30 de nov de 2010

'Monolingüismo', por Xoán Costa

Reproduzo, tomado da páxina de bitáculas da AS-PG, un artigo do presidente desta entidade de renovación pedagóxica, Xoán Costa:

Monolingüismo

Non sei por que, dun tempo a esta parte, xeneralizouse a idea de que abrir debates -non importa o tema nin o espazo - é algo necesario socialmente e case inherente ao propio comportamento democrático. Mesmo hai quen pensa que é posíbel debater en estado de ideoloxía pura, nun universo anterior ao Big Bang, sen condicionantes externas que terxiversen o fío da argumentación.

Mais nada máis enganoso.

E cando eses debates se establecen sobre sinais de identidade como a lingua a cousa nace xa de por si desnaturalizada pois o propio uso dunha ou outra terminoloxía, dun ou outro concepto, dun ou outro punto de partida, condiciona o posicionamento dos debates e, polo tanto, os resultados.

E ademais confunde.

Recentes informes sobre o futuro do galego sitúanse neste contexto de abrir debates sen máis e de crear confusión. Primeiro porque parten da idea de que os actuais discursos normalizadores, e non estamos a nos referir aos discursos oficiais senón xustamente a aqueles que levan anos traballando na restauración de usos do galego, están caducos, non serven por estaren ligados a ideoloxías algo pasadas de moda, cousa moi lonxe da realidade. Outra cousa é que non se teñan logrado o cento por cento dos obxectivos propostos, mais iso non invalida nin avellenta os discursos nin as propostas.

Por outra parte, a pretensión, ou as propostas, de alcanzar a competencia comunicativa en galego e castelán o conxunto da poboación, especialmente a través do sistema educativo, é algo tan fóra da realidade como aquelas propostas do Partido Popular, gobernando Don Manuel Fraga, que falaba de bilingüismo harmónico e que o Señor Feijoo transformou en bilingüismo cordial. O sistema educativo é unha ferramenta importantísima para a consolidación da competencia lingüística, sobre todo en contextos en que a lingua do sistema educativo é continuación da lingua ambiental, mais en contextos diglósicos o sistema educativo só representa unha pequena parte das posibilidades de restauración lingüística, se ben ten todas as posibilidades para a adquisición de competencia.

Estes debates de que falamos, difundidos en informes e redes sociais, pretenderían de dar carta de normalidade a políticas lingüísticas bilingüistas partindo da idea de que se a totalidade dos e das galegofalantes son bilingües, isto é somos individuos capaces de falarmos en galego e en castelán, tamén a totalidade dos casteláns falantes en Galiza deberán ser capaces de falaren en galego ou en castelán indistintamente. Fermosa teoría, mais na práctica o que condiciona o uso dunha lingua é o contexto e na sociedade galega actual os contextos están perfectamente delimitados e inclinados cada vez máis a favor do español. Porque vivimos nunha situación de conflito lingüístico -aínda que o termo poda parecer anticuado e contrario á cordialidade- e a diglosia, no seu significado clásico, funciona de maneira eficaz. A este respecto, podería pór un pequeno exemplo. Recentemente estiven ingresado no CHUAC nun servizo onde as enfermeiras (eran todas mulleres menos dous homes) falaban perfectamente galego e español. Son polo tanto un paradigma de competencia bilingüe. Mais cal é o uso das dúas linguas? Cos doentes de máis idade falan galego ou español dependendo de cal sexa a lingua do doente e con aqueles de menos idade, aínda que sempre lles falamos en galego, falaban invariablemente en español. Que é o que leva a esta situación? Obviamente os prexuízos lingüísticos propios de toda situación diglósica.

E aí é onde deben actuar primeiramente as políticas normalizadores, en marcar contextos de uso para o galego. Porque é evidente que, sobre todo a través do sistema educativo, podemos conseguir, nun espazo de tempo maior ou menor, que a totalidade da poboación de Galiza sexa competente en galego e en español. Mais pensar que de aí derivará unha situación en que se usarían indistintamente en calquera contexto unha ou outra lingua é pensar que podemos alcanzar a liña do horizonte. E é que, e perdoen a comparanza, para os falantes a lingua é como a relixión. Poderíamos pensar nunha sociedade ideal en que todas as persoas coñecesen, poñamos por caso, os principios cristiáns e musulmáns. O coñecemento de ambas as relixións seguramente aportaría concordia e respecto dos dereitos de cada quen, mais á hora do culto, á hora da práctica, cada persoa acreditaría no seu deus como o único verdadeiro. O mesmo sucede coa lingua.

Concordo con quen pensa debemos anovar o discurso sobre a lingua, mais utilizando o termo anovar co significado da cultura agrícola, mais dubido que a solución para o futuro do galego como lingua sexa aceptarmos a solución bilingüe, chámese este bilingüísmo harmónico, cordial ou restitutivo. Prefiro pensar nunha Galiza maioritariamente monolingüe en galego, seguindo a tradición do galeguismo e acreditar que Galiza ou é monolingüe en galego ou non será Galiza tal como a coñecemos e, algúns, a desexamos. Será outra cousa.

29 de nov de 2010

De que nos salvará o bilingüismo?

No artigo desta semana teño ben presentes xa as reflexións que realizaba o pasado sábado sobre o documento do IGEA. Porque Galiza non é "bilingüe", nin de nada nos serviría dicilo. Porque en galego Galiza ten futuro.

De que nos salvará o bilingüismo?
Reflexións críticas sobre o documento do IGEA


O pasado mes de maio presentei en Barcelona o meu libro En castellano no hay problema. No acto acompañáronme Sabela Labraña, profesora de Filoloxía Galega na Universitat de Barcelona, sempre animosa e dinámica, e Joaquim Arenas, un dos nomes chave no proceso de catalanización do sistema educativo, desde a súa responsabilidade como Xefe do Servizo de Ensino da Generalitat entre 1983 e 2003.

Arenas é, pois, un dos que levou a cabo o maior éxito da lingua catalá desde a restauración da democracia: a implantación dun modelo de escola catalá en idioma e contidos, a chamada inmersión lingüística. Este modelo é referencial para a recuperación dun idioma minorizado. O seu exemplo, coas súas potencialidades e as súas dificultades, estúdase internacionalmente.

Na presentación do libro, Joaquim Arenas fíxonos rir, desde a súa ironía, e pensar, desde os diferentes exemplos que nos puña sobre como revitalizar unha lingua e sobre algúns problemas polos que pasou e pasa o idioma de Cataluña. Nun momento retranqueiro, exclamou: “El bilingüisme és pecat!” Fronte ás defensas dun irreal e narcotizador bilingüismo, manifestou que o futuro do catalán e do galego só podería pasar por un “monolingüismo axial”: isto é, que a lingua propia das respectivas nacións teña un papel central, sen que iso sexa óbice para que os seus cidadáns coñezan cantos máis idiomas mellor. Coa exitosa experiencia que ten ás súas costas, Joaquim Arenas sabe ben do que fala.

Un paso atrás no debate

Lembrei as súas atinadas palabras cando a semana pasada o Instituto Galego de Estudos Europeos e Autonómicos (IGEA) presentou ante os medios de comunicación un relatorio sobre a situación da lingua galega e algunhas liñas xerais para o seu futuro. O que máis trascendeu deste documento foi a realización dunha relectura positivizadora do termo “bilingüismo”, que considera central para a posibilidade de que o galego teña algún futuro.

O informe está asinado por Henrique Monteagudo coa colaboración de Antón Reixa. Non hai dúbida de que se trata de dúas persoas cunha coñecida sensibilidade pola lingua do país, mais penso que a mensaxe de fondo que lanzan é unha equivocación, aínda máis no momento actual en que nos encontramos, onde son máis necesarias que nunca as mensaxes unitivas.

