30 de jul de 2010

Vídeos da presentación na Estrada de En castellano no hay problema

Déixovos aquí os vídeos da presentación na Estrada do libro En castellano no hay problema. Grazas a David Otero polas súas emotivas palabras e grazas a Xoán Carlos Garrido Couceiro por gravalo e penduralo.

O vindeiro acto para falar deste volume será a quinta feira da semana que vén (5 de agosto), ás 18.30 h, no marco da III Semana Cultural do Concello de Zas.

David Otero. Presentación de Carlos Callón from vagalumes on Vimeo.



Carlos Callón, presentación do libro "En castellano no hay problema" from vagalumes on Vimeo.

29 de jul de 2010

125 anos con Rosalía



Homenaxe a Rosalía en Bonaval from Fundación Bautista Álvarez on Vimeo.



Ademais dos vídeos, recoméndovos o emotivo artigo que Francisco Rodríguez publicou sobre a xornada de reivindicación de Rosalía no 125 aniversario da súa morte: "Espírito rosaliano: capacidade e fermosura de Galiza".

Por certo, sábese que dentro de pouco sairá unha edición corrixida e aumentada da Análise sociolóxica da obra de Rosalía de Castro. Este estudo marcou no seu momento un punto de inflexión no coñecemento sobre a nosa autora nacional. Ademais, debo confidenciar que foi unha das obras fundamentais da miña adolescencia. Conto os días para a súa saída.

28 de jul de 2010

Peito para dalas e lombo para levalas

Vieiros foise (ou, oxalá, aletargouse). Entre as moitísimas cousas que nos deixa, hai unha de moita utilidade para este verán: o recoñecido A Polo Ghit!

Aínda que o que aconteceu con este premio é unha boa mostra de como desde a actual Xunta se tentou por todos os medios afogar Vieiros, aquí nos quedan os éxitos para bailarmos e difundirmos. Quen subades ao meu coche estas semanas, xa sabedes a que vos agarda, así que ide descargándoas e aprendéndoas!

Talvez todas estas cousas se sinteticen no tema deste ano dos da Compañía do Ruído:
Quero verbenas, licores para as penas
que afoguen na taberna, e danzar ata a mañán,
co solaz arruinado, non se vai a ningún lado
para levar con forza a vida, aplica ritmo e compás.

Peito para dalas, e lombo para levalas
amarra ben o barco, que hoxe é tempo de folgar.
E tardando o tempo xusto, pan e viño para ir a gusto,
os pés para andar o camiño, e a cabeza para voar.

Pois iso. Temos peito para dalas e lombo para levalas. Andaremos o camiño!

27 de jul de 2010

Entrevistas en Localia e Vieiros

Déixovos aquí os vídeos en youtube de dúas entrevistas que me fixeron nas últimas semanas. Unha, do programa de humor Everio Channel, que leva un grupo de xente nova de Localia de Compostela. A outra, lamentabelmente foi a última entrevista do chorado portal Vieiros; aínda custa entrar cada día na rede e ver que xa non está aí.





26 de jul de 2010

Pola suspensión do decretazo

Velaquí o artigo desta semana en Galicia Hoxe:

Pola suspensión do decretazo
Fundamentos xurídicos e mobilización social


Esta fin de semana de celebración do Día da Patria Galega escoitamos algunhas das periódicas declaracións de galeguismo de Alberto Núñez Feijóo. É o habitual. Conforme se aproxima algunha efeméride da cultura galega, non para de citar a Castelao (ás veces, mesmo sen traducilo!) e de proclamar o seu amor apaixonado de galleguista. Canto cinismo, verdade? Mellor nos iría a todas e todos se o presidente da Xunta, en troca de realizar tantas declaracións de amor, comezase a facer o seu traballo de defender a lingua e a cultura do país.

Mais esta fin de semana, ademais da multitudinaria manifestación por Compostela, tivo dúas noticias que afearon un pouco a súa hipócrita propaganda. En primeiro lugar, o anuncio oficial da Real Academia Galega de interpor un recurso nos tribunais para defender a nosa lingua. É un fito histórico e como tal debe ser considerado e recoñecido. Por vez primeira, a Academia decide chegar mesmo á vía xudicial, sabedora de que estamos nunha encrucillada na que nos xogamos o futuro do noso idioma e todo o que este implica.

Ademais, o presidente da Xunta encontrouse con que A Mesa pola Normalización Lingüística non só presentou, como anunciara, un recurso para parar o decretazo. Ademais, esta organización solicitoulle á sala do contencioso-administrativo que declare a suspensión desta norma imposta de forma unilateral. A asociación en defensa da lingua galega pide así que se adopten medidas urxentes antes de que o Tribunal dite sentenza, a cal podería demorar arredor de dous anos.

O golpe aínda é máis duro por como está fundamentada esta petición de medida cautelar. A Mesa achegou ao Tribunal Superior de Xustiza de Galiza varios informes ou ditames elaborados ex profeso polas universidades da Coruña, Vigo e Santiago. Neles, advírtese de que a aplicación deste decretazo podería causar un “dano irreparábel ou de moi difícil reparación” na formación do alumnado. Así, os departamentos de Filoloxía Galega e os servizos de normalización das tres universidades lembran nos seus respectivos relatorios que, con esta norma, se dificulta gravemente que os estudantes poidan adquirir as competencias comunicativas en galego:

“(...)a aplicación do decreto 79/2010, do 20 de maio, para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia, causaría un dano irreparable entre o estudantado dos niveis non universitarios (ao impedir o funcionamento do sistema educativo como equilibrador das importantes diferenzas de competencia lingüística en galego na sociedade) e conduciría, irreversiblemente, a un modelo en que se reducirían as xa deficientes competencias en lingua galega no ensino universitario, un feito especialmente preocupante se quixermos acrecentar ao dereito que ampara a diversidade lingüística e cultural (a través, entre outra normativa, da Carta europea das lingua rexionais ou minoritarias) un importante atractivo de orixinalidade e de proxección da cosmovisión particular deste espazo e desta sociedade en que nos inserimos (...)”

