // Par [San] Servand", assanhar-m"-ei un dia, / se m" el non diz qual ben de min querria".

Outra cantiga de Pero Mafaldo poderiámola entender como unha resposta á anterior, pois na composición que ten o incipit "Ai amiga, sempr" avedes sabor", sinálasenos que, despois da intercensión da confidente, a amada vai ceder a parte das pretensións do amigo: "farei-lh"eu ben; mais de pran non farei / quant" el quiser, pero ben lhi farei".

Noutra cantiga d"amigo, "Voss" amigo quer-vos sas dõas dar", de Joan Airas, a amada é advertida por unha confidente de que, se lle colle as doas de amor que o seu amigo lle dá, terá que "facerlle ben". A finda é contundente e indica que el vai querer "moito" dela: "Ou ben filhade quanto vos el der / e fazede ben quanto x" el quiser, / ou non filhedes do seu nulha ren, / non lhi façades nunca nen un ben."

E terminamos cunha composición que vai aínda un punto máis alá no equívoco malicioso. Na cantiga "Non sei no mundo outro homen tan coitado", de Pedro Amigo de Sevilha, parece que nos encontramos nunha cantiga de amor. No entanto, hai un encabalgamento abrupto dos versos seis e sete que nos amosa que na realidade é só unha aparencia, pois na verdade está a insultar á suposta amada: "Ca mia senhor non me quer fazer ben / se non por algo"...

1 de jan de 2011

Fáltalles ir baixo palio

Unha cousa son as respectábeis fes de cada un e outra que os conselleiros e as conselleiras da Xunta se poñan como para pasar revista. Parece unha foto doutro tempo.