Á parte de graves erros de diagnose, este documento supón un paso atrás, pois retrotráenos a un debate bizantino e testemuñalista, sen propostas de acción, que pasan a postergarse máis unha vez. No entanto, o principal dano que observo nese texto é que crea confusión ao xogar coa terminoloxía do inimigo (porque o inimigo existe, por certo).

De verdade se lle chamamos bilingüismo á diglosia a situación social mudará? Cando se deixará de procurar novas “fórmulas axeitadas” e se comezarán a aplicar desde as institucións, sobre todo quen puido ou pode? Alguén podería indicarme cal é a entidade ou cales son as entidades que defenden que as galegas e os galegos só saibamos galego? Non houbo nin hai políticas institucionais decididas a recuperar falantes e incorporar o idioma a novos ámbitos porque hai xente que defende(mos) que o discurso bilingüista é unha falacia do comezo ao final? Se o castelán é un idioma “común” (sic) e case tan galego como o galego, por que deben desenvolverse políticas para a restauración do galego? Existen en Galiza grupos galego falantes fronte a grupos castelán falantes, como sinala este documento, que tamén indica que debe producirse un “previo recoñecemento mutuo” de ambos?

Son moitas as preguntas que un se formula despois de ler este informe, que vai na liña doutros documentos anteriores de Henrique Monteagudo, especialmente o titulado “A ofensiva da dereita contra o galego”, que divulgou a Fundación 10 de Marzo. Á parte de se manteren moitas das ideas centrais que agora difunde o IGEA, nesoutro texto había unha maior proliferación de termos denigratorios cara ao papel do movemento nacionalista na defensa do galego, p. ex.: “o nacionalismo veu padecendo unha propensión sectaria a apropiarse do idioma e da cultura de xeito monopolizador e en proveito propio, cunha perspectiva partidista”. Esta crítica, que é tamén punto de partida, ten moito máis de prexuízo ideolóxico que de análise.

Non nos autoenganemos

No libro En castellano no hay problema, do que falaba ao comezo deste artigo, están incluídos varios textos que amosan unha visión crítica deste tipo de discursos (por exemplo nas páxinas 67-68, 224-228 e, especialmente, 237-242). Nun momento, falo da “normalización sen normalización”, partindo dunha reflexión moi interesante de Žižek, na que este pensador comenta a postergación eterna dalgúns intelectuais de calquera acto transformador. Finalizo con algunhas das liñas alí incluídas, porque parece que as escribise esta mesma semana:

En calquera caso, non nos autoenganemos. Non é por falta de documentos, de plans, de escritos, de argumentario nin de corpus teórico forte e contrastado que a situación da lingua é a que é. Con certeza que hai erros na pedagoxía á hora de o transmitirmos sen que se manipule a mensaxe e, sobre todo, de o aplicarmos. Mais quen pense que pasarmos a exclamar que Galiza é “bilingüe”, que a diglosia está desfasada e que o autoodio non significa nada nos vai facer gañar espazo social, cae nunha inxenuidade tremenda. Xogar coas regras do inimigo, cos seus conceptos pervertidos, promove o confusionismo e leva á derrota segura.

Converter en elemento central da acción normalizadora a procura de ábrete-sésamos e fórmulas máxicas sería un erro inmenso. Esta situación lémbrame a unha oportuna reflexión do pensador Slavoj Žižek: “A maioría dos académicos están obsesionados coa idea ‘A esquerda necesita novas respostas’. Non é isto basicamente un ‘Queremos unha revolución radical, mais ao mesmo tempo queremos conservar as nosas prósperas vidas e seguir tranquilos?’ Como precisamente xa o dixo algunha vez Robespierre: Queremos unha revolución sen revolución”.

Defender o galego renegando de dar a batalla social real, e conflitiva, da súa restauración e extensión social, non é querer unha normalización sen normalización?

28 de nov de 2010

Concentración mañá por Palestina en Compostela

Reproduzo aquí unha información que tiro do blog Galiza por Palestina:

Imos montar un checkpoint sionista na praza do Toural !!!!!

Segunda-feira 29 de novembro ás 20:00h

O día 29 de novembro é o Día Internacional de Solidariedade co Povo Palestino.
Neste día queremos producir na cidade vella da capital de Galicia a realidade dunha das decenas de checkpoints da entidade sionista nos Territorios Ocupados de Palestina.

O acto pretende ser unha performance de denuncia da situación, de opresión, humillación, trato vexatorio e violación das liberdades mais básicas que millares de palestinas e palestinos sofren cada día.
Precisamos da vosa implicación: necesitamos que veñades representar mulleres e homes palestinos (de 6 a 10 persoas) traede as vosas kufiyyas palestinas, ou se tendes roupa militar e un mal día vinde interpretar soldados sionistas.

Precisamos mínimo 6 persoas para palestinos e 2 ou 3 para soldados. É importante tamén que haxa xente que filme todo para facelo circular por internet.

Esperamos a vosa axuda!!

VIVA A LIUTA DO POVO PALESTINO!!

Evento en Facebook: http://www.facebook.com/?ref=home#!/event.php?eid=173239512703456

27 de nov de 2010

O que hai que facer é facer

Na presentación de hoxe ás 19.30 h no Culturgal tamén abordarei o desafortunado informe que presentou o IGEA sobre lingua. Á parte de graves erros de diagnose , este documento retrotráenos a un debate bizantino e testemuñalista, sen propostas de acción, que pasan a postergarse máis unha vez. Mais o principal dano que observo nese texto, e que é o motivo polo que quero falar del, é que crea confusión ao xogar coa terminoloxía do inimigo (porque o inimigo existe, por certo). Sei que quen o promove é xente con sensibilidade pola lingua galega, mais creo que se equivocan de vez ao lanzaren esta mensaxe.

De verdade se lle chamamos bilingüismo á diglosia a situación social mudará? Cando se deixará de procurar novas "fórmulas axeitadas" e se comezarán a aplicar desde as institucións, sobre todo quen puido ou pode? Alguén podería indicarme cal é a entidade ou cales son as entidades que defenden que as galegas e os galegos só saibamos galego? Non houbo nin hai políticas institucionais decididas a recuperar falantes e incorporar o idioma a novos ámbitos porque hai xente que defende(mos) que o discurso bilingüista é unha falacia do comezo ao final? Se o castelán é un idioma "común" (sic) e case tan galego como o galego, por que deben desenvolverse políticas para a restauración do galego?

No libro En castellano no hay problema están incluídos varios textos que amosan unha visión crítica deste tipo de discursos de homenaxe ao galego, por exemplo nas páxinas 67-68, 224-228 e, especialmente, 237-242. Nun momento, falo da "normalización sen normalización", partindo dunha reflexión moi interesante de Žižek, na que este comenta a postergación eterna dalgúns intelectuais de calquera acto transformador. Cito algunhas das liñas do libro:

En calquera caso, non nos autoenganemos. Non é por falta de documentos, de plans, de escritos, de argumentario nin de corpus teórico forte e contrastado que a situación da lingua é a que é. Con certeza que hai erros na pedagoxía á hora de o transmitirmos sen que se manipule a mensaxe e, sobre todo, de o aplicarmos. Mais quen pense que pasarmos a exclamar que Galiza é “bilingüe”, que a diglosia está desfasada e que o autoodio non significa nada nos vai facer gañar espazo social, cae nunha inxenuidade tremenda. Xogar coas regras do inimigo, cos seus conceptos pervertidos, promove o confusionismo e leva á derrota segura.