Polo seu interese e utilidade para ampliarmos a crítica xurídica contra o decretazo, reproduzo unha parte do recurso, elaborado polo recoñecido avogado Guillermo Garrido, quen xa noutras ocasións foi decisivo para gañar varias batallas xudiciais para o noso idioma:

A suspensión que se solicita, ao noso xuízo, goza da aparencia de bo dereito, e, ao efecto, convén salientar que, sen prexulgar o fondo do asunto, pódese afirmar que, mediante o estudo provisorio da normativa aplicábel, se pode concluír que, a sentenza que se dite no seu día, con total probabilidade, recoñecerá a bondade da reclamación de declaración de contrario a dereito do Decreto recorrido.

Ao respecto, coa finalidade de fundamentar indiciariamente o máis que probábel pronunciamento favorábel a esta parte, facemos nosa a argumentación contida no Informe do Consello Consultivo sobre o Decreto 79/2010, que salienta diversos aspectos que poñen de manifesto a violación tanto de preceptos constitucionais como de lexislación ordinaria que aprecia concorren no texto aprobado que, inevitabelmente, haberá de producir un pronunciamento sobre do fondo que obrigará a súa revisión ou total derrogación.

Para a tramitación desta peza separada, parécenos que, aos efectos da apreciación do fumus bonis iuris, a conclusión única do informe do Consello Consultivo, é determinante: “(…) que o proxecto de decreto para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia, resulta contrario ao ordenamento xurídico no tocante ao exposto nas consideracións cuarta e quinta (…)”.

Na cuarta das aludidas consideracións, referida á educación infantil, ponse de manifesto a existencia de infraccións de preceptos constitucionais que afectan aos artigos 9, sobre da seguridade xurídica, 10.1, a respecto da dignidade da persoa e os dereitos inviolábeis que lle son inherentes; o 27 sobre a obriga do lexislador a respecto da programación xeral no ensino, así como legais referidos á Lei orgánica de educación (LO 2/2006, do 3 de maio), Lei de normalización lingüística (Lei 3/83, do 15 de xuño), e o artigo 8 da Carta Europea de Linguas Rexionais e Minoritarias.

Na quinta, examínase polo Consello Consultivo a sección referida á consulta ás familias sobre a asignación lingüística de determinadas materias para concluír que tamén neste eido se viola o artigo 27.5 da CE, así como a Lei orgánica 2/2006, de educación, a Lei 3/83 de normalización lingüística de Galiza, con especial incidencia no estabelecido no artigo 78.2 da Lei de Réxime Xurídico das Administracións Públicas e do Procedemento Administrativo Común (Lei 30/92, do 26 de novembro) e a tamén violación do principio de reserva de Lei que se conculca co Decreto que se recorre.

As demais consideracións do Informe do Consello Consultivo, denuncian os aspectos que entenden deben ser redixidos para mellorar o texto.


O escrito presentado pola Mesa subliña tamén que, tras o ditame do Consello Consultivo, a Xunta fixo caso omiso das observacións desta institución. Por iso:

Non podemos deixar de engadir ao exposto que, o Decreto recorrido, tamén viola a normativa internacional á que está vencellada o Estado español vía artigo 10.2 da Constitución Española, e, por tanto, a Comunidade Autónoma Galega, téndose que sinalar ao efecto, os artigos 1 e 2 da Declaración Universal dos Dereitos Humanos, así como o Pacto Internacional dos Dereitos Civís e Políticos e o Pacto Internacional dos Dereitos Sociais e Culturais (artigos 2.1 e 2.1., respectivamente), o Convenio Europeo de Dereitos Humanos (artigo 14), merecendo especial cita –polo que significa a necesidade de promover e potenciar o uso da lingua galega–, a Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias, cuxa vulneración tamén é destacada polo informe do Consello Consultivo de repetida cita.

Para quen quixer máis información sobre todas estas valoracións xurídicas, tamén esta fin de semana se presentou o volume Estudos xurídicos sobre o Decreto para o plurilingüismo. Este libro está coordinado polo maxistrado Luís Villares, portavoz en Galiza de Xuíces para a Democracia, e nel fornécense novos e firmes argumentos para rexeitar este decretazo en todos os niveis e, tamén, para que o profesorado continúe a ministrar as súas aulas en galego. Socialicemos esta interesante e oportuna información.

24 de jul de 2010

O día de hoxe

A foto de arriba, co compañeiro Fran Rei e coa compañeira Iria Taibo, tomouna o fotógrafo Ramón Escudero esta mañá na conferencia de imprensa que deu A Mesa para anunciar a solicitude de supensión do decretazo contra o galego no ensino. Sobre esta cuestión, hoxe ás 22 h no Festigal darase a coñecer un interesantísimo e recomendábel libro coordinado polo maxistrado Luís Villares.

No mesmo lugar, mais tres horas antes (ás 19.15 h), presentarei En castellano no hay problema xunto con Alba Nogueira e Manuel Bragado. No evento de hoxe falarei de novo da actualidade, mais comentarei tamén algúns pormenores sobre a elaboración do volume nos que non me detiven moito noutros actos anteriores.

Entre os moitos eventos da xornada, nalgún momento terei que pórme a finalizar o artigo desta semana para Galicia Hoxe, no cal abordo o libro Lingua de calidade de Xosé Ramón Freixeiro Mato. Moito estrés con tanta cousa, si, aínda que nelas se conxugue obrigación e devoción.

Mais non podo finalizar esta entrada sen comunicar o meu profundo pesar, e mesmo desacougo, pola desaparición de dúas páxinas referenciais da información galega e en galego: Vieiros e Chuza! A noticia destes dous feches debe levarnos, como pouco, á reflexión.