Converter en elemento central da acción normalizadora a procura de ábrete-sésamos e fórmulas máxicas sería un erro inmenso. Esta situación lémbrame a unha oportuna reflexión do pensador Slavoj Žižek: “A maioría dos académicos están obsesionados coa idea ‘A esquerda necesita novas respostas’. Non é isto basicamente un ‘Queremos unha revolución radical, mais ao mesmo tempo queremos conservar as nosas prósperas vidas e seguir tranquilos?’ Como precisamente xa o dixo algunha vez Robespierre: Queremos unha revolución sen revolución”.

Defender o galego renegando de dar a batalla social real, e conflitiva, da súa restauración e extensión social, non é querer unha normalización sen normalización?

26 de nov de 2010

De Ribadavia a Pontevedra

Mañá sábado ás 19.30 h realizaremos a presentación en Pontevedra de En castellano no hay problema, que as Mocidades da Mesa na localidade decidiron organizar no marco do Culturgal.

Xa que falo da xira de actos por volta deste libriño, aproveito para incluír algunhas imaxes do que foi a súa presentación en Ribadavia, con xente tan encantadora e traballadora como Eladino Cabanelas e tantos outros compañeiros e compañeiras que fan posíbel no día a día que poidamos continuar a aspirar a vivir en galego.





25 de nov de 2010

Outra visión da violencia de xénero

Traduzo aquí un artigo que o psicanalista Manuel Fernández Blanco publicou en La Voz de Galicia o 22 de maio deste ano. Como mínimo, fai pensar.

Por que as continúan a matar?

O ano pasado, setenta e cinco mulleres foron asasinadas en España polas súas parellas ou ex parellas. O ano anterior foran setenta e catro. No 2000 foran sesenta e tres. En xeral, a tendencia desta macabra estatística é á alza. Durante o ano 2008 presentáronse unha media de catrocentas denuncias por maos tratos cada día (aproximadamente 146.000 no ano) e concedéronse arredor de 15.000 ordes de protección (case un terzo destas mulleres mantiñan unha relación afectiva cos seus maltratadores). Un terzo das mulleres maltratadas xa o foran con anterioridade.

En Europa, entre os países con maior taxa de feminicidios, encóntranse algúns dos nórdicos nos cales as políticas de igualdade están máis desenvolvidas que nos países do sur. Segundo os datos (do ano 2003) do Segundo informe internacional sobre a violencia contra a muller nas relacións de parella, do Centro Reina Sofía para el Estudio de la Violencia, en Finlandia a incidencia de mulleres asasinadas, maiores de 14 anos, é de 10,32 por cada millón. En Dinamarca é de 5,85. En España, onde ese ano foron asasinadas 70 mulleres, a incidencia foi do 3,61. Estes datos chámannos a fuxir de explicacións simples. Vemos como o incremento das medidas policiais, xudiciais e sociais, así como as campañas de prevención, non permitiron reducir esta epidemia social.

O lugar da muller variou nas sociedades occidentais e esta mudanza non foi en paralelo con cambios substanciais no varón. A maioría das persoas que piden o divorcio son mulleres e, actualmente, como analizou o sociólogo francés Alain Touraine, xa non o fan tanto pensado no sufrido como en procurar unha vida máis satisfactoria. As mulleres están a utilizar máis a sexualidade como elemento de construción da súa identidade. A muller foi máis capaz de combinar sexualidade e pracer coa vida pública, e para o home é máis difícil separar pracer e responsabilidades.

Homes e mulleres padecen de diferentes tipos de dependencia. A dependencia da muller está máis relacionada coa espera dun signo de amor da súa parella, o que en ocasións a aboca a situacións de maltrato: faille crer as palabras de amor e de arrepentimento ou interpretar que os ciúmes son signos de interese. Cando unha muller se instala nunha posición de amor permanentemente decepcionada, sempre agarda que na seguinte ocasión sexa diferente. Isto ten a ver sempre coa súa historia infantil, cos seus vínculos de amor e dependencia máis primarios.
Asistimos a unha infantilización xeneralizada da sociedade e talvez do home en particular. É difícil encontrar un adulto de verdade, como pai, como parella, como persoa que se responsabilice da súa vida. Esta dependencia conleva un auxe das patoloxías máis regresivas, relacionadas coas adicións en xeral e a dependencia.
A dependencia acentúase nas relacións de parella e maniféstase de forma extrema na imposibilidade de aceptar perder esa persoa. Para estes homes-neno, a perda ou o abandono resultan insoportábeis. Por iso, nunha porcentaxe moi significativa de casos, ao asasinato da muller séguelle o suicidio, ou a tentativa de suicidio, do agresor como a expresión da dependencia infantil máis radical. Estes homes non poden vivir sen elas no sentido literal, porque unha vez destruída esa persoa xa non teñen con que se soster na vida.
Fronte a esta realidade, as necesarias medidas de apoio ás vítimas e de prevención da violencia de xénero encontran os seus limites. Os programas e protocolos xerais non toman en conta que detrás de cada muller maltratada hai unha historia, ao igual que detrás de cada home maltratador. As respostas estandarizadas condenan a miúdo á cronificación porque, sen abordar a particularidade de cada historia de maltrato, non é posíbel saír da repetición.

24 de nov de 2010

Unha non nace

Unha canción para pensar, pertencente ao último traballo de Mercedes Peón e moi acaída para a véspera do 25-N:

22 de nov de 2010

O don da infalibilidade

Joseph Ratzinger, que reina como papa baixo o nome de Bieito XVI, acaba de dar o visto e prace á utilización do preservativo en determinados casos illados. Cita en concreto a permisividade do seu uso para o exercicio da prostitución.

Ábrese así unha pequena fenda na liña doutrinal que iniciara Giovanni Montini, Paulo VI, en 1968. Este fixera uso da súa infalibilidade para condenar os novos métodos profilácticos e anticonceptivos, a pesar da opinión favorábel que mantiña a ese respecto unha comisión vaticana encargada de estudar se se admitía ou non o seu uso. A diferenza doutras prácticas ou doutros artiluxios rudimentarios, estes viñan cun altísimo grao de efectividade tanto para evitar gravideces non desexadas (a súa decisión era nomeadamente sobre a pílula) como para deter a propagación de infeccións e doenzas.

Esta minimísima abertura de Ratzinger –tan infalíbel como o seu antecesor– é unha boa nova. Pásase dunha postura de intransixencia absoluta e de insensibilidade cínica a, cando menos, dar pé a un debate importante, interesante e socialmente útil entre as bases católicas.

Mais todo motivo de celebración finaliza aquí. A xerarquía eclesiástica mantense inamovíbel de vez no resto das súas cruzadas, tentando impor os seus ideais de vida tamén a millóns de persoas que non teñen fe católica ou que, aínda téndoa, prefiren atender en primeiro termo as mensaxes de Xesús Cristo e non aos seus declarados intermediarios. Non é de estrañar este desapego crecente cara ás xerarquías apostólicas e romanas cando, a título de exemplo, observamos os excesos luxosos e as mensaxes carcas da rápida visita de Joseph Ratzinger a Santiago de Compostela o pasado 6 de novembro.

21 de nov de 2010

Do novo disco de Ellos: "Cerca"

Mentres escribo o artigo para mañá en Galicia Hoxe, escoito o novo disco de Ellos, que non me defraudou nin medio milímetro. Está na mellor liña deste dúo que me encanta.

19 de nov de 2010

Dous actos en Pontevedra

As Mocidades da Mesa en Pontevedra programan para os vindeiros días dous eventos nos cales me convidaron a participar. Para hoxe ao serán, será o seu acto de presentación, tentando organizar máis xente nova na defensa do noso idioma. Como podedes ver no cartaz, será na galería Sargadelos da localidade ás 20 h, coa participación de Cris Quinteiro (responsábel comarcal de Mocidade pola Normalización Lingüística) e Alexandre Vázquez Lorenzo (coordinador nacional da sección xuvenil da Mesa).