23 de jul de 2010

Na catedral

A sinalización exterior (e parte da interior) da catedral de Santiago está só en castelán, a pesar de que conta con financiamento da Xunta.

Desde A Mesa fixemos hoxe unha substitución simbólica do grande rótulo da praza de Pratarías. Incluímos na nova versión en primeiro lugar a nosa lingua e, despois, as traducións para o castelán e para o inglés. Non sería iso o lóxico?

Tedes máis información aquí.

22 de jul de 2010

Grazas pola acollida!

Teño que continuarvos a agradecer a xenerosa acollida a En castellano no hay problema. A listaxe dos libros máis vendidos que publica A Nosa Terra neste último número sinálaa como a obra de non ficción no noso idioma que máis saída tivo esta semana. Obrigado.

As dúas próximas presentacións do libro serán:
  • Este sábado 24 de xullo ás 19.15 h, no marco do Festigal. Acompañaranme Alba Nogueira e Manuel Bragado.
  • A quinta feira 5 de agosto ás 18.30 h na Carpa da Semana Cultural da Carballeira de Zas (diante do centro sociocultural e da terceira idade). Intervirá tamén Pepe P. Alborés, técnico municipal de normalización lingüística.
Como veredes, no programa do Festigal hai moitísimas máis presentacións e actividades de enorme interese. Entre elas, A Mesa terá un posto permanente estes dous días para vender material, dar a coñecer as actividades da asociación e, claro, animar a que máis persoas fagan parte desta organización. Por certo, se aínda non es socia ou socio, a que agardas? Clica aquí!

19 de jul de 2010

Temos nomes propios!

Velaquí o artigo desta semana en Galicia Hoxe:

Temos nomes propios
Galeguiza o teu nome, restaura o teu apelido!


Meu irmán Xoán Xosé decidiu galeguizar o seu nome no rexistro civil. Preguntoume como se facía e, en cuestión de días, xa deixou de ser Juan José tanto na partida de nacemento como no carné de identidade. Seguiu así os mesmos pasos que adoptou miña irmá hai xa algúns anos, cando chegou á conclusión de que o seu nome debería ser, con todas as da lei, María do Mar. A decisión de ambos foi o corolario dun compromiso emocional e racional coa lingua galega.

Non traio aquí esta anécdota só para fachendear de familia, aínda que tamén (por certo, non falo de meu irmán Francisco porque, igual ca min, xa ten o nome en galego...). O que me parece relevante é que esta acción debería ser moito máis imitada polas persoas con sensibilidade pola lingua de noso.

A Mesa pola Normalización Lingüística realizou ao longo da súa historia varias campañas para informar á sociedade da posibilidade xurídica de tomar esta decisión persoal e para animar a que se dea ese paso. No momento en que nos encontramos, parece necesario volver realizar esta chamada.

Como se perderon os nosos nomes e apelidos?

En 1924, Xosé Leis Meis explicábanos como foi o proceso contando a seguinte anécdota:

APELLIDOS ESPURIOS

Estando eu nun xusgado de aquí da Cruña entrou unha muller da aldea. Preguntou polo rexistro civil e eu mesmo llo amostrei. Estaba eu nel, recollendo unhos datos que precisaba.

A muller pedía un certificado de nacemento. Xa traía outros documentos e faltáballe solo aquel.

O encargado do rexistro preguntoulle como se chamaba pra llo dar.- “Chámome Fulana Meixide”, díxolle a muller. Volve o do rexistro a preguntarlle. Non entendera ben. A muller contestoulle o mesmo, que se chamaba Fulana Meixide.

O do rexistro puxo cara de mañá de orballo. Abreu o libro e mirou. Por terceira vez aínda lle volveu preguntar como se chamaba. A min xa non me cabía o pan no corpo. Contestei eu pola muller. O do rexistro calou. Non me dou carto pola sentencia. Despois díxolle á muller:
- Usted se llamará Fulana Meigide.
- Non, señor, que son Meixide.

Intervín eu falando no mesmo idioma que a muller: “O apellido Meixide é un apellido galego moi corrente. Supoño que neste libro haberá moitos máis.” Contestoume o bo do home que alí non se podía poñer Meixide porque esta palabra non é castelán. E eu saínlle con esto: “¿E se vén un inglés ou francés a apuntar aquí un fillo vostede que fai: pon os apellidos que lle dean ou castelanízaos?” Respondeume que eran cousas distintas.

Resultado, que a muller levou o certificado con Meigide. E como noutro que traía do crego dicía Meixide, fixérona volver do sitio a donde foi para que arreglara aquelo. E a probe da muller, despois de gasta-los cartos e perde-lo tempo non sei o que tuvo que facer para saír do barullo en que se veu metida, sin ela ter culpa ningunha, senón a ignorancia do encargado do rexistro civil.

E agora pregúntome eu: ¿Hai dereito a que a un no seu país lle pasen cousas como esta? Non hai dereito. Si o encargado do rexistro soupese algo das cousas de Galicia non facía o que fixo. E si fora galego moito menos.


O activista e escritor Séchu Sende utiliza as palabras de Lesta Meis para unha unidade didáctica titulada “Colonialismo lingüístico”, que se pode encontrar no número 2 (de marzo de 2007) da revista Longalingua. As actividades que propón para a reflexión son aínda demasiado necesarias:

Meixide é un topónimo frecuente en Galiza, en relación cos lugares onde abundan as ameixas. Mais, que significa “Meigide”? Nada. Escoitaches chamarlles algunha vez “ameijas” a esas froitas?

1. Cal é a pretensión do funcionario con esa actitude?
2. Pensas que foi un suceso illado ou responde a unha forma de política lingüística da administración española?
3. Fai un cálculo: imaxinemos que este funcionario traballou dez anos no seu posto castelanizando os antropónimos de catro persoas á semana. Cantos apelidos galegos foron colonizados?


Como galeguizar o nome?

Se es maior de idade, só tes que solicitar por escrito no Rexistro Civil que che muden o nome polo equivalente en lingua galega. Moitas veces pediranche que presentes unha instancia (da que tes un modelo nesta páxina) e, sempre, unha copia literal do teu certificado de nacemento. Nalgúns casos, cada vez menos frecuentes, deberás acreditar a equivalencia entre o teu nome legal e o que solicitas.

Se é un naipelo a quen queres pórlle o nome en galego, abonda con que o inscribas así. Nos últimos anos rexistráronse dous casos puntuais con problemas por este motivo, mais a lei é moi clara sobre este aspecto.

Como restaurar o apelido?

Se es maior de idade, solicítao por escrito presentando unha instancia, unha copia literal do teu certificado de nacemento e o carné de identidade. En determinados casos, deberás presentar un certificado que acredite a forma que corresponde aos teus apelidos oficiais. Os teus fillos e as túas fillas recibirán o teu apelido coa súa forma restaurada.

Cando fará falta un certificado?

No que di respecto á galeguización de nomes e restauración de apelidos, a normativa de aplicación dispón que o certificado de equivalencia só será preciso cando a mudanza que se pretender non sexa notoria. Isto é, a consideración da tal notoriedade dependerá da vontade e coñecementos do encargado ou da encargada do Rexistro Civil. Por iso, poderá solicitarche que probes “polos medios oportunos” a equivalencia e/ou a grafía correcta do nome ou apelido solicitado.

No referido aos nomes de persoa, a Real Academia Galega aprobou en sesión plenaria darlle carta de oficialidade ao Dicionario dos nomes galegos editado por Ir Indo, elaborado por Ana Isabel Boullón Agrelo, Xesús Ferro Ruibal, Xosé M. García Álvarez, Xosé María Lema Suárez e Fernando R. Tato Plaza. Grazas a iso, diminuíron moito os problemas por este motivo.

Porén, se tiveres algún obstáculo no proceso, diríxete á Mesa pola Normalización Lingüística, ben no teléfono 981 563 885 ben no correo-e linhadogalego@amesanl.org, onde che axudarán a resolvelo.

E para o carné?

Despois de mudares o teu nome e/ou apelidos no Rexistro Civil, cómpre que o corrixas tamén no documento de identidade, para que figuren nel as novas formas correctas e oficiais. Sempre que o carné estea en vigor (isto é, que a mudanza se faga unicamente por este motivo, non porque estea caducado etc), os trámites serán de graza. Abonda con ires á Comisaría de Policía e renovares o documento coa folla do Rexistro Civil na que figuran o teu nome e/ou apelidos coa súa actual forma oficial.

Unha vez que o mudases no carné de identidade, podes ir realizando a mudanza na futura documentación. No entanto, has de saber que todos os documentos anteriores ao proceso de galeguización do nome ou restauración do apelido son plenamente oficiais e válidos aínda que conteñan as formas anteriores. Ou sexa, se o teu título universitario pon “Eugenia Teijeiro Crujeiras” e agora es “Uxía Teixeira Cruxeiras”, ese título será igual de válido, sen necesidade de o mudares, aínda que tamén tes a opción de o facer. Iso non quita que, para o futuro, ti serás sempre como única forma oficial Uxía Teixeira Cruxeiras, tanto aquí como na China popular.

18 de jul de 2010

Mandela, e como pólvora regaches o amor

Un día como hoxe de hai 92 anos, nacía o líder nacionalista e revolucionario Nelson Mandela.

Sempre me prestou moito esta canción que lle dedicou Pablo Milanés:

Unicornios azuis e segundas citas

Para quen aínda non o saibades, desde hai varias semanas o inmenso Silvio Rodríguez mantén un blog persoal, que chamou como o seu último disco: Segunda cita. Recoméndovos que o visitedes con frecuencia e, se usades diso, que o poñades no voso blogroll.

Aproveito para deixar aquí a estupenda versión do "Unicornio azul" no concerto que deu en Santiago de Chile en 1990. Canta beleza!

15 de jul de 2010

Os tres enterros de Rosalía de Castro

Velaquí o artigo que publiquei esta semana en Galicia Hoxe:

Os tres enterros de Rosalía de Castro

Esta quinta feira 15 de xullo conmemórase o 125 aniversario do falecemento de Rosalía de Castro. A Asociación de Escritores en Lingua Galega preparou para a xornada un acto cívico e reivindicativo. Emularase e lembrarase con tal evento o cortexo cidadán que acompañou en 1891 os restos da escritora, desde o cemiterio da Adina onde a enterraran no momento da súa morte en 1885 até o panteón laico de San Domingos de Bonaval.

Francisco Rodríguez, na súa memorábel Análise sociolóxica da obra de Rosalía de Castro, fornece datos impresionantes sobre o tratamento que a tomba da escritora recibira en terreo eclesiástico e sobre como se produciu o traslado. Por exemplo, a través dunha rigorosa investigación hemerográfica observa que o enterro en Iria da autora de Follas novas foi un acto sen ningún impacto social, do que a maioría dos xornais informaron con retraso.

O seu amigo Luis Rodríguez Seoane publicou un artigo necrolóxico na Gaceta de Galicia. Laiouse nel de que a noticia da morte de Rosalía de Castro non tivera, como merecería, “las proporciones de un acontecimiento nacional” e que “su entierro creemos que no haya sido más que la soledad que para muchos precede a la tumba”.