Ademais, as Mocidades da Mesa en Pontevedra organizan dentro do Culturgal o seu seguinte acto público: a presentación do libro En castellano no hay problema, coa colaboración de Edicións Xerais. Será o sábado da semana vindeira, 27 de novembro, ás 19.30 h, coa participación tamén de Cris Quinteiro e de Manuel Bragado, director da editora.

18 de nov de 2010

Como hei vivir mañá sen a luz túa?

Na presentación de onte en Oleiros de En castellano no hay problema, entre outros corenta veciños e veciñas da zona, tivemos un compañeiro de excepción: o escritor e patriota Bernardino Graña, que nos agasallou coa súa presenza e a súa conversa.

Bernardino é autor dun dos poemas de amor (e desamor) máis lindos da nosa tradición literaria, que musicou o grande Suso Vaamonde. Lembro escoitar esta canción hai moitos moitos anos, antes de ter eu consciencia de que a miña fala era unha lingua, de saber nada do autor da letra nin do da música. Fora nunha desas desconexións autonómicas que realizaba TVE, cando na cadea pública de televisión aínda podiamos escoitar o noso idioma un pouquerrichiño máis que os 18 minutos actuais do único telexornal dos días laborábeis.

17 de nov de 2010

En castellano no hay problema en Oleiros

Este serán toca a presentación do volume En castellano no hay problema en Oleiros, nun acto organizado pola asociación Vieiros e que presentará o presidente da mesma, o cantante, cineasta, poeta e tantas outras cousas que é Antón Reixa. Será ás 20 h no teatro das Torres de Santa Cruz.

Como en cada un dos moitos actos de presentación deste volume, será sobre todo un motivo para falarmos da situación do noso idioma, intercambiarmos opinións sobre que facer e collermos forzas para o máis importante: actuarmos no día a día.

Un tema que terá que estar presente esta noitiña será, con certeza, o exemplo de dignidade que nos deu o grande Agustín Fernández Paz ao rexeitar ese premio da cultura galega de segunda categoría que lle concederon. Moitísimas grazas, Agustín! É por actos coma este que sabemos que temos futuro.

16 de nov de 2010

As sogras e o tradutor do Roman de Troie ao castelán


Estou estes días a ler a Crónica Troiana, unha das xoias da nosas prosa medieval, na edición referencial que en 1985 publicou Ramón Lorenzo. Nunha ampla introdución, o hoxe catedrático emérito da USC vai amosando as fontes das que bebeu Fernán Martíns para esta versión galega.

Nunha das epígrafes en que percorre a fortuna das lendas de Troia na Península Ibérica, analiza a tradución castelá de Afonso XI do exitoso Roman de Troie de Benoît de Sainte-Maure.

Entre os casos de interpolacións que describe o editor entre o orixinal e a tradución, hai un que me fixo moita graza, pois do simple verso francés "Del rei Priant e de sa femme" se pasou en castelán a unha longa reflexión sobre as relacións entre as sogras e as noras, de tal xeito que mesmo parece un desabafo do tradutor:
del rrey P. et de E. su mugier. Et commoquier que era su nuera, sabet que Ecuba mucho la amaua, et tanto la onraua commo si fuesse su fija, lo que agora fazen pocas suegras, ante les buscan quanto mal pueden a aquellas que sus nueras son, et prometenles mucho bien delante et detras cortan dellas et andan siempre escaruando si fallaran algun mal que digan dellas. Et tal cosa les assacan que nunca fue dicha njn pensada, et nunca es en al el su pensar sinon en boluer mal entr'ellas et sus maridos. Mas Ecuba non fazia assi, ca ella et el rrey Priamus amauan et seruian muy de coraçon a Elena.

15 de nov de 2010

En Galiza hai prohibicións lingüísticas que non se dan nin en Francia

Pode parecer que o nome desta entrada, que é tamén subtítulo do artigo que publico esta semana en Galicia Hoxe, é unha hipérbole desmedida. O preocupante é que non hai exaxeración ningunha nesta afirmación. É ou non verdade que no Estado francés hai proxectos mesmo de inmersión lingüística en idiomas que non teñen recoñecemento oficial, mentres que aquí en Galiza tal posibilidade está explicitamente prohibida?

Mentres aquí se transforman as Galescolas en Galiñas Desplumadas, se pechan os programas voluntarios de ensino en galego en educación infantil nas cidades ou se proscribe o galego das materias científico-técnicas, en Francia encontrámonos con proxectos totalmente en vasco, en catalán ou en bretón.

O decretazo
En Galiza hai prohibicións lingüísticas que non se dan nin en Francia


Pecho con este a serie de tres artigos-síntese cos que pretendín presentar unha panorámica xeral dos procesos de galeguización e desgaleguización do ensino desde 1995 até hoxe. Finalizo, como non podería ser doutro xeito, abordando o decretazo contra o galego, que xa varias veces foi motivo de análise nesta páxina, mais sobre o que cómpre voltar. Esta norma supón o perigo máis forte contra o que se enfronta o noso idioma, en especial porque acelera a súa perda nas zonas urbanas e porque estende a idea diglósica de que o idioma de Galiza non é válido para todos os coñecementos.

Unha norma rexeitada

O penúltimo día do ano 2009 a Xunta deu a coñecer o seu rascuño de decreto para derrogar a norma de 2007 pactada polas tres forzas con representación no Hórreo. Desde o principio até o final do proceso, a agresiva e unilateral proposta do PP contou co rexeitamento unánime de todas as comunidades educativas: todos os sindicatos do profesorado, todas as organizacions estudantís, todos os movementos de renovación pedagóxica e –excepto unha– todas as asociacións de nais e pais de Galiza.

No primeiro semestre do ano en que nos encontramos, 2010, producíronse dúas manifestacións contra o chamado “decretazo contra o galego”; en ambos os casos, desbordáronse as rúas de Santiago de Compostela, na liña do que acontecera o 18 de outubro do ano anterior.

No proceso, a Xunta tamén se encontrou co rexeitamento da mesa sectorial de Educación, do Consello Escolar de Galiza e do Consello Consultivo. Xorda e inflexíbel, seguiu adiante co seu proxecto de decreto, aínda que no camiño introducise algúns cativos matices.

Os eixos desta norma pasarán a ser:

1. Prohíbense as experiencias educativas en galego na educación infantil que se puxeran en andamento de xeito voluntario durante o bipartito e que contaban cunha demanda crecente nas cidades.

2. Na educación infantil, as familias serán preguntadas sobre a “lingua materna” da nena ou do neno e, segundo cal for a resposta maioritaria, todo o ensino será nese idioma. No entanto, esa cuestión formúlase nun anexo á matrícula, xunto con outras preguntas e sen indicar cales son as consecuencias da resposta. Con esta forma de actuación, o que se pretende é varrer o galego nesta etapa nas cidades, xa que o decisivo pasa a ser cal é o idioma que se utiliza no día a día familiar, non o que se pode elixir no ensino.

Dito doutro modo: unha familia (declarada) castelán falante non poderá solicitar educación en galego. O matiz é importante; véxase, se non, na práctica dos datos até o momento existentes neste curso escolar: un 40% das familias das sete cidades responderon “galego”; porén, polo xogo de maiorías e minorías, só un 10% das aulas nesta etapa nas sete cidades galegas son neste idioma. Este nivel de desamparo para quen quere educación na lingua propia non se produce en ningunha outra comunidade autónoma do Estado.

3. Prohíbese a docencia en galego das materias científico-técnicas: matemáticas, tecnoloxía e física e química. Esta exclusión é explícita tanto para o proceso oral de ensino-aprendizaxe como para a recomendación de materiais. Nunca en 30 anos de democracia se produciu situación semellante en ningún lugar do Estado español.

4. O ensino en galego en primaria e secundaria pasa a ter un tope do 50% e, se un terzo do horario se impartir en inglés, o máximo pasaría a ser o 33%. Dito doutra maneira: a presenza teito é a que os decretos de 1995 ou 2007, de que falamos nos artigos anteriores, consideraban mínimo. Porén, fontes sindicais –non negadas pola Administración, que non ofrece datos– calculan que a porcentaxe de docencia en galego no ensino non universitario non chega ao 25%.

5. O novo decreto denomínase do “plurilingüismo”, aínda que tal nome foi fortemente criticado por falaz, xa que a limitación ou mesmo prohibición da lingua propia en determinadas áreas nega a diversidade idiomática que se di promover. Este nome ten unha finalidade propagandística: dar a entender que o obxectivo deste decreto é mellorar o ensino de inglés (a ecuación subxacente é perversa: saberemos máis inglés canto menos galego soubermos).

Mais a realidade é que as aulas deste idioma na primaria e na secundaria continúan masificadas. O único que se fixo foi crear unha liña de axudas para que os centros de ensino poidan pasar a ministrar unha parte das súas materias en inglés. A maioría dos 52 centros que se acolleron a este programa son privados. Parte deles, reservan o galego nos seus proxectos educativos ás materias de educación física ou relixión. A verdade é que o plurilingüismo se configura só como unha camuflaxe para reducir a presenza educativa do idioma galego.

Menos dereitos que en Francia

Ao final dalgúns dos puntos antes sinalados indicaba que hai restricións que padece o galego con este decreto que non teñen parangón en ningunha outra comunidade autónoma do Estado español en 30 anos de democracia. Goberne quen gobernar estas comunidades, habería que acrecentar, pensando por exemplo nos modelos de Nafarroa ou València.

Mais hai un punto que me gustaría subliñar con especial énfase: que esta norma coloca o galego moi por debaixo das posibilidades educativas que teñen por exemplo as linguas que no Estado francés nin tan sequera contan con recoñecemento oficial, como o vasco, o catalán ou o bretón. Non é hipérbole: na xacobina Francia non se prohibe, como aquí, que unha familia teña a opción de escolarizar a súa crianza no seu idioma propio. E iso que, como é ben sabido, o Estado francés está considerado, con exactitude e xustiza, como un dos que menos recoñece e protexe a súa diversidade lingüística e cultural.

E agora que?

Galiza encóntrase nestes momentos cun modelo lingüístico no ensino que pon en serio perigo o presente e o futuro do idioma propio do país. A aprendizaxe do inglés, que é un obxectivo que todo o mundo comparte, está a ser utilizada como escusa para reducir a presenza da lingua de Galiza.

A comunidade galega é o primeiro territorio do Estado onde, pola vía dos feitos, se está a ensaiar o desmantelamento da oficialidade dunha lingua recoñecida xuridicamente a partir da restauración democrática. Porén, todo parece apuntar a que existe un proxecto estatal para estender esta involución a outros lugares. Así, o PP nas Illes Balears comezou a mudar o seu discurso sobre a lingua no ensino e, igual que fixo este partido en Galiza, pasa a considerar que o decreto do 50% (que esta formación promulgou cando gobernaba ese arquipélago) é unha “imposición” e atenta contra a “libertad lingüística”. Se se consumará ou non a ofensiva é algo que aínda está por ver, porque ambos os territorios contan cunha resposta social moi importante.

14 de nov de 2010

A rexeneración democrática de Núñez Feijóo

A chantaxe aos medios de comunicación realizada pola Presidencia da Xunta, que nos últimos días están a denunciar varios xornais galegos, continúa sen recibir ningunha explicación oficial. É certo que se ofrece publicidade institucional para comprar unha manipulación informativa en prol do PP? É verdade que a Xunta determina empresas intermediarias que cobrarán comisións por esta publicidade? Cales son as relacións cunha destas empresas do cargo de confianza en Presidencia que mantén as reunións cos medios?

Este novo escándalo do goberno de Núñez Feijóo únese agora á multa millonaria contra Constru4, empresa da que un dos tres socios é Telmo Martín, desacreditado candidato do PP á alcaldía de Pontevedra. O instrutor autonómico obriga a que Constru4 desembolse 3,7 millóns de euros, dous terzos desta cantidade como sanción administrativa. No outro terzo que terá que gastar esta empresa está o núcleo do problema ético de Telmo Martín: que terá que devolver 1.235.000 euros dos sobreprezos que cobraron a persoas que adquiriron vivendas protexidas. Unha desvergoña.

Mais lendo un pouco a imprensa estes días sobre o tema, hai algunhas preguntas que me veñen á cabeza:

Se Alfonso Rueda di que Telmo Martín non ten nada a ver con todo isto, por que o propio Telmo Martín é o portavoz público da empresa que anuncia un recurso xudicial -grazas ao cal, por certo, para máis inri, demorará varios anos a devolución do diñeiro ás vítimas?

Se a Xunta considera probado, debido ao proceso xudicial previo e a un informe dun perito de Facenda, que se cobrou máis dun millón de euros en sobreprezos, por que se impón a Constru4 a sanción máis baixa que permite a lei, a do duplo do cobrado irregularmente?

Por que no expediente instrutor da Xunta o único socio da empresa que non se cita é o candidato do PP por Pontevedra, como se este non fose tamén propietario da mesma, cando as sancións non son persoais, senón a Constru4 como tal, como non tivo outra que recoñecer o propio Martín?

Que credibilidade pode ter Telmo Martín para un cargo público cando nega que existisen sobreprezos, a pesar de que mesmo están probados por gravacións realizadas con todas as garantías xudiciais?

É verdade que o PP desde a Xunta só completou e pechou un expediente iniciado polo bipartito, como sinalou o propio candidato do PP á alcaldía de Pontevedra?

Que foi o que quixo dicir aí? Que o PP tería un trato de favor con el e faría a vista gorda aos cobros irregulares, mais que agora resolveu isto porque non lle quedaba máis remedio?

13 de nov de 2010

Chantaxe aos xornais desde a Presidencia da Xunta?

Os xornais La Región e Atlántico Diario deron estes días unha voz de alarma que non debe ser desatendida. Denuncian a través de datos moi concretos, mesmo con nomes de persoas implicadas, que desde a Presidencia da Xunta se condiciona a inserción de publicidade institucional nos medios a que estes ofrezan "un trato amábel e favorábel aos intereses dos dirixentes do PPdeG e do Goberno galego".

Por se for pouco, tamén indican que a Xunta exixe que o pagamento desta publicidade se realice a través de determinadas empresas intermediarias que quedarían cunha comisión. Unha destas intermediarias foi fundada por Enrique Varela, o asesor da Xunta que representa a Presidencia nestas negociacións cos medios. O director da empresa é cuñado deste mesmo asesor.

O favoritismo, o nepotismo e o tráfico de influencias deste caso son ben graves e cómpre que exista transparencia ao seu respecto. Porén, a min paréceme aínda máis preocupante a enorme diminución da liberdade informativa que se está a producir durante o goberno de Núñez Feijóo. Este é só un triste episodio máis, que ten por principal expoñente a desaparición de medios de comunicacion da oposición ao PP e que utilizaban a nosa lingua. Sen unha mínima liberdade nin diversidade informativa, a democracia está seriamente limitada.

12 de nov de 2010

O 17, en Oleiros


A asociación cultural Vieiros, de Oleiros, organiza a presentación neste concello do libro En castellano no hay problema.

Para todas as persoas que estiverdes interesadas, será a cuarta feira (mércores) da semana vindeira, no teatro das Torres de Santa Cruz ás 20 h.