Meses despois do sepelio, Antón Claridades, articulista da revista de instrución primaria El Magisterio Gallego, visitou o cemiterio da Adina. Claridades procurou sen fortuna a sepultura de Rosalía de Castro. Ao non a achar, tivo que pedir a axuda do sancristán, que lle indicou o lugar: “En un apartado rincón y toda cubierta de tristes yerbecillas, hállase el sitio donde se guardan los restos de la insigne cantora, gloria de Galicia, sin que una mala losa ni una carcomida cruz indiquen que aquel pedazo de tierra es el lugar donde reposa la que ha llevado una vida de tantos padecimientos y amarguras, sufridos con resignación envidiable”.

O xornal compostelán El Libredón lanzara, nada máis morrer a escritora, a proposta de lle erguer un mausoleo no cemiterio de Iria Flavia. É seis anos máis tarde cando se acomete a organización do traslado a un sepulcro en San Domingos de Bonaval. Cómpre lembrar que esta capela deixou de ser propiedade da Igrexa Católica desde a desamortización do mosteiro en 1835. A iniciativa parte da Asociación Rexionalista Galega, que se fundou nese mesmo ano, e contou co financiamento de emigrantes galegos en Cuba que desexaban realizar un evento de exaltación patriótica.

Estes actos foron recibidos con hostilidade polos poderes do momento (tanto civís como eclesiásticos). Ademais, aínda temos moitas lagoas sobre o que alí aconteceu, debido a censuras que aínda non están explicadas.

O órgano de expresión da Asociación Rexionalista era La Patria Gallega. Na esquela desta publicación márcanse tres datas diferentes como momento do traslado: o 25, o 26 e o 27 de maio. Francisco Rodríguez chegou á conclusión de que isto se debeu a que o traslado foi o 25; o 26, as honras fúnebres e a inhumanción, e o 27 sería para realizar unha homenaxe máis privada a Rosalía por parte dos Rexionalistas, en termos máis políticos. Nesta última actuación foi onde se encontraron con máis dificultades.

A Gaceta de Galicia fala de problemas nos días previos, como a denegación inicial para o traslado por parte do Gobernador Civil da Coruña ou o silencio mediático sobre o actos. N’A análise sociolóxica da obra de Rosalía de Castro advírtenos Rodríguez dun dato que enrubia: “O periódico que, seguramente, mellor informou do conflito coa Igrexa Católica, a Gaceta de Galicia, atópase debidamente cortado ou censurado nos exemplares correspondentes aos días claves 23, sábado; 24, domingo; 25, luns; 26, martes; 28, xoves e 29, venres, polo menos na Hemeroteca da Biblioteca Xeral da Universidade de Santiago”. Para algunha investigación puntual, tentei procurar eses exemplares noutros arquivos, tanto da Galiza como da Arxentina. Non tiven ningunha fortuna nas tentativas.

Fícanos, porén, o esclarecedor exemplar de La Voz de Galicia do 26 de maio de 1891, que nos ofrece información esencial sobre o que aconteceu. Repárese na aberta hostilidade eclesiástica e na tentativa dos organizadores de facer unha lectura relixiosa da autora para así reduciren estes problemas. Leamos a noticia, na cal se cita a Gaceta de Galicia:
Doña Rosalía Castro será, sin duda, la primera dama que se entierra en esta capilla gratuitamente, contra el parecer de los administradores de la Iglesia y solo por la voluntad unánime de todo el pueblo de Galicia, que la aclama y la venera y a la cual no pudo sobreponerse nadie.

La Gaceta de Santiago, después de un largo suelto en el cual manifiesta la imposibilidad de que se celebren las honras fúnebres con la ostentación debida, añade:

“A la hora de cerrar nuestra edición, cuatro de la tarde, nos aseguran de que el Excmo. Sr. Arzobispo, de acuerdo con varios Capitulares cuyos nombres haremos públicos oportunamente, ha negado la licencia para predicar la oración en el acto fúnebre en honor de Rosalía Castro, encargada al Canónigo Sr. Portal (...)”

Dícennos nuestros corresponsales que una comisión del Comité Regionalista y otras personas graves visitaron al Sr. Arzobispo y le suplicaron encarecidamente que revocase la orden estrechísima de no conceder a la poetisa católica, cantora de la Virgen de la Barca, del admirable Pórtico de la Gloria, Santa Escolástica, del Cementerio de Iria, de las Campanas, etc., todos los honores de la Iglesia en un simple funeral con elogio, como se concede a todas las personas, aunque profanas, ilustres!

La Comisión expuso a S. E. que en las catedrales de Galicia se acostumbran estos elogios a todas las personas que mueren en el seno de la Iglesia y corren impresas muchas de esas oraciones. Que presidiendo el Excmo. Sr. Cardenal Payá un acto fúnebre en honor del Batallón Literario de Compostela, dijo la oración fúnebre en el Gran templo de San Martín el mismo Rector que hoy es del Seminario, Sr. Lavin; que en el mismo grandioso templo, lleno de hachones y cubierto hasta las altas bóvedas por inmenso catafalco con cañones y banderas profanas, predicó en honor de O'Donnell, jefe de la Unión Liberal y de un Gobierno que acababa de reconocer el reino de Italia el Sr. Zunzúnegui, Magistrado hoy de la Rota... y en fin que en todas las Iglesias de la Diócesis hubo por Reyes, Príncipes y actos célebres, como en la Coruña el de María Pita, y aún con ideas políticas, aunque siempre dentro del catolicismo, esos elogios fúnebres.
É salientábel a intención de facer unha relectura beatífica do que significou Rosalía (“poeta católica”), para o cal se citan todos os poemas que poidan ter algunha relación coa cultura cristiá. No entanto, óbvianse os textos máis problemáticos e pásanse por alto o fondo controvertido das composicións citadas. Por exemplo, en “Santa Escolástica” dubídase da existencia de Deus e no poema sobre a romaría da Nosa Señora da Barca critícase o afán de lucro da xerarquía católica. Mais os problemas non son só debidos á heterodoxia relixiosa, senón tamén á súa localización política e á dos promotores do acto. Repárese cando se di “aún con ideas políticas”.