Presentará o acto Antón Reixa, quen, ademais das súas múltiplas facetas xa coñecidas, é tamén presidente da entidade organizadora.

10 de nov de 2010

Curas, policías e "a querida de Feijóo"


O pasado sábado Santiago de Compostela converteuse nunha cidade sitiada por curas e policías. A pesar dos ultracatólicos e dos curiosos que se desprazaron á capital de Galiza para veren o que se presentaba como un acontecemento histórico, a parada de Ratzinger no noso país só pode considerarse como un rotundo fracaso.

Para alén do que supoña este pinchazo para a cruzada de intolerancia que promove o Vaticano, as galegas e os galegos temos que preguntarnos por que se malgastaron millóns de euros dos nosos orzamentos para este evento. Mentres se condena á inanición á cultura galega, se deixan nos ósos os centros Quérote, se fecha o Noitebús e un longo etcétera, tírase diñeiro a moreas neste acto eclesiástico.

Dicían que os beneficios ían ser inmensos, mais xa coñecemos os resultados. Unha ocupación hostaleira equiparábel á de calquera sábado de novembro, cafetarías e bares que tiveron importantes perdas (mesmo nalgúns casos tiveron que tirar centos de bocadillos que ninguén pasou a adquirir), souvenirs de Bieito XVI que permanecerán en stock para as tendas vintage do futuro e a exportación da imaxe de Compostela como unha cidade onde se limitan as liberdades, por exemplo cunha zona vella á que non podía acceder ningunha persoa que portase camisolas que, dentro da liberdade de expresión, criticaban á xerarquía eclesiástica.

A Xunta fala dunha asistencia de 30.000 persoas, o cal suporía chegar ao 15% das expectativas. Mais é certo que había 30.000 persoas atendendo a Joseph Ratzinger? Onde? Na praza do Obradoiro chea de cadeiras? Na baixada do papamóbil desde San Lázaro case deserta, o que mesmo obrigou a mudar os planos de retransmisión da TVG?

Sobre o aspecto ideolóxico da convocatoria, pouco máis se pode dicir que o que xa apuntaron diversos analistas. A min resúltame especialmente repugnante que Joseph Ratzinger se poña a pontificar (nunca mellor usado este verbo) a través de hipérboles contra o laicismo e que o vincule cos movementos anticlericais da década de 30. Antes de pórse a falar dese pasado con tanto entusiasmo, debería lembrar con humildade onde se encontraba militando el nos anos 1941 e 1942 ou a que exército serviu na II Guerra Mundial. Para non caer neste tipo de discursos de mal gusto, seríalle bo repasar os catro evanxeos e as súas parábolas.

O punto máis humorístico no día da súa visita tíveno cando, estando nun engarrafamento camiño da Coruña, ás 18.55 h para ser máis exacto, me puxen a mudar de emisora no dial, para ver o que se comentaba desde diferentes lugares sobre o que estaba a acontecer en Compostela. Así me encontrei con Radio María, onde o locutor falaba con arrebato sobre Ratzinger, mais tamén anunciaba que tiña que facer "una denuncia" porque disque fora un tema moi comentado na xornada: "Núñez Feijóo se fue con su querida a ver al Papa". Crítico, expuxo que viven xuntos e non están casados, a pesar de que así o manda a Santa Nai Igrexa á que tan fielmente quere o PP que sigamos todas e todos, con independencia do que eles fagan no seu día a día. Ao ouvir unha expresión tan cavernícola, rin moito, non pola dupla moral conservadora, senón porque, como ben di o refrán, así lle paga o demo a quen o serve.

9 de nov de 2010

Actos este serán en Compostela

Hoxe ás 20.30 h manteremos un intercambio de visións sobre a situación da música en galego e, en xeral, sobre o momento actual do noso idioma tendo como punto de partida o libro En castellano no hay problema. Será no local da veterá asociación cultural O Galo, en fronte da entrada da igrexa de San Martiño Pinario e con dúas figuras de excepción do noso panorama musical, dos que son declarado fan: Uxía e Carlos Valcárcel.

O evento ía ser inicialmente ás 20 h, mais pospómolo media hora para así podermos acudir á concentración en solidariedade co pobo saharaui que se vai desenvolver a esa hora na praza de Cervantes. Para quen non esteades en Compostela, lembrade que hai mobilizacións convocadas en todas as cidades do país.

En castellano no hay problema tamén foi unha escusa para o debate en Compostela o pasado mes de xullo no Festigal. Déixovos dúas fotografías desa data, tomadas da galería do xornal electrónico Terra e Tempo:


8 de nov de 2010

Adiante e atrás

O artigo desta semana en Galicia Hoxe continúa a liña iniciada no anterior, sobre o proceso de introdución (e erradicación) do galego no sistema educativo.

Aínda no tema lingüístico, aproveito para lembrar que mañá ás 20 h no local da asociación cultural O Galo de Santiago (rúa San Miguel dos Agros, 2) se presenta o libro En castellano no hay problema, con Uxía e Carlos Valcárcel.

Adiante e atrás
O ensino en galego de 2004 a 2009


No lustro que vai de 2004 a 2009 prodúcense máis movementos que en ningún outro momento da autonomía sobre a posibilidade de estender o uso do galego no ámbito educativo. Cando o quieto se sentiu movido, acendeu todas as súas alarmas para impedir calquera adianto.

É unha historia moi recente, mais faise necesario relembrar o que aconteceu, fronte ao confusionismo do poder e a algúns tópicos que ameazan con instalarse para presentarnos unha cronoloxía diferente da que se produciu.

2004 – 2007

En setembro de 2004, o Parlamento galego aprobaba por unanimidade o Plan xeral de normalización da lingua galega. Alberto Núñez Feijóo era, nese momento, o vicepresidente da Xunta de Galiza. O Plan chegaba con 21 anos de atraso, pois xa o artigo 23 da Lei de normalización lingüística, de 1983, sinalaba: “O Goberno galego estabelecerá un plan destinado a resaltar a importancia da lingua como patrimonio histórico da comunidade e a pór de manifesto a responsabilidade e os deberes que esta ten a respecto da súa conservación, protección e transmisión”.

No acordo parlamentar de 2004 sinalábase como obxectivo que o 50% do ensino non universitario fose a través do noso idioma e, en concreto, púñase a materia de matemáticas como unha das disciplinas que deberían ministrarse na lingua do país.

A aplicación do Plan exixía, polo tanto, a promulgación dun novo decreto, que substituíse o vixente, de 1995. Porén, nos dez meses que transcorreron até o final desa lexislatura non se adoptou ningunha medida gobernamental nese sentido. A pesar diso, o movemento cidadán en defensa da lingua si conseguiu algúns éxitos, grazas á vía xudicial iniciada pola Mesa contra a Xunta e a varias exitosas mobilizacións impulsadas por esta asociación e protagonizadas polos estudantes. Por vez primeira, o Goberno galego comezaba a dar instrucións –tímidas e sen seguimento, mais instrucións– para que se cumprise o decreto do 95.

Nese momento, xa verán de 2005, as eleccións levan ao executivo autonómico a un bipartito conformado por PSOE e BNG. No seu acordo programático de goberno, comprométense a aplicar o Plan do ano anterior.

No entanto, o PP comeza a mudar aos poucos o seu discurso sobre a lingua. Xa a comezos do novo mandato, leva preguntas ao Parlamento onde fala de imposición do galego, a pesar de que o marco legal é aínda o mesmo. Os medios de comunicación que lles son próximos ao PP e que teñen a súa sede fóra de Galiza atizan con moita máis forza nese sentido. Ademais, dentro da comunidade estanse a reorganizar, galvanizados polo PP e a FAES, os grupúsculos contra o galego que xa existían con anterioridade.