Os rexionalistas tiveron que dulcificar algo o acto para que se puidese desenvolver. Talvez o feito de teren que pactar o evento co arcebispado fose o motivo polo que Manuel Murguía non participou na comitiva de dó. Aínda sendo boicotados pola Igrexa e as forzas dominantes da Restauración, o traslado abriu unha etapa de utilización de Rosalía como símbolo da Patria Galega.

En pleno século XXI, o Panteón de San Domingos volve ser propiedade da Igrexa. Polo que se sabe, parece que a xerarquía católica só estará disposta a reabrilo ao público previo pagamento por parte da Xunta de Galiza. Para forzar esa negociación coa administración, decidiron fechar as portas dun día para outro. O acto do vindeiro día 15 será tamén para que finalice ese secuestro eclesiástico motivado pola cobiza.

14 de jul de 2010

Hoxe presentamos o libro en Ferrol

Hoxe ás 20 h, En castellano no hay problema será a escusa para podermos falar en Ferrol sobre a situación do noso idioma. Na Galería Sargadelos da cidade, estaremos Francisco Rodríguez, Manuel Bragado, o sempre dinámico Carlos Outeiro, quen isto subscribe e todas as persoas que esteades interesadas en participar.

Lémbrovos tamén que mañá é o acto de homenaxe a Rosalía de Castro, en conmemoración do125 aniversario do seu falecemento. Pola miña banda, estarei acompañando o evento desde que chegue o tren Follas Novas á estación de Santiago. Vémonos alí para lembrarmos, entre outros, aqueles versos de Cantares gallegos que teñen tanta actualidade estes días:
Probe Galicia, non debes
chamarte nunca española,
que España de ti se olvida
cando eres, ¡ai!, tan hermosa.

9 de jul de 2010

Reseña de Marga Romero no Faro da Cultura


Onte, Marga Romero publicou no suplemento cultural do Faro de Vigo unha crítica do libro En castellano no hay problema e A Nosa Terra sinalaba que a obriña está como o segundo título de non ficción en galego máis vendido esta semana. Agradezo as palabras xenerosas da crítica e a acollida de todas e todos vós. Ambas me serven de aliciente.

Transcribo a continuación a reseña, que tamén podedes consultar nesta ligazón en pdf:

RIGOR E LUCIDEZ
Contra os prexuízos do autoodio

Produto do combate cívico en defensa da normalización da lingua, a escrita volve exercer de transmisora de argumentos razoados contra os prexuízos do autoodio. Mostras de tal loita vén ser o volume que hoxe lles recomendo, asinado por Carlos Callón, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística. O título En castellano no hay problema é o nome escollido por votación no blog persoal do autor e reúne unha selección de artigos publicados en diferentes medios que abranguen as datas de setembro de 1997 a xaneiro de 2010. Entre ambas, ofrece o autor unha radiografía “descarnada mais non catastrofista”, unha crónica da situación lingüístistica de Galicia, da desacertada e negativa política lingüística e da contestación da cidadanía. Entre unha e outra data, reflexións das dúas últimas lexistalturas de Manuel Fraga, como a importancia de exhibicións de filmes en lingua galega ou sobre o abandono do galego polo Centro Dramático Galego, a necesidade de chegarmos a “Un Acordo Nacional sobre a Lingua” ou as cartas abertas a Emilio Pérez Touriño e a Francisco Vázquez, que nos refresacan a memoria da política lingüística exercida desde o PSOE; análises máis demoradas da época do bipartito dedícanselle ao galego no ensino, á edición, á falacia da imposición lingüística, á razón desde o Consello de Europa e á ignorancia de G. Steiner, tan ben concretizados en “Adiantos, continuísmos e algúns retrocesos. Repaso a uña de cabalo á política lingüística nesta lexislatura”.

Desde a razón e o rigor, con ironía, sen dramatismos, recóllense os mellores argumentos para desbotar a “demagoxia” e o “disparate” que caracterizan a lexislatura de Feijóo, argumentos para ir en contra do novo “decretazo” que atenta contra o Estatuto de Autonomía ou a Carta Europea das Linguas Rexionais, a demostración das dificultades do galego na xustiza ou na administración e achégase a análise real dos datos do Mapa Sociolingüístico de Galicia (2009) que se enfronta interpretación da “narcosociolingüística” (H. Monteagudo). As solucións son as legais e están no Plan Xeral de Normalización do Galego de 2004. Unha aposta pola mellora cuantitativa e culitativa da lingua que nos descobre a lúcidez de Carlos Callón.

8 de jul de 2010

Entrevista en Vieiros e presentación en Ferrol


Podedes consultar nesta ligazón a entrevista que publica hoxe Vieiros comigo en relación coa saída do libro En castellano no hay problema e, claro, sobre a situación do idioma.

A próxima presentación do libriño será en Ferrol a semana vindeira, a cuarta feira (mércores) 14 de xullo ás 20 h na Galería Sargadelos. Participarán os compañeiros Francisco Rodríguez, Carlos Outeiro e Manuel Bragado.

6 de jul de 2010

Quen sabe se esta tumba, nese día...

Na súa última visita a Galiza, Curros preguntábase que sería do futuro da patria, da súa cultura, dos seus símbolos. Antes de verse forzado a regresar a Cuba, realizou unha ofrenda de flores e versos a Rosalía de Castro en Bonaval. Metaforizaba o seu desacougo no lugar onde a Asociación Rexionalista Galega levara os últimos restos da fundadora da nosa literatura contemporánea:
¡Quen sabe se deste recinto santo
non quedará mañá pedra con pedra!
¡Quen sabe si esta tumba, nese día,
chegará a ser, tras bélicas empresas,
taboleiro de iankee mercería
ou pesebre de bestas xaponesas!
Este ano, conmemoramos o 125 aniversario do falecemento da escritora. Mentres, ironicamente, achámonos co vergoñento feche do Panteón de Galegos Ilustres. É, pois, moi necesario que arroupemos o acto organizado para o vindeiro 15 de xullo pola Asociación de Escritores en Lingua Galega:

Pois non pode ser, como diría o mesmo Curros noutros versos dese poema, que o gabar glorias estrañas nos consoles das propias que perdemos; das que estamos a perder.