A pesar da promesa, desde o bipartito tárdase en pór en andamento o Plan e desde os movementos sociais obsérvase certo continuísmo. Ante esa situación, para novembro de 2006 convócase un paro estudantil que reivindica a aplicación do Plan e da Carta Europea. A mobilización é un éxito histórico: segundo cifras oficiais, secundárona máis de 60.000 estudantes.

Tras a greve, desde a Consellaría de Educación iníciase un proceso de diálogo cos tres partidos con representación parlamentar. Aínda que o PSOE e, especialmente, o BNG estaban dispostos a un marco xurídico máis ambicioso, en prol do consenso secundan a proposta do PP, que pon como limite apoiar un decreto igual que o aprobado por este mesmo partido nas Illes Balears, que estipulaba un mínimo dun 50% do horario no idioma propio (na liña do dito no Plan xeral, polo tanto). A conselleira e dous deputados de cada partido comparecen ante os medios de comunicación para explicar a proposta que se levará ao Diario Oficial de Galicia.

2007 – 2009

Porén, poucas semanas máis tarde daquela presentación, e escudándose nalgúns matices menores realizados polo informe xurídico do Consello Consultivo, o PP desanda o camiño e rexeita frontalmente o decreto que negociara e consensuara. Dun día para outro, nunha pirueta política que supón un xiro copernicado na postura pública deste partido en Galiza, acusan esta norma de eliminar a “libertad lingüística” e “imponer el gallego”. O PP mesmo chegará, por vez primeira en 30 anos de autonomía, a participar en manifestacións contra a lingua galega (a máis coñecida, que non a única, foi a convocada por Galicia Bilingüe un mes antes das eleccións autonómicas).

O decreto entra en vigor no curso 2007/08, mais desde a Xunta non se desenvolve ningunha campaña para explicalo nin defendelo das acometidas que estaba a padecer. A ofensiva mediática é enorme e coincide no tempo con outras accións de grande calado contra a diversidade lingüística no Estado, como o cinicamente chamado “Manifiesto por la lengua común”. Ante esa situación de ataques, en maior de 2008 realízase unha multitudinaria manifestación en defensa do galego, a maior nos últimos 20 anos.

Ademais do indefenso decreto, desde a Xunta bipartita póñense en andamento dous proxectos concretos que son pioneiros para educación infantil. Por unha banda, na etapa de cero a tres anos, promóvese a creación das Galescolas, centros públicos onde os pequenos e as pequenas, ademais dun plan pedagóxico moi ambicioso, terán contacto lúdico e educativo co galego. De tres a seis, créanse programas iniciais polos cales en varias escolas das cidades, de xeito voluntario, se poderá recibir o ensino tendo como lingua vehicular a de Galiza.

En decembro de 2008, o Consello de Europa avalía o nivel de cumprimento da Carta en Galiza. Valora o feito até o de agora como “insuficiente”, aínda que salienta de forma positiva o camiño percorrido co decreto e na educación infantil, de forma moi especial nas Galescolas.

Mentres, diferentes estudos oficiais (do Instituto Nacional de Estadística – Instituto Galego de Estatística, do Consello da Cultura Galega, do Consello Escolar de Galiza e da Real Academia Galega) conclúen que a escola continúa a ser un axente de desgaleguización. As etapas educativas finalízanse con carencias comunicativas na lingua de Galiza (fálase mesmo dun 20% de analfabetos funcionais en galego entre os adolescentes). Ademais, escolas infantís, colexios e institutos inciden en que as nenas e os nenos que falan galego nas súas casas acaben abandonando o seu uso.

En marzo de 2009, o PP consegue nas eleccións autonómicas de novo a maioría absoluta (aínda que, lembrémolo, por só un escano e a pesar de obter menos votos que a suma de PSOE e BNG). Un dos seus cabalos de batalla era a derrogación do decreto, aínda que sen concretar cal era a súa proposta alternativa. O primeiro curso deste novo goberno desmantélanse as Galescolas, mais mantense formalmente a vixencia da norma de 2007, mentres se preparan unha nova para substituíla. En maio e outubro de 2009 prodúcense mobilizacións sociais masivas en defensa da lingua galega; calcúlase que a última destas manifestacións é unha das maiores de toda a historia de Galiza e, sen dúbida, unha das tres maiores da etapa autonómica.

5 de nov de 2010

Esta noite, en Ribadavia; a terza que vén, en Compostela

Hoxe ás 21 h estaremos no café-pub Aljama de Ribadavia (rúa do Progreso, 35-1º), confrontando ideas para defendermos a nosa lingua. A escusa para o acto será, como moitas outras veces desde o pasado mes de maio, a presentación do libro En castellano no hay problema.

Este volume tamén será motivo para a conversa a vindeira terza feira (martes), 9 de novembro, ás 20 h no local da compostelá asociación cultural O Galo: rúa San Miguel dos Agros, 2 (en fronte da entrada á igrexa de San Martiño Pinario).

Debo agradecer a compaña de Eladino Cabanelas para este serán en Ribadavia e de Uxía e Carlos Valcárcel para a semana vindeira en Santiago. Todas e todos estades tamén convidados! Porque seguimos adiante na defensa do noso idioma!

4 de nov de 2010

Hoxe é o Día da Ciencia en Galego


67 profesoras e profesores de toda Galiza responsabilizaranse hoxe nos seus centros de ensino de festexar o Día da Ciencia en Galego, unha actividade cun amplo apoio da comunidade educativa e de varias institucións culturais, coa que se demostra -por se a alguén lle fixeren falta probas- que o noso é, igual que calquera outro, un idioma apto para a transmisión e adquisición de coñecemento científico.

Os centros educativos participantes realizan nesta xornada actividades divulgativas variadas e, tamén, unha acción concreta de "festa científica": a construción colectiva de papaventos, acompañada dunha explicación sobre a súa historia e o seu funcionamento.

Ademais, decidiuse que este ano se homenaxease a traxectoria de tres figuras importantes no coñecemento científico, como Ramón Aller (astrónomo de Lalín), Afonso X (monarca de grandes inquietudes culturais, promotor das Cantigas, da Escola de Tradutores de Toledo, de estudos astronómicos etc) e James Clerk Maxwell (as ecuacións do electromagnetismo). Os tres teñen cadanseu cráter na lúa, como se pode ver no cartaz da convocatoria.

Parabéns e grazas ao profesorado que fai posíbel tan ilusionante actividade!

3 de nov de 2010

Presentación esta semana en Ribadavia


Esta sexta feira (venres), o libriño En castellano no hay problema presentarase en Ribadavia, nun acto organizado polos compañeiros e as compañeiras da zona. Como vedes no cartaz, será ás 21 h no pub Aljama (rúa Progreso, 35-1º). Se vós der xeito, vémonos alí.

Vou adiantando tamén que, coa hospitalidade da Agrupación Cultural O Galo, o libro tamén se presentará a vindeira terza feira (martes) 9 de novembro en Compostela.

2 de nov de 2010

Quen teña ouvidos para ouvir, que ouza

Este sábado está completiño. De mañá, agardo ir, cando menos en parte, ao Camiño a_Teo, como un xeito de protestar contra esta visita papal. O dispendio público (a Xunta paga un millón de euros por cada hora que Joseph Ratzinger permaneza en chan compostelán) e as ideas involucionistas que fomentan o Vaticano e a Igrexa española son os motivos polos que acudirei a este evento e, tamén, á manifestación que sairá esta quinta feira (xoves) ás 20.30 horas da Alameda de Santiago.