Por medo á revelación

CLAVE

Todo estaba escrito en tu rostro
como en una piedra antigua:
si no quise leer
fue por miedo a la revelación.

(Cristina Peri Rossi)

5 de jul de 2010

Ventos de involución

Esta semana publiquei en Galicia Hoxe o esqueleto da miña intervención no XXIII Congreso da Asociación Internacional de Linguas e Culturas Ameazadas:

Desmantelar a oficialidade
Ventos de involución lingüística e cultural no Estado


Esta sexta feira, sábado e domingo participei no XXIII Congreso da Asociación Internacional de Linguas e Culturas Ameazadas, unha organización creada a mediados do século pasado. No encontro, realizado en Barcelona, intervín avaliando a situación actual do noso idioma, mais tamén o contexto xeral de involución cultural que se vive no Estado:

Esta semana adiantáronse algúns dos recortes máis significativos que o Tribunal Constitucional lle impón ao Estatut de Cataluña. Cando coñezamos a sentenza ao completo, non saberemos só das barreiras que se lle impoñen ao idioma catalán. Teremos tamén a información de cales son os recoñecementos máximos que, coa actual configuración constitucional, o Estado español está disposto a admitir para as linguas que non son o castelán.

É xusto e democrático que a sociedade catalá –igual que a galega– reivindique que o seu idioma ocupe un lugar plenamente normalizado. O que non é nin xusto nin democrático é que un Tribunal partidista se erixa en substituto plenipotenciario da soberanía popular. Tampouco é xusto nin democrático que se nos diga que no Estado hai e sempre haberá unha lingua de primeira, con todas as proteccións e promocións, cuxos falantes serán os únicos suxeitos de dereitos plenos; un lugar ao que, segundo nos din, nunca poderían aspirar os outros idiomas existentes.

Vista desde Galiza, esta sentenza dá tamén para varias reflexións. Porque, aínda cos recortes, sábese que o Alto Tribunal dá o seu visto e prace matizado á consideración do catalán como dereito de uso e deber de coñecemento, avanzando así un degrao na equiparación xurídica co castelán. É preciso lembrar que, de non facelo, o Constitucional estaría a quebrar a súa propia xurisprudencia. Na década de 80, anulara un artigo da Lei de normalización lingüística de Galiza en que se igualaba o galego co castelán. Daquela, o Tribunal sentenciara que tal consideración debería figurar no Estatuto para ser válida e que, por iso, rexeitaba ese precepto que, democrática, libre e unanimemente, aprobara o Parlamento galego.

Da sentenza de agora, sabemos tamén que o Constitucional non puxo óbice en que se sinale no Estatuto que o idioma propio sexa o vehicular do ensino. Como é sabido, corrobora así unha práctica educativa realizada con éxito polo Goberno catalán desde os inicios da restauración democrática. Xa en ditames anteriores, dos anos 90, este Tribunal non só xustificou, senón que tamén valorou positivamente a inmersión lingüística. Afirmaba que con ese método pedagóxico se pulaba pola igualdade real, pois os idiomas do Estado diferentes do castelán foran desfavorecidos historicamente e aínda padecían na sociedade dos resultados de tantos anos de proscrición.

Non é curioso que grupos políticos como o PP (quen quixo gañar no Constitucional o que non gañou nas urnas) se neguen a admitir estes principios mínimos, mesmo recoñecidos por un Tribunal Constitucional tan partidista e deslexitimado? Xa que tanto presumen do respecto a este Tribunal (en cuxa composición son decisivos…), para cando ouviremos unha declaración súa rectificando os seus discursos que este órgano xurisdicional invalida totalmente? Por exemplo: “De acordo, a inmersión lingüística non só dá bos resultados e está recoñecida por organismos internacionais, senón que é constitucional”. Reparemos: a verdade é que desde este partido político non se conforman cos recortes conseguidos, senón que levan tempo nunha campaña para consolidar unha redución moito maior da diversidade lingüística e cultural do Estado.

Agora mesmo, Galiza está a ser o laboratorio de probas da maior involución neste sentido. Despois dunha campaña sucísima e chea de mentiras, o PP regresou á Xunta o pasado marzo de 2009. Conta cunha maioría absoluta pola mínima, pois ten só un deputado máis que a oposición de PSdeG-PSOE e BNG, aínda que conseguiu 5.000 votos menos que a suma destas dúas últimas forzas políticas.

Mais están a utilizar esta maioría absoluta para cabalgaren como o cabalo de Atila sobre o noso idioma. Desde a súa nova chegada ao goberno, o PP comezou cun proceso de desmantelamento da oficialidade do galego pola vía dos feitos. Por exemplo, a súa primeira medida lexislativa, realizada por trámite de urxencia, foi anular a obriga de que as persoas que se presentasen a unha oposición pública da administración galega teñan que demostrar o seu coñecemento do idioma propio a través da realización dun exame. A nosa lingua deixou de ser un requisito e o grupo que sustenta o goberno xustificouno argumentando que o galego era unha “barreira” (sic) para que chegue a traballar na Xunta xente procedente doutras comunidades do Estado. Elocuente, verdade?