Xa pola tarde e ao serán deste sábado, asistirei a unha parte do programa do V encontro de escritoras novas e escritores novos. Estas xornadas organízaas a AELG. Desde a chegada de Núñez Feijóo á presidencia da Xunta, deixaron de recibir calquera tipo de axuda da Xunta de Galiza para a súa organización. Por fortuna, continúa co apoio da Concellaría da Cultura da Coruña e da Deputación.

Que elocuente, verdade? A Xunta paga arredor de 6 millóns de euros para a visita de Joseph Ratzinger, Bieito XVI, e cero céntimos de euro para o evento nacional que cada ano organizan os escritores e escritoras que comezan a crear novos mundos desde o noso idioma.

Quen teña ouvidos para ouvir, que ouza.

1 de nov de 2010

25, 33, 50

Antes de deixar paso ao artigo en Galicia Hoxe, quero comentar que todas as mañás desta semana participo nunha iniciativa de Radiofusión a través da cal recomendo unha canción para cada día. Foi unha escolla difícil, mais divertida, que poderedes ouvir na emisora (tamén a través da rede) aproximadamente ás 9.55 h, desde hoxe até esta sexta feira.

Dito isto, velaquí está a páxina desta semana:

25, 33, 50
Teoría e realidade do ensino en galego de 1995 a 2004


No momento da Transición, Galiza era o territorio do Estado onde máis se falaba unha lingua propia diferente ao castelán, aínda que era na súa maioría a través de esquemas diglósicos e carecendo de alfabetización na mesma. Porén, en toda a etapa autonómica o galego está a sufrir unha drástica caída de falantes, que non se rexistra nos outros idiomas que teñen tamén recoñecemento oficial nos seus respectivos estatutos. Parece contraditorio: Como é posíbel que unha lingua que foi proscrita e mesmo prohibida e perseguida durante quiñentos anos padeza o seu maior declinio cando por fin consegue certo estatus legal?

A resposta sería longa de dar, mais podémola bosquexar cunha idea bastante simple: Se un idioma está en perigo de se perder é porque non se está a facer abondo para evitar esa perda. Descúlpeseme a perogrullada mais é que, ás veces, con tan excesivas doses de propaganda e grandilocuencia, custa mesmo dicir o evidente. Fixeron e fan os poderes públicos de / en Galiza o minimamente exixíbel para que a lingua galega continúe viva? Fixeron e fan o minimamente exixíbel para que os seus falantes teñan dereitos lingüísticos na súa propia terra? Fixeron e fan o necesario para que as e os estudantes finalicen cada etapa educativa con suficientes competencias comunicativas non só en castelán, senón tamén en galego?

Un dos piares para a conservación, recuperación e normalización dunha lingua é o sector educativo. Como xa se ten estudado abondosamente desde a sociolingüística, trátase dunha condición non suficiente mais sempre necesaria. Necesarísima. Non hai ningún caso coñecido ao longo e largo da Terra onde unha lingua se conseguise normalizar sen contar co apoio do ensino.

A uña de cabalo, no artigo desta semana e nos das dúas seguintes, sintetizarei as liñas fundamentais do proceso de galeguización e desgaleguización do sistema educativo non universitario nos últimos quince anos. Penso que é importante recordar esta historia recente para continuarmos con máis forza e argumentos no traballo que temos por diante.

Os cinco cortes básicos que podemos facer neste período son: primeiro, de 1995 (aprobación do decreto do 33%) a 2001 (ratificación estatal da Carta Europea das Linguas); segundo, de 2001 a 2004 (aprobación do Plan xeral de normalización da lingua galega); terceiro, de 2004 a 2007 (promulgación do decreto do 50%); cuarto, de 2007 a 2010, que é a etapa que o decreto consensuado está en vigor. De 2010 ao futuro é unha historia que está aínda por escribir. Na nosa man está que sexa dun ou doutro xeito.

a) 1995 – 2001

En setembro de 1995, cando Manuel Fraga Iribarne xa levaba un lustro como presidente da Xunta de Galiza, con maioría absoluta no Parlamento, apróbase un decreto que regula unha serie de materias mínimas que se deben ministrar en galego. Con anterioridade, a porcentaxe chan que, na teoría, se debería recibir en colexios e institutos era do 25%; a partir deste momento, ascendía levemente, a unha de cada tres horas. A pesar do pouco ambicioso, recibiuse como un paso adiante e tamén se saudou como moi importante que se marcasen en concreto cales eran as disciplinas que en cada etapa terían que vehicularse en galego.

Como comentabamos xa no artigo da semana pasada, este novo decreto promulgouse a petición da maioría das comunidades escolares, con especial protagonismo dos sindicatos do profesorado, e ante a obriga autonómica de aggiornar a lexislación debido á aprobación estatal dun novo marco educativo.

Houbo campañas sociais do máis diferente tipo, mesmo folgas estudantís, para instar o Goberno galego a que adoptase medidas para aplicar este decreto. No entanto, non houbo ningún esforzo institucional para que for así. A norma marcaba un camiño, mais nacía morta. A verdade era que a maioría dos centros de ensino non chegaban a cumprir nin tan sequera a norma anterior. Da actitude oficial é boa mostra o feito de que, no mesmo mes no que se aprobou esta norma, a Xunta chegou a ameazar cun expediente ao Colexio de Palmeira por utilizar o galego con normalidade...

A pesar de o decreto ser, tristemente, unha pantomima, houbo tamén campañas orquestradas contra el por parte da extrema dereita, dalgúns grupúsculos creados para atacar o galego e dos medios de comunicación madrileños na órbita do PP. A habitual guerra preventiva contra a posibilidade de que o noso idioma levante cabeza.

A título de exemplo, o diario ABC chegaba a titular, totalmente fóra da realidade, que moitos nenos galegos “ya no saben contar de 1 a 10 en castellano” porque en Galiza había políticas de “inmersión lingüística”. Porén, o PP está neses momentos no goberno en Galiza e acantoa os discursos exaltados. Prefire aplicar unha política de narcotización, máis efectiva: aparentan que fan algo polo galego, para evitaren as mobilizacións cidadás, mais na práctica evitan calquera adianto real.

b) 2001 – 2004

A Xunta –onde Manuel Fraga Iribarne segue gañando as eleccións por maioría absoluta– persiste sen facer nada para que se aplique o decreto, a pesar de que varios colectivos educativos, culturais, sindicais ou partidarios continúan a reclamalo curso tras curso. Mentres, o propio PP, que preside tamén o Goberno español con maioría absoluta, ratifica un tratado internacional promovido polo Consello de Europa: a Carta Europea de Linguas Rexionais ou Minoritarias. A Carta, tal e como a subscribe o Estado, obriga os poderes públicos a que garantan “modelos educativos esencialmente en galego”. Tal mandato, no entanto, é desatendido de vez.

Desde A Mesa pola Normalización Lingüística iníciase un proceso xudicial contra a Xunta, acusada de neglixente. Un estudo sinalaba, case unha década despois de se aprobar aquel decreto, que tres de cada catro colexios non ministraban en galego as aulas mínimas que deberían e que un de cada tres centros de secundaria non cumpría nin tan sequera á hora de ter en galego os libros de texto que correspondía.

A presión social si consegue que unha iniciativa lexislativa do nacionalismo no Parlamento acabe frutificando na elaboración e aprobación dun Plan xeral de normalización da lingua galega, que secundaron en 2004 todas as forzas políticas con representación na cámara lexislativa. Ese Plan recoñecía pública e oficialmente o incumprimento do decreto en vigor e puña como obxectivo que cando menos un 50% do ensino debería ser en galego. Anxo Lorenzo foi, daquela, o secretario da comisión de educación, familia e sociedade do devantido Plan xeral. Para algúns, está visto, o fundamental é comer do galego, sen ningún dilema ético nin intelectual se é para afortalalo ou para matalo.