Ademais, mentres o Tribunal Constitucional ratificaba a inmersión lingüística, en Galiza aprobábase un decreto polo cal se prohibe (si: falo de prohibir, e non é ningunha hipérbole); polo cal se prohibe, digo, a docencia en galego de matemáticas, tecnoloxía e física e química. Tamén se prohibe que se poidan recomendar libros en galego para estas materias. Segundo o Conselleiro de Educación, esta erradicación do galego das disciplinas científico-técnicas é por “tradición” (!) e para garantir “o equilibrio e a liberdade lingüística” (!). Estamos nunha situación que nunca se producira nestas tres décadas de autonomía en Galiza; tampouco nos gobernos de Manuel Fraga Iribarne. Ademais, a través deste decreto (coñecido como “o decretazo contra o galego”) impídese que ningún centro de ensino poida aplicar programas de inmersión lingüística. Os demandados proxectos que existían para a aprendizaxe en galego en zonas máis castelanizadas foron anulados dun día para outro.

Podería comezar a indicar unha listaxe longuísima de moitas máis medidas adoptadas por esta Xunta contra o idioma galego, mais podemos quedar con estas dúas como paradigmáticas do desmantelamento da oficialidade. Porque… é oficial unha lingua cuxo coñecemento non é un requisito para acceder a un posto de traballo? É oficial unha lingua que está prohibida como vehículo de aprendizaxe de determinadas materias?

É evidente que hai un problema democrático cando o Parlamento de Cataluña, o Congreso dos Deputados e o pobo catalán en referendo aproban un Estatuto que é recortado de forma unilateral por un Tribunal Constitucional tan politizado. Agora ben, tamén hai un problema democrático cando este Alto Tribunal sinala uns camiños, incuestionados como constitucionais, de revitalización da lingua propia e a Xunta de Galiza se nega a percorrelos. É ben curioso que os que nos din “nada por riba da Constitución do 78” sexan os mesmos que se negan a cumprila; os que fan ouvidos xordos cando lles dicimos “pois tampouco nada por baixo da Constitución do 78!”

Na Transición, Galiza era a comunidade do Estado onde máis se falaba de forma espontánea a lingua propia; ou dito noutros termos: era o lugar do Estado onde menos se falaba español nas rúas e nas casas. Nestas décadas, a caída de falantes foi enorme; nos últimos anos, en picado. Agora, co novo presidente da Xunta, pasamos dunha política de narcotización da morte do galego a un goberno que anda a patadas con esta lingua.

Esta involución pon o noso idioma ao borde do precipicio, mais tamén fai que moitas persoas acorden a súa consciencia lingüística. Así, en doce meses, cinco manifestacións multitudinarias encheron as rúas de Santiago de Compostela reclamando o cesamento destas políticas nefastas. O propio PP está sorprendido con esta resposta social. Aínda que os medios de comunicación do Estado non lle dean a importancia que ten, estamos a vivir as maiores mobilización da historia de Galiza en defensa da súa lingua, só comparábeis en asistencia ás manifestacións da Transición por un Estatuto igualitario para Galiza e ás realizadas tras o afundimento do Prestige.

Estas políticas desenvolvidas polo PP na Xunta son a aplicación dunha ofensiva contra a diversidade do Estado que se deseñou na rúa Génova de Madrid. Non obedecen a unha demanda real da sociedade galega nin cousa que se lle pareza. O decreto do ensino é a mostra máis palpábel. A Xunta aprobou esta norma a pesar de contar co rexeitamento da comunidade educativa: todos os sindicatos, de todas as asociacións estudantís e de todas as asociacións e federacións de nais e pais (excepto unha, vinculada ao PP), ademais dos informes negativos das principais institucións culturais.

Galiza é, pois, o lugar onde o PP está a probar até que punto é posíbel reverter o edificio institucional da normalización, coa pretensión de estendelo a outros lugares. O pasado mes de xuño, en visita a Galiza, Alicia Fernández Camacho asegurou que o PP catalán terá a política lingüística aplicada agora pola Xunta como bandeira electoral á Generalitat…

Mentres, institucións como o Consello Consultivo de Galiza declaran que o decreto contra o galego no ensino é “inconstitucional”, sen que iso impida a súa promulgación. Porque esa forma de ser inconstitucional parece que si vale.

3 de jul de 2010

No XXIII Congreso da Asociación Internacional pola Defensa das Linguas e Culturas Ameazadas

Desde a sexta feira até este domingo estarei en Barcelona no XXIII Congreso da Asociación Internacional pola Defensa das Linguas e Culturas Ameazadas, que se creou a mediados do século pasado. O encontro desenvólvese na sede da referencial organización cidadá Òmnium Cultural.

A presentación do Congreso onte correu a cargo de Paul Lefin, presidente da Asociación Internacional; do histórico dirixente de ERC, membro do Institut d'Estudis Catalans (a academia catalá das humanidades e as ciencias) e ex presidente do Parlament, Heribert Barrera; así como de Jordi Vilajoana, ex conseller de Cultura no último mandato de Jordi Pujol e actualmente senador.

Vilajoana ofreceu varios datos que me resultaron moi interesantes sobre algunhas das fortalezas da cultura catalá. Por exemplo, que nestes momentos hai arredor de 3.500 escritores en catalán vivos que teñan publicados un mínimo de tres libros. Ou que hai máis títulos de novidades na lingua do Principat que os que dan publicado Dinamarca ou Noruega nos seus idiomas.

Barrera, pola súa banda, foi algo máis pesimista, pois aínda salientando algúns puntos fortes, tamén manifestou que o catalán xa non é a lingua maioritaria de Cataluña, algo especialmente perceptíbel na súa capital. No entanto, concluíu con ánimo: "Per poc que pudem fer, sempre serà millor que no fer rés".

Dentro dunhas horas, presentarei neste Congreso unha panorámica da actual situación da nosa lingua. Agardo, no entanto, que máis cedo que tarde poidamos deixar de asistir a este tipo de encontros, como non sexa para servirmos de apoio a outras linguas e culturas. Queremos que o noso futuro, e mesmo o noso presente, deixen de estar ameazados! Queremos que ese sexa tamén o camiño a andar polo resto das linguas e culturas que agora atesoura a humanidade!